3
CONTEMPORÁNEA CONTEMPORÁNEA
O CONDUTOR DE AUTOBÚS QUE QUERÍA SER DEUS
Etgar Keret
Tradución de Moncho Iglesias Míguez
Guía de lectura
Ficha técnica
Título: O CONDUTOR DE AUTOBÚS QUE QUERÍA SER DEUS Ano de publicación: 2006 Autora: Etgar Keret Tradución: Moncho Iglesias Míguez Editorial: Rinoceronte Editora Colección: Contemporánea n.º de páxinas: 130 ISBN: 84-934801-3-4 Target: A partir de 4º de ESO e Bacharelato.
Z
O autor
Etgar Keret (Tel Aviv, 1967) é un dos escritores máis populares entre a mocidade de Israel. Combina a escritura co traballo de profesor no departamento de cine da Universidade de Tel Aviv e a dirección cinematográfica. A súa obra literaria traduciuse a 16 linguas e filmáronse máis de 40 curtametraxes baseadas nas súas historias. É descrito como a voz hippy e posmoderna da sociedade israelí contemporánea, un pobo no que xentes da mesma idade poden ser soldados, relixiosos ultraortodoxos, árabes-israelís ou inmigrantes que acaban de chegar. Os seus escritos son unha porta aberta ao diálogo con todos eses grupos tan diferentes, e quizais esa sexa a base dun éxito que logrou impoñerse a autores consagrados mundialmente como Amos Oz ou A. B. Yeoshua. Porén, Etgar Keret sufriu a acusación de contribuír a que os mozos israelís empreguen unha linguaxe pobre e chea de referencias á violencia e ao sexo, amais de ser cualificado de antisemita no parlamento do seu país.
24
'
O tradutor
Moncho Iglesias é o autor da tradución de O condutor de autobús que quería ser Deus de Etgar Keret (Rinoceronte Editora), pero na súa traxectoria profesional conta con libros de autor como a obra Estudos árabes e islámicos. Os contos de animais na tradición oral palestina editado polo Instituto Galego de Estudos de Seguranza Internacional e da Paz, Oda ás nais perennes con fillos caducos entre os brazos (Edicións Positivas) e Tres cores publicado pola Asociación Cultural Estaleiro.
Trama, personaxes, espazo e tempo
Esta novela está configurada por catro relatos ou contos e unha novela curta. Os contos e a novela non comparten trazos comúns, nun principio non se ve relación ningunha entre elas, pero comparten o tema do suicidio, a tolemia e temas característicos do humor negro. Debido a esta separación, a análise da lectura farémola individualmente:
O condutor de autobús que quería ser Deus Esta é a historia dun condutor de autobús que tiña por norma non abrir nunca a porta unha vez pechada e co vehículo xa en marcha. Un día mirou polo retrovisor a Edi, un rapaz axudante de cociña do Boca Dillo, que corría coma un tolo detrás do autobús e conseguiu alcanzalo cando este parou nun semáforo. O condutor lembrou que antes de ser condutor, que era a súa segunda opción, quería ser Deus e sentiu compaixón polo rapaz e abriulle a porta. O rapaz ía a unha cita e despois de esperar dúas horas, volveu á parada arrastrando os pés, coma se estivese moi canso, o condutor, que xa o vira había un anaco, agardaba por el a pesar dos berros e das queixas dos outros viaxeiros.
25
EDI: é un rapaz moi lacazán que nunca se move por vontade propia. A única ocasión en que o fai, correndo para non perder o autobús, resúltalle fatal, pois a rapaza coa que estaba citado non aparece. No entanto, dáse conta deque o condutor agardou por el e séntese mellor. CONDUTOR: a través dunha lóxica que só el comprende, decide non abrirlle nunca a ninguén a porta, pois cre que iso sería moi inxusto para os demais viaxeiros que si chegaron á súa hora. Con Edi lembra un desexo que el tiña de querer ser Deus e sente compaixón. Ábrelle o autobús, e non só iso, despois agarda por el, rachando a norma que o caracterizaba como bo condutor. O espazo desta novela poderíase desenvolver en calquera cidade ou vila do mundo que teña autobuses urbanos e un parque acuático de delfíns, mais o probable é que o autor fale de Tel Aviv, cidade que el coñece e que coincide con estas características. En canto ao tempo, non temos ningunha referencia temporal, pero probablemente se desenvolva a trama hoxe en día, na época actual, polas características da cidade.
