Gc021

Page 1

GuĂ­a de lectura

201


Ficha técnica

Título: SKUGGA-BALDUR Ano de publicación: 2009 Autor: Sjón (Sigurjión Birgir) Tradución: Elías Portela Fernández Editorial: Rinoceronte Editora Colección: Contemporánea n.º de páxinas: 116 ISBN: 978-84-936413-9-9 Target: 1º e 2º de Bacharelato. Premio de Literatura do Consello nórdico no ano 2005 Nominada ao Premio de Ficción Estranxeira do xornal británico The Independent

Z

O autor

Sigurjón Birgir Sigursson (Reykjavík,1962), coñecido como Sjón, é un dos autores máis consagrados da literatura islandesa contemporánea. Comezou a carreira literaria co libro de poemas Sýnir (Visións) aos 16 anos e foi un dos fundadores do grupo neosurrealista Medúsa en 1979, converténdose nunha das figuras máis innovadoras do panorama intelectual. Publicou 11 libros de poemas e 7 novelas, ademais dalgunha incursión na música, no cinema, na ópera e realizadas diversas obras infantís. Con todo, internacionalmente é máis coñecido por compoñer a letra dalgunhas das cancións da cantante Björk, entre elas o tema "Oceania", realizado para a apertura dos Xogos Olímpicos de Atenas, e por ser coautor da banda sonora do filme Dancer in the Dark, de Lars von Trier, nominada aos premios Oscar e Golden Globe. As súas novelas Augu þín sáu mig (Os teus ollos víronme) e Með titrandi tár (Con bágoas tremelicantes) recibiron o premio cultural do diario islandés DV, e Argóarflísin (A estela do Argos), á súa vez, o premio á novela do ano da Asociación de Libreiros.

202


'

A tradutora

Ademais do libro de Sjión, Elías Portela Fernández conta con varias traducións de diversos autores como Anxos do Universo de Einar Már Gudmundsson (Rinoceronte Editora); Saga dos groenlandeses; Saga de Erik o Roxo (Rinoceronte Editora) e conta tamén coa publicación dos seus propios poemarios Imaxes na pel (Edicións Morgante) e Cos peitos desenchufados (Edicións Barbantesa). A pesar da súa orixe galega; Elías Portela está considerado como un dos poetas novos máis importantes da lingua islandesa.

Trama

Esta obra, indicada para rapaces que cursan Bacharelato, relata dúas historias que conflúen a través de retrospeccións temporais e que semellan non ter relación ata ao último capítulo. A historia principal da trama argumental relata como Fridrik B. Fridjónsson, un rapaz que vivía en Dinamarca regresa ao seu país natal, nas illas Feroe, tras a morte inesperada dos seus pais. A súa idea era a de vender a granxa de Brekka, en Dalur, e volver ao seu país, pero todo cambia cando chega e observa un barco varado que sufriu un naufraxio diante da costa de Dalur. Toda a xente da aldea se alegrou moito deste naufraxio porque o barco estaba cheo de barrís de aceite. A sorpresa chegou cando atoparon nun recanto da popa a unha rapaza en condicións pésimas amarrada cun grillón de ferro polo nocello. Esta rapaza era Abba, salvaxemente violada e maltratada polos mariñeiros do barco, tiña síndrome de Down; unha enfermidade descoñecida naquela época. Fridrik descóbrea, por casualidade, encerrada nun cortello. Tras varias voltas Abba remata cunha familia que non quere facerse cargo dela. Inmediatamente, Fridrik libéraa e lévaa con el á granxa. Ambos os dous inician unha relación fraternal. Acaban recluídos e marxinados da aldea por culpa do novo reverendo Baldur Skuggason. En 1883, dezasete anos despois da súa chegada, Abba morre en Brekka. Fridrik négase a entregarlle o corpo ao reverendo Baldur e crea un engano para que todo o mundo pense que Abba está no cemiterio, aínda que realmente está soterrada na granxa. A historia paralela á de Abba e Fridrik conta como o reverendo Baldur vai de cacería. Explica con detalle os pasos do reverendo tras do raposo pardo e como consegue cazalo. Tras o tiro de escopeta desencadéase unha avalancha moi forte que envolve ao

203


reverendo e o arrastra monte abaixo. Empurrado pola neve acaba metido nunha cova. Está gravemente ferido. Tras varios días encerrado nese buraco comeza a delirar e a ter conversas co raposo. Tolea de vez seis días despois, íspese, úntase coa graxa do raposo e pon a súa pelica por riba. Crendo que é un auténtico raposo desaparece entre as montañas perseguindo unha raposa. O libro remata cunha carta reveladora de Fridrik a un amigo. Esta carta explica a morte de Abba, a desaparición de Baldur e descobre que o propio reverendo é o verdadeiro pai de Abba, vendera a rapaza a cambio dunha escopeta vella e unha bolsa de perdigóns.

