CONTEMPORÁNEA
A NETA DO SEÑOR LINH
Philippe Claudel
Tradución de Isabel García Fernández
Guía de lectura
1
Ficha técnica
Título: Ano de publicación: Autor: Tradución: Editorial: Colección: n.º de páxinas: ISBN: Target:
A NETA DO SEÑOR LINH 2010 Philippe Claudel Isabel García Fernández Rinoceronte Editora Contemporánea 122 978-84-92866-05-2 A partir de 1.º de bacharelato.
Z O autor Philipe Claudel naceu en 1962 en Francia. É autor de varias novelas, guións de cine e televisión, ensaios e obras de teatro. Entre outros galardóns, recibiu o Premio Renaudot pola novela As almas grises e o Premio Goncourt des Lycéens por O informe Brodeck. É guionista e director da película Hai moito tempo que te quero que obtivo o Cesar á mellor ópera prima no ano 2009.
2
'
A tradutora
Ademais do libro de Philippe Claudel, Isabel García Fernández conta con varias traducións de diversos autores como Onte de Agota Kristof (Rinoceronte Editora); Fantasía e realidade de Guy de Maupassant (Ir Indo Edicións); A posibilidade dunha illa de Michel Houellebecq (Rinoceronte Editora) e O xiro postal de Ousmane Sembène (Rinoceronte Editora).
Trama
Esta historia invita a reflexionar sobre a vellez, o exilio e o sentimento de soidade nunha cidade allea. Unha fría mañá de novembro, tras unha longa viaxe en barco, o señor Linh desembarca en Francia, onde non coñece a ninguén e terá que afacerse á nova lingua e cultura. O protagonista foxe dunha guerra que acabou coa súa familia e esnaquizou a súa aldea. A guerra rematou con todo; menos coa súa neta, un bebé chamado Sang Diu, que no seu idioma significa «Doce amencer». Na cidade descoñecida atopa un amigo, o señor Bark, co que comparte os días. Estes encontros constituirán os únicos momentos nos que o señor Linh se sentirá contento e comprendido, xa que conseguirán comunicarse e entenderse a través dos xestos logrando unha gran confianza. A historia tórnase máis dura cando o señor Linh é internado nun centro xa que non poderá volver saír ao seu antollo á rúa. A crueza da historia agudízase cando decide escapar coa súa neta. Conseguirá saír ao exterior e buscará incansablemente o seu amigo. O desenlace será inesperado e o último encontro entre o protagonista e o señor Bark explicará a reclusión do anciá no centro e a súa verdadeira realidade.
3
Personaxes 1 Personaxes principais SEÑOR LINH Home de idade avanzada que escapa da súa aldea a causa da guerra coa única compañía da súa neta Sang Diu, unha meniña de poucos meses. Caracterízase pola súa desconfianza e o sentimento de protección coa súa neta. Co tempo volverase máis próximo coa xente que o axuda pero non terminará de entender as normas e a nova cultura. Aférrase á súa neta, e a súa existencia ten sentido soamente polos coidados que lle dá a Sang Diu. SEÑOR BARK Representa a esperanza e a felicidade para o protagonista. Coñece o señor Linh nun banco en fronte do parque, e xuntos descubrirán a amizade aínda que cada un fale nunha lingua diferente. Comparten a súa soidade xa que o señor Bark quedou viúvo hai pouco tempo. O señor Bark estivera no país do señor Linh como soldado na guerra. Este feito fará que se sinta culpable e intentará gratificar o protagonista sempre que estea con el.
2 Personaxes secundarios SARA Rapaza que fai de intérprete. Chegou no ventre da súa nai a Francia e será a chave entre os funcionarios franceses e o señor Linh. Encargarase dos asuntos máis técnicos e resolutivos do vello. A MULLER DO PEIRAO Muller que lle leva provisións todos os días ao señor Linh e se informa da saúde de todos os emigrantes. Preséntase como unha das poucas figuras da historia narrativa que se preocupa polo señor Linh. Irá acompañada pola rapaza intérprete xa que ela non fala o idioma dos protagonistas. A MULLER DE BRANCO Traballa no centro de acollida onde trasladan o señor Linh despois dun tempo de chegar á cidade francesa. É unha personaxe próxima e amable co protagonista aínda que non coincida moito con el.
4
Espazo e tempo O espazo principal da novela é Francia. Os recordos son da aldea natal do señor Linh, probablemente dun pobo oriental. Outros espazos importantes son o cuarto onde vive a maior parte do tempo o señor Linh, o parque onde coñece o señor Bark, e o centro onde internan o señor Linh e onde se sente preso como nunha gaiola. En canto ao tempo, só se pode contextualizar a historia cando o señor Bark fala da guerra no pobo do señor Linh, que podería ser a guerra do Vietnam. Os momentos dos recordos do señor Linh son presentados coma un soño.
;
Propostas didácticas
1 ANÁLISE PREVIA a) Observa quen é o autor do libro. Coñeces a súa obra? Le a información que ofrece o libro sobre el e elabora un pequeno informe sobre a súa vida e a súa bibliografía. Podes axudarte de internet. b) Esta obra é unha tradución. Cal é o papel que desempeña o tradutor? c) Que che suxire o título da obra? Que temas cres que se van tratar? d) Esta obra é unha tradución. Cal é o papel que desempeña o tradutor?
