Laura Ellen Anderson
Amelia Fang e os Señores Unicornios
Este Li onllo a ☐ rega lár no ☐ gañou uno ☐ merco no ☐ atopou
bro
CAPÍTULO 1
POR QUE TEÑO QUE SER EU O UNICORNIO? –CUIIIIIIIIIIIIIIIIIIIIIIIIIIIIIIIIIIIIIIIIIII! –chiou a cabaza espertador coas primeiras luces do abrente. Amelia Fang espreguizouse e saíu con dificultade do seu ataúde. A súa cabaza Polpiña ía dando botes dun lado para outro, e lambendo a todo o mundo, emocionada. –Ai, Polpiña! –dixo Amelia ó mesmo tempo que bocexaba–. Como estás tan esperta? –ESMÁGAO TODO! –xemeu Florence Pataca, e deu a volta. Florence era dunha enorme e rara raza de yeti, pero non se debía confundir cunha besta. Tamén era unha das mellores amigas de Amelia.
–Non pode ser xa a hora –xemeu Grimaldi, tapando a cara coa capucha. Grimaldi Gadaña era a morte en persoa. Pero ata que fose maior só se ocupaba da morte dos animais pequenos de Nocturnia, e deixáballe ó seu pai os seres máis grandes. Eran as vacacións de Halloween e o sol saíra no Reino da Escuridade, o que significaba que todos os seres de Nocturnia e dos seus horripilantes arredores se dispoñían a deitarse, agás Amelia Fang e os seus amigos. Eles ían emprender unha grande aventura no Reino da Luz. –FLORENCE! –dixo o príncipe Fedorico La Fluff I, e deu dúas palmadas–. Reclamo o meu almorzo! –A MIN NON ME VEÑAS CON PALMADAS! –dixo Florence, apertando os puños grandes e peludos. –Fedorico –dixo Amelia, cun suspiro–, lembra o que falamos. Intenta non ser tan mandarín.
2
–Sempre me esquece –dixo Fedorico, docilmente–. Non podo ser un pouquirrichiño mandarín? –Non! –dixo Amelia, rindo–. Somos os teus amigos. –Criados –sorriu Fedorico. –A-mi-gos –dixo Amelia. Fedorico inspirou fondo. –Aaa… –enxugou a fronte e volveu probar–. Aaa-miii… –Intentouno de novo–. Amiados? Parecía moi orgulloso de si mesmo. –É… un avance –dixo Amelia. Cando Amelia coñecera a Fedorico el portárase bastante mal con ela e roubáralle a súa cabaza Polpiña. Pero resultou que o príncipe Fedorico se sentía só e non quería máis que un amigo. Fedorico crecera só no palacio coa única compañía das momias domésticas. Tiña unha nai, unha fada chamada Raiola, pero desaparecera misteriosamente cando Fedorico era só un bebé. O pai do príncipe Fedorico,
3
o rei Vladimir, quedara tan triste pola desaparición da súa esposa que desatendera o seu reino e a Fedorico, e pasara anos buscándoa, en van. Isto significaba que Fedorico se convertera nun cativo malcriado (motivo polo cal lle parecera perfectamente aceptable roubar a pobre Polpiña) e tamén que fose metade vampiro e metade fada. Este gran segredo de Fedorico era algo que aterrorizaría a maioría dos Seres da Escuridade. Pero Amelia descubrira que os Seres da Luz non eran tan terribles como lles contaran a todos. Resultaba que as fadas non che roubaban os cairos e que os unicornios non lanzaban arcos iris asasinos polo traseiro. –Estou tan canso que non sei se poderei manterme esperto de día –dixo Grimaldi. –Xa nos afaremos –tranquilizouno Amelia. Mentres Amelia e os seus amigos ían polo corredor da mansión Fang, chegou dende abaixo unha gargallada seguida dun forte
4
eructo. O pai de Amelia, o conde Drake III, saíu flotando lentamente do comedor, co traseiro en alto, e foi subindo cara ó teito. –GAÑEI! –berrou–. Gañeeeeei! Metinte na tumba e logo pasei pola Ponte dos Trolls, onde anotei douscentos puntos de baba de trasno! Entón apareceu o rei Vladimir, cambaleando e impando. El tamén empezou a flotar cara ó teito. –INCORRECTO, Drake, meu querido
5
espanto! –ERUCTO–. Eu xa estaba na Ponte dos Trolls moito antes de que chegases ti, porque usei a miña carta de Ouveo do lobo combinada co Comodín do raio que gardara… –Perdedes os dous! –exclamou a nai de Amelia, a condesa Frivoleta–. Eu teño a carta da Eclipse Total. MIRADE! Axitou unha carta cun debuxo moi elaborado ante as súas caras. –Maldita sexa! –exclamaron o conde e o rei Vladimir á vez. Abrazáronse, deron lentamente un xiro de 360° e descenderon pouco a pouco ata o chan. –Mamáaaaa! –berrou Amelia dende arriba–. Está amencendo. Non te deches conta? –Criptas crepitantes, tes razón! –exclamou a condesa con voz estridente–. Deixámonos levar xogando a Alxubes e Pesadelos! Non podo crer que xa sexa tan tarde! Os adultos subiron apresuradamente pola escaleira.
