A boca pobre
ou O home que se queixa Unha dura historia sobre os duros tempos escrita por Myles na gCopaleen
No caso de arrebolar unha pedra ao aire non é posible prever o lugar do chan en que caerá. Páxina 36.
Limiar Creo que este é o primeiro libro que se publica sobre Corca Dorcha. E penso que é oportuno e axeitado. É de gran fortuna, tanto para a propia lingua como para aqueles que están a aprendela, o feito de que exista información sobre as xentes que habitan esa remota zona de fala gaélica cando eles non estean, que sexa accesible unha breve referencia sobre a suave e peculiar lingua gaélica en que se expresaban. O texto é exactamente igual ao autógrafo que recibín, agás a meirande parte que foi omitida por razóns de espazo e debido a que contiña certas ideas desapropiadas. No entanto, hai material dispoñible, dez veces maior, no caso de que os lectores deste libro o demandasen. Cómpre entender, abofé, que o texto só fai referencia á aldea de Corca Dorcha, que non debemos imaxinar que implique unha referencia xeral ás demais áreas de fala gaélica porque Corca Dorcha é un lugar único e as persoas que viven alí non teñen comparanza posible. É motivo de estímulo e alento que o autor, Bónapárt Ó Cúnasa, estea vivo aínda, libre de dano no cárcere, lonxe das miserias da vida. O Editor Día da Miseria, 1941
9
Limiar á Terceira edición Resúltame triste dicilo, pero o pobo irlandés, sobre todo as persoas adiñeiradas ou “peixes gordos” (como eles mesmos se consideran), non merece encomio nin gabanza por ter deixado que unha parábola como A boca pobre permanecese esgotada durante tantos anos, sen que fose accesible nin á mocidade nin aos máis maiores e, o que é peor, sen a posibilidade de que puidesen tirar sabedoría, coñecemento e afouteza dos sucesos desa comunidade tan diferente que vive ao oeste, en Corca Dorcha, flor dos pobres e estirpe de abstinentes. Aínda hoxe habitan o lugar, malia que non aumenta a poboación, e non adianta, senón que esmorece enferruxado, o doce idioma gaélico, que ocupa as súas bocas con máis frecuencia que un anaco de comida. É máis, a emigración está a deixar baleiras as zonas máis afastadas: a mocidade pon a vista en Siberia coa esperanza dun cambio de clima que os libre da friaxe e dos trebóns inherentes ás súas vidas. Propoño que este libro estea en todas as vivendas e casas nas que latexe o amor polas tradicións da nosa terra nesta hora en que, como ben di Standish Hayes O’Grady, “o día se achega ao seu final e case feneceu a pequena e doce lingua materna”. O Editor Día do Xuízo Final, 1964
11
Capítulo 1 O motivo do meu relato - O meu nacemento Miña nai e o Vello de Pelo Cano - A nosa casa O val en que me criei - As penalidades dos gaélicos de outrora Escribo todo canto hai neste documento porque a outra vida se me achega axiña –que o mal permaneza lonxe de nós e que o Demo non me teña polo seu irmán– e porque, ademais, nunca endexamais haberá xente coma nós. É axeitado e de proveito poder achegarlles aos que veñan detrás de nós algún testemuño sobre as diversións e aventuras do noso tempo, porque nunca endexamais haberá ninguén coma nós nin haberá outra forma de vida en Irlanda comparable a aqueloutra vida de noso da que xa non queda nada. Ó Cúnasa é o meu apelido gaélico, Bónapárt o meu nome e Irlanda a terra dos meus entregos. O certo é que non lembro o día en que nacín nin nada dos seis primeiros meses que pasei no mundo, pero abofé que estaba vivo naquel tempo malia que non teña un só recordo, pois eu non existiría agora se non tivese existido xa daquela. E é que ás persoas, como a todas as demais criaturas, chéganos o sentido moi amodo. A noite antes do meu nacemento aconteceu que meu pai e Máirtín Ó Bánasa estaban a examinar o ceo sentados no teito do galiñeiro, coa intención de descifrar o tempo, falando sen descanso, de xeito leal e honesto, sobre as diversas dificultades da vida. –Ben, Máirtín –dixo meu pai–, o vento é norte e os Curutos Brancos teñen mal aspecto, haberá chuvia antes de 13
