A vida secreta das vacas (mostra)

Page 1

Rosamund Young

A vida secreta das vacas



Nota da autora: Mentres compoñía este libro lembráronme que os libros teñen capítulos. Porén, a maioría das miñas anécdotas están imbricadas unhas nas outras para formar un relato, co cal os capítulos individuais resultarían innecesarios e incómodos. No canto diso hai títulos entre as seccións que guían o lector a través do texto. R. Y.

7



A natureza ensínalles aos animais a recoñecer os seus amigos. Shakespeare, Coriolano, acto ii, escena i

A xente mira con abraio programas de televisión sobre a vida social dos elefantes –os seus grupos familiares, afectos e axuda mutua, o seu sentido do humor– sen decatarse de que, se se lles dá a oportunidade, os nosos animais de granxa desenvolven estilos de vida moi similares. Joanne Bower, The Farm and Food Society



Limiar Cando me atopei con A vida secreta das vacas pensei que o título era unha brincadeira. Pero non o é, e trata exactamente sobre iso. É unha obra deliciosa, aínda que na medida en que revela que as vacas (e as ovellas, de feito, e mesmo as galiñas) posúen unha conciencia e un saber maiores do que sempre se lles recoñeceu, tamén podería considerarse profundamente deprimente, xa que obriga a revisar por completo a visión que un ten do mundo. Se o libro o escribise un simple afeccionado, un podería consideralo a obra dun chalado e ignoralo, pero Rosamund Young leva xestionando a súa granxa ecolóxica de Kite’s Nest, en Worcestershire, dende antes de que existise o concepto de agricultura ecolóxica. É unha granxa cuxos granxeiros saben de que vaca é o leite con só probalo; e Young argumenta contra as granxas industriais de forma máis sinxela e convincente que ninguén a quen eu lese, só baseándose no sentido común. Unha curiosidade deste libro é que, malia ofrecer a autora moitos detalles sobre o comportamento das vacas e as súas diferenzas de temperamento e de actitude, nunca menciona as súas idiosincrasias particulares cando van ao boi, nin se a súa personalidade –sobre a cal se estende no resto do texto– queda de manifesto tamén nese momento. Hai algunhas máis vergoñentas que outras? Máis coquetas? É posible que esta reticencia sexa unha mostra de respecto cara aos seus animais, e que ela considere que as vacas teñen tanto dereito á intimidade coma os seus coidadores. 11


En todo caso, este é un libro que cambia o xeito que un ten de ver o mundo, cos seus parvos animais que non son tan parvos coma ás veces nos gusta pensar. É un libro que cambia o xeito en que un ve as cousas, e ao pasar agora por un prado con vacas, descúbrome preguntándome polas súas amizades e opinións, cuestións que antes de ler o libro de Young consideraría fantasiosas, e mesmo ridículas. Pero xa non. Alan Bennett

12


Introdución Observar como xogan as vacas e os xatos, lambéndose uns a outros ou mostrando a súa autoridade, adquire unha dimensión completamente nova se sabes que estes animais son irmáns, curmáns, amigos ou inimigos declarados. Se un os considera como individuos, repara en que os irmáns maiores adoitan ser cariñosos cos máis novos, en que as irmás buscan ou evitan a compañía mutua, e en como algunhas familias sempre se xuntan de noite para durmir e outras non o fan nunca. As vacas son tan diferentes entre si coma as persoas. Poden ser sumamente intelixentes ou pouco espelidas; amables, consideradas, agresivas, dóciles, creativas, aburridas, orgullosas ou tímidas. Nun rabaño que sexa grande dabondo están presentes todas esas características, e hai moitos anos que temos a firme determinación de tratar os nosos animais como individuos. A miña nai e o meu pai convertéronse en granxeiros por conta propia en 1953. O meu irmán Richard tiña case tres anos, e eu, doce días. Empezaron con cinco vacas e un vello tractor, e non tiñan electricidade nin teléfono. Aos poucos xuntaron un rabaño de vacas ayrshire, e tamén tiñan porcos wessex saddleback. Polos campos había moitísimos coellos, polo que resultaba imposible cultivar nada. Naqueles tempos, os incentivos económicos dependían da intensificación: dende o goberno existía unha presión non disimulada para que os granxeiros empregasen 13