Personaxes 1 Personaxes principais FRIDRIK B. FRIDJÓNSSON Fridrik é un dos principais protagonistas da historia. É quen leva a cabo toda a acción dunha das historias da novela. Chegou a Dalur despois duns anos en Dinamarca. Este herborista de trazos ingleses é o encargado do coidado de Abba. Rescátaa do cortello onde estaba presa e ofrécelle unha vida digna. Representa a bondade e a solidariedade. O seu carácter bondadoso continúa tras a desaparición de Abba, pois decide "adoptar" o criado babeco do reverendo. Renuncia á súa carreira e á súa vida en Dinamarca para coidar a Abba. ABBA / HAFDÍS JÓNSDÓTTIR Abba é a segunda protagonista da trama argumental. Coñecemos a súa historia a través das retrospeccións temporais que nos ofrece Fridrik, pois a historia comeza o día da súa morte. Representa a desgraza de ser diferente, a condena do ser humano que está enfermo nunha época de incomprensión. Maltratada polo home, Abba consegue superar a dor a través da súa inocencia. A pesar de todo o sufrimento que lle tocou vivir non dubida en ofrecerlle o seu amor a Fridrik. Sofre a crueldade, a maldade e a cara máis dura do ser humano que a marxina por ter síndrome de Down. Fridrik consegue que os seus últimos anos sexan felices, demostrando que non é tan diferente como o resto da vila pensa. BALDUR SKUGGASON O reverendo Baldur protagoniza a segunda historia que cursa paralela á historia de Abba.

204


É un home duro, serio e cruel. Cando chegou á vila botou a Abba da igrexa por cantar mal, fíxose dono do monopolio da caza de raposos en Dalur, ademais de mallar nos fregueses se se portaban mal na igrexa. O cumio da súa crueldade descubrímolo na carta final, onde Fridrik explica a orixe de Abba. Un home que vende a súa filla a cambio dunha escopeta. Toda esta maldade está representada na historia da cacería, no final que o destino lle ten preparado. Remata os seus días só, ferido e trastornado mentalmente. O título a obra fai referencia a un ser da mitoloxía nórdica que perseguía o gando. O skugga-baldur cazaba na sombra, era temido. O reverendo case leva o mesmo nome ca o ser mitolóxico, e as súas semellanzas van máis alá ca o simple xogo de palabras. O reverendo tamén era temido, visto coma un ser cruel, cazador. Paradoxalmente tamén morre na sombra.

2 Personaxes secundarios HÁLFDÁN ATLASON É o axudante "babeco" do reverendo. Aparece na historia cando vai recoller o corpo de Abba á granxa de Brekka. O seu papel dentro da novela non é fundamental, pero é significativo que Fridrik se faga cargo del cando desaparece o reverendo, porque reafirma a personalidade de Fridrik de axudar aos demais. SÖLVI HELGASON Este personaxe aparece na carta de Fridrik. É quen descobre a verdadeira historia de Abba e o reverendo. A través del sabemos como foi a vida de Laufey antes de se converter en Abba. Aparece na novela coma un buscavidas, pero realmente está nesa situación por culpa do home, o autor non explica por que. RAPOSO Este é un personaxe simbólico, que non pode encadrarse coma un personaxe propiamente dito, mais é inevitable a súa mención, dada a importancia que ten. Aparece na historia da cacería canda o reverendo Baldur, poderiamos incluso dicir que son dous elementos configurados nun só. O raposo representa, dalgún xeito, a xustiza. Tras conseguir meternos no corpo a tensión da persecución do cazador, desencadéase un final arrepiante. A morte do raposo implica a desgraza de Baldur, a súa morte. Coa morte do raposo o destino fai xustiza.

