A outra nai (mostra)

Page 1

Andrej Longo

A outra nai



a Lucy, aos milagres da vida



–Ves o horizonte? –dixo unha vez un amigo meu. E mentres o dicía sinalou coa man o azul do mar que se recortaba ao lonxe mesturándose co ceo. –Vexo. E que? –Que ao miralo dende aquí parece que alá ao fondo está o final de algo. Pero cando chegas alí decátaste de que non era o final, senón o comezo doutro horizonte. –Vaia, ho –dixen eu–, pero iso é algo que sabe todo o mundo. –Si, sábeo todo o mundo, pero despois non o lembra ninguén.

9



Xoves, 15 de maio Os edificios un enriba do outro. Unha lingua de asfalto que atravesa o cemento. Colas de coches, ruído de bucinas, voces que chegan de todas as partes. E logo o rapaz do ciclomotor. E o ciclomotor que corre. Que se mete entre os coches bloqueados polo tráfico. Sobe e baixa da beirarrúa. Métese polas canellas para atallar. E corre. Sen un momento de respiro. Lanzándose a contramán polas baixadas de pedra basáltica. Rozando en cada curva os ferrollos de aceiro chantados no cemento. Mentres a xente se pega ás paredes amentando todos os santos do purgatorio. Ao lonxe, máis abaixo, se o rapaz do ciclomotor tivese tempo de miralo, vería o mar. Que visto dende alá arriba podería parecer mesmo transparente. Pero a Genny, que así se chama o rapaz do ciclomotor, un Piaggio Sì co motor trucado, neste momento tanto lle ten o mar e todo o demais. Neste momento Genny só quere atravesar o mar e todo o demais tan rápido como poida. O vento golpéao na cara e case lle arrinca os cabelos. Os ollos son dúas fendas que o aire quente do siroco fai bagoar sen tregua. Pero el continúa, non aminora, coma se todo o futuro dependese desta carreira. Coma se os seus pensamentos, a súa alma, aquilo no que se converterá un día, dependesen deste voo polas rúas da cidade. 11


Desta conta pendente coa vida que debe saldar dalgún xeito. Porén, ten dezaseis anos, é demasiado novo para entendelo. Ou se cadra non, se cadra sénteo, igual que os animais senten o perigo olfacteando o aire que os rodea. Unha curva, outra máis, e despois a subida. Velaí, case chegou. Un último acelerón, unha arrincada furiosa e por fin está diante do edificio. Si, é ese, lémbrao ben. Baixa do ciclomotor. Tírao contra o muro sen pensar. E corre cara á entrada. Sobe os chanzos, empuxa o portal, entra no vestíbulo. A porta é a primeira á dereita, non hai dúbida. Chega a ela nun segundo, e ao segundo seguinte xa está premendo o timbre. Unha, dúas, tres veces. Pero o timbre permanece mudo. Non obstante, el insiste, volve premer. Bate coa man na porta. Nada, non responde ninguén. Entón vénlle á mente a ventá do comedor. De modo que sae outra vez. Rodea o edificio correndo e chega á parte de atrás, onde hai unha cancela de ferro. E detrás da cancela está a ventá. Coa persiana levantada. Genny salta por riba da cancela e vai ata a ventá. Achega a cara ao vidro e mira dentro. Porén, o reflexo do sol non lle deixa ver nada. Proba a petar no vidro. Ningunha resposta. Durante un intre Genny non sabe que facer, pero é só un intre. Mira ao seu redor. Cerca hai un macizo de flores cuns ladrillos vermellos. 12


Chega ata el en dous pasos. Agarra un dos ladrillos e intenta arrincalo. O ladrillo non está polo labor. Entón Genny aférrao con ambas as dúas mans e móveo a esquerda e dereita ata que consegue arrincalo. Volve correndo á ventá. E lanza o ladrillo contra o vidro. O ruído do vidro ao romperse creba aquela especie de tranquilidade da mañá. Unha vella asómase dende o edificio de en fronte e berra algo. Genny non o pensa. Introduce unha man entre os anacos de vidro e xira o picaporte dende dentro. Empuxa a ventá. Sobe á soleira dun salto. Un salto máis e xa está na casa.

13



Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.