que raie o día e teremos unha maldita noite de treboada que nos axitará malia que esteamos metidos nas nosas camas. E olla, non é mal sinal que estean os parrulos metidos entre as ortigas? Horrores e desgrazas caerán esta noite sobre a terra, o Gato de Mar fará rolda na escuridade e, se non estou trabucado, ningún de nós os dous terá ventura de novo. –Ben, Micheálangaló –dixo Máirtín Ó Bánasa–, non é pouco o que dixeches e se estás no certo non é mentira, senón a pura verdade. Foi no medio desta noite cando eu nacín, na parte posterior da nosa casa. Meu pai non me agardaba, pois era unha persoa decente pouco afeita ao xeito en que funciona a vida. A miña cacholiña calva causoulle unha sorpresa tan grande que case marcha do mundo no mesmo instante en que eu ingresaba nel e, de feito, foi catastrófico e daniño para el non ter marchado porque despois daquela noite, destruído polo mundo e despoxado da saúde durante toda a súa vida, non coñeceu máis que lágrimas e pesadumes. A xente dicía que tampouco a miña nai non me agardaba e é certo que mesmo se chegou a murmurar que non fora ela quen me procreara, senón outra muller. Aínda así todo isto non eran máis que dixomedíxomes dos veciños que non podemos comprobar porque todos os veciños deixaron o mundo e porque nunca endexamais haberá ninguén coma eles. Non puxen a vista sobre meu pai até que fun bastante máis vello, pero esta historia é outra historia que contarei máis adiante neste escrito. Nacín no oeste de Irlanda aquela noite horrible de inverno –esteamos todos sans e salvos– no lugar chamado Corca Dorcha, no concello de Lios na bPráiscín. Era moi novo cando nacín, nin sequera fixera un día, e até que pasou medio ano non distinguín as persoas e non percibín nada do que había ao meu redor. Pero a sabedoría e o 14
sentido chégalle amodo, pouco a pouco, a cada criatura, e o primeiro ano paseino deitado sobre as miñas costas, pousando a mirada aquí e acolá, en todo o que me rodeaba. Sentía a miña nai na casa, perante min, unha muller ancha e de ósos grosos, silenciosa e de grandes peitos. Non adoitaba falarme e batía en min a miúdo cando eu berraba na parte posterior da casa, malia que baterme non era unha boa solución contra o balbordo porque o segundo balbordo era bastante peor ca o primeiro e, no caso de recibir outra malleira, o terceiro balbordo era aínda peor ca os anteriores. De todos os xeitos, a miña nai era unha muller asisada, prudente e estaba ben alimentada, é seguro que non haberá nunca endexamais ningunha outra coma ela. Miña nai pasaba a vida limpando a casa, varrendo o esterco de vacas e porcos diante da porta, muxindo vacas e batendo o leite, tecendo, fiando la e facendo xirar a roca, rezando, maldicindo e acendendo grandes lumes en que cocer montes de patacas para os longos días de fame. Había outra persoa comigo naquela casa, un vello eslombado que se dobraba sobre un caxato, un vello a quen eu non podía ver a metade da súa cara nin o seu peito porque os encubría unha salvaxe barba laúda de cor agrisada. A pequena parte da súa cara que estaba libre desa peluxe tiña a semellanza dun coiro marrón irto e engurrado dende o que dous ollos honestos e afiados observaban o exterior coa agudeza dunha agulla. Vivía na nosa casa e a moitas veces el e miña nai non eran da mesma opinión. Xúrovos que era incrible a cantidade de patacas que devoraba, de lerias que saían da súa boca e o pouco que traballaba na casa. Eu pensaba, nos inicios da miña infancia, que se trataba de meu pai. Lembro unha noite sentado na súa compaña, os dous a mirar con calma as lapas vermellas do lume sobre o cal a miña nai, que estaba 15
na parte posterior da casa, puxera a ferver unha pota do talle dun bocoi chea de patacas para os porcos, de xeito que a calor do lume estaba a asarme, pero daquela eu non sabía camiñar e non tiña forma de fuxir polos meus propios medios daquela quentura. Entón o Vello chiscoume un ollo e exclamou: –Vai calor, fillo. –É certo que este lume está a torrarme –respondín–, pero fíxese, é a primeira vez que me chama fillo, señor. Poderiamos afirmar que é vostede meu pai e que eu son seu fillo, que Deus nos ampare e nos libre do mal. –Non tal, Bónapárt –dixo el–, eu son teu avó. Teu pai está moi lonxe da casa nestes intres, pero estes son os seus nomes e apelido: Micheálangaló Ó Cúnasa. –E onde está? –Está no caldeiro –respondeu o Vello. Daquela eu non tiña máis de dez meses de vida e non dixen nin chío, pero así que tiven ocasión mirei dentro do caldeiro. Alí non había máis que patacas