Gc019

Page 1

GuĂ­a de lectura

177


Ficha técnica

Título: Ano de publicación: Autora: Tradución: Editorial: Colección: n.º de páxinas: ISBN: Target:

Z

ONTE 2010 Agota Kristof Isabel García Fernández Rinoceronte Editora Contemporánea 104 978-84-936413-7-5 1º e 2º de Bacharelato.

A autora

Agota Kristof naceu en 1935 en Csikvánd, Hungría. En 1956 exiliouse a Suíza, onde traballou como obreira nunha fábrica antes de comezar a escribir en francés, a súa lingua de adopción. Autora de pezas de teatro que se estreaban en cafés ou se retransmitían pola radio, coñeceu o éxito coa súa primeira novela, O gran caderno, publicada en 1987, e que con A proba e A terceira mentira forma parte dunha triloxía traducida a máis de trinta linguas. Na súa cuarta novela, Onte, publicada en 1995, recrea, coma no resto da súa obra, cun estilo seco e sen circunloquios, un mundo marcado pola migración forzosa e a ausencia de esperanza.

178


'

A tradutora

Ademais do libro de Agota Kristof, Isabel García Fernández conta con varias traducións de diversos autores como Fantasía e realidade de Guy de Maupassant (Ir Indo Edicións); A posibilidade dunha illa de Michel Houellebecq (Rinoceronte Editora) e O xiro postal de Sembène Ousmane (Rinoceronte Editora).

Trama

Esta obra, indicada para rapaces que cursan bacharelato, protagonízaa Tobias Horvath, un home que vive exiliado nun país onde despois de dez anos aínda sente que é un inadaptado. Debido a un asunto escuro da súa infancia e por querer comezar do novo vive cun nome inventado, Sándor Lester, e traballa nunha fábrica de reloxos. O seu día a día implica un traballo autómata que o protagonista aborrece e un mínimo contacto cos seus compatriotas. Absolutamente desolado pola tristeza e a soidade, que lle vén marcadas xa desde neno, sobrevive día a día mesturando a realidade e a fantasía que rolda os seus pensamentos con pasaxes simbólicas e delirantes. Sándor vive cunha dualidade vital que o condena: a espera por un amor que non aparece e a condena de ser un escritor frustrado nunha lingua allea á súa. Todo cambia un día, no autobús de camiño ao traballo, cando recoñece a unha medio irmá que non vía desde a nenez. Pouco a pouco consegue establecer unha relación que alivia a súa soidade. Line, que ignora a súa relación de parentesco con el, está casada e ten unha nena pequena. Isto non impide que ambos os dous namoren e inicien unha relación condenada xa desde o principio. O final desta unión amorosa vén marcado polo intento de asasinato de Sándor ao home de Line. A cambio de non denunciar a Sándor, Line perde a custodia da súa filla. Tras todos estes acontecementos de infortunio; Line conclúe que Sándor o único que lle trae é desgraza e abandónao, regresando ao seu país natal. Sándor renuncia a volver ao seu país por mor de ser recoñecido e por crer que a única función que tería alí sería a de buscar a súa nai pros-

179


tituta perdida nalgunha rúa dalgunha cidade. O único que lle queda é renunciar ao amor; volver á soidade e á tristeza de pasar o resto dos seus días no traballo da fábrica e cunha muller á que odia e que non lle proporciona absolutamente nada. Preséntasenos un mundo no que o mañá é incerto, no que só persiste o vivido onte, o peso do pasado.

Personaxes 1 Personaxes principais TOBIAS / SÁNDOR Tobias é o principal protagonista da historia. A trama da novela xira arredor da súa vida, chea de desgrazas. É un personaxe marcado por un destino fatal do que non pode fuxir. De neno sofre todo tipo de penas debido á pobreza e á mala vida da súa nai. A súa personalidade vaise forxando no medio de fame, miseria e orfanatos. Acostumado á cara máis dura da vida, escolle a mentira para comezar nun novo país. Unha vida inventada e un nome falso non poden evitar que a desgraza volva formar parte da súa existencia. Todo isto crea en Tobias unha realidade paralela onde aparecen personaxes do máis pintoresco coma paxaros que morren cando el toca o piano, tigres que falan etc. CAROLINE Line é a segunda protagonista da trama argumental. Representa a esperanza de Tobias, a felicidade. O protagonista agárdaa durante toda a súa vida, sabe o seu nome pero non a súa cara; sabe que é a solución á súa desgraza. O que non agardaba é que fose a Line que el coñeceu na infancia, a súa medio irmá. Decátase de que é ela inmediatamente, cando a ve subir no autobús do traballo. O destino volve xogar con el colocándoa na súa vida durante dous anos e facendo caer sobre eles o peso do pasado e do infortunio. Non hai escapatoria, a pesar de seren felices xuntos Line déixao pola pobreza do seu pasado e por como vive no presente. Nunca soubo que compartían o mesmo pai.

