O duque Ernesto
Agora, escoitade todos ben! Vouvos contar moitos feitos extraordinarios dun nobre cabaleiro. Tedes que prestar atención. É bo escoitalo, pois a moitos alégraselles o ánimo cando se fala de actos valorosos. Mais aqueles que na casa sementan a súa terra e nunca toman parte nos combates heroicos que se relatan, teñen unha gran dor no corazón. Acovárdanse cos actos honorábeis: non sufriron tribulacións, e tamén as evitan por completo, pois non valen para iso e, sempre que poden, din dos relatos que son falsos. Rebátenos con forza, e queren impedilos coma se só fosen mentiras. Non hai nestas persoas ningunha boa calidade. Pero onde estean presentes bos cabaleiros, non se lles prestará ouvidos. Para demostrar a súa audacia, enfróntanse adoito a perigos en países estranxeiros, e aturan o bo e o malo entre pobos descoñecidos. O que disto se conta non o discuten, pois eles mesmos o experimentaron. Digo todo isto para que escoitedes con máis atención esta historia que vos vou contar, pois non vos vou agochar as calamidades nin as grandes fatigas que padeceu o duque Ernesto despois de que o expulsasen de Baviera. Nos libros está escrito que gobernou o país de Baviera e protexeu con valor a pobres e poderosos. Todo o que facía era digno de honra e gabanza. O mozo administrou con afouteza o herdo que o seu pai lle deixou, até que un emperador o desterrou de aló con todo o poder do reino. A causa disto un gran número de cabaleiros arredáronse del por medo. Entón abandonou o seu herdo honorabelmente, e con el moitos valentes guerreiros que ao seu carón quixeron arriscar vida e bens até a morte. Dende entón topouse con moitas dificultades que venceu con denodo: era un heroe intrépido. Vouvos seguir informando de como foi que este nobre home sufrise tantos prexuízos por parte do emperador. 25
Anónimo
Dise que era un cativo cando lle morreu o pai. El deixoulle, xunto co seu herdo, moitos valentes cabaleiros ao seu servizo, que o educaron; foi o correcto. Eles afastárono de toda maldade. A súa nai chamábase Adelaida e era unha muller da alta nobreza. Era unha moza con moitas virtudes, polo que gozaba dunha grande honra. Fixo que lle aprendesen ao cativo francés e mais latín, e enviouno tamén a Grecia para recibir educación. Alí coñeceu mestres de moitas ramas do saber. O neno aplicábase en todo tipo de destrezas; por iso medrou moito a súa honra. Así pasou o alegre rapaz os anos da súa nenez coñecendo países estranxeiros. Foi, xa que logo, famosísimo en moitos reinos, nos que fixo que se falase del con gran gabanza. Pensábase nel a miúdo con toda clase de bondades. Era, con modestia, leal e xeneroso; por iso acudían onda el cabaleiros de moi lonxe cando tiña dificultades e precisaba deles. Chamábanlle valente e virtuoso, e puña todo o seu corazón nas cousas boas. Nestas só podía ter éxito. Temía as aldraxes e as burlas: pola súa honra e por Deus repartía todo o que puidese ter. Faláballes amabelmente aos seus homes, e concedíalles grandes honores. Por iso eles lle axudaron moito cando se viu en apuros e padeceu grandes tribulacións; sometéronse a el onde queira que os quixese, e ficaron con valentía ao seu carón. Fosen servos ou libres, ninguén o abandonou nunca mentres estiveron con vida. Así medrou o mozo, até que degoxou levar armas. Ordenou entón que lle preparasen o que precisaba para iso. Conseguiuse axiña: cabalo de batalla, cabalo de montar e mais armadura. Entón o nobre guerreiro recibiu con grandes honores a espada19, e con ela un magnífico mozo, o
19 A entrega da espada era unha cerimonia, herdeira seica de antigos ritos de iniciación xermánicos, a través da que se recoñecía a capacidade do mozo para levar armas, representando así o paso á idade adulta. 26
O duque Ernesto
