GuĂa de lectura
117
Ficha técnica
Título: A CASA DE MANGO STREET Ano de publicación: 2008 Autora: Sandra Cisneros Tradución: Alicia Meléndez Sousa Editorial: Rinoceronte Editora Colección: Contemporánea n.º de páxinas: 104 ISBN: 978-84-936101-9-7 Target: ESO e Bacharelato.
Z
A autora
Sandra Cisneros naceu en Chicago en 1954, sendo a menor de sete irmáns homes. Na actualidade está considerada a mellor narradora chicana contemporánea, e o seu papel na literatura feminista é incuestionable. Comprometida de maneira destacada cos máis desfavorecidos do seu país e, por encima de todo, coa situación das mulleres, Cisneros describe cun estilo conmovedor a súa propia realidade e o complicado de atopar unha identidade e un lugar no mundo cando se é unha muller chicana. A autora publicou os poemarios Bad Boys (1980), My Wicked Wicked Ways (1987) e Muller ceiba (1994), a antoloxía de contos Woman Hollering Creek (1991), a novela Caramelo (2002) e o conto infantil bilingüe Hairs/Pelitos (1994). A casa de Mango Street (1984), a súa primeira novela, foi un éxito rotundo dende a súa publicación. Eloxiada de forma unánime pola crítica e por un público que abarca todas as idades, utilízase en moitas escolas dos Estados Unidos como lectura obrigatoria.
118
Trama
Esta obra, indicada para calquera curso da ESO e Bacharelato, é unha historia colectiva e metafórica formada por 44 contiños conectados entre si baixo o punto de vista da narradora e protagonista, Esperanza Cordero. Coa súa narración imos coñecendo como é a vida desta rúa e quen son os personaxes que viven nela, tantas veces identificados coma ladróns e delincuentes nun barrio perigoso. Esperanza desmitifica Mango Street, mais isto non significa que a vida nesta rúa non sexa dura. En cada conto relata a vida dun personaxe e a súa minihistoria, á vez que imos coñecendo quen é Esperanza, que fai e cales son as súas aspiracións vitais. Esperanza entra na adolescencia nunha dualidade cargada de simbolismo: por unha banda segue sendo unha nena que só quere xogar e, pola outra, vemos unha persoa madura, consciente da súa situación social, da marxinación que sofre e da realidade de Mango Street. Esperanza é a maior de catro irmáns. A súa historia comeza ao mudárense a Mango Street, en Chicago. Despois de pasar por varias casas en pouco tempo (unha por ano), por fin conseguen establecerse nunha casa de seu, pero esta casa non é como a que soñaban ela e a súa familia. Esperanza sente vergoña de vivir nesa casa, de todo o que significa vivir nesa casa, nese barrio. Acaban de mudarse e Esperanza quere facer amigas, só ten á súa irmá pequena, Nenny, á que ten que coidar e á que non considera exactamente unha amiga. Axiña coñece a unha rapaza que se chama Cathy, que vive cerca dela e que ten moitos gatos, pero xa nos deixa ver a protagonista que a súa amizade con Cathy non durará moito, Cathy e seus pais múdanse porque non queren vivir arrodeados de xente hispana. Na súa busca, Esperanza coñece ás que serán as súas mellores amigas, dúas irmás moi pobres que viven enfronte dela, Rachel e Lucy. Convértense nas súas compañeiras de batalla ao longo de Mango Street, sobre todo nun xardín que atopan onde a xente deixa os seus coches abandonados. A historia relátanos a vida de Esperanza durante un ano, o seu primeiro ano en Mango Street, que tamén coincide co seu paso de nena a adolescente. Esta novela está absolutamente cargada de simbolismo, desde o título ata o nome da protagonista. Preséntansenos dous elementos opostos que xogan e forcexan ao longo da historia. Un elemento que representa a pobreza, a marxinación de clase, o machismo, o racismo. En contraposición a isto temos a esperanza, como o propio nome da protagonista indica. A loita da muller, a loita da sociedade chicana, a superación dos prexuízos, a aceptación e defensa dos valores propios.
