CONTEMPORÁNEA
A DISCOTECA RUSA Vladímir Kaminer Tradución de Fernando de Castro García
Guía de lectura
1
Ficha técnica
Título: Ano de publicación: Autor: Tradución: Editorial: Colección: n.º de páxinas: ISBN: Target:
Z
A DISCOTECA RUSA 2010 Vladímir Kaminer Fernando de Castro García Rinoceronte Editora Contemporánea 160 978-84-92866-13-7 A partir de 4º de ESO.
O autor
Vladímir Kaminer (Moscova, 1967) chegou en 1990 a Berlín ―daquela, aínda a capital da RDA―, onde recibiu “asilo humanitario”, e esta cidade converteuse na súa nova patria. Formado como enxeñeiro de son para o teatro e a radio, e despois como dramaturgo no Instituto de Teatro de Moscova, durante bastantes anos foi membro do grupo de teatro Reformbühne Heim & Welt, no que lía cada semana as súas historias no Kaffee Burger. As súas dúas obras Militärmusik e A discoteca rusa déronlle sona internacional, e foron traducidas a numerosas linguas. Ademais destas obras literarias, escribe regularmente para diversos xornais e revistas alemáns, e tamén ten traballado para programas de radio e televisión, ademais de organizar actos no Kaffee Burger, como a célebre Discoteca rusa. En 2006 manifestou o seu desexo de se presentar ás eleccións de alcalde de Berlín no ano 2011.
2
'
O tradutor
Ademais desta novela de Vladímir Kaminer, Fernando de Castro García conta con varias traducións de diversos autores como Eu servín ao rei de Inglaterra e Unha soidade demasiado ruidosa do checo, ambas do autor Bohumil Hrabal; O ano do xardineiro, tamén do checo do autor Karel Capek; e Herbario, do húngaro, de Sándor Márai.
Trama
A discoteca rusa é unha obra na que o autor narra as súas primeiras experiencias e anécdotas reais vividas na cidade de Berlín. Tamén escribe sobre outros personaxes do seu ambiente familiar e social que emigraron desde Rusia ―e outros países― a esta cidade alemá a principios dos anos noventa ao caer o muro e o sistema comunista nos países soviéticos da Europa do Leste. O autor emprega para transmitir as súas historias certo sentido do humor e ironía, o que provoca moitas veces un desenlace surrealista. O narrador protagonista vai contando, a través de pequenas historias, retallos da súa vida familiar cos seus pais en Moscova e como decide marchar a Berlín co seu amigo Misha. Alí, instalaranse con outro amigo nun pequeno piso compartido nun barrio berlinés onde residen moitos estranxeiros de orixe vietnamita, africana, xudía, etc. Uns anos despois a nai e posteriormente o pai, que terá que loitar por adaptarse á nova sociedade fóra da súa Rusia natal, deciden tamén marchar a Berlín. Destaca a anécdota de como o pai intentou sacar o carné de conducir sen éxito ou a do descubrimento do pracer de viaxar por Europa en autobús da nai. O protagonista casa e coñeceremos a súa muller, Olga, e algunhas pinceladas da súa vida ata que chegou a Berlín e como se adaptou á vida nesta cidade. O protagonista consegue un traballo como técnico de son nun teatro e traballa tamén na filmación da película sobre a batalla de Stalingrado.
3
Ao longo da novela destacan tamén as historias da súa amiga Marina e a súa busca do amor, de Katjia e a súa misión persoal, ou do catedrático que emigrou a Alemaña tras quedar sen traballo en Rusia. Así mesmo, o narrador protagonista escribe tamén sobre os recursos que utilizan os personaxes que vai coñecendo para sobrevivir en Berlín e que chegaron a esta cidade cunha chea de soños e esperanzas, tanto de emprego como sentimentais, que para algúns se cumpren e para outros non. O autor critica con moita ironía as “novas regras artificiais” creadas polos países democráticos para ser politicamente correctos e relata con sentido do humor os “novos traballos” que a xente acepta para gañar a vida en Berlín. Finalmente, o protagonista conta o importante que é aprender a lingua alemá para poder conseguir a nacionalidade. A pesar de non ter el problema nese punto, decide que conseguir a nacionalidade alemá non é tan importante para el.