205


Espazo e tempo Na novela de Sijón temos ben marcados e diferenciados tanto o espazo coma o tempo. O espazo principal onde se desenvolve a novela é Dalur, unha aldea pequeniña situada nas illas Feroe. Aparecen tamén os seus arredores como a granxa apartada onde vivían Fridrik e Abba, que estaba en Brekka ou os montes Ashéimar, onde o reverendo realizou a súa derradeira cacería. Na retrospección da vida de Fridrik tamén se menciona Dinamarca, porque era o país onde el vivía antes de regresar a Dalur. O tempo da novela aparece ben marcado debido aos títulos dos capítulos. Cada título é unha data que indica o tempo da acción que se desenvolve no capítulo. A trama principal desenvólvese entre o 8 e o 17 de xaneiro de 1883. A novela está articulada de forma complexa de modo que o tempo non é linear, senón que avanza e retrocede segundo a historia que relate: o primeiro capítulo desenvólvese entre o 9 e o 11 de xaneiro de 1883, correspóndese co inicio da cacería do raposo. O segundo sitúase uns días antes, desenvólvese entre o 8 e o 9 de xaneiro. Relata a morte de Abba e a súa historia. O terceiro capítulo segue o primeiro; é dicir, entre o 11 e o 17 de xaneiro, porque relata como remata a cacería. O último capítulo desenvólvese dous meses despois, cando Fridrik lle escribe a un amigo e lle conta todo o acontecido en xaneiro. Liña cronolóxica:

ANO 1883

Historia de Abba Historia de Baldur

8/9 de xaneiro

10/11 de xaneiro

11/17 de xaneiro

23 de marzo Carta ao amigo de Fridrik. Capítulo II

Morte de Abba. Retrospección ao ano 1868. Capítulo II Comezo da cacería. Remate da cacería. Capítulo I Capítulo III

No capítulo II prodúcense dúas grandes retrospeccións: unha ao ano 1868, ano onde aparece Abba. A outra non especifica o ano pero fai referencia á xuventude de Fridrik; á súa estancia en Dinamarca catro anos antes de regresar a Dalur, é dicir, estariamos falando de 1864.

206


;

Propostas didácticas

1 ANÁLISE PREVIA a) Observa quen é o autor do libro. Coñeces a súa obra? Le a información que nos ofrece o libro sobre el na lapela interior e elabora un pequeno informe sobre a súa vida e a súa bibliografía. Podes axudarte de internet. b) O título da obra fai referencia a unha voraz criatura da mitoloxía nórdica. Busca información sobre o skugga-baldur e descubre a historia que xira arredor del. Unha vez lida a novela realiza unha recensión sobre a relación do título co contido da novela. Con quen ten semellanza? c) A obra é unha tradución. Cal é o papel que desempeña o tradutor?

2 ANÁLISE DURANTE A LECTURA DA OBRA Comprensión lectora I (9-11 de xaneiro de 1883) a) Que se desenvolve neste capítulo e onde? b) Que dous personaxes fundamentais aparecen? Que relación teñen? c) Que intúes que pasou ao final? II (8-9 de xaneiro de 1883) a) Quen é Hálfdán e por que vai a Brekka? Como está caracterizado? b) Que di a carta? Que significado ten o P.S. (post scriptum)? c) Que ocorre no ano 1868? d) Por que a enterra no arboredo? III (11-17 de xaneiro de 1883) a) "Oíde o home". Que cres que significa esta frase? b) Que lle ocorre ao reverendo Baldur? c) Que imaxes delirantes aparecen despois da caída? Que significan? d) Describe os días do reverendo na cova. Elabora unha pequena redacción crítica sobre o final. Que cres que significa?

207


IV (23 de marzo de 1883) a) Realiza unha análise da carta. Que cres que é o máis significativo do que se di nela? b) Observa o dicionario de Abba. Por que cres que falaba así? c) Que opinas da verdadeira historia de Abba?

3 ANÁLISE TRAS A LECTURA Propostas didácticas de carácter global 3.1 A obra a) Elabora unha valoración crítica pormenorizada da obra. b) Que che pareceu a trama argumental e a forma de mesturar as dúas historias? c) Comenta a estrutura da novela d) Que che parecen os personaxes? Están ben caracterizados? Quen son os personaxes principais? E os secundarios? e) Cal cres que é o tema fundamental da obra. E os temas secundarios? f ) Que relación existe entre a historia de Abba e a historia do reverendo? g) Comentario de texto: Moitos anos máis tarde, Sölvi volveu pasar pola granxa onde vivía Laufey. Alí as cousas seguiran un vieiro terrible: a nai quitárase a vida con veleno e o pai vendéralle-la rapaza a uns mariñeiros estranxeiros, e el mesmo ía marchar para o seminario. Ese desgraciado era Baldur Skuggason, daquela diácono da parroquia de Höfdi; e a cambio da súa filla de doce anos déranlle unha escopeta vella e unha bolsa de perdigóns. 1. Quen é Laufey? Laufey é Abba e é Hafdís. Laufey representa a Abba da nenez, a verdadeira identidade desa persoa, a pesar de que esa verdadeira identidade implica un destino cruel e salvaxe. Laufey era incomprendida, marxinada e mesmo chega a ser mercancía para o seu pai. Abba representa o novo comezar, a compaixón e a solidariedade. 2. Por que cres que se desencadeou tal desgraza na familia Laufey? Desencadeouse porque o pai de Laufey, Baldur, era un home cruel. Probablemente amargou a vida da súa muller ata que chegou a suicidarse, ademais de maltratar a súa filla, con síndrome de

