GuĂa de lectura
131
Ficha técnica
Título: EU SERVÍN AO REI DE INGLATERRA Ano de publicación: 2008 Autor: Bohumil Hrabal Tradución: Fernando de Castro García Editorial: Rinoceronte Editora Colección: Contemporánea n.º de páxinas: 260 ISBN: 978-84-936101-5-9 Target: 1º e 2º de Bacharelato.
Z
O autor
Bohumil Hrabal (Brno, 1914) estudou dereito, historia da literatura, arte e filosofía, ata que os nazis chegaron ao poder e converteron Bohemia e Moravia nun protectorado. Obrigado a deixar a vida académica, Hrabal pasou por varios empregos, nos ferrocarrís, nos telégrafos e nunha planta de recollida de papel vello en Praga. Entre as súas primeiras obras figura Trens rigorosamente vixiados, que foi máis tarde levada ao cine e premiada pola Academia de Hollywood. Esta novela tamén foi levada ao cine no ano 2006 polo director Jirí Menzel (www.anglickykral.cz). O mundo que describe Hrabal é ás veces triste; o seu estilo, moi vivo e peculiar, amosa os seus personaxes comúns e marxinais que nos ensinan unha realidade pouco idílica, xenios da vida cotiá, mergullados nela e condenados por ela á insignificancia. Bohumil Hrabal morreu en 1997, cando caeu pola fiestra do hospital onde se atopaba internado, aínda que a aparición do tema do suicidio en varias novelas fai pensar que non se tratase dun accidente. Na actualidade é considerado un dos máis grandes escritores da literatura checa.
132
'
O tradutor
Fernando de Castro é un políglota tradutor que conta con varias traducións en Rinoceronte Editora. Do idioma checo traduciu, ademais de Eu servín ao rei de Inglaterra, outra obra do mesmo autor Bohumil Hrabal, Unha soidade demasiado ruidosa. Neste idioma tamén levou a cabo unha tradución do autor Karel Capek O ano do xardineiro. Conta tamén coa tradución do húngaro da obra Herbario de Sándor Márai.
Trama
Esta novela relata na voz do narrador e protagonista Jan Ditie, a súa vida, as súas experiencias vitais marcadas pola II Guerra Mundial. Ditie é un pequeno aprendiz de camareiro que traballa no hotel A Cidade Dourada de Praga. Ademais do seu traballo no hotel, o protagonista vende salchichas na estación, tarefa que lle reportará grandes beneficios grazas á súa astucia. Ditie describe con detalle os viaxantes que pasan por alí, sobre todo o señor Walden, personaxe que o axudará a atopar traballo en varias ocasións. Cos cartos gañados na estación vai ao Paraíso, unha casa de mulleres onde Ditie descobre o sexo e deléitase con el cubrindo as mulleres con pétalos e flores. O seu seguinte traballo atópase en Stráncice. Alí vai para o hotel Tranquilo. Este hotel está dirixido por un home en cadeira de rodas que o controla todo a través do seu chifre, que asubía sen descanso. Alí traballa unha camareira, un criado que sempre está a partir leña e Zdének, o maître, que se converterá nun verdadeiro amigo para Ditie. Este hotel está apartado, no bosque e semella unha mansión. É un hotel onde grande persoeiros van alí a encherse de comida, bebida e mulleres. Debido a un incidente cunha figura de ouro, Ditie perde o seu traballo e grazas ao señor Walden entra a traballar en Praga, no hotel París. Alí coñece o seu xefe, o señor Brandejs, e sobre todo ao maître, o señor Skrivánek, a quen Ditie admira fondamente porque o sabía todo sobre o traballo, ademais de que el servira ao rei de Inglaterra. Skrivánek converteuse no mentor de Ditie e el aprendeuno todo ao seu lado. O mesmo emperador de Abisinia comeu no hotel e foi Ditie quen o serviu e quen recibiu unha condecoración.