conde Wetzel, o seu vasalo, que nunca foi covarde, e outros compañeiros, que dende cativos foran educados nos modos cabaleirescos. Wetzel seríalle por iso sempre leal e sincero. Nunca o abandonaría, en ningunha tribulación. Ficou con valentía ao seu carón até que finou. Ambos os dous coñeceron moitos países estranxeiros, e nunca se separaron, en ningunha dificultade, até que ao final os separou a morte. Cando o louvadísimo heroe, xunto co conde Wetzel, heroe afouto, recibiu con honores a espada, dispuxo dun enorme poder. Ninguén quedou decepcionado con el. Para quen o coñecía non había ninguén en todos os países alemáns que fose o seu igual, que se lle puidese comparar. Daquela viaxou polo país cun feixe de orgullosos cabaleiros. Seguíao unha multitude, cabaleiros e escudeiros. Atendíaos ben: dáballes cartos e roupas. Pola súa largueza facía amizade con todo o mundo. Cando se trataba da súa honra, non aforraba nin prata nin ouro. Por iso os seus vasalos se puñan con lealdade a disposición deste ilustrísimo home onde queira que houbese dificultades. A duquesa Adelaida estaba leda e tamén feliz por ter educado así o fillo e que fose, daquela, en verdade louvado en todos os países. Ela tamén honraba o guerreiro coas súas maneiras femininas. Polas súas nobres calidades pretendíana príncipes poderosos. A moitos príncipes lles gustaría tomala por dona pola súa intelixencia e a súa fortuna, mais a enxalzada dama non quería casar con home ningún. Quería morrer solteira e casta, para congoxa dos distinguidos príncipes. Polo tempo no que eles tiveron noticia disto, gobernaba o Imperio Romano Xermánico un poderoso rei chamado Otón. A el estaban sometidas as terras de moitos príncipes de lingua alemá e italiana. O rei conquistara tamén os países dos wendos e dos frisóns.20 Entre eles podían acharse 20 Wendos era o nome que lles daban os xermanos aos pobos eslavos. Foron some27
Anónimo
moitos que tiñan que prestarlle homenaxe. O seu goberno era moi apreciado entre os príncipes. O emperador protexía como conviña viúvas e orfos de toda clase de perigos, facía que se cumprisen os seus mandatos, e atinxiu a mellor paz, cara a dentro e cara a fóra, que antes e despois e para sempre houbo en terra saxoa. Para acadar a gloria celestial, este soberano fundou, como vos podo contar ben, un poderoso arcebispado; isto é dabondo coñecido. O seu nome é Magdeburgo, e está situado á beira do Elba. Daquela causóuselle ao demo un gran quebranto cando as xentes, facendo medrar a súa graza, se arredaron del. O emperador someteunos sen resistencia. Foi consagrado a san Mauricio e ao seu exército21, para honrar e acrecentar as loas a Deus, que lle concedera a súa graza. Entregoulle ao arcebispado as xentes e a terra, e fortaleceuno con grandes rendas. Por iso terá arreo gabanza e honra perante Deus. Este rei nobre e sobranceiro tamén fundou alí en honor a Deus un convento.22 Así, por mor del, moitas voces danlle grazas a Deus todos os días. Dígovos que este poderoso rei se comportaba con gran virtude. Era un excelente guerreiro e un admirábel heroe. Con el todo o Imperio Romano Xermánico estaba ben protexido. Era un cabaleiro bo e nobre. Era compasivo do xeito xusto con ricos e pobres. Para todos os que o desexaban, que procuraban a súa axuda, estaban listas as súas dádivas. Na súa mocidade o soberano tidos en varias ocasións durante os reinados de Henrique I (876-919) e Otón I (912976). Pola súa banda, os frisóns, que habitaban un territorio situado hoxe en Holanda, foran xa vencidos por Carlos Martel no ano 734. 21 San Mauricio era, segundo a lenda, oficial da Lexión Tebana, integrada por cristiáns. Foi martirizado xunto cos seus homes no século iii por non querer renegar da súa fe. 22 O emperador Otón I fundou en Magdeburgo o mosteiro de San Mauricio no ano 937. Alí foi soterrada a súa primeira dona, Edgitha. O arcebispado de Magdeburgo, pola contra, non se estableceu até o ano 968. 28