Personaxes 1 Personaxes principais O PROTAGONISTA (VLADÍMIR) O narrador-protagonista relata as súas experiencias en primeira persoa. É un ruso de Moscova de orixe xudía que emigra a Berlín de novo polo consello do seu pai tras a fin do Pano de Aceiro. Chega a Berlín en 1990 acompañado polo seu amigo Misha, co que comparte inicialmente piso, e observa os outros estranxeiros instalados nesa cidade. Realiza diversos traballos ocasionais, aínda que finalmente consegue ser enxeñeiro técnico de son. Casa con Olga, outra inmigrante de orixe chechena, e chegan a ter fillos e un fogar propio. Non ten problemas para aprender con rapidez a lingua alemá nin para desenvolverse na nova sociedade berlinesa. É moi observador, crítico, cun gran sentido do humor e moi irónico. Ao final decide que conseguir a nacionalidade alemá non é tan importante como poder sobrevivir na cidade de Berlín.
2 Personaxes secundarios Ao longo desta novela aparecen brevemente múltiples personaxes, pero os máis destacables, por aparecer en varias ocasións ou pola importancia das súas historias particulares son:
4
MISHA É o amigo do autor que marcha con el desde Moscova a Berlín. Inicialmente comparten piso, polo que tamén comparten as primeiras impresións e experiencias ao chegar á capital da RDA. O PAI Anima o seu fillo a marchar de Rusia aproveitando a caída do Pano de Aceiro co fin da Perestroika. Queda só durante un tempo en Moscova, pero finalmente marcha tamén cara a Berlín en 1993. Ao chegar a esta cidade méteselle na cabeza sacar o carné de conducir, pero os profesores de autoescola non son capaces de conseguir que aprenda e finalmente un deles consegue disuadilo de que o siga a intentar. A NAI Marchou a Berlín antes que o seu home. Ata 1991 non saíra xamais da Unión Soviética. Descubriu a liberdade de movemento ao emigrar a Alemaña e realiza continuas viaxes en autobús por toda Europa. OLGA É a muller de Vladímir, o protagonista. É orixinaria de Grozni, capital de Chechenia, aínda que desde pequena viviu en varios lugares, entre eles a illa de Sakhalín, que estaba xeograficamente máis preto do Xapón que de Moscova. Está contenta coa súa nova vida de casada en Berlín. OS VIETNAMITAS Este grupo de inmigrantes, veciños de Vladímir, dedícase ao negocio do tabaco, agachando os cartóns en gabias na rúa. MARINA É unha amiga do matrimonio protagonista á que abandonou o seu home por unha bailarina. Está na procura doutro home, pero falla no intento e entra nunha depresión. Para curala, recorre á maxia, pero, unha vez máis, fracasa. KATJIA É outra amiga do matrimonio protagonista. É unha apaixonada das viaxes astrais, o que lle xera problemas psicolóxicos. Consegue recuperarse seguindo un tratamento médico, tras o que decide que a súa misión persoal é traer nova vida ao mundo. Inténtao coidando duns cans sharpei, logo cultivando plantas selváticas no seu propio piso e acaba tendo dúas nenas.
5
SASHA É un amigo de orixe rusa do protagonista. É ben parecido, polo que, na inauguración dunha exposición, un artista homosexual namórase del e acaba retratándoo nas súas obras que aparecen posteriormente expostas en numerosos locais de Berlín. Isto fai que Sasha queira facerse a cirurxía para que ninguén o recoñeza.
