Gc022

Page 1

CONTEMPORÁNEA

GÖTZ E MEYER David Albahari Tradución de Jairo Dorado Cadilla

Guía de lectura

211


Ficha técnica

Título: Ano de publicación: Autora: Tradución: Editorial: Colección: n.º de páxinas: ISBN: Target:

Z

GÖTZ E MEYER 2010 David Albahari Jairo Dorado Cadilla Rinoceronte Editora Contemporánea 135 978-84-92866-01-4 1º e 2º de Bacharelato.

O autor

David Albahari (Pec, Kosovo, 1948) está considerado un dos principais autores vivos en lingua serbia. Os seus relatos curtos e novelas posúen un ferido carácter autobiográfico, pois para Albahari as experiencias persoais son o mellor xeito de entender o mundo, aínda que isto implique unha percepción subxectiva del. De orixe xudía sefardí, actuou como presidente da Federación Xudía de Iugoslavia a comezos dos anos 90 e coordinou a evacuación dos xudeus de Saraievo. Foi, ademais, un dos primeiros en presentar unha petición pública para a legalización da marihuana en Iugoslavia. Residente no Canadá dende hai máis de 15 anos, Albahari pertence á xeración que poderiamos denominar "iugoslava", cidadáns nacidos e criados nun estado que remataría desaparecendo. Verteu ao serbio obras de Vladimir Nabokov, John Updike e Sam Shepard. Amplamente traducido a varias linguas europeas, recibiu os principais galardóns literarios do seu país. Pertence á Academia Serbia das Ciencias e das Artes (SANU).

212


'

O tradutor

Jairo Dorado conta con varias traducións ademais de Götz e Meyer. Traduciu Como se non existise de Slavenka Drakulic (Edicións Xerais de Galicia), A ponte sobre o Drina de Ivo Andric (Rinoceronte Editora), O tradutor cleptómano de Dezsö Kosztolányi (Rinoceronte Editora) e Unha tumba para Boris Davidovich de Danilo Kis (Rinoceronte Editora).

Trama

Nesta novela relátasenos unha historia onde conflúen varias almas dentro dun mesmo personaxe. O narrador e protagonista, do que o autor non nos ofrece o nome, relata un conflito existencial que o amarga e o desacouga. Este profesor de literatura iugoslava decide buscar todos os datos precisos para configurar a súa árbore xenealóxica, pois cre que completando o seu pasado será quen de atopar o seu presente. O narrador busca información a través da varias vías: fala cun primo senil que só lle dá algúns nomes a cambio duns bombóns, envía miles de cartas a parentes afastados que viven noutros países coma Arxentina, Australia, Israel e América, dos que nunca obtén unha resposta, visita con frecuencia o museo de Historia xudía de Belgrado e a Biblioteca pública municipal. Pouco a pouco vai configurando un pasado que se mostra realmente aterrador. A maior parte da súa familia fora aniquilada na II Guerra Mundial. Primeiro os homes, no chamado "holocausto por bala", e despois as mulleres, os nenos e os anciáns, asfixiados na parte traseira dun camión cos gases do tubo de escape. Esta arrepiante información crea no protagonista un conflito onde vemos continuas retrospeccións a esas viaxes no camión Saurer durante os anos 1941 e 1942, e onde se mete dentro da pel de dous dos soldados alemáns que conducían un destes camións: Götz e Meyer. O protagonista fala moitas veces con eles e mesmo chega a converterse nalgún deles en varias ocasións, non coñece os seus rostros, non coñece as súas vidas, el

213


imaxínaas grazas á información que lle ofrecen uns telegramas enviados nesta época, onde indican que estes dous soldados serían os encargados de aniquilar centos de xudeus desde o campo de concentración da Feira Internacional de Belgrado ata Jajinci, lugar onde enterrarían os corpos inertes do camión. A trama argumental conflúe entre as clases do profesor, as viaxes de Götz e Meyer no camión e a historia de Adam, un rapaz parente seu que logrou esquivar a morte no camión cunha máscara antigás. Ao chegar a Jajinci, Adam, desorientado, intenta saír por riba dos corpos inertes dos demais xudeus, pero un soldado alemán mírao e asasínao cun disparo mortal. Götz e Meyer, a pesar de seren os auténticos executores do exterminio, son caracterizados polos protagonista coma os anxos salvadores da aniquilación. Ao final deste relato, o protagonista non distingue o real do imaxinario e unha vez desbotada a idea do suicidio, estámpase unha noite contra unha parede pensando que alí están agochados Götz e Meyer.