A loucura de Nimrod Este conto divídese en capítulos pequeniños encabezados cun título a modo de sinopse argumental. Relátasenos a aventura de tres amigos, Mirón, Uzi e Ron, que tolean por quendas despois de que un cuarto compoñente da súa cuadrilla, Nimrod, se suicidase: Mirón ponse mal da chaveta: Mirón é ingresado no hospital e pídelle a Uzi e a Ron, que é o narrador do conto, que lle leven humus. Cómeo e porfía en que toleou por culpa do humus. Uzi perde a cabeza: Ron e Mirón van de viaxe ao Sinaí e Uzi demora a súa chegada un día por mor dos negocios. Uzi tolea e vai sen acougo dunha esmorga a outra ata que chegan a Exipto. Cando remata a viaxe e volven ás súas vidas normais Uzi recobra o sentido e anda moi ocupado centrándose só nos seus negocios, os seus amigos critícano chamándolle aburrido. O dono da casa tolea: Ron é o último en experimentar este tipo de tolemia pasaxeira. Uzi e Mirón dánse conta de que o seu amigo é o último en estar posuído polo seu amigo morto Nimrod. mirón é o que máis insiste na idea de que Nimrod está detrás destas tolemias. A loucura de Nimrod: Neste capítulo explícasenos historia de Nimrod, un rapaz normal amigo de Uzi, Ron e Mirón. Nimrod namora dunha rapaza que se chama Neta, e despois dun apaixonado noivado, Neta abandona a Nimrod sen
26
ningunha explicación. Nimrod non soporta a idea do abandono e acaba suicidándose nunha das gardas nocturnas do servizo militar. Segunda volta: Os tres amigos volven sentir por quendas a tolemia e convencidos de que as causa o seu amigo van ao cemiterio ver a súa tumba, pero alí non atopan nada. Tri-li-li-li-la: Deciden facer espiritismo e sáelle unha mensaxe na cartolina das letras: tri-li-li-li-la. Uzi pensa que non serve para nada e anoxado marcha cara á casa da súa moza. Ron e Mirón fan sós outra sesión e sáelle a mensaxe Non me deixedes só. Noraboa: Ron e Mirón acoden á voda de Uzi. Non estaban moi de acordo con esta voda porque non lles gustaba a moza de Uzi. Ao final da voda deciden quedar eles sós coa tolemia de Nimrod, que é a carga que agora lles toca levar a eles dous sós, pois Uzi xa é un home casado e non pode andar con estas tolemias. NIMROD: é un dos rapaces da cuadrilla e tras unha ruptura amorosa acaba coa súa vida. Os demais pensan que as súas tolemias son mensaxes del e isto verifícase na segunda sesión de espiritismo. UZI: é o que se rexeita a crer na loucura de Nimrod. Non fai caso das tolemias dos amigos, a pesar de que el tamén as vive e decide casar e seguir coas súa vida. Mirón: é o primeiro en sufrir a tolemia e, convencido de que son causadas por Nimrod, o seu papel céntrase en convencer os demais. Ao final asume con Ron o papel de coidar e vixiar a alma de Nimrod, cargando coas tolemias que lle provoca. RON: é o narrador do conto. Tamén é o último en vivir a tolemia, ao final únese a Mirón como compañeiro de carga no caso de Nimrod. No referente ao espazo, neste conto existen numerosas referencias. Situamos a acción do conto na cidade de Tel Aviv en Israel, pois falan do cemiterio de Kiriat Shaul, de Petah Tikva, ao nordeste de Tel Aviv. e tamén no monte Sinaí, onde van de vacacións. Desde alí viaxan por exipto a Taba e Eilat, logo regresan a Tel Aviv. En canto ao tempo, situámonos de novo hoxe en día, nunha época en que existe a tecnoloxía, as cidades grandes e con servizos etc, aínda que na historia temos varias retrospeccións, unha na infancia dos protagonistas, cando explican como era Nimrod de pequeno e outra no servizo militar, cando Nimrod se suicidou. A acción desenvólvese cando eles xa teñen trinta anos.