133
Un día no cine coñece a Líza, a que será a súa muller. Líza é alemá e traballa como enfermeira para as tropas do Führer; isto traeralle a Ditie o rexeitamento da súa comunidade checa, unha vez aceptada a súa relación, Ditie sempre vivirá entre estes dous mundos tan confrontados, e nunca será aceptado por ningún dos dous. Os alemáns ocuparon Praga e mentres Jan é sometido a exames de pureza de raza, os checos son aniquilados. Trasladárono a un "hotel para o cultivo da raza aria", onde centos de louras alemás empreñaban para ofrecerlle ao dictador nazi homes de pura raza. Tempo despois Ditie e Líza deciden ter un fillo, pero con tantas inxeccións para telo puro e ario, o bebé nace atrasado, e o único que fai é martelar na casa con cravos, alleo ao que acontece ao seu redor. Despois do hotel de cultivo, envían a Ditie ao hotel A cestiña, logo a Chomutov, e despois de varias voltas, mesmo metido no cárcere, Ditie volve para atoparse con Líza e o seu fillo. Despois dun bombardeo Líza morre decapitada e o fillo é recollido por unha asociación. Remata a guerra e Ditie, millonario grazas a uns selos que roubara Líza, creou un hotel nunha canteira, que se converte no mellor hotel do país. O anhelo de Jan sempre foi ser aceptado polos seus colegas millonarios, así que cando o réxime comunista expropiou os bens dos ricos, el tamén quería que o expropiaran, pero librouse grazas a Zdének. Máis tarde, os millonarios foron enviados a un centro de internamento, e Jan non parou ata que conseguiu entrar, mais alí nunca foi aceptado. Tras varios anos alí, expulsárono e obrigárono a traballar como forestal nun bosque. Alí coñeceu a Marcela, unha rapaza nova e a un profesor de literatura francesa. Despois dun tempo abandonounos e marchou a arranxar unha estrada perdida nunha montaña. Alí pasou os seus días coa compaña dun cabalo, un can, unha cabra e unha gata. Remata a novela nesa cabana, el só vestido coa condecoración na noite de Noiteboa. Despois da novela atopamos unha carta do autor desculpándose pola présa en que escribiu a novela e que algún día quizais a modifique, el ou os seus sucesores.
Personaxes 1 Personaxes principais JAN DITIE Protagonista indiscutible da novela, relátanos a súa vida, unha vida chea de historias fermosas e de historias arrepiantes, pero sempre relatadas desde unha tranquilidade e un sosego que o caracteriza. O único afán de Ditie, á parte de ser un pouco máis alto, é a
134
aceptación dos demais hoteleiros, que os demais recoñecesen o seu traballo e é algo que nunca conseguiu, por iso decidiu acubillarse nunha montala perdida, el só, coas súas lembranzas e os seus animais. LÍZA É a muller de Ditie. A pesar de estar moi namorada do seu home, non queda ao seu lado. O seu deber como defensora do réxime nazi lévaa a estar continuamente na loita, afastada do seu home e do seu fillo. Morre nun bombardeo case no final da guerra e o autor castígaa, pois morre decapitada e nunca se atopou a cabeza. Ademais o seu corpo aparece abrazado á maleta dos selos, non ao seu fillo. SIEGFRIELD É o fillo do matrimonio. non é un fillo froito do amor que os dous se tiñan, senón que é un fillo froito das xeringas e das normas de concepción do réxime, e así o autor utiliza o sarcasmo con el e fai que naza atrasado. O único que este rapaz fai é martelar na casa. Ao final é abandonado polo seu pai e recollido por unha asociación.
2 Personaxes secundarios ZDENÉK É o maître do hotel Tranquilo. Nun principio é un compañeiro de esmorgas cando libraban no hotel, pero máis tarde vemos que se converte nun verdadeiro amigo. Nunca falan, abonda con vérense as miradas e eles xa se entenden. Ditie foi ao cárcere por encubrilo a el, e el visitouno varias veces, incluso cando Ditie estaba recluído na montaña e Zdenék xa era un personaxe moi importante en Praga. MAÎTRE SKRIVÁNEK Foi o mestre de Ditie. Del aprendeuno absolutamente todo, e grazas a el conseguiu a súa condecoración por parte do emperador de Abisinia. Foi unha persoa á que Ditie tiña moito cariño, pero cando iniciou a súa relación con Líza, Skrivánek rexeitouno e nunca quixo saber nada máis del. BRANDEJS E SROUBEK Estes dous personaxes son os hoteleiros millonarios que foran xefes de Ditie e que endexamais aceptarían que o protagonista estea ao seu nivel, inda que tivese máis millóns de coroas ca eles. son os causantes do conflito existencial de Ditie. O protagonista só quere a súa aceptación, pero eles nunca lla ofrecerán, sobre todo por ser un millonario enriquecido na guerra á custa dos checos.
135
MARCELA E O PROFESOR DE FRANCÉS Marcela é a rapaza que coñece no monte cando o envían de forestal. Nela volve espertarse o seu sentido do sexo. A esta rapaza recluírona alí por ser liberal cos homes, e isto a Ditie gustáballe aínda máis, pero nunca chegou a facer nada con ela. O profesor de francés estaba alí con Marcela. Ensinoulle o amor pola poesía e estaba namorado da rapaza.
