Michela Murgia
Instruciรณns para converterse en fascista
Para Francesco e Angelica e xa ĂŠ tarde
Premisa necesaria sobre o mĂŠtodo
Escribo contra a democracia porque é un sistema de goberno irremediablemente defectuoso dende a súa orixe. É falso o que dixo Winston Churchill, é dicir, que a democracia é o peor sistema de goberno, coa excepción de todos os demais. A verdade é que é o peor e basta, pero sempre resulta difícil dicilo abertamente malia que a experiencia cotiá o demostra de maneira patente. O libro que tes nas mans nace para demostrar non só que a democracia é inútil e mesmo prexudicial para a convivencia, senón tamén para probar que a súa alternativa máis experimentada –o fascismo– é un sistema de xestión do Estado moito mellor, menos custoso, máis rápido e máis eficiente. Este texto quere ser un instrumento de comprensión útil sobre todo para a clase máis culta, extenuada pola democracia, porque ás masas populares nunca foi necesario explicarlles que o fascismo é mellor. Coa secreta sabedoría dos simples, o pobo xa o sabe, e, de feito, canso da ineptitude do sistema democrático á hora de resolver os seus problemas, volve periodicamente ao fascismo de xeito voluntario, case espontáneo. Non é casual que diga “case”, porque ás veces o fascismo ten que poñer un pouco da súa parte para afirmarse. Ao comezo da súa parábola histórica, as democracias tenden, de feito, a ser moi hostís con el, e intentan contrarrestalo cos métodos máis descarados, como promulgar leis que o ilegalicen. Pero, por sorte, o fascismo sabe agardar. É coma un herpes –dos organismos primitivos é dos que máis se 11
aprende–, que pode resistir décadas enteiras na medula da democracia facéndolle crer que desapareceu, para asomar con máis virulencia que nunca ante o primeiro e previsible debilitamento do seu sistema inmunitario. Unha democracia nova, sobre todo se naceu dunha guerra ou dunha revolución civil, reaccionará con forza ante o fascismo, pero unha democracia, poñamos por caso, cuns setenta anos de vida, xa perdería gran parte da súa memoria orixinal e xa enterraría as testemuñas oculares que sostiñan a súa retórica co seu relato. Ademais, desgastaríase e corromperíase dabondo para facer concesións cada vez máis significativas a outros métodos de goberno. Chegados a este punto, se o fascismo é espelido e sabe aproveitar a ocasión, poderá chegar a gobernar Estados enteiros sen sequera ter que empuñar unha arma. Serán os instrumentos da propia democracia os que lle permitirán impoñerse e finalmente prevalecer. Neste preciso momento histórico temos, en realidade, á nosa disposición unha ampla variedade de instrumentos para controlar as masas coa que non contaba ningún fascismo do século pasado, e isto permítenos experimentar algo inédito: xurdir do corazón dun sistema democrático con varias décadas e dominalo sen recorrer a unha acción militar interna ou externa. Manipulando os instrumentos democráticos pódese converter en fascista un país enteiro sen sequera chegar a pronunciar a palabra “fascismo”, que podería suscitar certa hostilidade mesmo nunha democracia esvaída, senón logrando que a linguaxe fascista sexa aceptada socialmente en todos os discursos, axeitada para todos os temas, coma se fose unha caixa sen etiquetas –nin de dereitas nin de esquerdas– que pode pasar de man en man sen que o seu portador teña que ver directamente co seu contido. 12
O contido. Velaquí o problema esencial. Non podo ocultar o feito de que sexa problemático, e neste aspecto, polo menos na fase inicial, non será fácil gañarlle o desafío á democracia. Atrás quedaron os tempos en que se podía afirmar a superioridade dunha raza de xeito explícito ou dicir abertamente que non todas as opinións teñen dereito a ser expresadas, sobre todo se son contrarias aos intereses do Estado. É algo que se pode pensar, obviamente, e en determinadas circunstancias mesmo dicir, pero propoñerse como un sistema que o afirma como manifesto político ao principio podería resultar complicado. Por tal motivo, nestas páxinas non atoparedes nada que poida definirse como “ideas fascistas”. Intentar afirmar o fascismo no plano ideolóxico é un proceso tan longo, complicado e conflitivo que ao final se revela inútil. Demasiados anos de retórica. Demasiados días da Memoria. Demasiada marfallada ideolóxica sobre a Resistencia que fixo que todos se lembren do avó partisano e ninguén do avó fascista. Entrar no valor destas ideas non é produtivo; en cambio, se se actúa sobre o método, as cousas virán rodadas. Como, de feito, en política, método e contido coinciden, o método fascista ten o poder da transmutación alquímica: se se aplica sen prexuízos ideolóxicos, transforma en fascista a calquera que o faga seu, porque –como diría Forrest Gump– fascista é o que fai cousas fascistas. As que seguen son, daquela, instrucións de método e, sobre todo, instrucións de linguaxe, que é a infraestrutura cultural máis manipulable que posuímos. Por que se deberían derrocar as institucións se para obter o control abonda con cambiar o sentido dunha palabra e poñela en boca de todos? As palabras xeran comportamentos, e quen controla as palabras controla os comportamentos. É a partir de aí, dos nomes que lles damos ás cousas e 13
de como as contamos, como o fascismo pode afrontar o desafío de volver ser contemporáneo. Se logramos convencer a un demócrata cada día de que use unha palabra que nós lle proporcionamos, podemos gañar ese desafío. E venceremos. Fiel ao seu humilde obxectivo didáctico, este libro ofrece na súa conclusión un pequeno test para medir o grao de aprendizaxe acadado e valorar os progresos na adhesión ao fascismo.
14