O duque Ernesto
casara cunha muller. Ela morreu; o seu nobre corpo foi soterrado, como era axeitado, na igrexa santa. Nacera en Inglaterra, e puxera todo o seu corazón no noso Señor. Esta piadosísima raíña chamábase Otegebe, e era unha vide fecunda. Era obediente a Deus. Cando morreu, alcanzou o Reino de Deus xunto coa ledicia eterna. A súa alma é santa, como foi a súa vida. Sabede, ademais, que por esta muller Deus fixo que acontecesen moitos signos marabillosos, como inda hoxe os pode ver quen queira ollar alí, e que Deus lle concedeu moitas grazas a esta nobre muller mentres estivo con vida. Así, o emperador viviu todo este tempo sen unha esposa, como oístes antes, mais gustaríalle ter tomado unha que se lle axeitase e fose acaída como raíña para o imperio. Convocou entón os príncipes e comunicoulles o seu propósito. Dixo: –Se vos presta e pode levarse a cabo honorabelmente, axudádeme, meus queridos amigos, a atopar unha muller que vos agrade. Recompensareivos a todos da maneira que vós gustedes. Disto podedes estar seguros. Non ben ouviron isto, os príncipes xuntáronse; reuníronse en asemblea para ver como poderían procurarlle ao rei o que arelaba. Todos estiveron de acordo en que non sabían de ningunha que cadrase tan ben con el, se a tomaba por muller, como a duquesa Adelaida: era con razón gabada sobre todas as mulleres. Da súa vida non coñecían nada reprochábel: “Isto é o que din dela todos os que son sabios”. Se a consigue, “a todos nós nos parecerá ben”. Se o emperador puxese o seu corazón nela, podería con honra escollela como soberana do reino: polas súas calidades femininas gustaría a todos. Xa na súa mocidade, e até o de agora, conducírase con decoro e donaire. Era asisada e distinguida. Así falaron todos. Os príncipes foron onda o rei e contáronlle da dona digna de louvanza, da súa nobreza e das 29
Anónimo
súas virtudes, da súa intelixencia e da súa mocidade, e do seu admirábel espírito: era digna de ser raíña do imperio, pois ningunha das donas que coñecían en Alemaña a igualaba. Cando o emperador ouviu estas palabras, gustou do consello, pola natureza virtuosa da nobre e ilustre dona. Da súa man escribiu unha carta como mellor sabía, palabras doces da súa boca, tan afectuosas como era quen de dicilas. Coa carta enviou a Baviera un príncipe que lle pareceu acaído como mensaxeiro. Cando o cabaleiro chegou aló e apareceu coa carta, a dama recibiuno moi amabelmente, cun saúdo agarimoso. O cabaleiro explicoulle entón á dama, devagar e como é debido, o que lle ofrecía o poderoso emperador do Imperio Romano Xermánico, que con tanto afecto lle enviara a carta. –Deixádeme animarvos a que accedades con xentileza á petición do emperador e de todos os príncipes, os seus vasalos. Se satisfacedes a petición do emperador, gozaredes sempre de honra. A dona comportouse educadamente. Inclinouse ao recibir a carta. Dixo: –Serei, como é o axeitado, obediente ao emperador e ao imperio23. Despois a nobre duquesa mandou a un mensaxeiro ir axiña onda o seu capelán, que lle leu a carta do xeito correcto, o que alí estaba escrito. Escoitade como comezaba: “Nobrísima duquesa, envíoche esta carta que escribín da miña propia man, señor e soberano do reino, e ínstote ademais, señora, a que, en virtude das túas grandes calidades e da túa exemplar mocidade, entendas o que significa. Os 23 A palabra rîche pode referirse tanto á persoa do emperador como ao imperio personificado nel. Este dobre significado remite á teoría dos dous corpos do rei, segundo a cal o soberano tería dous corpos: un natural e perecedoiro, como o resto dos seres humanos, e outro abstracto, político, que sería inmortal. Sobre isto véxase Kantorowicz (1981). 30
