Rodolfo Alonso
Cheiro de choiva
BARBANTESA
Regreso de Rodolfo Alonso Acórdame a rúa Chacabuco porque as poucas veces que fun a Bos Aires (así din os galegos leais de alá) medio me deixei perder por ela. Naturalmente chá, Chacabuco é sinuosa e estreita de máis para ser encaixada na tópica porteña. Arrastra unha vida mercantil lánguida, como de lugar que xa non ten importancia despois de longos anos sen ter moita. Pero alí abre as súas portas o Casal Catalá. Se vostede se perde por Chacabuco e non dá atopado a Federación de Sociedades Galegas, onde en realidade está situado o comité secreto que ocasionou que vostede viaxase a Bos Aires, non ten máis que preguntar no Casal Catalá, se é que ten a sorte de reparar nesta benemérita institución, que lle indicarán o camiño. E aparece a Federación necesariamente, con toda aquela historia democrática, antifascista e patriótica que se adensa no seu interior. Por unha ou outra razón, eu non pisei o Centro Gallego de Bos Aires, pero nunca deixei de ser atraído, como por un imán da memoria histórica nacional, aos interiores vetustos da Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires. Rodolfo Alonso, segundo teño entendido, naceu e viviu os primeiros anos da súa vida na rúa Chacabuco ou nas súas proximidades. Un día, paseando aquel Bos Aires máis ben intimista e propicio á saudade da vella emigración, Rodolfo Alonso foime contando, a base de anécdotas xustapostas e aparentemente inconexas, como era a vida e a transmisión oral da lingua galega duns pais emigrantes novos aos seus fillos nados naquela América e destinados a nunca pisaren a 5
aldea ou o barrio urbano no que os proxenitores foran nenos. Moitos galegos ilustres no campo literario cóntanse no número destes galegoarxentinos leais ás raíces dos seus pais, e tamén á lingua e ás paisaxes que nunca viron. Algúns destes galegos que falan e escriben o noso idioma nacional nunca fixeron nin sequera unha fugaz viaxe a esta patria e, non obstante, sonlle fieis desde as zonas máis tenras, sombrizas e duras dos seus corazóns. Rodolfo Alonso encóntrase entre estes últimos. En certa oportunidade, Rodolfo Alonso contou en público o que ocorrera un día da súa infancia. O seu pai (vivían en Chacabuco ou nas proximidades) colleu o neno da man e levouno consigo á Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires. Alí o neno viu e ouviu falar a Castelao e sentiu o pálpito e a mornura da Nación asoballada. Nunca esqueceu aquela alta ocasión, Rodolfo. E ben, aquí non sentiramos falar de Rodolfo Alonso até o día, non demasiado lontano, no que o Centro Galego de Bos Aires lle encargou a el a súa revista asociativa, Galicia. Decatabámonos, en Galicia país, de que Galicia revista recuperaba o nivel cultural alto que acadou cando a dirixían Luís Seoane ou Eduardo Blanco Amor. Fixemos pescudas e vimos que o novo director da Galicia de Bos Aires era un importante poeta e escritor arxentino que lía e escribía en galego sen nosoutros sabermos nada. Se Alonso nacese e publicase no País sería considerado como un autor da xeración de quen isto escribe; isto é: a dos nados na década dos anos trinta do pasado século. O canon literario porteño sitúa a Rodolfo Alonso como o membro máis novo dos que integraron o movemento que se expresou a través da revista Poesía Buenos Aires, que espalllou novas posicións 6
literarias e modos inéditos nos anos cincuenta pasados. Teño a impresión de que a poesía de Rodolfo Alonso foi considerada a máis radical e fronteiriza daqueles días, a par da de Juan Gelman e de Alejandra Pizarnik. Sabemos que o primeiro libro de Rodolfo Alonso apareceu en 1954, e que levaba o título de Salud o nada. Despois viñeron poemas de cristalografía precisa e moi de esquinas; directamente arrebolados contra o centro do taboleiro receptivo do lector esixente. Libros en número duns quince ou así, entre os que a crítica quixo favorecer El arte de callar, cuxo título ten algo de manifesto. Excelente escolla da crítica. Non só exercita Rodolfo en poesía a súa palabra cortante e estrita, senón que tamén a fai funcionar en prosa cando lle peta da gana. El é home de pensamento ben dotado para a análise máis valiosa, que é aquela que procura sombra no arboredo da intuición. Porparte, Alonso é tradutor de poesía. Como entre nós fixera, vocacionalmente, Álvaro Cunqueiro, este galegoarxentino percorre moito corpus poético do mundo e é perito na arte de pasar doutras linguas ao castelán algúns dos lugares líricos que hoxe resultan centrais nas escorreduras poéticas do mundo. Políglota e navegador de sistemas literarios alleos, Rodolfo, poño por caso, foi o primeiro en pór en castelán poemas de Pessoa e de facer isto cando tal autor, en declive hoxe, aínda non lles fora descoberto aos portugueses nin moito menos aos galegos da miña xeración. Rodolfo Alonso xa nos fixera o favor de publicar n’A Trabe de Ouro (núm. 68, Nadal de 2006) unha boa resta de poemas galegos gardados durante tempo na súa andorga íntima. Agora, todos os seus poemas en galego ven a luz na presente edición, coa incorporación moi adecuada dunha prosa, co cal os lectores 7
e os poetas e os críticos terán ocasión de lle dar ingreso no seu fondo de referencias nacionais á modulación maxistral en galego dun acento que vén de lonxe. Lonxe de nós e dentro, eis unha facilísima conxunción de palabras e ideas que lle debemos a Camilo Gonsar, autor que partilla con Rodolfo Alonso e con quen asina estas liñas convivencias nunha xeración áspera e caladamente sentimental. X. L. Méndez Ferrín San Xoán de 2015
8
“Revelan os galos o día.” Valle-Inclán
Ceibe ceibes invítovos a pasear o amor entre os indiferentes a súa cor sen moral o seu altar en armas a súa feroz identidade que inauguran os nenos en asemblea preveñen esta cea eles os esperados
11
Confabular é a chaira o fillo perfecto os que abrimos a mañá cos dentes vivindo até aquí enriba o viño de man en man o poema de man en man o sangue de man en man sí é verdade habería que dicilo a todo o mundo
12
Hespaña espera 1 estamos caendo desta terra 2 quero dicir non ten gritos o amor o amor que fai xirar o mundo tirano da morte belo e fuxitivo quero dicir a vida é sempre forte dicir a xuventude quenta e a esperanza 3 véxote fuxir diante das bestas pola chaira en chamas escóitote que cantas no suplicio
13
descúbrote nos sotos a amornar o alento subterráneo 4 sostente golpeando coa auga madura que che criaron no peito 5 entre a bala e o perdón diante da graza asasinada algúns dos teus aínda se tenden sobor da terra sobor dun claro xeito de vivir entre a memoria e o orgullo calquera dos teus mortos vive aínda para seguir crecendo
14