Personaxes 1 Personaxes principais NARRADOR / PROTAGONISTA O protagonista absoluto desta novela é un profesor de literatura iugoslava que busca información dos seus antepasados xudeus. O protagonista descobre que parte da súa familia fora aniquilada durante a guerra dunha forma arrepiante: gaseados na parte traseira dun camión. A incomprensión destas atrocidades quizais son a causa da tolemia do profesor, que divaga pola cidade falando cos condutores dese camión, Götz e Meyer, e mesmo meténdose na súa pel. O protagonista comparte moitos trazos en común co autor, poderiamos dicir que se trata dunha novela autobiográfica, pois parte da familia do autor foi exterminada como el relata na novela, pero o protagonista conta na novela que ten cincuenta anos, e este dato non se corresponde coa idade real de David Albahari. WILHEM GÖTZ E ERWIN MEYER Foron os dous suboficiais alemáns encargados da tarefa de conducir os presos xudeus ao seu exterminio mentres ían de camiño a Jajinci, introducindo o tubo de escape, coas emisións de monóxido de carbono, dentro da parte traseira do camión Saurer que condu-

214


cían. O protagonista só coñece con certeza os seus nomes e que eran os encargados desta tarefa, mais as súas pantasmas semellan coarse dentro do narrador e provocarlle certo sentimento de admiración e respecto, pois o protagonista caracterízaos de forma positiva. 2 Personaxes secundarios UNTERSTRUMFÜHRER ANDOFER Foi o oficial que controlaba as accións de Götz e Meyer no exterminio dos xudeus de Serbia. Un ex xerente de hotel que nese momento exercía de comandante responsable desta operación. Case sempre estaba cos presos serbios vixiando o enterramento dos cadáveres asfixiados. STANDARTENFÜHRER EMANUEL SCHÄFFER Schäffer foi o xefe da policía alemá, que permanecía en contacto con Andofer neste operativo. Antes da guerra era Doutor en Dereito. Tanto Andofer coma Schäffer eran os xefes e responsables de Götz e Meyer. ADAM É o fillo bastardo dunha muller chamada Matilda que morreu en 1929 e da que só se sabe que era parente do protagonista. Adam, con trece anos e a punto de facer o Bar Mitzva é apresado no campo da Feira Internacional. Grazas á súa intuición adiviña o que ocorre dentro dos camións e consegue unha máscara antigás. A máscara non lle serviu de moito cando un soldado alemán lle disparou en canto saíu do camión. ALUMNOS Tampouco o autor nos ofrece ningún nome sobre os alumnos do protagonista, vemos que na excursión que realizan facendo o percorrido do camión, todos se ven moi afectados. O protagonista séntese satisfeito ao ver neles que a memoria histórica do Holocausto non caerá no esquecemento.

Espazo e tempo O espazo e o tempo veñen moi ben definidos debido á historia da novela, que se basea nun acontecemento histórico verídico que aconteceu nun lugar e nun tempo

215


concreto. O espazo desenvólvese na cidade de Belgrado, en Serbia. No libro temos dúas versións diferentes, unha cidade marcada pola guerra, derruída, e a mesma cidade cincuenta anos despois, renovada e reconstruída, mesmo cunha parte nova que o narrador denomina Nova Belgrado. Os lugares máis importantes que se mencionan na obra son a Feira Internacional, convertida nun campo de concentración nazi e Jajinci, lugar antes apartado da civilización e que utilizaban como foxa común onde enterrar os cadáveres. Hoxe en día estes lugares seguen existindo e manteñen o matiz simbólico que adquiriron durante a guerra. O nome do país tamén mudou, o que durante a guerra era Iugoslavia hoxe está configurado por seis países e un aínda en disputa. (Bosnia e Herzegovina; Croacia; Eslovenia; Macedonia; Montenegro e Serbia; o país en disputa é Kosovo, recoñecido como independente só por algúns países). A acción da novela desenvólvese en Belgrado, hoxe capital de Serbia. Respecto o tempo, temos moi marcada a retrospección da novela con moitas datas que o narrador introduce grazas aos datos que atopa na documentación escrita. O exterminio dos xudeus serbios coas viaxes do Saurer desenvólvense entre o dezaseis de abril de 1941 e maio de 1942 (páx. 30). A acción da novela desenvólvese cando o profesor xa é adulto e conta cuns cincuenta anos, se temos en conta que era un neno moi pequeniño cando aconteceu o exterminio, debemos estar agora a mediados da época dos noventa, aproximadamente. A obra foi escrita no ano 1998.