2 Personaxes secundarios (época Tobias) ESTHER Esther é a nai de Tobias. É unha muller pobre, sen moitos escrúpulos que se deita cos homes da vila a cambio de comida. Ignora o seu fillo e o único que quere é que medre para que comece a traballar e poida así meter cartos na casa. Tobias di que sente indife180


renza cara a ela, cousa que se contradí co intento de asasinato dos seus pais. Realmente odiábaa por non ter coidado del mentres era un cativo. SÁNDOR Sándor é o pai de Tobias. É o mestre da vila e o encargado da educación de Tobias. A pesar de ser fillo ilexítimo quere facerse cargo del e pagarlle os estudos. Sándor ten outros tres fillos froito do seu matrimonio; un deles é Caroline, a quen o noso protagonista coñece na escola. Nun principio Tobias non o odia coma aos demais labregos porque se porta ben con el, pero un día escoita unha conversa que os dous teñen no cuarto e dáse conta de que é o seu pai. Enlouquecido intenta matalo, primeiro a el e tamén a ela. Mostra aquí xa o protagonista os primeiros indicios dos seus problemas psicolóxicos que ata o de agora semellaban non existir. Tobias descobre, moitos anos despois falando con Line, que o seu pai non morreu, segundo ela o seu pai fora atacado por un mendigo e que a súa nai conseguira curalo. É simbólico que no seu novo nome Tobias escolla o do seu pai.

3 Personaxes secundarios (época Sándor) YOLANDE É a moza de Sándor no país do exilio. Está caracterizada de forma bastante despectiva, intentando demostrar os sentimentos do protagonista cara a ela. Non lle gusta nin o seu físico nin a súa forma de ser, a pesar diso Sándor está con ela porque mitiga a súa soidade. O final da historia é un final triste e miserento, un final do que Yolande tamén forma parte. Sándor acaba casando con ela e tendo dous fillos, Line e Tobias. EVA/ÉVE Eva é unha muller que traballa no Tribunal onde Sándor vai de cando en vez para facer de tradutor. Nin sequera manteñen unha relación, trátase dunha aventura por parte dela e da busca da idílica “Line” por parte del. Representa a obsesión de Sándor por atopar unha muller que non existe. COMPATRIOTAS IVAN É un compatriota de Sándor que resulta culpable nun xuízo onde Sándor exerce de tradutor. Representa a desgraza e a miseria do exiliado na súa cara máis amarga, condenado á cadea por roubar para poder comer a súa familia.

181


VÉRA, KATI E PAUL Estes tres personaxes forman un triángulo estraño que non se descobre ata case ao final da novela. Véra e Kati son irmáns e Paul é o home de Kati. Paul convértese nun dos poucos amigos de Sándor. Coma o personaxe anterior, a desgraza tamén cae sobre estes tres personaxes co suicidio de Véra, que estaba namorada do home da súa irmá. JEAN Jean forma parte deste grupo de exiliados que non son quen de fuxir da desgraza. Non atopa traballo, mendiga e busca comida na casa de Sándor. Convértese nun compañeiro de miserias de Sándor.

