'Queres facer o favor de calar, por favor' (mostra)

Page 1

Raymond Carver

Queres facer o favor de calar, por favor?



Este libro é para Maryann



Gordo

Estou sentada ante un café e uns cigarros na da miña amiga Rita, e estoullo contando. Velaquí o que lle conto. É un mércores algo aburrido, xa tarde, cando Herb senta o home gordo na miña zona. Este home gordo é a persoa máis gorda que vin na vida, aínda que ten aspecto pulcro e vai bastante ben vestido. Nel todo é grande. Pero o que mellor lembro son os seus dedos. Cando paro na mesa contigua á súa para atender a parella de vellos, o primeiro no que reparo é nos seus dedos. Parecen tres veces máis grandes ca os dedos dunha persoa normal… uns dedos longos, grosos, que semellan de nata. Atendo as miñas outras mesas, un grupo de catro homes de negocios, moi esixente, outro grupo de catro, tres homes e unha muller, e a parella de vellos. Leander serviulle a auga ao home gordo, e eu déixolle tempo dabondo para que decida, antes de ir atendelo. Boas tardes, digo. Xa sabe?, digo. Era grande, Rita, pero grande grande. Boas tardes, di. Ola. Si, di. Creo que xa sabemos, di. Ten esa forma de falar… rara, sabes? E de cando en vez solta un pequeno soprido. Creo que imos empezar cunha ensalada César, di. E tamén unha sopa, con pan e manteiga, por favor. As costeletas de año, creo, di. E patacas asadas con nata agre. Xa 9


veremos despois a sobremesa. Moitas grazas, di, e devólveme a carta. Deus, Rita, tiñas que ver aqueles dedos. Vou correndo para a cociña e pásolle o pedido a Rudy, que o colle cunha carantoña. Xa coñeces a Rudy. Cando traballa, Rudy éche así. Ao saír da cociña, Margo… Non che falei de Margo? A que anda detrás de Rudy? Pois vai Margo e dime: Quen é teu amigo o gordo? É un auténtico rebolo.

• Ten que ver con iso. Eu creo que de verdade ten que ver con iso. Prepárolle a ensalada César alí, na mesa, el observando cada movemento meu, ao mesmo tempo que vai untando con manteiga os anacos de pan e os vai pousando a un lado, e soltando os sopridos todo o tempo. O caso é que, por estar tensa ou polo que sexa, lle tiro o vaso de auga. Perdón, digo. Sempre pasa cando andas con présas. Perdón, digo. Está ben?, digo. Mando o rapaz agora mesmo a limpalo, digo. Non pasa nada, di el. Está todo ben, di, e sopra. Non te preocupes, que non nos importa, di. Sorrí e fai un aceno coa man mentres vou buscar a Leander, e cando volvo para servirlle a ensalada vexo que o home gordo comeu todo o pan con manteiga. Ao cabo dun anaco, cando lle levo máis pan, acabou a ensalada. Ti sabes o tamaño que teñen esas ensaladas César? Moi amable, di. Este pan está riquísimo, di. Grazas, digo. 10


É que é moi bo, di, e non o dicimos por dicir. Non temos ocasión de comer un pan así a miúdo, di. De onde é vostede?, pregúntolle. Creo que non o vin nunca por aquí, digo. Non é a clase de persoa que esqueces, di Rita cunha risiña. De Denver, di. Non digo máis nada sobre o tema, aínda que gana non me falta. Nuns minutos xa lle traio a sopa, señor, digo, e vou dar os últimos retoques ao grupo dos catro homes de negocios, moi esixentes. Cando lle sirvo a sopa, vexo que o pan volveu desaparecer. Xusto está metendo na boca o último anaco. Podes crerme, di, que non o comemos así a miúdo, di. E sopra. Tes que desculparnos, di. Non diga iso, home, digo. Gústame ver unha persoa que goza comendo, digo. Non sei, di. Supoño que se lle pode chamar así. E sopra. Pon ben o pano da mesa. Logo colle a culler. Deus, que gordo é!, di Leander. Non é culpa del, digo, así que cala a boca. Lévolle outra cesta de pan e máis manteiga. Que tal estaba a sopa?, digo. Grazas. Boa, di. Moi boa, di. Limpa a boca e dá uns golpiños no queixo. Vai calor aquí ou son eu?, di. Non, vai calor, digo. Igual quitamos a chaqueta, di. Adiante, digo. Un ten que estar cómodo, digo. Certo, di, moi certo, moi moi certo, di. Pero pouco despois vexo que segue coa chaqueta posta. Os meus grupos grandes fóronse, e tamén a parella de vellos. O local vaise baleirando. Cando lle levo ao home 11