todos os métodos modernos dispoñibles. A intención dos meus pais era ter unha granxa ecolóxica, aínda que nunca oíran esa palabra, e o proceso de opoñerse ás directrices oficiais foise desenvolvendo pouco a pouco. Dende o comezo compartían a absoluta determinación de facer que os animais que estivesen ao seu coidado gozasen dunha vida digna e cómoda. Algunhas das miñas primeiras lembranzas son “historias” contadas por meu pai ou miña nai e protagonizadas por vacas, porcos, galiñas ou paxaros. Espero estar dando continuidade aquí ao que comezou como unha tradición oral. As vacas son individuos, igual que o son as ovellas, os porcos e as galiñas, e atreveríame a dicir que todas as criaturas do planeta, aínda que ninguén reparase nelas, as estudase ou as valorase. Sen dúbida, poucos discutirían que isto é certo no tocante a gatos, cans e cabalos. Cando tivemos ocasión de tratar un animal de granxa coma se fose unha mascota, por enfermidade, accidente ou por loito, sempre demostrou moita intelixencia, unha gran capacidade de afecto e aptitude para encaixar nunha rutina que lle é allea. Se cadra todo se reduce á cantidade de tempo que pasamos cun animal, e se cadra isto tamén é aplicable ás persoas. Quen teña algún animal sen dúbida recoñecerao como individuo e probablemente poderá falar con gran coñecemento das virtudes ou particularidades da súa natureza. Os animais de granxa adoitan criarse en grandes grupos, pero iso non significa que a súa individualidade desapareza. Os seus niveis de intelixencia son tan variados coma os das persoas. Ningún profesor esperaría nin querería que todos os alumnos dunha clase fosen idénticos. Ninguén querería crear unha sociedade na que todo o mundo levase 14


a mesma roupa ou tivese as mesmas afeccións. Que non sexamos perspicaces dabondo para advertir as diferenzas entre dúas arañas, bolboretas, escribentes amarelas ou vacas non é razón para supoñer que non existen. Pode parecer que os animais e as persoas perden as súas identidades ou se alienan se os obrigan a vivir en condicións antinaturais, de aglomeración, anonimato, excesivamente regulamentadas ou aburridas. Pero que iso suceda non é unha proba de que todos os individuos sexan iguais, nin de que queiran ser tratados como tales. Moitas persoas comparan a intelixencia de diferentes especies segundo estándares humanos. Pero por que deberían ser os criterios humanos relevantes para outras especies? Deberiamos supoñer que todos os animais teñen unha capacidade ilimitada para experimentar unha ampla variedade de emocións, e xulgalos só segundo os seus propios parámetros. Se a intelixencia dunha vaca é suficiente para que prospere como vaca, que máis se pode desexar? Se, cando un xato intenta comer herba seca, un animal máis grande e forte o aparta unha e outra vez, e entón descobre que asomándose por debaixo do queixo da súa nai poderá comer en paz, a min paréceme un exemplo de intelixencia práctica e útil. Que se conseguiría ensinándolle a ese mesmo xato a abrir unha porta premendo un botón co fociño? Nada. Tras toda unha vida observando o gando, fun testemuña de abraiantes exemplos de intelixencia lóxica e práctica e dalgúns casos de rotunda estupidez, dúas calidades que igualmente advertín nos seres humanos. O gando afronta o día a día da vida conseguindo ou non conseguindo resolver os problemas que se lle presentan. O importante é que se lles proporcionen recursos para saír adiante como animais, non como ineptos criados dos seres humanos. 15


Lin unha vez na revista Star and Furrow que impedirlle a unha vaca moverse libremente produciría ao cabo de varias xeracións unha redución do trinta por cento do tamaño do cerebro, o cal corrobora de maneira interesante as nosas propias observacións. Na década de 1970, os meus pais repararon en que as súas vacas tiñan a fronte cada vez máis ancha, e en que parecían máis intelixentes e de feito se comportaban de forma máis intelixente. Uns dez ou quince anos máis tarde, e por casualidade, visitounos un científico que traballaba para un dos zoolóxicos máis grandes do país. Dedicábase en exclusiva –e levábao facendo vinte anos antes do primeiro caso coñecido de encefalopatía esponxiforme bovina– a examinar e sobre todo medir os cranios de animais mortos. Durante aquel período rexistrara unha constante diminución do tamaño dos cerebros, e concluíra que se debía exclusivamente ao que el describiu como a “alimentación atroz e probablemente infectada de EEB” que se lles daba aos animais. Hoxe considero que a reclusión dos animais puido ter unha responsabilidade análoga, se non maior. A dieta e a liberdade dos animais tamén afecta á calidade da carne. A carne de animais que gozaron dunha dieta silvestre mostra maiores niveis de ácidos graxos poliinsaturados omega 3 e unha menor proporción de graxa fronte á de proteína que os procedentes da cría intensiva. Ninguén agardaría que un cativo se desenvolvese con normalidade estando encerrado en condicións hostís, privado dos seus pais e irmáns, con exercicio físico restrinxido e a mesma dieta todos os días, e, non obstante, moitos granxeiros e os ministerios que os informan parecen esperar que os animais de granxa se desenvolvan normalmente en tales condicións.

16


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.