Espazo e tempo En canto ao espazo, a maioría das historias relatadas teñen lugar en diversos barrios de Berlín e nalgunhas poboacións dos arredores desta cidade. Ademais, coa finalidade de contar as historias e os movementos de diferentes personaxes, fálase de Moscova e doutros lugares de Europa (Roma, París) e da Unión Soviética (Grozni, illa de Sakhalín, Ucraína). En canto ao tempo, o narrador-protagonista comeza a contar a historia no ano 1990, momento en que cae o Pano de Aceiro como consecuencia da fin do sistema comunista na Unión Soviética e nos países do leste de Europa. As historias narradas desenvólvense ao longo da década dos anos noventa, aínda que nalgún momento puntual se fai algunha retrospección á infancia dalgún personaxe, como é o caso de Olga.
;
Propostas didácticas
1 ANÁLISE PREVIA a) Observa quen é o autor do libro. Coñeces a súa vida? Le a nota biográfica que aparece sobre el na lapela e logo o texto da sinopse que aparece na contraportada. Podes facer unha relación entre a vida do autor e o que vas ler nesta obra? b) Busca información en internet sobre a vida do autor e sobre as discotecas rusas. Que relación cres que existe entre as discotecas rusas e as historias que nos vai presentar o autor? c) Busca información sobre a cidade de Berlín. Escribe unha redacción na que expliques a transformación desta cidade desde principios dos anos noventa ata a actualidade. d) Esta obra é unha tradución. Cal é o papel que desempeña o tradutor?
6
2 ANÁLISE DURANTE A LECTURA DA OBRA Comprensión lectora a) Cal era a situación dos xudeus en Moscova en 1990? b) Por que moitos rusos, como o protagonista e o seu amigo Misha, emigraban a Berlín naquela época? c) Que outras nacionalidades de inmigrantes se atopou o protagonista ao chegar a Berlín e que características particulares describe el deses grupos? d) Por que o pai do protagonista decide sacar o carné de conducir? e) Por que a nai non puido visitar Londres pero si outros lugares de Europa? f ) En que lugares viviu Olga, a muller do protagonista, ao longo da súa vida? g) Quen é Fabrice Godar e que lle aconteceu en Berlín? h) Por que o ex alférez do exército soviético desexaba casar? Por que finalmente non o fixo? i) No relato “Un día perdido”, cal é a confusión que sufriu o protagonista? l) Con que fin mercou Katjia unha parella de cans sharpei? m) Que aprende o protagonista cando vai co seu amigo Ilia Kitup a un restaurante turco respecto a este tipo de negocios rexentados por inmigrantes doutras nacionalidades? m) Que problemas laborais se atopan moitos inmigrantes rusos en Berlín e con que ton describe o autor as súas historias particulares? n) Que casos de prexuízos xenófobos describe o autor? ñ) Como relata o autor a rodaxe da película sobre a batalla de Stalingrado e cal foi a súa participación nela? o) Que exemplos pon o autor cando critica o “políticamente correcto” nos países democráticos da nova sociedade? p) A quen chama o protagonista “O Colombo de Prenzlauer Berg” e por que? q) Cales son “os novos traballos” que describe o autor no relato que leva ese título? r) Que lle aconteceu ao amigo Sasha para querer buscar un cirurxián plástico? s) Que é requisito obrigatorio para poder solicitar a nacionalidade alemá? t) Por que ao autor finalmente non parece importarlle non poder conseguir a nacionalidade alemá?
