Fame (mostra)

Page 1

Knut Hamsun

Fame



Primeira parte



Foi naquela época cando eu vagaba pasando fame por Christiania, esa estraña cidade que ninguén abandona ata quedar marcado por ela… Estou esperto na miña cama na bufarda; oio as seis badaladas no reloxo de abaixo; xa hai bastante luz e a xente comeza a moverse polas escaleiras. Xunto á porta, onde a parede do meu cuarto está empapelada con números atrasados do Morgenbladet, distingo claramente un edicto do Director Xeral de Faros, e un pouco á esquerda, un graxento e suculento anuncio do panadeiro Fabian Olsen, que vende pan fresco. En canto abrín os ollos empecei, como de costume, a preguntarme se ese día me tería reservada algunha alegría. Ante a penuria dos últimos tempos, un tras outro, os meus obxectos persoais foran rumbo á casa de empeños, atopábame nervioso e irritable, e nun par de ocasións quedara na cama ata o mediodía por mor dos meus mareos. Ás veces, cando a fortuna me sorría, algún periódico pagábame ata cinco coroas por un folletín. Cada vez había máis claridade e púxenme a ler os anuncios que estaban xunto á porta; mesmo logrei distinguir as gráciles e riseiras letras que falaban de “Mortallas na casa da señorita Andersen, no patio á dereita”. Ese quefacer mantívome ocupado durante un bo anaco. Oín dar as oito no reloxo de abaixo antes de levantarme e vestirme. Abrín a fiestra e asomeime. Dende onde estaba podía ver a roupa tendida nas cordas e un prado; moi ao lonxe enxergábase o que quedaba dunha forxa destruída polo lume, entre cuxos restos había uns traballadores limpan9


do. Apoieime cos cóbados na fiestra e fitei o ceo. O día ía ser luminoso. Chegara o outono, esa delicada e fresca estación en que todo cambia de cor e todo perece. O ruído invadía xa as rúas e tentábame a saír; ese cuarto baleiro, cuxo chan se mexía a cada paso que daba, era coma un cadaleito sinistro e fendido; a porta non tiña cerradura e non había ningunha estufa; adoitaba deitarme sobre os meus calcetíns polas noites para que estivesen un pouco secos á mañá seguinte. O único que tiña para distraerme era unha pequena randeeira vermella na que sentaba polas tardes a durmiñar e pensar en moitas e diversas cousas. Cando ía moito vento e as portas de abaixo estaban abertas, oíanse uns estraños asubíos a través do chan e das paredes, e no Morgenbladet, xunto á porta, abríanse fendas tan grandes coma unha man. Levanteime e examinei un vulto que había no recuncho da cama, na procura de algo que almorzar, pero non achei nada e volvín de novo á fiestra. Deus sabe se algunha vez lograrei atopar outro emprego, pensei. Todas esas negativas, esas vagas promesas, eses rotundos rexeitamentos, esas nutridas esperanzas que de súpeto se esvaecían, esas novas tentativas que unha e outra vez terminaban en nada, acabaran xa co meu ánimo. Ultimamente solicitara un emprego de cobrador, pero cheguei demasiado tarde; ademais, foime imposible conseguir un aval por cincuenta coroas. Sempre había algún obstáculo. Tamén solicitei o ingreso no corpo de bombeiros: xuntámonos no patio medio cento de homes sacando peito, co fin de dar a impresión de forza e gran coraxe. Un inspector paseouse estudando os solicitantes, palpándolles os brazos e facéndolles algunha que outra pregunta; por min pasou de largo, moveu a cabeza negativamente e dixo que se me rexeitaba por levar lentes. Volvín presentarme sen lentes, 10


coa cella engurrada e os ollos agudos coma coitelos, e o home volveu pasar de largo, sorrindo; supoño que me recoñecera. O peor de todo era que tiña a roupa xa tan luída que non podía presentarme nos sitios coma unha persoa decente. Ultimamente todo me fora costa abaixo. Sen saber como, achábame desposuído de todo, non me quedaba nin sequera un peite ou un libro que ler cando todo se volvía demasiado triste. Durante todo o verán estivera frecuentando o cemiterio ou o parque do Palacio, onde escribía artigos para os xornais, columna tras columna, sobre os asuntos máis diversos, estraños inventos, caprichos, ideas concibidas polo meu axitado cerebro; de pura desesperación elixía os temas máis afastados, que me esixían longas horas de esforzo, e nunca eran aceptados. Ao acabar un artigo empezaba outro, e de cando en vez deixábame aflixir polo rexeitamento dos directores dos xornais; repetíame constantemente que algún día o conseguiría. E en efecto, ás veces, cando tiña sorte e lograba facer algo bo, podía chegar a cobrar cinco coroas polo traballo dunha tarde. Retireime de novo da fiestra, achegueime á cadeira sobre a que tiña a almofía e botei unhas pingas de auga nas relucentes xeonlleiras dos meus pantalóns para ennegrecelas e facer que parecesen novos. Feito isto, metín, como de costume, papel e lapis no peto, e saín do cuarto. Baixei ás furtadelas e moi silenciosamente pola escaleira para non chamar a atención da miña caseira; había un par de días que lle debía a renda, e non tiña nada con que pagarlle. Eran as nove. Ruídos de carros e voces invadían o aire, un terrible coro matutino mesturado cos pasos dos peóns e os estalos dos cocheiros. Ese ruidoso tráfico por todas as partes animoume inmediatamente, e empecei a sentirme 11