119
Personaxes 1 Personaxes principais ESPERANZA CORDERO É a protagonista e narradora da historia. Relata como é a súa vida en Mango Street. Preséntasenos como unha rapaza morena, fraca con trazos hispanos. A súa personalidade está moi ben trazada, pois Esperanza posúe elementos típicos dunha rapaza adolescente. En contraposición a esta inxenuidade temos trazos moi maduros que reflicten o desexo de Esperanza de abandonar Mango Street, de abandonar a pobreza, de abandonar a idea de estar condenada desde nena a unha vida baleira, casada cun home ruín, condenada a un traballo miserable e chea de cativos. A protagonista ten moitos trazos en común coa propia escritora. Sandra Cisneros plasmou no personaxe de Esperanza a súa adolescencia, os seus sentimentos e as súas esperanzas. Desexos que na vida real da autora se fixeron realidade anos despois, sendo unha importante abandeirada da literatura feminista. NENNY Nenny é a irmá pequena de Esperanza. Sempre está con pegada a ela porque seus pais non queren que ande con malas compañías. A protagonista cóidaa e é responsable dela en todo momento pola ausencia dos seus pais, que traballan. Teñen boa relación, inda que ás veces Esperanza sente un pouco de vergoña ante o seu infantilismo. RACHEL E LUCY Son as amigas de Esperanza. Son dúas irmás que se atopan nunha situación económica moi precaria. Ao principio mesmo Esperanza dubida de falarlles por como ían vestidas, pero logo descobre unhas grandes amigas coas que compartir aventuras na rúa. Cathy rexéitaas de contado, pois son demasiado "pobres" para ela. SALLY É amiga de Esperanza. Rachel e Lucy compartían con ela momentos da súa nenez e Sally comparte con ela momentos da súa adolescencia. Sally é filla dunha familia árabe, seu pai maltrátaa e a súa vida está condenada ao casar tan nova. Sally non busca a esperanza, Sally é a resignación. Só lle preocupaba gustarlles aos rapaces para casar e fuxir da casa, inda que o seu novo fogar non sería moito mellor do que tiña na casa dos pais. Sally protagoniza involuntariamente a peor historia de Esperanza, a súa violación. Mentres ela está cun rapaz, Esperanza é violada agardando por ela.
120
ALICIA Tamén é amiga de Esperanza. Fala moito con ela. Súa nai morreu e tócalle a ela exercer de nai, tenlle medo aos ratos. A pesar diso está estudando unha carreira e para Esperanza é todo un exemplo, porque, igual ca ela, non se resigna á vida de Mango Street. MAMÁ E PAPÁ / CARLOS E KIKI Son a familia de Esperanza, ademais de Nenny. O pai de Esperanza deixou o seu México natal para ofrecerlles unha vida mellor aos seus fillos. Traballa sen descanso e Esperanza conmóvese ao velo chorar tras a morte do seu pai en México. A nai de Esperanza tamén se leva ben con ela. Representa o que Esperanza non quere, pois a nai láiase de todo o que podería ter feito na vida e non fixo polas súas circunstancias. Carlos e Kiki son os irmáns pequenos de Esperanza. Lévanse moi ben entre eles pero non con elas. Falan moito na casa pero fóra non teñen relación. A autora remarca moito a idea de que os rapaces ven unha realidade moi diferente da das rapazas. Expresa que para eles non é tan difícil vivir en Mango Street.