27
Un cóctel típico do inferno Esta é a historia de Ana, unha rapaza que traballa nunha tenda de ultramarinos nunha pequena aldea ás portas do inferno. Os seus clientes son os condenados que cada cen anos poden saír un día e gozar da tranquila vida das súas xentes. Un día entra na tenda un destes condenados, un rapaz moi guapo co que Ana intenta ligar. O rapaz viñera comprar viño, soda e especias picantes. Inician unha relación, non moi satisfactoria, e o rapaz marcha de volta ao inferno deixando a Ana desamparada. Tras moitas súplicas volve aparecer na tenda un rapaz case igual a el. Ana está convencida de que é o mesmo, pero o seu avó insiste en que non pode ser porque só saen cada cen anos. Ao final manteñan unha intensa e bonita relación dun día e o visitante regálalle a Ana un cóctel de viño, soda e especias picantes. Ao final a porta do inferno péchase para sempre e a Ana só lle queda contarlles estas historias dos visitantes do inferno aos seus netos que as escoitan aterrados co medo. ANA: é a protagonista do conto. A súa teimosía fai que se rompan as normas para poder estar co seu amado. Despois daquela noite non lle volveu pasar nada máis interesante. RAPAZ: é o segundo protagonista desta historia. Convértese no amor de Ana, pero non fai nada por quedar, simplemente resígnase e volve ao inferno. O espazo deste conto está especificado ao inicio, situámonos nunha pequena aldea de Uzbekistán. O autor utiliza un espazo real pero tamén nos envolve con elementos fantásticos, pois moi cerca desa aldea está a porta do inferno. A acción do relato desenvólvese na tenda de ultramarinos onde traballa a protagonista. En canto ao tempo, non hai referencias temporais, supoñemos que falamos da época actual pola tenda, as cámaras de fotos e todos aqueles obxectos propios do noso período. A acción desenvólvese nuns meses, pero o relato está contado cara ao pasado, pois vemos como foi a vida da protagonista, desde que era unha rapaza e lle pasou a acción da novela, ata que é unha vella e lles conta aos seus netos as súas aventuras. O acontecemento que marca avida da protagonista sucede nuns meses. Primeiro aparece o rapaz, logo reaparece despois de dous meses e uns días e despois desaparece a porta do inferno.
A matriz Este conto é relatado por un rapaz que conta como lle extirparon a matriz á súa nai. O pai abandonou a muller despois da operación porque non podía estar cunha muller así.