6
O rei Vladimir animárase moito dende que Amelia e os seus amigos se ofreceran a axudarlle a buscar a Raiola, porque levaba moito tempo buscándoa el só. Agora tiña axuda, e o máis importante: esperanza. Coa finalidade de preparalos para a súa arriscada incursión no Reino da Luz, a condesa fixéralles a Amelia, Florence, Grimaldi e o rei uns astutos disfraces que porían ó viaxar. Os Seres da Luz estaban convencidos de que os vampiros lles chucharían o sangue e os yetis lles esmagarían os ósos. Polpiña, disfrazada de enorme margarida, daba botes coa emoción, mentres Amelia xiraba sobre si mesma co seu disfrace de fada.
7
–Non está mal… –dixo, admirando as súas ás de purpurina–. Pero non son alta de máis para ser unha fada? –Parvadas! –dixo o rei–. Hai fadas de todas as formas e tamaños. Unhas son corpulentas, e outras, diminutas. A miña Raiola medía máis ou menos o mesmo ca o meu brazo. Un tamaño ideal para abrazar –dixo, cun sorriso. –POR QUE TEÑO QUE SER EU O UNICORNIO? –dixo Florence, endereitando o corno mentres Grimaldi examinaba, nervioso, a súa cola de gatiño anxo.
Fedorico admiraba as súas ás de fada (reais) nun dos moitos espellos da condesa. –Creo que me quedan ESPECTACULARES! –exclamou–. Papá, algunha vez te disfrazaches cando viaxabas ti só ó Reino da Luz? –Intenteino –dixo o rei–. Pero non tiña a ninguén que me axudase, e coser dáseme fatal. Intentei facer un disfrace de unicornio, pero desfíxose cando ía de camiño ó Bosque Encantado e quedei… como o diría? –Fixo unha pausa–. En porrancho. Todos se botaron a rir.
–O REI EN PORRANCHO! –bruou Florence. Entón deulle unha pancada á parede e escachouna. –Si, si. Acouga –dixo o rei, e as súas fazulas, normalmente pálidas, puxéronse coloradas. –Pero… as momias domésticas non podían axudarche a facer un disfrace? –preguntou Amelia, sen deixar de rir. –QUE DIS! –Agora era o rei quen ría–. Algunha vez viches unha momia doméstica intentando manexar unha máquina de coser? Acabarían coséndose unha á outra!
–Non tema, alteza, esta vez confeccioneille un disfrace perfecto, e prométolle que non se desfará. A condesa sorriu e entregoulle ó rei un par de ás con lunares. –Ehm… –O rei examinou o disfrace con torpeza–. É un traxe de xoaniña? –Correcto! –A condesa Frivoleta sorriu e fixo unha reverencia–. Un terrorífico disfrace de xoaniña! Parecía moi orgullosa de si mesma.
11
–Quizais son un chisco alto para pasar por unha xoaniña –murmurou o rei mentres poñía o disfrace. “Estás moooooorto, mooooorto!”, soou o ai!Phone de Grimaldi no seu peto, indicándolle que algún pobre animal necesitaba os seus servizos. –Non sei se terás cobertura cando esteamos no Reino da Luz –comentou o rei–. Di o teu pai que durante a túa ausencia se ocupará el dos sapos esmagados. –Grazas, maxestade –dixo Grimaldi, e entregoulle o ai!Phone á condesa Frivoleta para que llo gardase. A condesa meteuno no peto e logo abrazou a Amelia. O recendo do seu novo perfume Rastro de Baba de Lesma era sufocante.
–Ai, Amelia! Ten moito coidado aí fóra, de acordo? –Si, mamá. Non te preocupes. Amelia sorriu. –SI, IMOS CUNHA XOANIÑA ENORME QUE NOS PROTEXERÁ! –dixo Florence, rindo. –E se no Reino da Luz vedes algún libro de encrucillados traédemo. Encántanme os novos retos! –dixo o conde. –A ver, Fedorico, tes o mapa do Reino da Luz? –dixo o rei. –Deillo a Florence, porque a ela lle gustan os mapas. Fedorico púxose colorado. –NON SE PREOCUPE, QUE LLO TEÑO BEN GARDADO –dixo Florence–. BEN ENROLADO E DENTRO DO MEU CORNO DE UNICORNIO.
–Excelente –dixo o rei. E entón, do interior das súas ás de xoaniña sacou un anaco de pergamiño cuberto de purpurina: a pista que atopara no Bosque Petrificado a noite en que a raíña Raiola desaparecera. Dicía: “P U R P U R I N Ó P O L E ,
a c i da de o n de o so l nu nc a se p o n e o n de o s t eu s so ño s sem p r e se fa n r e a l i da de…”. –Vamos na procura de Purpurinópole! –dixo o rei. –A ver, cal é a porta correcta? –preguntouse a condesa. As portas da mansión Fang tiñan tendencia a moverse. Requiríase certa habilidade (e tamén unha pouca sorte) para saber que porta levaba a onde. –Velaquí –anunciou a condesa, e sinalou unha porta de madeira cuberta de plantas
rubideiras–. Se non lembro mal, esta porta debería levarvos ó linde do Bosque Petrificado, e segundo o mapa do rei… –O REINO DA LUZ LINDA CO BOSQUE –rematou Florence con orgullo. –Pois alá imos –dixo Amelia, abrindo a porta. Levou unha man á cabeza e deulle unha palmadiña tranquilizadora a Polpiña. O rei Vladimir revolveulle o pelo a Fedorico. –Veña, fillo, vamos buscar a mamá!