2 Personaxes secundarios Nesta novela temos moitos personaxes secundarios porque toda a obra está configurada por pequenas historias de xente que vive nun mesmo barrio: CATHY Cathy é a veciña de Esperanza. Esperanza quere ser a súa amiga pero ela ofrécelle só a súa amizade durante uns días, porque se muda. Os seus pais vanse porque non queren convivir con xente hispana. Representan o racismo. Cathy expresa as ideas dos seus pais e a súa educación racista ao describirlle a Esperanza a xente que vive no barrio, sobre todo cando se refire a Rachel e Lucy. Anóxase con Esperanza cando ela decide optar pola amizade das dúas irmás e non a dela. A autora rise deles dicindo que son tataratatarasobriños do rei de Francia. GIL É un home que vende cousas de segunda man nunha tenda do barrio. Representa tamén a miseria, pois non ten cartos nin para ter a súa tenda coas luces acesas todo o día. É un home de cor de lentes douradas e pouco falador. Nenny e Esperanza descobren con el unha caixa de música, que non vende porque lle ofrece música, unha música que entendemos que o evade da miseria e da pobreza. MEME ORTIZ Personaxe que ocupa a casa de Cathy cando eles marchan. Realmente chámase Juan e convértese nun rapaz que ás veces xoga con elas.
121
LOUIE, A SÚA CURMÁ E O SEU CURMÁN Louie é portorriqueño, vive no soto da casa de Meme. Coida de todas as súas irmás pequenas. A súa curmá é Marin. Marin é tamén portorriqueña e traballa vendendo cosméticos. Quere regresar ao seu país para casar co seu mozo. Ao ser a maior, ofrécelle a Esperanza moitos consellos. Marin protagoniza na novela un dos capítulos máis duros, onde atropelan a un rapaz que ela case non coñecía, só lle sabía o nome. O rapaz morre e ninguén sabe quen é, quen é a súa familia e onde poden soterralo. Mostra unha das faces máis duras de emigración, a soidade de morrer só sen que ninguén reclame nada e sen que a súa familia poida saber nunca nada. O seu curmán é un rapaz que aparece un día cun coche convertible novo, dan un volta con el e axiña ven a policía para arrestalo. OS QUE NON Estes personaxes son simbólicos. Son os que representan o racismo, a ignorancia de odiar e rexeitar aquilo que descoñecen. A autora caracterízaos negativamente, aínda que o final confesa que eles tamén teñen medo cando van aos seus barrios. Cae na contradición. ROSA VARGAS É unha muller cargada de fillos e soa. O seu home deixouna sen nada, marchou. Outra forma de desgraza, ela soa con todos os fillos. Representa o que Esperanza non desexa. DARIUS Un rapaz que ás veces xoga con elas, deixou o colexio. A FAMILIA DOS PÉS PEQUENOS Esta familia vive confinada nunha casiña pequena. A nai é quen lles dá ás rapazas os zapatos de tacón. TÍA LUPE Muller marcada pola desgraza, enferma, inmóbil. Era a única que escoitaba os poemas de Esperanza. ELENITA Elenita é unha bruxa que lle le o futuro a Esperanza. Os mexicanos cren moito na bruxería e na santería, tendo en conta a procedencia mexicana de Esperanza é lóxico que aparezan personaxes deste tipo na novela. GERALDO É o rapaz que atropelaron e do que ninguén sabía nada. Morre só, sen que ninguén o reclame e sen que a súa familia poida saber algo. Representa outra forma de desgraza visto desde o punto de vista da soidade do inmigrante.