Espazo e tempo Grazas á información que nos ofrece a novela, sabemos en que época e en que lugar se desenvolve a trama. Como adoita ser habitual nas novelas de Hrabal, atopámonos na década dos corenta, arredor da II Guerra Mundial e en Praga. Respecto do espazo, a novela desenvólvese principalmente na cidade de Praga, aínda que tamén nos seus arredores, todos espazos reais: Stráncice, onde estaba o hotel Tranquilo, Decin, onde estaba o hotel de cultivo, Cheb, onde vivían os pais de Líza, Chomutov, Pankrac... e moitos lugares reais dentro de República Checa. En canto ao tempo, a novela é unha retrospección da vida do protagonista. Desde que tiña quince anos ata o momento da súa primeira vellez. Comeza o relato cando era un rapaciño, antes do inicio da Segunda Guerra Mundial, polo que estaremos na década dos trinta. A medida que avanza a trama vemos que se nos ofrecen datos de tipo histórico, como o inicio da Guerra (1939), o avance das tropas en Francia e, finalmente, na agora República Checa. Tamén o autor nos indica o inicio da guerra con Rusia e a vitoria comunista que indica a fin da Guerra cos alemáns (1945). Cando monta o hotel da Canteira a Guerra xa rematara, estamos polo ano 1945 ou 1946 e logo é recluído no centro de internamento durante uns anos, a continuación realiza a viaxe ao monte como forestal e logo reclúese na montaña. Estaremos falando polo tanto da década dos sesenta, aproximadamente, cando narra esta historia.
;
Propostas didácticas
1 ANÁLISE PREVIA a) Observa quen é o autor do libro. Coñeces a súa obra? Le a información que nos ofrece o libro sobre el e elabora un pequeno informe sobre a súa vida e a súa bibliografía. Podes axudarte de internet.
136
b) Le o título da obra, que che suxire? Que temas cres que se van tratar? c) Elabora a túa propia historia baseándote na sinopse que aparece na contraportada do libro. Unha vez rematada a lectura compara a túa historia coa do libro, son semellantes? En que coinciden e en que difiren? d) A obra é unha tradución. Cal é o papel que desempeña o tradutor?
2 ANÁLISE DURANTE A LECTURA DA OBRA Comprensión lectora Un vaso de granadina a) Por que se titula así o capítulo? Que descobre Ditie no Paraíso? b) Como consegue gañar cartos na estación? Paréceche lícito? c) Quen é o señor Walden? Por que axuda a Ditie? O hotel Tranquilo a) Que tipo de clientes ían alí e que facían? b) Quen é Zdenék? c) Que lle pasou a Ditie coa comitiva católica boliviana? Eu servín ao rei de Inglaterra a) O título do capítulo coincide co do libro. A que vén este título? Quen é Skrivanek? b) Que aconteceu cando veu o emperador de Abisinia? c) Como foi a reacción dos compañeiros do hotel París cando coñeceron a Líza? E xa non volvín atopar a cabeza a) Como é o hotel de cultivo? Con que o compara o protagonista? b) Como era o fillo de Ditie e Líza? A que cres que se debe? Que facía todo o tempo? c) Que lle pasou a Líza? E a Siegfrield? Como me fixen millonario a) Por que cres que Ditie escoitaba ese ruído na cabeza?
137
b) Realiza unha pequena descrición do hotel A Canteira. c) Como describe o autor o centro de internamento dos millonarios? É sarcástico? Por que? d) Que dous personaxes atopa Ditie no monte? Descríbeos. e) Quen son a compaña de Ditie na montaña? Que lle pasou ao can? Carta do autor a) Por que cres que escribiu esta carta? Que di nela? b) Inventa ti un final para Ditie.
3 ANÁLISE TRAS A LECTURA Propostas didácticas de carácter global 3.1 A obra a) Elabora unha valoración crítica pormenorizada da obra. b) Que che pareceu a trama argumental? c) Cres que é unha novela ben estruturada? d) Que che parecen os personaxes? Están ben caracterizados? Quen son os personaxes principais? E os secundarios? e) Cal cres que é o tema fundamental da obra. E os temas secundarios? f ) Como caracteriza o autor o espazo da novela? E o tempo, que importancia ten na obra? g) Que estilo e linguaxe demostra o autor na novela? h)Comentario de texto: E detrás miña abriuse silenciosamente a porta, e quedei estarrecido... e entrou o cabalo e detrás del a cabra, a gata subiu dun chimpo á barra de estaño á beira da estufa e eu aledeime de que os veciños da aldea se abrisen camiño na neve para vir onda min, de que me visitasen, de que se asustasen por min, pois eu debo ser algo especial, pois eu fun de verdade alumno do señor Skrivánek, o maître que servira ao rei de Inglaterra, e eu tivera a honra de servir ao emperador de Abisinia, que me distinguiu para sempre concedéndome esta condecoración, e esta condecoración deume a forza para escribir esta historia para os lectores... de como o incrible se fixo realidade. Teñen dabondo con isto? Pois con isto si que remato de veras.