28
Meteuse a cazar baleas en Alasca. A matriz extirpada era tan bonita que a puxeron nun museo. Durante anos o rapaz e mailo seu irmán sentiron moito orgullo daquela matriz. Un día observou que a matriz xa non estaba na sala, á parte de escondida, tíñana sucia. O rapaz decidiu roubala pero cando chegou xa era tarde, mandárana a Alasca e un grupo de ecoloxistas liderado por un cazador de baleas retirado guindáraa ao mar para ceibala. RAPAZ: é o protagonista da historia e, coma en moitos outros casos, non nos desvela o seu nome. Coida da matriz da nai e sente orgullo de vela alí exposta no museo. Non dubida en ameazar o garda cunha pistola por saber onde se atopa a matriz. Mostra un carácter violento ao afirmar que lles pegaba aos seus fillos para que estivesen calados. PAI: deixa a súa muller despois da operación. Mostra unhas trazas machistas ao non querer estar cunha muller que non ten matriz. A pesar de todo, é el quen a rouba para ceibala, aínda que non se especifica. O espazo desta historia lévanos a Israel, aínda que non especifica exactamente o lugar. A referencia a este lugar aparece xa na primeira páxina. Cando o pai abandona a nai di que marcha a Alasca, e o protagonista indícanos que o pai anda por terras polares. Cando envían a matriz a Alasca e é roubada polo grupo ecoloxista, din que a guindaron no mar, cos peixes. Un espazo interior importante neste relato é o museo, especialmente a sala onde teñen exhibida a matriz. De novo temos unha vida enteira relata en tempo pasado, neste caso a vida do rapaz cuxa nai lle extirpan a matriz. Opérana cando tiña cinco anos. Despois medra con continuas visitas ao museo e ensinándolla ás mozas. A continuación casa e leva os fillos a vela. Na idade adulta é cando percibe que a matriz xa non está na mesma sala do museo. Deberon pasar uns vinte e cinco anos, aproximadamente.
A colonia de vacacións de Keneller Relatamos a trama argumental da novela. Trata a historia de Nahím, un rapaz que se suicidou. Tras o suicidio descobre un novo lugar onde vivir e traballar. O sitio é moi semellante a onde vivía en vida, pero algo peor en varios aspectos. Alí múdase a un piso que comparte cun alemán e traballa nunha pizzería que se chama Kamikaze. Neste lugar coñece a Ari Gelfand, que se converte en compañeiro de esmorga, sobre todo cando van ao Cafeta Natos. Ari está obsesionado en ligar coas mozas que andan por alí, mentres que Nahím só quere atopar a súa moza, da que soubo que tamén se suicidara e que tamén estaba nese lugar. Deciden coller o coche e ir buscala. Chegan á parte leste e atópanse cos árabes. Alí coñecen a Naser, personaxe maltratado por Ari dunha forma racista.
29
Ao día seguinte collen a unha autostopista que se chama Lihi e que se fará compañeira inseparable de Nahím. Xuntos percorren varios lugares ata que chegan á casa de Kneller, un home que case atropelan por estar tirado no medio da estrada buscando o seu can Fredi. Keneller era alto, fraco e de ollos azuis. Estaba un pouco tolo e víase algo inocente. Pasaron bastante tempo na súa casa e Ari namorou dunha rapaza esquimó. Neste tempo Nahím e Lihi coñécense mellor e Nahím descobre que Lihi está alí por erro, que é unha equivocación. Na festa de aniversario de Kneller chegou Jan, un amigo de Kneller afirmando que o seu can Fredi estaba na casa do Mesías. Kneller, Jan, Lihi e Nahím decidiron ir buscalo e atoparon unha mansión onde se celebraba unha festa. O Mesías chamábase Giv e a rapaza que a acompañaba era Erga, a súa moza, ou ex-moza. Giv consegue que Kneller e Fredi fagan as paces e mentres, realiza un acto de suicidio diante de todos para demostrar que é posible volver ao outro lado. Giv crávase un coitelo no