a cocerse. Pasou moito tempo até que comprendín o que dixera o Vello de Pelo Cano, pero esta historia é outra historia que contarei máis adiante neste escrito. Hai outro día da miña infancia que perdura con claridade na miña memoria e do que vos quero falar. Eu estaba sentado no chan, sen poder aínda camiñar ou terme en pé, contemplando a forma en que a miña nai varría a casa e como axeitaba o lume do fogar cunhas tenaces. O Vello chegou da leira e ficou ollando para ela até o intre en que rematou o traballo. –Muller –dixo el–, decátate de que esa faena en que estabas atarefada é prexudicial e inoportuna, podes estar segura de que non tirará dela nin bo proveito nin boas ensinanzas a persoa que ten o traseiro pousado sobre o chan da nosa casa. 16
–Para min son doces todas as túas palabras, mesmo cada son que sae da túa boca –contestou retranqueira miña nai–, pero o certo é que non entendo nada do que estás a dicir. –Ben –retrucou o Vello–, durante o tempo en que eu era un cativo, era (como é evidente para calquera que teña lido nos bos libros gaélicos) un meniño entre cinzas. Botaches todas as cinzas da casa ao lume ou ben varríchelas á rúa, e non queda un chisco sequera para que o pobre rapaz que está no chan –sinaloume co dedo– poida estar entre elas, e a súa formación non será normal e natural se non ten experiencia ningunha coas cinzas. Daquela, muller, é unha mágoa que non deixes a lareira sucia e chea de cinzas tal e como a deixa o lume. –Moi ben –dixo a miña nai–, é certo o que dis, malia que rara vez te acompaña a razón, e con gusto volverei poñer enriba da lareira todo o que varrín. E así foi. Apañou do camiño un caldeiro cheo de cinzas, lama, esterco e merda de galiña, tróuxoo ao interior da casa e botou o seu contido fronte a min, na lareira. Cando todo estivo axeitado, achegueime ao lume e durante cinco horas fun un neno entre cinzas, un cativo criado segundo a enxebre tradición gaélica. Á fin, a media noite, colléronme e deitáronme na cama, pero daquel argueiro quedoume unha peste que durou unha semana, era un cheirume desagradable e podre, confío en que nunca endexamais haxa outro coma el. Viviamos nunha casa pequena, encalada e nada saudable, situada nun recuncho do val, á túa dereita se vas ao leste pola estrada. Abofé que non foi nin meu pai nin ningún antepasado seu quen construíra e situara alí a casa, e polo tanto non se sabe se foi deus, demo ou home quen ergueu os seus tortos muros de adobe. De haber cen recunchos 17
naquel val, en cada un deles habería unha casiña encalada de paredes inclinadas e tampouco non se sabería quen erguera ningunha delas. Sempre foi o perpetuo destino dos verdadeiros irlandeses (se acreditamos nos bos libros gaélicos) vivir nunha casiña encalada metida no curruncho do val á túa dereita se vas ao leste pola estrada, e debe de ser esta a explicación de que non tivese unha fermosa vivenda cando cheguei ao mundo, senón máis ben todo o contrario. Ademais da propia pobreza da casa, resulta que esta estaba espetada sobre a perigosa superficie desnivelada dunha inmensa rocha, malia que no mesmo val había un lugar marabilloso sen ocupar un pouco máis abaixo, e se cruzabas a porta ao exterior sen mirar ben onde puñas os pés, estabas en risco de morte inminente por mor do terreo fragoso. A nosa vivenda non tiña estrutura interior, era unha soa peza, e tiñamos feixes de xuncos sobre nós, no tellado, e xuncos tamén sobre o chan a facer a función de leitos na parte posterior da casa. Cando chegaba o solpor esparexíanse os leitos de xunco por todo o chan e a familia enteira botábase a descansar enriba. No leito de alá, porcos. No leito de aquí, persoas. Outro leito meirande cunha vaca vella e magra, a durmir estomballada sobre o seu lado esquerdo no que se acochaban galiñas e gatiños ao amparo do seu bandullo e que producía tal vendaval co seu alento que orixinaba unha tempestade no centro da vivenda. E había outro leito, xunto ao lume, o meu. Si, na época da miña infancia a xente vivía humildemente, e aquel que posuía gando e moitos bens, non tiña forma, pola noite, de axeitalos no interior da súa propia casa. Ai de min! Foi así dende sempre. En moitas ocasións escoitaba ao Vello de Pelo Cano relatar as penas e as miserias da vida de outrora. 18