138
1. Por que o protagonista busca a soidade, por que só goza da compaña de animais? Porque xa non quere o recoñecemento dos millonarios. O seu afán de aceptación social foi minguando con todos os acontecementos da súa vida; alcanzada a madurez, só quere soidade para reflexionar sobre si mesmo. 2. Como foi a súa reacción tras a visita dos veciños? Alegrouse moito de que houbese alguén que o buscase, que quixese saber del, pero os veciños asustáronse ao velo vestido de frac e con condecoracións, e el entendeuno. 3. Que comparación realizaba constantemente? Ditie admirou sempre a profesionalidade de Skrivánek, a súa elegancia e a súa sabedoría no traballo, incluso despois de que o rexeitase. Por iso imita o seu mentor cando afirma que el serviu ao emperador de Abisinia, porque a resposta de Skrivánek a todo o seu coñecemento sempre era: porque "eu servín ao rei de Inglaterra". 4. Que significa a condecoración? Significa o orgullo profesional e social de Ditie. Significa o cumio da súa carreira, o ascenso de ser un simple aprendiz a ser un director de hotel consagrado, malia non ter o recoñecemento dos demais hoteleiros. 5. “De como o incrible se fixo realidade” é unha frase que utiliza moitas veces na novela. Onde se orixina? Esta frase sae do criado do Hotel Tranquilo. Cando o protagonista explica o pasado do criado que partía leña. De como matou a un amante da muller e como intentaba matar a calquera que o perturbase, cando a realidade superaba a ficción, cando o incrible se facía realidade. 6. A quen se dirixe o narrador? Sempre se dirixe ao público lector. En plural e tratándoos de vostede. 3.2 Os temas transversais Na novela atopamos varios temas que vertebran o eixe fundamental do argumento: un dos máis importantes é o tema da busca da aceptación social. O protagonista consegue enriquecerse, consegue unha condecoración moi importante e está disposto a entregar todos os seus bens, só por ir ao centro de internamento de millonarios. 1. Por que Ditie entrega os seus bens, podendo librarse, e insiste en ir ao centro de internamento? 2. Cres que o ser humano necesita a aceptación social para poder ser feliz? 3. Que consecuencias socias implica ser un inadaptado? 4. É o mesmo un inadaptado social ca un marxinado social? Explica as diferenzas. 5. Realiza unha valoración crítica sobre as necesidades socias do ser humano dunhas 400 palabras aproximadamente. 139
Un tema que marca o desenvolvemento dos acontecementos na novela é a II Guerra Mundial. 1. Busca información sobre a II Guerra mundial e elabora un pequeno informe. 2. Define os termos de guerra e conflito bélico. 3. Cres que algunha guerra está xustificada? Cres que os motivos bélicos de hoxe en día son os mesmos motivos que noutras épocas? 4. Que consecuencias implica para un país estar en guerra? 5. Como foron os anos da posguerra en Galicia? Un tema presente na novela é o exceso e a soberbia. Vémolo no hotel Tranquilo, nas esmorgas dos clientes que alí se hospedaban. 1. O exceso prodúcese naquilo que supera o normal. En que se excedían os clientes do Tranquilo? 2. Cres que o estrago e o desperdicio dos alimentos pode estar nalgún caso xustificado? 3. Como é a repartición dos alimentos no planeta? É equitativa? 4. O sistema na produción de alimentos mudou nos últimos anos facendo que hoxe en día teñamos sobreprodución alimentaria, no entanto, o número de persoas que padecen grandes fames aumentou, como se explica isto ? 5. Como realizarías unha distribución alimentaria equitativa? Un tema que martiriza ao protagonista é que é marxinado, tanto polos compatriotas checos coma polos alemáns. Séntese perdido e que non pertence a ningún lugar. 1. Busca na novela o momento en que Ditie é marxinado polos checos e cando polos alemáns. Que sensación lle provoca isto? 2. Que é a marxinación social? En que casos se dá? 3. Como pode un marxinado social volver adaptarse ao sistema? Ou non pode? 4. Existe marxinación social en Galicia? En que sectores ou grupos de poboación? 5. A xente maior está considerada grupo de risco en canto á marxinación social, tendo en conta que Galicia rexistra un alto índice de poboación maior, cres que deberiamos tomar medidas preventivas? Como?
140