122
RUTHIE Ruthie é unha muller que vive coa súa nai, dona do edificio contiguo ao de Esperanza. Ás veces xoga con elas. Edna, a nai, ignora a súa filla e ela parece pouco espelida. EARL, O DE TENNESSE Outro personaxe de Mango Street. Traballa de noite e dorme de día. SIRE Sire é o primeiro rapaz polo que Esperanza sente atracción. Representa o seu paso á adolescencia. MAMACITA Mamacita é unha señora que tamén vive aquí. A pesar de levar varios anos non é capaz de aprender inglés e non é capaz de adaptarse aos Estados Unidos. Representa a inadaptación do inmigrante e o conflito lingüístico. RAFAELA Rafaela é unha muller moi guapa casada cun home machista. Non a deixa saír, ten que pedir os zumes a través do balcón. Representa a muller oprimida, conformista e maltratada polo seu home. É un personaxe que Esperanza olla con pena e que reafirma a súa idea de fuxir. MINERVA Minerva é unha rapaza case da idade de Esperanza. Está casada e ten dous fillos, o seu home malla nela e é unha desgraciada. Minerva está moi triste coa vida que leva, tamén escribe poemas, como Esperanza. Quizais a autora quixo con este personaxe ofrecer unha mostra da vida de Esperanza se non tivese inquietudes e non quixese guiar ela o seu proio destino. AS TRES IRMÁS Son tres irmás maiores e bruxas. Adiviñan o desexo de Esperanza e grazas a elas, Esperanza dáse conta de que ten unha misión unha vez saia de Mango Street: volver para axudar aos demais. Todos estes personaxes configuran Mango Street. Todos posúen algún trazo negativo que mostra o desgraciados que son. Non hai nin un só personaxe en Mango Street que sexa feliz, que non sufra desgrazas de pobreza, miseria ou ignorancia. É misión de Esperanza saír desta desgraza, loitar contra o seu propio destino e triunfar para poder axudalos despois. Todos os personaxes sofren, pero especialmente as mulleres. Os personaxes femininos sofren máis porque ademais das súas desgrazas económicas sofren a discriminación de xénero, o machismo e incluso abusos sexuais. A autora quere remarcar con máis insistencia esta idea. A maioría son personaxes femininos que sofren nunha sociedade absolutamente patriarcal e machista.
123
Espazo e tempo Identificamos o espazo da obra sen problemas, pois xa o propio título nos leva a un lugar, unha casa en Mango Street. Estamos falando dun barrio hispano da cidade de Chicago, nos Estados Unidos. Ademais de Mango Street, que é onde se desenvolve toda a trama, aparecen mencionados outros barrios de Chicago, que son os barrios polos que pasou Esperanza e a súa familia antes de trasladarse a Mango Street: Loomis, Keeler e Paulina. A novela, de carácter autobiográfico, reflicte a entrada na adolescencia da propia autora, as súas propias vivencias a través do personaxe de Esperanza. Ben é certo que Sandra Cisneros se criou en Chicago, pero nunca viviu en Mango Street. Outra característica que achega a vida da autora coa da protagonista e que ambas as dúas facían viaxes regulares a México, para visitar a familia. O espazo na novela é o trazo máis importante. Todo xira arredor de Mango Street e o que significa vivir alí. Mesmo a autora presenta antes o espazo (A casa de Mango Street páx. 9) que a protagonista da novela (O meu nome páx. 14). Vivir en Mango Street significa pobreza, miseria, marxinación, racismo e machismo. Ao mesmo tempo que se dan características moi positivas en contraposición a todo anterior: amizade, irmandade comunal, fraternidade, solidariedade. O único obxectivo de Esperanza é saír de Mango Street, quere rachar coa casa, co seu pasado, coa súa vida condenada de antemán. Ao final dáse conta de que un día ha volver, que un día, cando consiga a súa plena realización, regresará para axudar aos demais. A súa visión cambia ao longo da novela, comeza sendo absolutamente egoísta, só quere fuxir e esquecer todo e a todos. Ao final quere fuxir para poder volver e arranxar o barrio, créase nela un sentimento de responsabilidade social, ten unha misión: ten que saír para poder volver e axudar os demais. En canto ao tempo, sabemos que a trama argumental se desenvolve durante un período aproximado dun ano. Un ano onde a protagonista pasa de nena a muller. Nos primeiros capítulos aparece xogando sempre e nos últimos xa ten un traballo, gústanlle os rapaces e vemos unha evolución na madurez dos seus pensamentos. Realmente, podería ser calquera ano de calquera rapaza que cumpra as características persoais de Esperanza, calquera rapaza que entre na adolescencia nunha situación económica e social complicada, pero como a novela ten moitos trazos autobiográficos, entendemos que se trata da época en que ela tiña eses anos, aproximadamente na década dos setenta.