Espazo e tempo Ao longo da obra non hai unha referencia específica real nin do tempo nin do espazo. A pesar disto, a autora ofrécenos datos abondo para intuír en que período se desenvolve a novela. respecto do tempo, a obra ambiéntase a mediados do século xx, fundamentalmente pola correspondencia que a vida do protagonista ten coa vida real da autora. Agota Kristof emigrou da súa Hungría natal en 1956 e observando todas as semellanzas que se dan na obra vemos que tamén se dá a do tempo. Ademais disto, na retrospección á infancia falan de miserias, fame e guerra. Este período correspóndese co período comunista establecido despois da II Guerra Mundial en Hungría. A autora emigrou a Suíza e traballou nunha fábrica de reloxos; igual que o protagonista, que non di que foi a Suíza, pero si que traballou nunha fábrica de reloxos. A partir da II Guerra Mundial Suíza converteuse nun país de grande acollemento de exiliados, en parte debido ao seu papel “neutral” durante o período bélico. Desde 1950 ata 1970 o piar económico fundamental de Suíza era o sector industrial, superado a partir de 1970 polo sector servizos. Respecto do espazo, tanto o país de orixe coma o país de acollida poderían ser calquera país aniquilado economicamente tras a II Guerra Mundial e un país de exilio coma, neste caso Suíza, que se mantivese á marxe da guerra e que non sufrise as súas consecuencias. Igual que acontece co tempo da novela, o espazo está vinculado co espazo real da vida da autora, é dicir, Hungría e Suíza.

182


;

Propostas didácticas

1 ANÁLISE PREVIA a) Observa quen é a autora do libro. Coñeces a súa obra? Le a información que nos ofrece o libro sobre ela e elabora un pequeno informe sobre a súa vida e a súa bibliografía. Podes axudarte de internet. b) Le o título da obra, que che suxire? Que temas cres que se van tratar? c) Elabora a túa propia historia baseándote na sinopse que aparece na contraportada do libro. Unha vez rematada a lectura compara a túa historia coa do libro, son semellantes? en que coinciden e en que difiren? d) A obra é unha tradución. Consideras que é igual unha tradución que unha obra orixinal en literatura? Cal é o papel que desempeña o tradutor?

2 ANÁLISE DURANTE A LECTURA DA OBRA Comprensión lectora Poema de apertura a) Cal é o tema do poema? b) Crea unha cita introdutoria que podería substituír o poema. Podes buscar citas doutros escritores que se adecúen ao tema. c) Que función ten? A fuxida a) Que representan, na túa opinión, o tigre, os paxaros e o piano? b) “Así foi como morrín”. Que che suxire esta frase? c) Por que ridiculiza a descrición de Yolande? A mentira a) “De todas as miñas mentiras, esta é a máis divertida”. Que cres que significa esta frase? b) Volta á infancia: 183


- Que opinión che crea a verdadeira historia do protagonista? - Realiza unha análise do único personaxe que non era labrego. - Cal é a actitude da nai ante a proposta do mestre? - Onde comeza e onde remata a retrospección? Cres que está ben enfiada coa trama argumental? Penso a) Escolle unha destas tres frases para facer unha valoración crítica: “ Ningún de nós podería montar un reloxo completo”. “Hai milleiros de Yolandes polo mundo”. “Despois de dez anos aínda son un estranxeiro para eles”. O paxaro morto a) Que significa, na túa opinión, a historia do paxaro morto? b) Que características lle atribuirías ao personaxe de Jean? Eles a) Quen son eles? Que simbolizan? b) Por que cres que aparece Line? c) Por que non casa con Sándor? Que opinión crítica che suxire a actitude de Line? A chuvia a) Que cambio se manifesta en Sándor respecto aos outros capítulos? b) Que acontece con Line e Sándor? Cal é o motivo do final da súa relación? Os viaxeiros do barco a) Por que volven os paxaros á narración? b) Quen é ese paxaro? Que simboloxía ten?

