O doutor Proctor e os pos botapeidos

Page 1

Jo Nesbø

O doutor Proctor e os pos botapeidos

Este Li onllo a ☐ regalár no ☐ gañou uno o c ☐ mer no o p ☐ ato u

bro



Capítulo 1 O veciño novo Era maio, e tras lucir un anaco sobre Xapón, Rusia e Suecia, o sol asomou por encima de Oslo. Oslo é unha capital bastante pequena dun país bastante pequeno chamado Noruega. O sol iluminou enseguida o pequeno palacio amarelo, no que vive un rei que non manda moito, e a Fortaleza de Akershus. O sol iluminou alí os vellos canóns que apuntaban cara ó fiorde de Oslo, atravesou a fiestra do despacho do comandante e ó final escintilou sobre a última de todas as portas, a que daba á cela máis temida da cidade. Chamábanlle o Buraco da Morte, e nela só encerraban os criminais máis perigosos. Agora a cela estaba baleira, fóra dunha Rattus norvegicus, unha rata norueguesa, que estaba tomando o seu baño matutino no váter. O sol subiu un pouquiño máis e brillou sobre os nenos da banda de música dun colexio, que estaban adestrados para levantarse moi cedo e poñer un uniforme que proía, e que agora estaban practicando para desfilar e tocar case ó compás. Porque pronto sería a festa nacional do 17 de maio, e ese día todas as bandas de música de todos os colexios daquel pequeno país se levantarían moi cedo, poñerían uns uniformes que proían e tocarían case ó compás. O sol subiu outro pouquiño e iluminou os peiraos do fiorde de Oslo, onde acababa de atracar un barco procedente de Shanghai, China. As táboas balanceábanse e renxían baixo os atarefados pés que corrían de acá para alá descargando o barco.

7


Algunhas raiolas coáronse entre as táboas e baixaron ata as tubaxes dos sumidoiros que saían ó mar por debaixo do peirao. Unha destas raiolas meteuse ata o interior da escura tubaxe do sumidoiro e escintilou sobre algo. Algo branco, húmido e moi afiado. Algo que se parecía moito a unha fila de dentes. Alguén que soubese moito de réptiles, pero que por outra banda fose bastante parvo, podería pensar que estaba vendo os dezaoito dentes da serpe constritora máis grande e temida do mundo: a anaconda. Pero non hai ninguén tan parvo. Porque as anacondas viven na selva, en ríos como o Amazonas, no Brasil, e non nos sumidoiros que se estenden por debaixo daquela pequena e apracible cidade chamada Oslo. Unha anaconda nos sumidoiros? Dezaoito metros de músculos constritores, unha boca do tamaño dun flotador e dentes coma cornetes de xeado? Ha, ha! Vaiche boa! O sol comezara a lucir sobre unha rúa tranquila chamada rúa dos Canóns, e as súas raiolas caeron sobre unha casa vermella na que o comandante da Fortaleza de Akershus estaba almorzando coa súa muller e a súa filla Lise. Tamén iluminou a casa amarela de en fronte, onde ata había ben pouco vivía a mellor amiga de Lise. Pero a mellor amiga de Lise acababa de mudarse a unha cidade chamada Sarpsborg e, agora que a casa amarela quedara baleira, Lise sentíase aínda un pouco máis soa do que xa se sentía antes. Porque na rúa dos Canóns non había máis nenos cos que Lise puidese xogar. Os únicos nenos que había na veciñanza eran Truls e Trym Thrane, dous xemelgos dous anos maiores ca Lise, que vivían no enorme chalé con tres garaxes que había ó final da rúa. No inverno lanzábanlle á cabeciña rubia unhas bólas de neve duras coma pedras. E cando Lise lles preguntaba se que-

8


rían xogar, eles enterrábanlle a cara na neve. Refregábanlle neve pola cara coas súas manoplas xeadas e duras e chamábanlle Lise dos Peidos, Fedorenta Cheirenta ou Comandanta. Se cadra pensas que Lise lles debería contar ós pais de Truls e Trym o maleducados que eran os seus fillos, pero iso é porque non coñeces o pai de Truls e Trym, o señor Thrane. O señor Thrane era un tipo gordo con mal xenio, aínda máis gordo có pai de Lise, e con moito, moito máis mal xenio. E polo menos dez veces máis rico. E como era tan rico, o señor Thrane pensaba que ninguén lle podía dicir nada, e moito menos como tiña que educar os seus fillos!