124
;
Propostas didácticas
1 ANÁLISE PREVIA a) Observa quen é a autora do libro. Coñeces a súa obra? Le a información que nos ofrece o libro sobre ela e elabora un pequeno informe sobre a súa vida e a súa bibliografía. Podes axudarte de internet. b) Le o título da obra, que che suxire? Que temas cres que se van tratar? c) Elabora a túa propia historia baseándote na sinopse que aparece na contraportada do libro. Unha vez rematada a lectura compara a túa historia coa do libro, son semellantes? En que coinciden e en que difiren? d) A obra é unha tradución. Cal é o papel que desempeña o tradutor?
2 ANÁLISE DURANTE A LECTURA DA OBRA Comprensión lectora Dedicatoria “Ás mulleres” A dedicatoria do libro é moi simbólica, tanto na novela coma en toda a bibliografía da autora. Que significado ten? A casa de Mango Street a) Por que se nos presenta antes o espazo que a propia protagonista? b) Como é a casa de Mango Street? Rapaces e rapazas Por que di que os rapaces e as rapazas viven en mundos separados? O meu nome a) Por que non lle gusta o seu nome? b) Cres que a autora o escolleu ao chou ou que posúe algún significado? Cathy, a raíña dos gatos a) Que actitude ten Cathy con Esperanza? E coas irmás Rachel e Lucy? b) Por que se muda a familia de Cathy? Marin a) Por que Marin agarda a que "alguén lle cambie a vida"? 125
b) Como espera Marin saír de Mango Street? Ten a mesma actitude que Esperanza? En que se diferencian? Os que non a) Quen son "os que non"? Que representan? b) En que contradición cae Esperanza neste conto? A familia dos pés pequenos a) Que poder descobren as rapazas ao andar polo barrio en tacóns?(poder sobre os homes) b) Cal é a lección que aprende Esperanza ao final?(este poder non a axudará a saír) Cadeiras a) Que significado ten este capítulo? b) Que cambio se ve nas personaxes? Fermosa e cruel a) Que significa o título deste conto? b) Por que Esperanza di que non se vai deixar "domesticar"? ás veces Mango di adeus a) Por que quere marchar de Mango? b) Que significa"non saberán que marchei para volver"?
3 ANÁLISE TRAS A LECTURA Propostas didácticas de carácter global 3.1 A obra a) Elabora unha valoración crítica pormenorizada da obra. b) Que che pareceu a trama argumental? c) Cres que é unha novela ben estruturada? d) Que che parecen os personaxes? Están ben caracterizados? Quen son os personaxes principais? E os secundarios? Por que temos tantos personaxes? e) Cal cres que é o tema fundamental da obra. E os temas secundarios? f ) Que relación existe entre a historia de Esperanza e a historia da propia autora? Que semellanzas atopas? g) Comentario de texto:
126
Un día hei empaquetar as miñas bolsas de libros e papeis. Un día heime despedir de Mango. Son forte de máis para que me reteña aquí para sempre. Un día hei marchar. Os amigos e os veciños dirán: Que lle pasou a Esperanza? Onde iría con todos aqueles libros e papeis? Por que marchou tan lonxe? Non saberán que marchei para volver. Polos que deixei atrás. Polos que non poden saír. 1. Por que cres que Esperanza ten tantos libros? Porque a súa vocación é a de ser escritora e para iso cómpre ler moitos libros. É a súa paixón e é moi significativo que queira marchar da casa e o único que desexa levar con ela son os seus libros e os seus papeis. A pesar da mala situación económica, Esperanza pode acceder aos libros grazas á biblioteca. A súa nai sempre se preocupou de que Esperanza lese moito e tivese unha boa biblioteca particular. 2. Por que afirma que algún día se despedirá de Mango? Porque Esperanza está completamente segura de que vai conseguir o que quere. Está segura do seu triunfo no mundo das letras. Diralle adeus a Mango Street, diralle adeus á condena dunha vida triste, marxinada e maltratada polo seu home para loitar por unha vida que ela mesma construirá, allea ás normas sociais e económicas que rexen non só Mango Street, senón os Estados Unidos e calquera país do mundo onde aínda perduran as sociedades patriarcais, machistas e discriminatorias en canto ao xénero feminino. 