;

Propostas didácticas

1 ANÁLISE PREVIA a) Observa quen é o autor do libro. Coñeces a súa obra? Le a información que ofrece o libro sobre el e elabora un pequeno informe sobre a súa vida e a súa bibliografía. Podes axudarte de internet. b) Esta obra é unha tradución. Cal é o papel que desempeña o tradutor? c) Le o título da obra, que che suxire? Que temas cres que se van tratar? Quen cres que son? d) Elabora a túa propia historia baseándote na sinopse que aparece na contracuberta do libro. Unha vez rematada a lectura compara a túa historia coa do libro, son semellantes? En que coinciden e en que difiren?

216


2 ANÁLISE DURANTE A LECTURA DA OBRA Comprensión lectora Toda a obra está configurada nun só parágrafo, polo tanto, as preguntas serán todas con carácter global: a) Quen é protagonista desta novela? De que traballa? b) Quen son Götz e Meyer? Como dá con eles? c) Que acontecemento histórico se produce no pasado do protagonista? De que forma marca a súa vida? d) Onde consegue o profesor a información? Enumera e explica as súas fontes. e) En que época se desenvolve a historia? E a que anos se refire constantemente do pasado? f ) Que pasou no outono de 1941? g) Que é un Saurer? E un Diamond? h) En que se converteu o campo da Feira Internacional de Belgrado? i) Onde crían ir os xudeus que montaban no camión? j) Que lles pasaba realmente? k) Como é a actitude de Götz e de Meyer nestas viaxes? l) Quen é Adam? Relata a súa historia. m)Que actitude teñen os alumnos que van de excursión co profesor? n) E o condutor do autobús? ñ) Que lle pasa ao profesor na súa casa? Cres que era real o que alí vía? o) Inventa ti un final alternativo dunhas cen palabras.

3 ANÁLISE TRAS A LECTURA Propostas didácticas de carácter global 3.1 A obra a) Elabora unha valoración crítica pormenorizada da obra. b) Que che pareceu a trama argumental? c) Cres que é unha novela ben estruturada? Que salientarías nesta obra respecto da súa estrutura? d) Cales cres que son os temas que se desenvolven ao longo da obra? Poderías facer unha distinción entre temas principais e secundarios?

217


e) Pensas que os personaxes están ben caracterizados? Quen son os personaxes principais? E os secundarios? Poden Götz e Meyer ser verdadeiros personaxes cando só existen na mente do protagonista? f ) Que che parece a forma do autor de mesturar o pasado e o presente? g) Comentario de texto (páx. 9): Ó principio a Gestapo empregaba camións máis pequenos, pero o Saurer de Belgrado pertencía á segunda serie, mellorada: segundo as testemuñas, podía acoller até cen persoas. Baseándonos neses datos pódese realizar un simple cálculo e concluír que para o transporte de cinco mil almas foi necesario facer como mínimo cincuenta viaxes. Nesas viaxes, as almas convertíanse certamente en almas, xa sen o envoltorio do corpo. Sen dúbida, Götz e Meyer sabían o que acontecía na parte de atrás do camión, pero estou certo de que nunca o describirían así. As persoas que levan non teñen alma en absoluto, é algo ben sabido! 1. Que é a Gestapo? A Gestapo foi a policía secreta oficial da Alemaña Nazi. O termo vén da contracción de Geheime Staatspolizei (policía secreta do Estado). Baixo a total administración de Schutzstaffel (SS), foi administrada pola Reichssicherheitshauptamt (RSHA) (servizo oficial da oficina central do Reich) e considerada como unha organización dual do Sicherheitsdienst (SD) (servizo de seguridade) e tamén unha Suboficina da Sicherheitspolizei (SIPO) (policía de seguridade). Establecida en abril de 1933 e disolta o 7 de maio de 1945 por orde do Xeneral Eisenhower. (Tirado da Galipedia). 2. Que é o Saurer de Belgrado? É o camión que utilizaban os soldados alemáns para gasear os xudeus que estaban no campo de concentración da Feira Internacional de Belgrado. Realizaba unha ruta desde o campo ata Jajinci, lugar onde enterraban os corpos sen vida dos xudeus que viaxaban na parte traseira do camión. Podía facer ata dúas viaxes ao día e transportar ata cen persoas. O Saurer de Belgrado exterminou a cinco mil xudeus. 3. Que quere dicir o narrador con "mellorada"? Está utilizando o sarcasmo para indicar que aos alemáns non lle chegaba coa anterior versión do camión, que inda fixeron outro máis grande para asasinar moitos máis xudeus dunha soa vez. 4. Como se convertían as almas en "certamente almas"? No traxecto do camión, un dos condutores introducía o tubo de escape na parte traseira do camión, obrigándolles aos que alí estaban a respirar o monóxido de carbono que o camión desprendía. Ao ser un gas incoloro e inodoro, mataba lentamente e ao chegar a Jajinci as almas eran "certamente almas".