corazón e Erga chora desconsolada ao seu carón. De súpeto chegou unha furgoneta onde meteron a Kneller, a Fredi e a Lihi. A furgoneta arrincou e desapareceu. Nahím volveu onda Ari e Ari explicoulle o que Kneller lle contara: que Kneller era un anxo encuberto e que por culpa do segundo suicidio de Giv se descubrira todo tendo que marchar. E que Lihi conseguiu que revisasen o seu expediente e que efectivamente houbera un erro, devolvérana á vida. Mentres tanto, Giv, no canto de volver á vida, caeu noutro lugar onde se atopaban os segundos suicidados e que era bastante peor ca o primeiro. NAHÍM: é un dos protagonistas desta novela. Na súa teima de atopar a Erga coñece a Lihi, a que será o seu verdadeiro amor. a pesar de todos os intentos de Ari de desistir de atopala, el prosegue na súa busca e isto fai que vivan aventuras como a que lles aconteceu na casa de Kneller. ARI: é o outro protagonista da novela, canda Nahím e Lihi. É un rapaz que vive cos pais e que ás veces é bastante intolerante e pesado. Só quere ir de esmorga e ligar. No episodio con Naser vemos que é bastante racista. LIHI: é a terceira protagonista. Segura de que a súa morte é un erro, decide buscar a alguén que a poida axudar. Ao final son os axudantes de Kneller quen a envían de volta á vida. Namórase de Nahím, a pesar de saber que el busca a súa moza. KNELLER: é o anxo encuberto. É un personaxe estraño, ao que parece que todos lle teñen bastante aprecio. A súa aventura remata cando Giv se volve suicidar. Erga: é a moza de Nahím mentres vivían. Cando se atopan na mansión teñen unha conversa e os dous deciden que as cousas cambiaran e que cando un comezara de novo. Queda desconsolada tras o suicidio de Giv. GIV: o Mesías. Este personaxe está convencido de poder volver á vida, de poder estar nun sitio mellor e o único que consegue é baixar ao dobre fondo de onde estaba. Existe un lugar para os segundos suicidados, pero alí só hai pouca xente e toda completamente tola.
30
O espazo desta novela é un espazo fantástico creado polo autor. Situámonos nunha especie de sociedade paralela á sociedade humana de hoxe en día, pero onde só existen persoas que se suicidaron. O lugar é semellante á cidade onde vivía antes, traballa nunha pizzería e comparte piso cun alemán. Neste lugar, do que descoñecemos o nome, tamén hai varios pubs. O protagonista afirma que é igual onde estaban cando vivían, pero peor. Os protagonistas móvense por este lugar en coche e van a un sitio onde están os árabes para rematar nunha mansión. Esta casa, a de Kneller, é grande e ten piscina. Por alí cerca tamén hai un bosque e unha praia contaminada. Tamén atopan outra casa onde vivía o Mesías con Erga, e onde se desenvolve a acción final da novela. Respecto o tempo, coma nos demais relatos, situámonos na época actual. Non temos moitas referencias temporais, debemos extraer datos que ofrece o autor para situarnos temporalmente.
;
Propostas didácticas
1 ANÁLISE PREVIA a) Observa quen é o autor do libro. Coñeces a súa obra? Le a información que nos ofrece o libro sobre el e elabora un pequeno informe sobre a súa vida e a súa bibliografía. Podes axudarte de internet. b) Le o título da obra, que che suxire? Que temas cres que se van tratar? c) Elabora a túa propia historia baseándote na sinopse que aparece na contraportada do libro. Unha vez rematada a lectura compara a túa historia coa do libro, son semellantes? En que coinciden e en que difiren? d) A obra é unha tradución. Cal é o papel que desempeña o tradutor?
2 ANÁLISE DURANTE A LECTURA DA OBRA Comprensión lectora CONTOS O condutor de autobús que quería ser Deus a) Que norma tiña o condutor? Por que? b) Que pensaban os viaxeiros do condutor?