O duque Ernesto
seus conselleiros faláronlle da túa bondade.24 Volve o teu corazón cara ao meu amor. Fareite raíña de todo o Imperio Romano Xermánico. Ningunha muller do mundo se te poderá entón comparar. Ti, encantadora, serás enxalzada cada vez máis. Servirante, ilustre señora, todos os príncipes. Todos no meu reino, pobres ou poderosos, estaran sometidos a ti. Poderás daquela, nobre e distinguida dona, por mor dos múltiples honores, ser moi feliz. Díxoseme e contóuseme moito da túa bondade. Accede, benquerida dona, á petición miña e dos príncipes; non me teñas carraxe e casa comigo, señora. Entón nada che sairá mal mentres vivas. Outorgareiche un gran poder alí onde gobernes que te fará feliz, tal e como ti, señora, gustes. Servirante todos aqueles que agora son os teus iguais: serás a súa raíña”. Cando a moi admirábel dona ouviu toda esta carta e o que lle dixo o mensaxeiro do emperador, alzou o seu corazón cara a Deus e agradeceulle o grande honor que lle destinara. A bondadosa louvouno por iso, e pregoulle de todo corazón que isto redundase na súa dita. Deseguida mandou chamar polo seu fillo e pediulle que viñese para ouvir esa noticia, a mensaxe do emperador: quería obter, como era o axeitado, o seu consello ao respecto. O mozo chegou axiña ao lugar no que estaba a súa nai. A dona faloulle decontado da mensaxe que recibira. Non ben ouviu el a nova, púxose moi contento. Dixo: –Disto poderei estar sempre orgulloso. Non debedes rexeitalo, posto que el vos ten en tanta estima que vos desexa como esposa. Nós aledarémonos convosco, pois aconteceu que sodes do agrado de todos os príncipes como raíña. Non vos arrepentiredes. Aconséllovos de boa fe que digades que si –dixo o heroe mozo e distinguido. 24 O texto muda da primeira á terceira persoa, no que se pode interpretar como unha explicación do capelán. 31
Anónimo
Cando a dona ouviu del que a proposición lle conviña e que lle aconsellaba de boa fe aceptala, con agarimo enviou de volta o mensaxeiro, e fíxolle saber ao poderoso emperador, e tamén a todos os seus vasalos, que quería someterse ao que desexase dela. O mensaxeiro regresou entón con ánimo alegre. O nobre cabaleiro correu día e noite, sen se permitir acougo ningún, até que chegou onda o poderoso emperador. Decontado díxolle ao seu señor o que alí ouvira. Recibiu entón unha gran benvida dos príncipes e do emperador, por ter pedido a man con tanto éxito, para honra do emperador. Agradecéronllo moito. O nobre emperador encheuse de ledicia pola fermosa dama. Todos os seus vasalos se alegraron tamén coa noticia. Ordenou daquela preparar con todo o esforzo, mañá e noite, todo o preciso para a voda. A festa fixouse para dentro de seis semanas, diante da rica cidade de Maguncia, como o nobre rei pediu. Acto seguido, cos seus homes, marchou feliz onda a súa dona, cara a Baviera. Víronse alí moitos valentes cabaleiros cando a duquesa Adelaida foi entregada como esposa ao emperador, e viuse tamén que o emperador e todos os seus homes se atopaban moi felices. Cando marcharon coa dona, moitos heroes afoutos cabalgaron felices con eles polo camiño, alegrándose tras os seus escudos. O largos campos quedaron estreitos polo gran xentío que se lles uniu ao longo da súa viaxe, antes de chegaren a Maguncia. Cando atravesaron o Rhin e chegaron á chaira que hai diante da cidade na que se ía celebrar a festa, onde había xa moitas fermosas tendas erguidas sobre a herba verde.25 Alí onde o emperador ía casar había toda clase de entretementos. Puido alí ouvirse berrar e exclamar, aturrar e vocear moi alto, e toda clase de música de corda. Había moitas diversións, como son habituais nas festas. Ninguén estaba alí 25 Otón I casou no ano 951 en Pavía con Adelaida, viúva do rei Lotario de Italia. 32
O duque Ernesto