218


5. Por que cres que Götz e Meyer nunca describirían igual que o profesor o que alí pasaba? Porque a visión deles é totalmente contraria á do profesor. Eles cren que non están cometendo asasinatos, pois para eles os xudeus, os xitanos, os atrasados mentais e, en definitiva, calquera raza humana que non sexa a "aria", é dunha categoría inferior á deles e cómpre aniquilalos para crear unha única raza superior humana. 6. Que quere dicir o protagonista con "é algo ben sabido!"? O protagonista volve utilizar o sarcasmo para indicar que para os alemáns os xudeus non teñen alma. 3.2 Os temas transversais O tema principal da novela é o exterminio xudeu. O protagonista intenta configurar a súa árbore xenealóxica e descobre moita información sobre o exterminio en Belgrado durante os anos 1941 e 1942. 1. En que consistiu o exterminio xudeu de Belgrado? En que dúas fases se dividiu e como foi cada fase? 2. Que foi o Holocausto xudeu? Que papel desempeñou Heinrich Himmler no Holocausto, tamén chamado polos nazis "Solución Final"? 3. Que eran os campos de concentración? Como funcionaban? 4. En que outros países tamén existiu este tipo de exterminio? 5. Elabora unha VALORACIÓN CRÍTICA dunhas 300 palabras sobre o Holocausto xudeu durante a II guerra Mundial. 6. Existen numerosas películas que tratan este tema, así pois, recoméndase: - The pianist de Roman Polanski, 2002. - The boy in the striped pyjamas (O neno do pixama a raias) de Mark Herman, 2008. - Schindler's List (a lista de Schindler) de Steven Speilbelrg, 1993. - Train de Vie (O tren da vida) de Radu Mihaileanu, 1998. Para o protagonista a busca de información para configurar a súa árbore xenealóxica é moi importante. A familia representa para el a forma de ver o pasado para entender o presente. 1. Que descobre o protagonista da súa familia? Que lle pasou á gran maioría? 2. Cres que é importante coñecer as raíces de cada persoa, ou é mellor vivir o presente sen ter en conta o pasado? 3. Que é para ti a familia? 4. Busca información sobre o termo "familia" nun contexto sociolóxico e explica o seu significado. 5. Elabora a árbore xenealóxica da túa familia. Canta máis información consigas máis lonxe chegarás á hora de completar a árbore. 219


O espazo é moi importante na novela. Sitúanos en todo momento en Belgrado, que pertence á actual Serbia. Serbia é un dos países que pertencía á antiga Iugoslavia. A guerra dos Balcáns no ano 1991 derivou na división da antiga Iugoslavia en seis novas nacións e unha que aínda está en disputa. 1. Na novela fala de Serbia, pero na época da II Guerra Mundial o país era o Reino de Iugoslavia. Busca información e explica que foi o que aconteceu con Iugoslavia no século XX. 2. A última rexión en conflito é Kosovo. Descubre o que pasa hoxe en día nesta rexión. 3. Como solucionarías ti este conflito? Que medidas adoptarías? 4. Que opinas sobre a intervención da OTAN neste tipo de conflitos? 5. Que é a OTAN ? E a ONU?

220


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.