184


3 ANÁLISE TRAS A LECTURA Propostas didácticas de carácter global 3.1 A obra a) Elabora unha valoración crítica pormenorizada da obra. b) Que che pareceu a trama argumental? c) Cres que é unha novela ben estruturada? d) Que che parecen os personaxes? Están ben caracterizados? Quen son os personaxes principais? E os secundarios? e) Cal cres que é o tema fundamental da obra. E os temas secundarios? f ) Que relación existe entre a historia de Tobias e a historia da propia autora? Que semellanzas atopas? g)Comentario de texto: Dous anos despois de marchar Caroline naceu a miña filla Line. Un ano máis tarde naceu o meu fillo Tobias. Deixámolos na gardería pola mañá. Recollémolos pola noite. A miña muller, Yolande, é unha nai exemplar. Sigo a traballar na fábrica de reloxos. Na primeira vila ninguén sobe no autobús. Deixei de escribir. 1. Por que lles chama aos seus fillos Line e Tobias? Porque son os nomes que representarían a súa felicidade. O seu amor imposible e frustrado e o seu verdadeiro nome. Representan unha forma de conservar o amor que eles tiveron, o fermoso e marabilloso antes de ser truncado pola desgraza acaecida. 2. Por que di que Yolande é unha nai exemplar? A súa miseria levouno a casar coa muller equivocada, coa muller que o protagonista aborrecía. Di que é unha nai exemplar como marca de resignación. Non pode fuxir do destino e, polo tanto, resígnase sen vontade a casar e ter fillos cunha muller que non ama. 3. Que significa “sigo a traballar na fábrica de reloxos”? Significa o fracaso. A frustración de non poder vivir como escritor e ter que traballar nunha fábrica realizando un traballo absolutamente autómata e indigno. Necesita traballar nesa fábrica amargado para poder manter unha familia que non quere; é a derrota e a frustración en si mesma.

185


4. Analiza a frase “na primeira vila ninguén sobe no autobús”: Refírese a que Caroline xa non está, xa non sobe nesa parada. A súa ausencia indica o final do seu amor, o rexeitamento dunha vida feliz. A perda da esperanza porque antes agardaba a Line; agora xa non agarda a ninguén. 5. Que simboliza a derradeira frase do parágrafo e da novela? Simboliza a redención, o abandono de toda esperanza para ser feliz. Xa non intenta escribir porque xa non pretende ser escritor. O único que lle queda é manterse e sobrevivir ata o final da súa vida, marcada por un destino totalmente desgraciado. 3.2 Os temas transversais Na novela atopamos varios temas que vertebran o eixe fundamental do argumento: un dos máis importantes é o tema do exilio. 1. Que significa exilio? 2. É o mesmo exilio que emigración? 3. Que problemas de adaptación manifesta o protagonista da novela? Cres que hoxe en día acontece o mesmo? 4. A autora condena á desgraza a todos os personaxes exiliados. A que cres que se debe? É esta condena un espello da realidade? Outro dos temas importantes da obra é a pobreza infantil, pois é a causa fundamental pola que o protagonista sofre problemas psicolóxicos que marcan a desgraza do seu destino. 1. Que é pobreza infantil? 2. En que condicións viviu Tobias durante a súa infancia? En que países acontece o mesmo? Cres que só nos países subdesenvolvidos existe a pobreza infantil? 3. De quen cres que é responsabilidade este problema? Cres no labor das ONGs? Ademais da pobreza, o personaxe queda marcado polo completo abandono da súa nai cara a el. 1. Que actitude mantiña a nai de Tobias con el? A que cres que se debe ese abandono polo coidado do seu fillo? 2. Cres que existe relación entre pobreza e abandono? 3. Que función cumpren hoxe en día os traballadores sociais? 4. Entra na páxina www.traballosocial.org , na sección de FÍO DIRECTO e preme en Profesión. Atoparás toda a información que precises sobre estes profesionais. Re-

186


aliza despois unha recensión sobre “O valor do traballo social” dunhas 400 palabras aproximadamente. Outro tema importante é a discriminación de clase social. O clasismo de Line impide que Sándor escape da súa desgraza e comece a ser feliz. 1.Que é a discriminación de clase? Que outros tipos de discriminación coñeces?Explícaas. 2. A que cres que se debe o comportamento de Line? Cres que hoxe en día seguen dándose este tipo de discriminacións? 3. Cal sería a solución para evitar a discriminación? Realiza varias propostas. 4. Analiza as diferentes idades históricas e observa se houbo ou non discriminación de clase social nas idades anteriores á nosa. Cres que evolucionamos de forma positiva cara a súa erradicación? A frustración do protagonista vén dada pola súa impotencia á hora de escribir nunha lingua que non domina. 1. Por que escribe na lingua do país de exilio? Que consecuencias lle ocasiona? 2. Cres que existe a discriminación lingüística por parte de autores de linguas non tan estendidas? 3. É favorable para as linguas minorizadas este tipo de práctica? 4.Pode existir unha lingua sen literatura?

187


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.