apesarado, nin pobre nin rico. En todo o Imperio Romano Xermánico non se viu nunca, nin antes nin despois, unha festa máis fermosa en honor do emperador. Por iso o ilustre rei foi louvado en todos os países. Entregoulles aos guerreiros moitas e grandes teas de seda, mulas cos arreos, ademais de prata e mais ouro, e para os potentados mandou traer moitos agasallos espléndidos. Ninguén vos podería describir o gozo e o alcance do xúbilo. Tamén había alí moitos xograres: a eles déuselles abondosos presentes, de xeito que tamén estaban ledos. Cando a festa rematou, cada un dos príncipes, numerosos priores e moitos bispos foron onda o admirábel emperador, e despedíronse del. Entón a gran reunión dispersouse. Os leais heroes separáronse amábeis e contentos, e foron por distintos camiños. Marchou logo o rei coa súa fermosa dona. Seguírono moitos homes, até que el os levou onde pensaba quedar. Ela sabía como facelo feliz. El trataba a nobre raíña con grande honra. Polo nobrísimo amor que ela lle tiña, a moi fermosa éralle moi querida. Amaba esta encantadora muller máis ca calquera outra cousa. En todo momento tiña moitas atencións cara a ela. Tampouco ela o agoniou nunca con ningún tipo de falta, senón que velaba con bondade feminina polo favor del. Sempre que algún fracaso lle causaba un pesar, ela esvaecíao da mellor das maneiras. Estaba unida a el con tanto amor que por ela el esquecía toda conduta errada. Isto redundaba no mellor para ambos os dous. O emperador e mais a raíña estaban moi unidos no amor. Durante moito tempo gozaron con honra dunha alegría sen inimizade, posto que os seus parentes nunca lles causaron ningún desgusto, de ningún dos xeitos. Como podía irlles mellor? Vivían felices e sen deshonra ningunha (con el o imperio desfrutou de paz e honra: non había daquela ningún que se lle comparase). O rei enviou un mensaxeiro ao duque 33
Anónimo
Ernesto, cara ao que sentía unha inclinación boa e sincera, pois o seu corazón éralle favorábel polo amor que lle tiña á súa nai. A el ofreceulle o emperador, o nobre señor, o seu amor e todo o bo, como un soberano fai cos seus vasalos, e, con afecto sincero, que visitase a raíña, a súa nai. Isto levouno a cabo o heroe do seguinte xeito: tomou consigo os seus homes, cos que chegou con gran magnificencia á corte, onde se atopou co rei. Este recibiu amistosamente o guerreiro e deulle a benvida. O mesmo fixo a raíña, con gran ledicia. Recibiron o valoroso heroe con toda clase de agasallos. O emperador concedeulle o dominio sobre grandes posesións. Dixo: –Mozo intrépido, es afortunado. Mentres ambos os dous esteamos con vida, considerareite o meu fillo. Dareiche como feudo tanto das miñas posesións que o teu corazón sempre estará inclinado cara a min. Terás coñecemento de todos os meus asuntos. Mozo excelente, Deus envioute a min. Exerce con vigor a túa autoridade sobre as persoas e o país, e axúdame a protexer e administrar o reino de xeito que non haxa alí nin pillaxe nin incendios. Por iso recompensareite sempre con lealdade, nobre guerreiro. O rei deulle tanto, a el e aos seus vasalos, que xa non quixeron máis: parecíalles que era demasiado. O heroe decatouse con isto que o amaba con sinceridade. Con moita frecuencia amosáballe unha atención paternal. Trataba o moi ilustre mozo coma ao seu único fillo. Preocupábase tamén en todo momento pola súa honra. Nisto axudábano tamén os seus parentes e vasalos. O rei facíao ir adoito á corte para obter o seu consello. Amosaba tal comportamento nas súas palabras e nas súas maneiras que o escoitaban o emperador e todo o imperio. Daba consellos tan sabios que por ese tempo ninguén era quen de aconsellar mellor. Era a todos os efectos un intrépido cabaleiro. O emperador sentía afecto polo valente: o heroe tíñao ben gañado perante o reino e fronte a el. Tamén á raíña a 34