9


O señor Thrane era tan rico porque unha vez lle roubara un invento a un pobre inventor: un material moi duro, moi misterioso e moi secreto que se usaba para construír as portas dos cárceres e asegurarse de que ninguén puidese escapar deles. O diñeiro que o señor Thrane gañara co invento gastárao en facer unha enorme casa con tres garaxes, e tamén nun Hummer. Un Hummer é un coche grande con mal xenio feito para a guerra, e cando o señor Thrane pasaba con el pola rúa dos Canóns, ocupaba case toda a calzada. Aínda por riba, os Hummer contaminan moitísimo. Pero ó señor Thrane tanto lle tiña, posto que a el lle gustaban os coches grandes e con mal xenio. E ademais sabía que, se se despistaba e chocaba con alguén, como o Hummer era moito máis grande, o outro sempre levaría a peor parte. Por sorte ía pasar unha boa tempada antes de que Truls e Trym puidesen volver meterlle a Lise a cabeza na neve, porque o sol xa derretera a da rúa dos Canóns e agora brillaba sobre os xardíns, que estaban verdes e ben coidados. Todos, salvo un. Había un só xardín descoidado, un xardín gris e alborotado, pero que aínda así sorría, pois tiña dúas pereiras e unha casiña ladeada que quizais fose azul noutro tempo e á que lle faltaban unhas cantas tellas. Alí vivía un home ó que os veciños da rúa dos Canóns vían moi pouco. Lise só o saudara nun par de ocasións, e o home sempre lle sorrira; polo demais, tiña a mesma pinta có seu xardín: descoidado, gris e alborotado. –Que é iso? –rosmou o comandante cando o silencio da mañá se viu interrompido polo estrondo dun motor–. É o maldito Hummer do señor Thrane? A súa muller estirou o pescozo e mirou pola fiestra da cociña:

10


–Non. Parece un camión de mudanzas. Lise, que polo xeral era unha nena moi ben educada, levantouse da mesa sen pedir permiso, nin acabar o que tiña no prato, nin dar as grazas pola comida, e saíu correndo cara á porta. Efectivamente, un camión que no lado levaba escrito FURIOSO & RÁPIDO aparcara diante da casa amarela baleira. E agora uns homes estaban descargando caixas de cartón da parte traseira. Lise baixou os chanzos da porta e, para ver mellor, achegouse á árbore que había xunto ó valo e que o seu pai dicía que era unha maceira, aínda que ninguén lle vira nunca dar mazás. Os homes estaban transportando mobles, lámpadas e uns cadros moi grandes e moi feos. Lise fixouse en que un deles lle ensinaba a outro unha trompeta abolada que había encima dunha caixa de cartón, e que os dous se botaban a rir. Pero non viu nada do que esperaba ver: nin bonecas nin bicicletas pequenas nin un par de esquís curtos. E iso só podía

11


significar que a xente que se mudaba non tiña fillos, ou polo menos non nenas da súa idade. Lise suspirou. Nese momento oíu unha voz: –Ola! Lise mirou sorprendida ó seu redor, pero non viu a ninguén. –Ola, ola! Lise ollou a presunta maceira, que agora empezara a falar. –Aí non –dixo a voz–. Aquí. Lise púxose na punta dos pés e mirou por encima do valo. E descubriu un neno pequeno e rubio. Ou, máis que rubio, tiña o pelo completamente vermello. E non é que fose pequeno, senón que era diminuto. Tiña unha cara diminuta con dous diminutos ollos azuis e, entre eles, un diminuto nariz recachado. O único grande que tiña na cara eran as pencas.