2 ANÁLISE DURANTE A LECTURA DA OBRA Comprensión lectora a) Sabes que significado ten a dedicatoria para o autor? b) Que significado garda a primeira sopa para o señor Linh no comezo da obra? c) Por que se rin os nenos e as mulleres do personaxe principal? d) Cal é a importancia da música na obra? e) Que animal se repite ao longo da historia cando o señor Linh recorda a súa aldea? f ) Cal é o alcume do señor Linh para o resto dos refuxiados no cuarto que comparten?
5
g) Como intenta premiar o señor Bark ao señor Linh? O señor Linh decátase do motivo dese regalo? Por que? h) Que sucede durante a visita ao médico? Por que o protagonista volve ao médico? i) Cal é o alcume usado polo ancián para referirse ao seu amigo o señor Bark? En comparación coa neta do señor Linh, como é de grande este personaxe? l) Que sensación invade o protagonista cando é levado ao centro de acollida? m) Por que quere o señor Linh saír do centro de acollida? A quen desexa ver? m) Cal é o desenlace da obra? Que opinas da realidade do señor Linh e a súa neta?
3 ANÁLISE TRAS A LECTURA Propostas didácticas de carácter global 3.1 A obra a) Elabora unha valoración crítica pormenorizada da obra. b) Que che pareceu a trama argumental? c) Os personaxes que rodean o señor Linh no cuarto que comparten, que papel desempeñan? d) Que conflitos xorden durante o ingreso do señor Linh? e) Comentario de texto: O vello abre a man e mira o que aquel transeúnte acaba de poñer nela. Son tres moedas, tres moedas que brillan ao sol. O home deulle esmola, tomouno por un mendigo. O señor Linh sente esvarar as bágoas polas súas meixelas secas. Tempo despois, moito tempo despois, volve estar de pé, a camiñar. Xa non pensa en nada, só en apertar contra el a súa neta, que segue alí tranquila coma sempre, moi bonita co seu vestido de seda rosa.O señor Linh avanza. É un autómata que cambalea, que anda amodo, chocando coa multitude cada vez máis violenta e mesta. Que o arrodea e o encora. Xa non ve nin oe. Olla o chan. É coma se os seus ollos fosen de chumbo e o levasen a contemplar esa terra que non é a súa, que nunca será a súa, e pola que está obrigado a camiñar coma un forzado que cumpre a súa condena, durante horas e horas. Todo se mestura os lugares, os días, as facianas… O vello lembra a súa aldea, as arroceiras divididas en cuadrículas, mates ou brillantes segundo a hora do día, os feixes de espigas de arroz, as mangas maduras, os ollos do seu amigo o home gordo, os seus dedos rexos e marelecidos polo tabaco, os trazos do seu fillo, o cráter deixado pola bomba, os corpos destripados, a aldea en chamas.
6
1. Por que o protagonista non está a gusto na nova cidade? Por que só goza coa compañía do señor Bark? Porque se sente alleo á vida francesa e á xente coa que non comparte nin o idioma nin as tradicións. A relación de amizade que ten co señor Bark é de total comprensión e complicidade a pesar de non falar a mesma lingua. 2. Cal era a comparación que facía o protagonista constantemente da súa aldea coa cidade francesa? Estrañaba moito a súa aldea, e os recordos son constantes, tanto das paisaxes, espazos naturais, como da súa familia. 3. Cal é a confesión que fai o señor Bark cando van ver o mar? Cóntalle que de novo estivo na aldea do señor Linh, cando estaba no exército, que participou na guerra pero que está moi arrepentido por todo o que fixo. 4. Cales son os obxectos que sempre leva con el o señor Linh e que significado teñen para el? Son unha bolsiña con terra da súa aldea e unha vella fotografía da súa muller. Os dous obxectos representan todo o que perdeu e non pode recuperar: a súa aldea destruída pola guerra e a súa familia. 5. Por que motivo escapa do internado o señor Linh? Desexa que Sang Diu creza e se faga muller fóra dos muros do internado. Quere saír ao aire libre con ela e encontrarse co seu amigo o señor Bark. 3.2 Os temas transversais Na novela atopamos varios temas que vertebran o eixe fundamental do argumento: un dos temas máis importantes é o tema da superación do sentimento de soidade. O protagonista ampárase na compañía da súa neta para saír adiante. 1. Por que o señor Linh dorme abrazado á súa neta no dormitorio que comparte cos demais emigrantes? 2. Cres que o ser humano necesita a compañía da xente para ser feliz? 3. Que consecuencias sociais ten a soidade nun país alleo? 4. É o mesmo o sentimento de soidade que o de illamento? Un tema relacionado co anterior é a situación dos emigrantes nos países estranxeiros e a súa adaptación. 1. Busca información sobre a emigración e as causas que moven a xente a emigrar. 2. En que condicións viven os personaxes emigrados en Francia desta novela? 3. Como é a situación de acollida nos países cos emigrantes? 4. Como pensas que se podería axudar a xente que vén emigrada ao teu país?
7
5. Pensas que calquera persoa podería verse obrigada a emigrar nun momento determinado por causa da guerra? Outro tema predominante na obra é a falta de comunicación do protagonista co seu medio. 1. Busca na novela varios momentos nos que o protagonista non se poida entender co seu interlocutor. 2. Existe a marxinación social cos emigrantes que non se poden expresar no teu idioma? 3. Pensas que a xente anciá debería ter dereito a aprender unha nova lingua? 4. Como pensas que podería adaptarse ao sistema un emigrado que non coñece nin a cultura nin a lingua do seu novo país?
8