O duque Ernesto
compracía que fose tan gabado na corte. O seu nome estaba por riba de todos aqueles que por moitos anos foran os conselleiros do emperador. O rei tíñalle unha gran simpatía e facíalle moito ben. Disto fíxose honrosamente merecedor en moitas e perigosas batallas, a prol do excelso rei. Adoito dáballe prata e ouro vermello sen medida. Por iso o ilustre heroe lle foi leal durante os moitos anos que pasaron xuntos, de tal xeito que nunca se desaviron. Isto anoxou a un tal Henrique, que dun xeito traizoeiro destruíu a amizade entre eles seguindo o consello do demo, o cal dende entón levou a outros moitos polo mal camiño. Este miserento era, igualmente, parente do emperador e o seu conselleiro. Cada día cismaba como podería facer para que o rei odiase o querido heroe, que o chegase a aborrecer. Isto fíxoo só e por ningunha outra razón máis ca porque aquel gozaba do especial favor do emperador. Pensou daquela que dicir para que llo retirase e o deshonrase. O seu corazón encheuse de carraxe, pois na corte non o vían con tan bos ollos coma antes: isto causáballe pesar e ira, e atormentábao a el e mais aos seus. O conde palatino do Rhin era este traidor do que vos acabo de falar. O traidor foi entón, con falsidade e sen escrúpulo, ao lugar no que estaba o poderoso monarca, e contoulle deseguida unha historia falsa, segundo a cal a lealdade do duque Ernesto era finxida. –Eu mesmo o ouvín del, así que sabede a verdade: desexa afastarvos do poder. Quere equipararse a ti en dignidade e en poder. Isto preocúpame, señor, e agoníame. Velaquí o que causou o teu ouro. Os príncipes están todos da súa parte. Podes perder todo o teu honor. Non queres, señor, buscar un amigo fiel? El comenta en voz alta que quere igualarse a ti en poder, en avoengo e en dignidade, e que todos os días, día e noite, medita sobre como pode obter o teu herdo e a túa honra. Isto contoumo como certo, nobre príncipe, alguén 35
Anónimo
que llo ouviu dicir, e que me pediu ás agochadas que te advertise antes de que el te ataque por sorpresa e che arrebate o teu honor. Se el te desterrase, onde iría eu? Sería tamén desterrado. Meu querido señor, pensa a tempo sobre isto, para que poidamos pórnos a salvo del. Se el fose o soberano do imperio, tamén me arrebataría a min a miña autoridade: isto cáusame un gran temor. O emperador asustouse moito coa nova. Dixo: –Como che podo crer unha nova semellante, que el me sexa tan hostil como me acabas de dicir? Acúsano por envexa e por un odio obsceno. Tes que saber abofé que el de ningún xeito faría iso. É bo e leal, valente e sincero, e serviume fielmente a min e mais ao imperio con grande amor e tanto celo, até o día de hoxe, que non podo crer unha historia tan terríbel sobre el. Está libre de falsidade e exento de toda deslealdade. Valoro moito a súa lealdade. Sei que é alguén tan firme que nunca faría iso. É un nobre guerreiro, e até o de agora permaneceu solícito ao meu carón. Se me amas, deixa esas lerias. O único que queres é expulsalo lonxe de min. Para min sería un gran pesar perdelo dese xeito. Déixao en paz. –Que Deus se apiade do pobre de min –respondeu o conde palatino– de que el vos convencese con renartería e vos roubase a razón, para que o amásedes a el e non a min. Sei ben que vos debo unha gran lealdade e amizade. Fun tamén sincero convosco e co imperio, señor, e confío en saír airoso fronte a el como el o fai fronte a min. Teño tamén terra e bens, son tamén príncipe e fillo de príncipes, só actúo así por lealdade e, ademais, segundo a xustiza. Se as vosas forzas fosen fortes dabondo non me preocuparía no máis mínimo. Mais, señor, se vos sucedese algo a vós ou á vosa honra, nunca podería sobreporme. De atopalo aquí, reprocharíalle agora mesmo as falsas intencións que garda cara a vós. Non podería negarmo. Contoume isto 36