31
c) Que problema tiña Edi? d) Onde traballaba? e) Por que ese día Edi correu detrás do autobús? f ) Por despois ía canso e arrastrando os pés ? Que fai o condutor? Por que cres que o fai se a súa norma era non facelo? A loucura de Nimrod a) Mirón ponse mal da chaveta: que quería Mirón no hospital? Por di que toleou? b) Uzi perde a cabeza: A onde van de viaxe? Que lles sucede alí? c) O dono da casa tolea: Por que motivo cre Mirón que todos tolean? d) A loucura de Nimrod: Que fixo Nimrod? Por que? e) Segunda volta: Que fan despois das súas tolemias? Descobren algo? f ) Tri-li-li-li-la: Cal é a mensaxe? Quen cres que a envía? Quen marchou anoxado despois da sesión de espiritismo? g) Noraboa: Quen casou? Que carga adoptan Ron e Mirón? Un cóctel típico do inferno a) Onde se desenvolve o relato? Que porta estraña había neste lugar? b) Que pasaba nesta aldea? c) Quen é Ana? Onde traballa? d) Que mercou o rapaz que Ana meteu na parte traseira da tenda? e) Que lle pasou a Ana? que lle fixo o rapaz que veu por segunda vez? f ) Que sucedeu despois coa porta? A matriz a) Que lle pasou á nai do protagonista? Onde colocan a matriz? b) Que actitude tiña o protagonista diante da matriz? c) Onde vai o pai? d) Que lle sucedeu á matriz? Que decide facer o fillo? e) Que lle pasa á matriz na viaxe? f ) Quen cres que foi o que a roubou? NOVELA CURTA A colonia de vacacións de Kneller a) Que lle pasou a Nahím? Onde foi vivir?
32
b) A quen coñece alí? Como é este personaxe? c) Onde deciden ir os dous amigos? A quen coñecen polo camiño? d) Quen é Kneller? e) Que noticia trouxo Jan do bosque? f ) Onde e con quen estaba Erga? Que falaron Nahím e Erga? g) Que sucedeu alí? Onde foi Lihi? h) Onde acabou Giv? i) Que opinas deste lugar? Cres que podería existir?
3 ANÁLISE TRAS A LECTURA Propostas didácticas de carácter global 3.1 A obra a) Elabora unha valoración crítica pormenorizada da obra. b) Que che pareceron os relatos? Están en relación as microhistorias? Que tema teñen en común, agás o primeiro conto? c) Cres que é unha novela ben estruturada? Que relación existe entre a sinopse argumental que aparece e o que acontece no conto de Nimrod e na novela? d) Que che parecen os personaxes? Están ben caracterizados? Quen son os personaxes de cada historia? e) Cal cres que é o tema fundamental da obra. E os temas secundarios? Que tipo de humor demostra o autor? f ) Como caracteriza o autor o espazo? Que papel desempeña o espazo nesta novela? g) Comentario de texto: E este sitio... non sei, sempre que se falaba da vida despois da morte, do que había e non había e todo iso, nunca tiven unha idea clara ao respecto. Aínda que en todo caso, de haber algo, sempre imaxinei sons así como os dun sonar, e xente flotando no espazo e tal, mentres que aquí, non sei, todo isto lémbrame máis que nada ao centro de Tel Aviv. Porén, o meu compañeiro de piso, o alemán, díxome que este sitio é cravado a Frankfurt. Seica Frankfurt tamén é bastante horrendo.
33
1. De que conto ou novela está tirado este parágrafo? Este parágrafo pertence á novela de Kneller. Sábese ben pola descrición do lugar que nos ofrece o protagonista, que é bastante peculiar, é o lugar onde van os suicidados. 2. Como describe o protagonista este lugar? Descríbeo sen moita expectación, sen ilusión, coma se despois de moitas especulacións agardase outra lugar moito mellor, non esperba vivir nunha cidade semellante á del pero máis deprimente. 3. Por que imaxinaba un sitio con xente flotando e ruídos de sonar? Porque quizais así sería o lugar que entre os vivos se especula que pode haber tras a morte. A relixión inflúe moito neste tipo de cuestións, se o protagonista á xudeu, como a maioría dos que viven en Tel Aviv, a imaxe do ceo sería esa, e non a que atopou ao chegar alí. 4. Cres que cada suicidado ve o mesmo ou cada un ve o lugar onde vivía antes de morrer? Poderíamos pensar que cada un ve o seu lugar de antes, porque o protagonista di que lle lembra moito a Tel Aviv e o seu compañeiro alemán di que lle recorda moito a Frankfurt. esta teoría cae ao observar que na novela os protagonistas comparten espazos comúns e que observan o mesmo.