7
3 ANÁLISE TRAS A LECTURA Propostas didácticas de carácter global 3.1 A obra a) Elabora unha valoración crítica pormenorizada da obra. b) Que che pareceron as historias? Cal che gustou máis? Por que? c) Comenta a estrutura da obra. Cres que o autor acertou ao escribir a obra deste xeito? d) Por que aparecen tantos personaxes? Cales cres que están mellor caracterizados? Cales che resultaron máis interesantes? Cal é a función do personaxe principal ao longo da obra? e) Que temas se tratan ao longo da obra? f ) Cres que o narrador reflicte fielmente a súa propia experiencia? E as historias que conta sobre outras persoas, cres que as conta tal e como sucederon ou pode estar esaxerando? Con que ton e estilo as narra? g) Cal é o contexto histórico e xeográfico das historias narradas na obra? Cres que este elemento inflúe no desenvolvemento das historias persoais dos personaxes? h) Comentario de texto: Nun recadro de tamaño mediano debía indicar razóns para a miña “entrada en Alemaña”. Debullei os miolos, pero non se me ocorría nin un só motivo. En 1990 entrara en Alemaña sen ningunha causa concreta. Pola noite pregunteille á miña muller, que sempre ten unha razón para todo: –En realidade, por que viñemos daquela a Alemaña? Ela opinaba que viñeramos a Alemaña para pasalo ben, para ver como era. No entanto, con explicacións coma aquela non habiamos de chegar lonxe. O funcionario pensaría que a nacionalización tamén a solicitabamos para pasalo ben, e non por…
1. A que relato corresponde este fragmento e que función ten dentro do conxunto da obra? Este fragmento pertence ao último relato, “Por que sigo sen solicita-la nacionalización”, e ten a función de pechar a obra cunha reflexión final sobre o porqué da decisión de emigrar de Rusia a Alemaña que o autor conta nos primeiros relatos. 2. Por que o narrador lle pregunta á súa muller a razón de vir a Alemaña no ano 1990? Por unha banda, pregúntalle porque necesita responder a esa pregunta no formulario de solicitude da nacionalidade alemá que está a cubrir e, por outra banda, como autorreflexión, xa que non atopa o motivo real ou non o lembra.
8
3. Segundo o que se relata nas primeiras historias da obra, cal foi o motivo polo que o protagonista emigrou de Moscova a Berlín no ano 1990? Parece que a primeira idea de emigrar de Moscova veu do consello do seu pai ao caer o chamado Pano de Aceiro, pero tamén se fala de que a idea lla dera un tío dun amigo que lle falou de que Berlín acollía xudeus e que lles recomendaba ir alí. 4. Cres que ao protagonista e á súa muller lles preocupa realmente conseguir a nacionalidade alemá? Ao protagonista importáballe inicialmente, xa que esta era a terceira vez que o intentaba, aínda que, ao final, debido á dificultade que atopa para responder ás preguntas e ao incidente do refacho de vento que levou voando os papeis, decide que non é tan importante. En canto á súa muller, parece que vive feliz tal e como está, xa que a súa resposta é totalmente inxenua e a súa actitude, totalmente despreocupada respecto ao tema da nacionalización. 3.2 Os temas transversais Nesta obra as historias xiran principalmente ao redor do tema da inmigración nunha gran cidade como Berlín. 1. Que significa inmigración? Quen son os inmigrantes? 2. Como inflúe nunha cidade a presenza de xente inmigrante orixinaria doutros países? 3. Na historia “Suleyman e Salieri” trátase o tema da xenofobia. Debatede na aula sobre estas dúas opinións que se presentan “A xenofobia redúcese diminuíndo o número de estranxeiros” e “A xenofobia redúcese desprazando na conciencia da poboación a imaxe hostil dos estranxeiros coa axuda dos medios de comunicación”. 4. Coñeces inmigrantes que residan na túa vila ou a túa familia vive ou viviu como inmigrante noutro país? Explica os problemas de adaptación que observas ou que intúes. A razón do movemento migratorio do protagonista e da súa familia de Moscova a Berlín foi facilitada pola fin do sistema comunista na Europa soviética do leste, que trouxo como consecuencia a caída do Pano de Aceiro e do Muro de Berlín. 1. Que foi a Perestroika? E a Unión Soviética? 2. Que dividía o Pano de Aceiro e por que se chamaba así? 3. Busca e escoita a canción “Winds of Change” do grupo de rock Scorpions. Coa axuda da túa profesora ou profesor de inglés busca a relación entre a letra da canción e os temas tratados nas historias de A discoteca rusa.
9
Relacionado co tema anterior, na obra fálase do comunismo en contraposición ao capitalismo. 1. Explica en que consiste o sistema comunista. Que países seguen este sistema hoxe en día? 2. Que é o sistema capitalista? 3. Cales son as diferenzas que causan o choque entre os dous sistemas?
10