12


–Chámome Bulle –dixo–. Algo que dicir? –Sobre que? –preguntou Lise. –Sobre o feito de que me chame Bulle. Non é un nome moi frecuente. Lise pensouno. –Non sei –dixo. –Ben. –O neno sorriu–. Rima con “bulebule”, pero non falemos máis diso. Paréceche? Lise asentiu e o neno meteu o índice da man dereita na orella esquerda. –E ti como te chamas? –Lise –dixo Lise. Bulle non deixou de furgar co índice mentres a observaba. Ó final sacou o dedo da orella, mirouno, asentiu satisfeito e refregouno contra o pantalón. –A verdade é que non se me ocorre nada interesante que rime con Lise –dixo–. Tes sorte. –Vaste mudar á casa de Anna?

13


–Non sei quen é Anna, pero nós mudámonos a esta chabola amarela –respondeu Bulle sinalando co polgar por encima do seu ombreiro. –Anna é a miña mellor amiga –dixo Lise–. Mudouse a Sarpsborg. –Buf, pois iso queda lonxe –dixo Bulle–. Sobre todo para unha mellor amiga. –Ah, si? –dixo Lise–. Anna cría que non estaba moi lonxe. Díxome que para visitala só tiña que coller a autoestrada cara ó sur. Bulle negou coa cabeza con expresión apesarada. –En efecto é cara ó sur, pero non sei se a autoestrada chega ata tan lonxe. Porque resulta que Sarpsborg está no hemisferio sur. –O que sur? –preguntou Lise, asustada. –O hemisferio –dixo Bulle–. Iso significa que está ó outro lado do globo terrestre. –Oh! –dixo Lise con mágoa, e despois de pensalo un anaco, engadiu–: Papá di que no sur vai calor todo o ano, así que agora Anna poderá bañarse no inverno e no verán. –Non tal! –dixo Bulle–. Sarpsborg áchase tan ó sur que case está no Polo Sur. E alí vai un frío de morte. Nos tellados das casas viven pingüíns. –Queres dicir que en Sarpsborg hai neve todo o ano? –preguntou Lise, desconcertada.

14


Bulle asentiu e Lise estremeceuse. Bulle apertou os beizos e soprou a través deles. Soou coma un peido. Lise engurrou o cello e pensou no alcume “Lisa dos Peidos”. –Estaste burlando de min? –preguntou. Bulle negou coa cabeza. –Estou practicando –dixo–. Toco a trompeta. E hai que practicar todo o tempo. Mesmo cando non tes trompeta. Lise ladeou a cabeza e mirouno. Xa non estaba moi segura de que Bulle lle estivese dicindo a verdade. –Lise, tes que lavar os dentes antes de ir ó colexio –bruou unha voz. Era o seu pai, que puxera o uniforme azul de comandante e se dirixía cara á cancela bambeando o bandullo–. O barco coa pólvora para os canóns chegou esta mañá de Shanghai, así que hoxe volverei tarde á casa. Pórtate ben. –Si, papá –dixo Lise, que sempre se portaba ben. E ademais sabía que o día que chegaba a pólvora para os canóns sempre era un día especial. A pólvora cruzaba medio planeta para chegar, e había que manexala con moito coidado e moito respecto porque a ían usar para disparar a Gran e Case Mundialmente Famosa Salva Real da Fortaleza de Akershus o mesmísimo día da festa nacional, o 17 de maio. –Papá, sabías que Sarpsborg está no… eh… hemisferio sur? O comandante detívose e engurrou a testa. –Quen che dixo iso? –Bulle. –Quen? Lise sinalou co dedo. –Bull… –empezou a dicir, pero interrompeuse de súpeto ó descubrir que estaba sinalando un anaco da rúa dos Canóns onde só había rúa, de Bulle non quedaba nin rastro.

15



Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.