Roman Schatz
Dende Finlandia con amor
Sobre este libro O que estás a piques de ler é unha colección de textos satíricos sobre Finlandia e os finlandeses. Cheguei a este país en 1986 porque nos meus tempos de estudante me namorei perdidamente dunha loura que coñecín nunha estación de metro de Berlín Occidental. Con todo, debo ser honesto: dende que cheguei pregunteime máis de cen veces, especialmente no inverno: “Por que demos tivo que ser unha finlandesa? Non podía ser unha brasileira, por exemplo?”. En fin, a cuestión é que aínda malia a evidente ausencia de sol e de samba, decidín quedar en Finlandia, conseguín un traballo, casei e aprendín o idioma. Aqueles que non sexades finlandeses saberedes que isto último non é precisamente fácil, pero aínda así supón un logro máis que gratificante. Se aínda estás pelexando co finés, non te rendas, pois trátase dunha lingua rica e fermosa que non che quedará máis remedio que dominar se pretendes relacionarte coa xente deste país. Agora mesmo estou felizmente divorciado e son pai de dous fillos marabillosos. Ambos os dous son louros, naceron en Finlandia, teñen dobre nacionalidade e son bilingües, así que constitúen a miña Unión Europea particular. En Finlandia coñéceme moita xente. Estudei para ser profesor de linguas e traballei durante moitos anos na Televisión Pública Finlandesa como guionista, produtor, director e presentador de cursos de idiomas televisados e programas de viaxes. Máis tarde cheguei a presentar o meu propio espazo, en finés! Escribín varios libros sobre este 7
país, entre eles algúns manuais escolares. Tamén traducín moitos textos desta lingua e fixen todo o que estivo na miña man para dar a coñecer Finlandia no estranxeiro, especialmente en Europa Central. Agora mesmo, logo de case dúas décadas aquí, xa son unha especie de celebridade. Eles din: “Nunca mordas a man que che dá de comer”, e iso é algo que non farei xamais. Así que a todos aqueles que aínda non entendestes esta mensaxe, teño que dicirvos que amo Finlandia e que non me avergoño de recoñecelo. Durante o tempo que levo aquí fun miles de veces á sauna, celebrei Vappu o primeiro de maio e Juhannus en San Xoán, pasei moitos veráns en cabanas afastadas da civilización, aprendín unha chea de cousas, coñecín moitísima xente, traballei ao máximo e, ademais, fixen algúns bos amigos. Finlandia foi moi boa para a miña saúde, pois axudoume a relaxarme, ampliou os meus horizontes e ensinoume a ver as cousas dende outro ángulo, para comprender á fin que o centro do mundo pode estar en calquera lugar. Tamén me ensinou unha lección moi importante sobre min mesmo: Cando emigrei dende Alemaña Occidental, deixei unha chea de problemas ás miñas costas, pero ao pouco tempo de recalar aquí decateime de que algúns deles viñeran comigo. E foi así como, por primeira vez na miña vida, puiden distinguir cales eran os problemas que dependían da miña contorna e de cales era eu o único responsable. Cheguei aquí sendo mozo e cunha gran disposición a contribuír ao produto interior bruto do país, así que dende a miña chegada estiven pagando unha cantidade desorbitada de impostos para achegar o meu gran de area á sociedade finlandesa, aínda que ela non investise un céntimo na miña educación. 8
Por iso me sinto lexitimado, se non obrigado, a compartir cos demais as miñas experiencias neste país tan exótico, sexan os meus lectores finlandeses ou non. Como chamas a unha persoa que queima cousas de xeito compulsivo? Pirómano. Como chamas a unha persoa que rouba de xeito compulsivo? Cleptómano. Como chamas a unha persoa que queima e rouba compulsivamente? Xermano. Dende que me mudei aquí non me quedou máis remedio que oír moreas de chistes sobre alemáns, o meu pobo. Os finlandeses preguntáronme centos de veces: “Sabes cal é o libro máis delgado do mundo? Un libro de chistes alemán”. Así que vós o pedistes. Velaquí un pouco de humor alemán, e sobre Finlandia! Quizais o mellor modo de explicar de que vai este volume é citando un proverbio finlandés que di: “Cando un cabalo che dá un couce, iso é amor”. Con estas páxinas non pretendo ofender nin facer enfadar a ninguén, senón entreter os meus lectores, sexan estranxeiros que viven aquí e sofren o choque cultural, ou sexan finlandeses cunha autoestima a proba de bomba e cun saudable sentido do autosarcasmo.