3.2 Os temas transversais Na novela atopamos varios temas que vertebran o eixe fundamental do argumento: un dos máis importantes é o tema da morte. No conto do condutor e da matriz non está moi presente, pero nos demais cobra importancia e mesmo na novela é fundamental. 1. O autor utiliza o tema da morte como algo grotesco que pode empregar con humor negro, vémolo na descrición dos habitantes do lugar dos suicidados. Busca na novela esta descrición e explica por que o autor é irónico con estes personaxes. 2. en todas relixións está presente o tema da morte. Busca a interpretación que fan da morte as principais relixións do mundo. 3. Cres que a crenza dun paraíso e doutro lugar onde ir despois da morte é unha axuda para vivir mellor ou que, polo contrario, condiciona negativamente a forma de vivir? 4. Que opinas ti da vida e da morte? Realiza unha pequena reflexión. Outro dos temas importantes da obra é a pobreza infantil, pois é a causa fundamental pola que o protagonista sofre problemas psicolóxicos que marcan a desgraza do seu destino. 1. Que é pobreza infantil? 2. En que condicións viviu Tobias durante a súa infancia? En que países acontece o mesmo? Cres que só nos países subdesenvolvidos existe a pobreza infantil? 3. De quen cres que é responsabilidade este problema? Cres no labor das ONGs?
34
Todos os contos e a novela posúen un fondo relixioso. A relixión está presente mesmo naqueles contos onde semella non ter nada que ver. O condutor quería ser Deus; Nimrod comunícase cos seus amigos, polo tanto existe en forma de alma; os visitantes viñan do inferno; a matriz é o símbolo da vida, do nacemento e, por último, o lugar onde van os resucitados, un lugar deprimente e deplorable, lembra moito á condena dos que deciden quitarse a vida. 1. Que é relixión? Busca información e elabora unha recensión sobre este concepto. 2. Que consecuencias positivas e negativas pode implicar para unha sociedade a práctica dalgún tipo de relixión? 3. Cal é a relixión maioritaria no Estado? Existen outras formas de expresión relixiosa ou só unha? 4. Como está regulamentado este tema no ensino regrado? 5. Que importancia ten a relixión na sociedade galega? Cres que houbo cambios significativos nestas últimas décadas? No conto da matriz o pai abandona á nai porque non ten matriz. Este feito é un feito machista, pois denuncia que o home só quere a muller para procrear e que unha vez extirpada a matriz, xa non lle vale como muller. O machismo polo tanto, é outro tema a tratar. 1. Cres que o pai ten unha actitude machista coa nai? Por que? 2. Que é machismo? E feminismo? 3. Cres que a sociedade hoxe en día segue sendo machista? Xustifica a túa resposta. 4. A violencia de xénero converteuse nos últimos anos nun tema tan importante que mesmo o goberno tivo que facer unha lei específica para eliminar o maltrato das mulleres. Busca información sobre esta lei, a súa aplicación e os seus resultados e leabora un pequeno informe dunhas 400 palabras aproximadamente. (Ley Orgánica 1/2004, de 28 de diciembre, de Medidas de Protección Integral contra la Violencia de Género). Na novela, vemos unha escena onde o personaxe de Ari recrimínalle a un árabe suicida que se chama Naser que ese lugar non é como o que lle prometeran. O propio Ari admite a súa actitude Racista. O racismo tamén está presenta na obra. 1. Que é o racismo? Cres que o conflito árabe-israelí é un conflito racial? 2. Cres que é un problema a nivel mundial? Que medidas se adoptan hoxe en día para eliminalo? Cres que son efectivas? 3. Entra na páxina www.sosracismo.org e infórmate sobre esta ONG, elabora despois un informe sobre a súa actividade. 35