208


Down. A nena estaba completamente incomprendida e desamparada, chegou a ser un estorbo para Baldur, que quería marchar para facer a súa vida no seminario. Non tivo reparo en vendela, sabendo que os mariñeiros non farían nada bo con ela. 3. Por que vendeu a súa filla? Porque a vía como un atranco na súa carreira relixiosa, como estaba enferma nin sequera a vía como unha persoa, polo que non tivo problema en vendela, coma se fose unha ovella ou unha vaca. 4. Analiza a frase “a cambio da súa filla de doce anos déranlle unha escopeta e unha bolsa de perdigóns”. Representa a crueldade feita persoa. Primeiro porque ve a súa filla coma un animal que non merece respecto nin coidado, e segundo porque a dignidade de Abba queda lastrada de todo cando a cambia por unha escopeta vella e uns perdigóns. Demostra que non vale absolutamente nada para el. 3.2 Os temas transversais Na novela atopamos varios temas que vertebran o eixe fundamental das dúas historias: o tema fundamental de ambas as dúas é a incomprensión. A desgraza de Abba vén marcada pola súa enfermidade, unha enfermidade que a finais do século XIX só era coñecida en ámbitos moi específicos de medicina xenética. No ano 1866 xa se lle outorgara o nome de "Síndrome de Down", pero non é ata case un século despois, en 1958, cando se coñece con máis rigor e amplitude as características desta enfermidade. 1. Que significa incomprensión a nivel social? 2. É o mesmo incomprensión que marxinación? 3. Que problemas de incomprensión social sofre Abba, unha das protagonista da novela? Cres que hoxe en día acontece o mesmo? 4. Hoxe en día temos moitos datos sobre esta enfermidade. Busca na rede información e elabora un informe detallado sobre esta síndrome. 5. A época e o espazo onde está ambientada a novela fan que os habitantes de Dalur vivan á marxe e illados do que acontece no resto do mundo. Cres que é xustificada a súa forma de actuar con Abba? Na historia de Baldur temos unha descrición polo miúdo da forma de cazar naquela época, dos medios que posuían. Un tema que aparece, polo tanto, na novela é a loita do home contra un medio hostil. 1. Que medios de supervivencia cres que posuían en Dalur nesa época? 2. Cres que vivían en condicións duras ou, pola contra, que tiñan o preciso para vivir? Que condicións climatolóxicas se dan nas illas Feroe? Realiza a resposta a través da información que che ofrece o autor na novela. 209


3. Ademais da caza do raposo, nas illas Feroe é típica a pesca de baleas. Cres que estaba xustificada a este tipo de pesca naquela época? E hoxe en día? 4. Esta xustificada hoxe en día a caza de animais? Outro tema importante é a solidariedade. Fridrik renuncia a todo por unha rapaza que non coñece. 1. En que consiste a solidariedade? Por que Fridrik mostra un comportamento solidario? 2. O personaxe de Fridrik representa a bondade e o de Baldur a crueldade. Ambos os dous xiran arredor dunha mesma persoa. Elabora unha comparación entre estes dous personaxes e o seu significado na novela. 3. Que mostras de solidariedade coñeces hoxe en día? A través que ou quen se levan a cabo? 4. Elabora unha recensión dunhas 400 palabras sobre os valores humanos. Un dos protagonistas é un reverendo. A relixión cobra importancia na figura de Baldur Skuggason. 1. Cres que ten relación a caracterización do personaxe coa súa profesión? 2. Pensas que é paradoxal o que predí o reverendo no oficio e como actúa na súa vida persoal? 3. Que papel representa a relixión nunha aldea afastada das illas Feroe naquela época? 4. Cres que hoxe en día segue tendo a mesma vixencia? 5. Unha vez analizado o personaxe do reverendo, que opinión cres que ten o autor da igrexa?

210


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.