gordo as costeletas con patacas asadas, e máis pan e manteiga, só queda el. Bótolle unha morea de nata agre sobre as patacas e esparéxolle por riba bacon e ceboliño. Lévolle máis pan e manteiga. Está todo ben?, pregunto. Estupendamente, di, e sopra. Excelente, grazas, di, e volve soprar. Que lle aproveite, digo. Levanto a tapa do seu azucreiro e miro dentro. El asente e queda mirando para min ata que me vou. Agora decátome de que estaba buscando algo. Pero non sei o que. Que tal lle vai á bóla de sebo? Vaiche gastar as pernas, di Harriet. Xa coñeces a Harriet. De sobremesa, dígolle ao home gordo, temos o Farol Verde Especial, que é un pudin con xarope, ou torta de queixo, ou xeado de vainilla, ou sorbete de piña. Non te estaremos atrasando, verdade?, di, soprando e con cara de preocupación. En absoluto, digo. Claro que non, digo. Coma tranquilo, digo. Voulle traer máis café mentres se decide. Ímosche ser sinceros, di. E móvese no seu asento. Apetécenos o Especial, pero coido que imos tomar tamén unha porción de xeado de vainilla. Con só unha pinguiña de xarope de chocolate, se fas o favor. Xa che dixemos que tiñamos fame, di. Vou á cociña para prepararlle a sobremesa eu mesma, e Rudy di: Di Harriet que tes nunha mesa un gordo do circo. É certo? Rudy xa quitou o mandil e mais o gorro, xa me entendes. Rudy, gordo é, digo, pero a historia non acaba aí. Rudy limítase a rir. 12


A min dáme que a esta lle van os gordos, di. Ti anda con coidado, Rudy, di Joanne, que entra xusto entón na cociña. Estoume poñendo celoso, dille Rudy a Joanne. Poño o Especial diante do home gordo e un cunco grande de xeado de vainilla con xarope de chocolate ao lado. Grazas, di. Non hai de que, digo… e entón invádeme unha sensación. Aínda que non o creas, di, non comemos sempre así. Eu, por máis que como, non dou engordado, digo. Gustaríame engordar un pouco, digo. Non, di. Se de nós dependese, a nós non. Pero non depende de nós. Entón colle a culler e come. E que máis?, di Rita, acendendo un dos meus cigarros e achegando a cadeira á mesa. Esta historia estase poñendo interesante, di. Iso. Nada máis. Come as dúas sobremesas e vaise, e logo Rudy e eu marchamos para a casa. Vaia rebolo, di Rudy, estirándose como adoita facer cando está canso. Solta unha gargallada e segue vendo a tele. Poño a auga a ferver para o té e dúchome. Poño a man na barriga e pregúntome que pasaría se tivese fillos e un deles me saíse coma ese, tan gordo. Boto a auga na teteira, poño as cuncas, o azucreiro, o cartón do leite, e levo a bandexa para onde está Rudy. Coma se estivese pensando niso, Rudy di: Unha vez coñecín un gordo, un par de gordos, gordos de verdade, cando era neno. Deus, vaia bocois. Non lembro como se chamaban. Gordo, ese era o único nome que tiña aquel rapaz. 13


Chamabámoslle Gordo ao rapaz que vivía na casa do lado. Era o meu veciño. O outro rapaz veu despois. Ese era Barrilete. Menos os profesores, todo o mundo lle chamaba Barrilete. Barrilete e mais Gordo. Quen me dera ter fotos súas, di Rudy. Non se me ocorre nada que dicir, así que tomamos o té e pouco despois levántome para irme deitar. Rudy tamén se levanta, apaga a tele, pecha con chave a porta da entrada e empeza a desabrochar os botóns. Métome na cama, apártome ata o bordo e póñome boca abaixo. Pero deseguido, en canto apaga a luz e se mete na cama, Rudy empeza. Póñome boca arriba e reláxome un pouco, aínda que é contra a miña vontade. Pero velaquí o que ocorre. Cando se me pon enriba, de súpeto síntome gorda. Síntome gordísima, tan gorda que Rudy é unha cousa diminuta e case nin se ve. É unha historia curiosa, di Rita, pero vexo que ela non sacou nada en limpo. Isto deprímeme. Pero tampouco me vou poñer a explicarllo. Xa lle contei de máis. Queda sentada, agardando, pasando os delicados dedos polo pelo. Esperando o que? Quen me dera sabelo. É agosto. A miña vida vai cambiar. Presíntoo.

14


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.