O duque Ernesto
un home moi honrado, o cal xuraría pola súa vida que llo ouviu. Podedes estar certo disto: acórame moito que non me creades. Tedes que saber que vós mesmos vos estades a roubar a vida e mais a honra. Neste asunto debedes, augusto emperador, proceder con intelixencia, e gardar con prudencia a vosa honra. Cando dende todos os lados marchen coas súas tropas contra ti, será xa demasiado tarde.26 Entón non teremos defensa ningunha. Posto que os príncipes o apoian, conseguirá un exército tan poderoso que marcharán e te atacarán no imperio con violencia e con devastación. Cando o emperador ouviu isto, anoxouse co duque a causa desta calumnia. Creu que era certo o que lle contaba o seu parente. Isto enfureceuno e aflixiuse moito. –Que Deus cho pague, nobre heroe, por te preocupares da miña tribulación. Arrepentirase disto, se non mo impide a morte. Nunca se elevará tan alto como para que eu non o faga retroceder e o abaixe, de tal xeito que ante el poida estar a salvo e en paz no meu imperio. O emperador comezou a alporizarse. Entón dixo o traidor. –Non te alporices tanto e fai como che aconsello; así poderás castigalo con facilidade e sen gran prexuízo para ti. Debes ocultarlle á raíña, e tamén a todos os teus vasalos, o que che dixen; do contrario advertirano. Agora encárgate de que el o pague antes de que se decate de algo. Cómpre arrebatarlle as fortalezas no país que herdou, e aniquilalo así antes de que se arme e se atreva a emprender unha resistencia. Debemos atacalo co exército. Pois se el fose quen de se defender, poría en apertos o imperio. Os seus vasalos responden por el e apoiarano con moitas tropas. Todo isto podes impedilo e evitalo sen danos. Debes mobilizar un exército; isto debe acontecer ás agochadas, para que ninguén 26 O uso do pronome oscila aquí entre “ti” e “vós”. 37
Anónimo
poida descubrir a quen queres enfrontarte ou onde se dirixe a túa expedición, até que el sexa atacado. Entón non poderá gañar, pois non terá defensa ningunha. Este é, señor, o meu consello. Tenta gañar as súas fortalezas con promesas e mais con agasallos, para que non tomen parte no conflito: así, o afouto heroe terá que abandonar sen resistencia o teu imperio e fuxir. O rei seguiu axiña o consello do conde palatino e fixo como lle indicaba. Máis tarde arrepentiuse moito disto, pois sufriu as consecuencias27. Reuniu un grande exército, e enviouno contra o duque. Con pillaxe e con incendios renegou do seu enteado. Este non puido facer nada en contra, agás defender o seu castelo. Con devastación fíxoselle esquecer o amor que sentía polo emperador. O conde palatino causou moitos danos no seu país, tanto nas fortalezas como nas cidades, das que conquistou moitas e as ocupou cos seus homes. Viuse arder as outras. Todo isto aconteceu a causa dunha gran calumnia. Despois de que o conde palatino Henrique, polo seu odio asasino, con pillaxe e incendios ocasionase ao seu redor unha gran devastación no país, sitiou Núremberg cunha feroz loita. Alí atopou moitos bravos guerreiros que defenderon a súa vida con valentía. Venceron a moitos que, por todos os lados, nos foxos e nas escaleiras, procuraban o asalto. A meirande parte deles morreron alí, na porta da fortaleza. O mesmo conde palatino levaba no asalto a bandeira do imperio. Sabía ben como encirrar os seus homes. Os vellos e os mozos empurraron con tanta forza que sufriron grandes danos antes de marcharen de aló, pois tiveron que se retirar os primeiros ao campo diante da fortaleza, e desmontaron as súas tendas. Escaparon por moi pouco, e deixaron sen tomar a cidade. 27 O relato anticipa aquí acontecementos posteriores. Trátase dun recurso que se emprega adoito no texto e que é propio da poesía heroica xermánica. 38