cada vez máis contento. Nada máis lonxe da miña intención que dar un paseo matutino exclusivamente para respirar aire fresco. Que lles importaba aos meus pulmóns o aire fresco? Era forte coma un xigante e capaz de parar un carro co ombro. Apoderouse de min un excelente e estraño estado de ánimo, unha sensación de alegre indiferenza. Púxenme a observar as persoas coas que me cruzaba e as que adiantaba, lía os carteis das paredes, recibía impresións dunha mirada que me lanzaban dende algún tranvía que pasaba, deixaba penetrar en min cada detalle, todas esas casualidades que se cruzaban no meu camiño e desaparecían. Oxalá tivese algo que levar á boca nun día tan luminoso! A alegre mañá causoume unha profunda impresión, encheume de euforia e comecei a cantaruxar sen ningún motivo. Diante dunha carnicería había unha muller cunha cesta no brazo, sopesando se mercaba ou non salchichas para o xantar; ao pasar por diante dela miroume. Só se lle vía un dente. Como nos últimos días me atopaba moi nervioso e propenso á irritación, o rostro daquela muller resultoume repulsivo nada máis velo, con ese longo dente amarelo que parecía un pequeno dedo que lle saía da boca, e esa mirada, aínda rebordante de salchichas cando a dirixiu cara a min. Perdín deseguido o apetito e sentín náuseas. Ao chegar ao mercado achegueime á fonte e bebín unha pouca auga; levantei a vista; eran as dez na torre da igrexa do Noso Salvador. Seguín vagando polas rúas sen preocuparme por nada, detívenme nunha esquina sen ningunha necesidade, e metinme por unha canella na que non tiña nada que facer. Deixeime levar na alegre mañá, mexéndome felizmente dun lado a outro entre os demais seres felices; o aire víase limpo e claro, e na miña mente non se debuxaba sombra ningunha. 12


Dende había uns dez minutos, un vello coxo camiñaba diante de min. Levaba un vulto nunha man e andaba con todo o seu corpo, poñendo moito empeño en ir rápido. Chegaba ata os meus oídos a súa forzada respiración, e ocorréuseme que podía levarlle o vulto; no entanto, non fixen nada por alcanzalo. En Grænsen cruceime con Hans Pauli, que me saudou e apurou o paso. Por que levaba tanta présa? Non tiña ningunha intención de pedirlle unha coroa, e mesmo pensaba devolverlle moi pronto a manta que me prestara unhas semanas antes. En canto me recuperase un pouco saldaría todas as miñas débedas; talvez comezase hoxe mesmo un artigo sobre os crimes do futuro ou o libre albedrío ou calquera cousa, algo digno de ler, algo que me proporcionase polo menos dez coroas… E ao pensar nese artigo sentín unha imperiosa necesidade de empezar deseguido e de verter algo do meu rebordante cerebro; buscaría un sitio adecuado no parque do Palacio e non descansaría ata acabalo. Pero ese vello inválido seguía diante de min, cos mesmos movementos ranqueantes. Ao final empezou a irritarme ter tanto tempo diante ese coxo. A súa viaxe seica non tiña fin; talvez decidira facer exactamente o mesmo ca min, e nese caso teríao todo o tempo diante dos meus ollos. Na miña exasperación parecíame que en cada cruzamento diminuía lixeiramente a velocidade, como esperando a ver que dirección tomaba eu, e logo volvía axitar o vulto no aire mentres andaba o máis rápido que podía, co fin de sacarme vantaxe. Vou mirando esa impertinente criatura e sinto unha amargura cada vez máis intensa contra el; tiña a sensación de que ese home ía estragando aos poucos o meu bo humor, arrastrando consigo non só a súa fealdade, senón tamén a marabillosa e clara mañá. Parecía un enorme insecto coxo que violentamente e á forza pre13


tendía facerse un lugar no mundo e reservarse a beirarrúa para el só. Ao chegar ao alto da costa xa non puiden aturalo máis, volvinme cara a un escaparate e detívenme co fin de darlle a oportunidade de desaparecer. Cando, ao cabo duns minutos, recomecei a andar, o home estaba de novo ante os meus ollos; tamén el se detivera. Sen pensalo, dei tres ou catro furiosos pasos cara adiante, alcanceino e golpeeino no ombreiro. Detívose de súpeto e mirámonos en fite. –Unha moediña para mercar leite! –dixo por fin, ladeando a cabeza. Vaia unha situación! Revolvín nos petos e dixen: –Para mercar leite, si. Ehm… Nestes tempos escasea o diñeiro, e non sei ata que punto ten vostede verdadeira necesidade. –Non comín dende onte en Drammen –dixo o home–; non teño un céntimo, e aínda non atopei traballo. –É vostede artesán? –Si, son gornecedor de calzado. –Como? –Gornecedor de calzado. Pero tamén sei facer zapatos. –Iso cámbiao todo –dixen–. Agarde aquí uns minutos, vou buscarlle algo de diñeiro, algúns øre. Baixei apresuradamente ata a Pilestrædet, onde había unha casa de empeños nunha primeira planta; por certo, nunca estivera alí. Ao entrar no portal quitei rapidamente o chaleco, enroleino e púxeno debaixo do brazo; logo subín a escaleira e chamei á porta do prestamista. Inclinei respectuosamente a cabeza e puxen o chaleco sobre o mostrador. –Coroa e media –dixo o home. –De acordo, grazas –contestei–. Se non fose porque empeza a quedarme estreito, non me desfaría del. 14


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.