9
Duro de dixerir pero bo para ti Rusia ten Siberia, Estados Unidos ten Alasca e Europa ten Finlandia. Cando chegas aquí por primeira vez non parece máis ca un pequeno país normal, fermoso e caro. A luz e a cor son distintas, iso si, polo menos no verán, pois a verdade é que no inverno non existe nada que podamos chamar propiamente “luz”. Con todo, ten algo distinto do que che leva un tempo decatarte: a súa xente. Non te miran aos ollos, non son cordiais cos descoñecidos, odian falar por falar e nunca xamais interrompen, senón que máis ben parecen non escoitarte. Se lles dis algo bonito sobre a roupa que levan, eles contaranche o baratos que foron eses farrapos. Se lle sorrís a calquera persoa na rúa, pensarán que es un fanático relixioso, que vas drogado, que es homosexual, que lles queres vender unha alfombra persa ou todo o de arriba combinado. Non me cres? Compróbao ti mesmo: o primeiro que debes facer é dirixirte a un centro comercial e pasar un intre no ascensor. Dedícate a sorrirlle á xente, a mirala directamente á cara e a falarlle. Notarás rapidamente que lles aumenta o ritmo cardíaco e que se lles enche a fronte de suor. Pero despois quizais algún deles te invite á sauna da súa cabana de madeira, o que en realidade significa andar en pelotas e bébedo coma un piollo xunto cos seus colegas. O que pasa cos finlandeses é que por momentos resulta complicado distinguir se te odian ou se te aman. 11
Con todo, o segredo é moi simple. O concepto finlandés da educación funciona dun modo diametralmente oposto ao da maior parte das culturas. Na maioría, comunicarse é unha mostra de boa educación, pero aquí o verdadeiramente correcto é deixar a xente en paz. Por que molestar os demais un luns pola mañá cun chiste? Se eles o están pasando igual de mal ca ti! Por que preguntarlle ao teu amigo que tal están os seus fillos? Se lles pasase algo malo xa cho contaría el, que para iso é o teu amigo! Por que sentar ao lado de alguén nun tranvía case baleiro e darlle a lata cando todos podedes viaxar en paz e tranquilidade? Por que chamar ao timbre de alguén por sorpresa se podes avisar cun par de días de antelación de que pretendes facerlle unha visita? Se vés dun país con cen millóns de habitantes, probablemente fales dez veces máis ca o finlandés medio, así que levanta o pé do acelerador se non queres que se aburran de ti antes de tempo. Ademais, é probable que teñas o costume de situarte demasiado preto do resto dos teus conxéneres, cando o que debes facer en Finlandia é deixar sempre uns setenta centímetros de marxe para que se sintan seguros. E fixácheste algunha vez en que a maioría dos finlandeses saben falar mentres inspiran? Hai moita sabedoría no seu modo de vivir: “A vida é incerta, así que mellor come primeiro a sobremesa”. Habitan nun clima hostil, rodeados de ameazas e perigos, castigados cunha lingua que practicamente ningún ser humano aprenderá xamais… Pero aínda así aman o seu país, e tamén aman odialo. Pero ten coidado, nunca contestes “si” cando che pregunten: “A vida aquí é unha merda?”, pois suponse que ti si debes amar Finlandia. 12
E iso pasará, seino moi ben. Xa sabes, os finlandeses son… son… Digamos que son un pouco diferentes do resto dos humanos. Son xente íntegra, non sei se me entendes, un pouco coma eses pans negros que comen, eses que teñen un buraco no medio: duros de dixerir pero moi bos para ti. Ademais, quedan eternamente agradecidos cando alguén fala deles, así que veña, fagámolo…
13