3. A que se debe esa fortaleza na súa decisión de marchar? Esperanza é unha rapaza culta e inconformista. Esa mestura fan que teña claro a súa decisión de marchar, de crear a súa propia vida alén dos patróns establecidos. Un dos motivos fundamentais que a alenta é a observación atenta do seu barrio. Esperanza observa detidamente a vida da xente que vive aí, fundamentalmente mulleres, e ve como son as súas vidas. Observa mulleres maiores, rapazas pequenas e mesmo da súa idade. Todas se conforman co que teñen aínda que suspiran por unha vida mellor. Todas son desgraciadas. Isto provoca en Esperanza unha reafirmación da súa loita. 4. Por que os veciños de Esperanza reaccionarían así? Porque non son conscientes da desgraza vital que os persegue. Aceptan a súa vida tal e como é e non cren que pode haber outra mellor. A ignorancia fai que vexan a Esperanza coma unha rapaza rara, que foxe de algo que eles non saben que é, aínda que o padezan día a día. 5. Que simboliza a ultima frase do parágrafo e da novela? Simboliza o triunfo de Esperanza. A súa misión consiste en saír e forxarse a si mesma para logo indicarlles o camiño aos demais, sobre todo ás mulleres.
127
3.2 Os temas transversais Na novela atopamos varios temas que vertebran o eixe fundamental do argumento: un dos máis importantes é o tema do machismo, vinculado á violencia e á discriminación de xénero. 1. Que é o machismo? E o feminismo? En que consiste a violencia de xénero? E a discriminación de xénero? 2. Como se regula no Estado a violencia e a discriminación de xénero? Cres que son efectivas estas medidas? 3. Cres que hoxe en día segue habendo machismo na sociedade? En que o notas? 4. Que medidas adoptarías para acabar coa violencia machista? E coa discriminación de xénero? Outro dos temas importantes da obra é o racismo e a discriminación racial. 1. Que é o racismo? Cres que os habitantes de Mango Street sofren discriminación racial debido a que son inmigrantes? 2. Cres que é un problema a nivel mundial? Que medidas se adoptan hoxe en día para eliminalo? Cres que son efectivas? 3. Entra na páxina www.sosracismo.org e infórmate sobre esta ONG, elabora despois un informe sobre a súa actividade. 4. Que din as Nacións Unidas (http://www.ohchr.org/EN/UDHR/Pages/Language. aspx?LangID=gln) sobre os dereitos humanos? Le os artigos desta declaración e realiza unha opinión crítica dunhas 400 palabras, aproximadamente. Outro tema que podemos ver na novela é o conflito lingüístico que existe entre o inglés e o español. Este conflito non vén dado por motivos lingüísticos senón por motivos sociais vinculados a estas linguas. 1. Que entendes por conflito lingüístico? Busca información básica sobre conceptos como bilingüismo e diglosia. 2. Que conflito lingüístico vemos na sociedade hispana dos Estados Unidos? Cres que lles afecta negativamente que falen nunha lingua diferente da oficial? 3. Que connotacións negativas ten o uso do español nos Estados Unidos? A que vai asociado? 4. Existen moitos lugares no mundo onde coexisten dúas linguas nunha mesma sociedade, por exemplo o caso do galego. Cres que son semellantes os dous casos (inglés-español vs. castelán-galego?
128
5. Hoxe en día os movementos migratorios crean situacións lingüísticas complexas onde nun mesmo territorio convive unha lingua oficial con outras linguas que poden ter incluso millóns de falantes. Temos o exemplo do español nos Estados Unidos, pero hai moitos máis. Cres que deberían oficializarse?
129