'Cancioneiros dos goliardos' (mostra)

Page 1

Cancioneiros dos goliardos Cancioneiro de Cambridge Cancioneiro de Arundel Cancioneiro de Ripoll Tradución do latín, introdución e notas de Maite Jiménez Pérez



Cancioneiro de Cambridge Carmina Cantabrigiensia



Partira cun compañeiro, un fillo dun cabaleiro de Colonia, que preferira dedicarse ás artes liberais en lugar de á milicia, non sen desgusto de seu pai, pero apoiado pola nai, que tanto celebraba as súas dotes de precocísimo poeta, que Baudolino esquecera, se algunha vez chegou a sabelo, o seu verdadeiro nome. Chamáballe Poeta, como tamén todos os demais que o coñeceron logo. Baudolino descubrira ben axiña que o Poeta non escribira xamais unha poesía, unicamente declarara querer escribilas. Como recitaba sempre poesías doutros, ao final ata o pai se convencera de que o fillo debía seguir as Musas, e deixárao partir, meténdolle no peto o xusto para sobrevivir, na idea equivocadísima de que aquel pouco que chegaba para vivir en Colonia bastaba e sobraba para vivir en París. Umberto Eco, Baudolino, cap. 630

O manuscrito G.g.5.35 da University Library de Cambridge31 contén entre os folios 432r e 443v unha das coleccións poéticas máis interesantes da Idade Media: os Carmina Cantabrigiensia ou Cancioneiro de Cambridge. Trátase do cancioneiro máis antigo dos encadrados baixo o cualificativo de goliárdicos. O manuscrito completo, confeccionado na abadía de San Agostiño de Canterbury e cunha extensión de 444 folios (unhas 910 páxinas), contén textos moi variados, sobre todo poesías da literatura antiga cristiá, de época carolinxia e tamén do medievo inglés. Inclusive se descobren nel algunhas runas32. De toda a compilación, os nosos poemas son os únicos anónimos. O contido dos Carmina Cantabrigiensia fai que a colección poida ser cualificada como unha miscelánea e un verdadeiro traballo corporativo dos monxes de Canterbury. Se pensamos no labor monacal que observaba a regra de san Bieito, ora et labora, é fácil imaxinar que, mentres uns monxes aviaban o pergameo, outros copiaban os textos,

30  A tradución é miña. 31  Dixitalizado na Cambridge Digital Library: http://cudl.lib.cam.ac.uk/ 32  Vid. Rigg -Wieland (1975) para o estudo exhaustivo do manuscrito.

35


Introdución

outros escribían as rúbricas, engadían ilustracións ou a notación musical. Os nosos copistas escribiron en minúscula anglocarolina de mediados do século xi. Sábese que no século xii o códice xa estaba en Canterbury, pois un ex libris dese tempo titula as pezas como quedam rithmica carmina, ou “algúns poemas rimados”, e alí estivo ata o século xvi. Despois da Disolución dos mosteiros, foi trasladado a Cambridge a finais do século xvii. Cando os editores se achegaron por primeira vez ao texto, non estiveron certos da extensión real do cancioneiro. A editio princeps é a de Jaffé (1869), á que seguiu a de Breul (1915), Strecker (1926) e Bulst (1950), que incluíron 49 poemas, todos copiados polo denominado copista A nos folios 432-440 e na primeira parte do folio 441. A edición completa do texto chegou co traballo de Jan M. Ziolkowski en 1994. O investigador opina que non hai razóns de peso para non incluír os poemas copiados polo chamado copista C na colección, que escribiu a continuación dunha unha lagoa importante no caderno, a que segue ao folio 441. Nos folios 442 e 443 este copista C copiou outros sete poemas, todos eles de tema relixioso, e o seu labor abrangue ata o folio 446. Supúxose daquela que o copista C estaba a traballar simultaneamente ao copista A, pero que achegaba material que proviña doutra fonte. O manuscrito perdeu algúns cadernos xa no século xv cando Clement Canterbury, bibliotecario de santo Agostiño, o paxinou, e nos séculos seguintes tamén, algúns deles para sempre. Porén, o descubrimento en 1982 en Frankfurt33 dun folio que faltaba, cambiou o sentido da investigación. O erudito alemán Theodor Öhler visitara en 1840 a biblioteca de Cambridge e quitáralle ao manuscrito este folio 442. O fragmento contiña 25 pasaxes dos primeiros versos dos metra da Consolación da Filosofía de Boecio, e resultou que fóra copiado polo copista A, e polo tanto, por dereito pleno pertencían á colección. Malia que o manuscrito se confeccionou en Inglaterra e foi propiedade dun mosteiro inglés, poucas cosas teñen en común estes 33  Stadt und Universitätsbibliothek. Fragm. Lat. I. 56.

36


Cancioneiro de Cambridge

poemas coa cultura anglosaxoa. O cancioneiro inclúe sete poemas dedicados aos emperadores do Sacro Imperio, e sospéitase incluso que Henrique III puido actuar quizais como mecenas na súa creación. Abundan no texto as referencias aos círculos eclesiásticos e seculares alemáns: arcebispos, conventos, santos patróns, os personaxes suabos, e os poemas que se denominan “macarrónicos”, cunha curiosa mestura entre latín e antigo alto alemán. É, daquela, ben seguro que as orixes da colección están no Baixo e Medio Rin. O Cancioneiro de Cambridge nace nunha época na que a cultura escrita no Occidente de Europa era latina e clerical, polo que algúns autores falan dunha síloxe ou antoloxía cosmopolita que viaxou por Europa, como adoitaba acontecer coa lírica do momento, e que espertou moitísimo entusiasmo nos lectores medievais e nos modernos. As opinións de Breul, de Rigg-Winterfeld ou de Helen Waddel34 acadaron moita sona durante o século xx, malia que hoxe estean superadas. Porén, a nós tamén nos gusta pensar coma eles na idea algo equivocada pero moi romántica de que quizais un clericus vagans viaxou dende o seu mosteiro na ribeira do Rin cruzando media Europa ata a abadía de Santo Agostiño de Canterbury, cunha manda de pergameos no peto que contiñan cancións dun temperán goliardo. Aínda que non fosen escritos pola man do cantor, ben poderían conter o repertorio dun inspirado poeta, que servise de manual de xograría para un clérigo vagante e aspirante a goliardo. Lamentabelmente, a presenza de pezas como os poemas a certos Henrique, Conrado e Otón, así como as cancións creadas para seren cantadas a coro, fan fraquear esta fermosa hipótese. Unha teoría que desbota os prexuízos sobre os goliardos, convertidos por algúns en autores de demasiados poemas medievais, é a do gran filólogo K. Strecker, quen opina que a agrupacións dos poemas responde ao interese persoal dun poeta amateur guiado por un exquisito gusto literario, e que precisamente escolleu poemas variados en xéneros, temas e motivos, algúns incompletos, en suma, un auténtico florilexio.

34  Vid. Introdución da edición de Ziolkowski (1998).

37


Introdución

En calquera caso, o patrón da colección, quenquera que fose el, foi unha persoa que valoraba as cancións polo seu compoñente musical, se cadra máis ca polo seu valor literario. Tamén aquí está presente a idea romántica dos que queremos imaxinar un cantor viaxeiro. Por outra banda, resulta lóxico pensar no uso académico da miscelánea de Canterbury, se a consideramos un libro de referencia para estudantes e estudosos da biblioteca do mosteiro, malia que, a diferenza dos outros textos do manuscrito, cheos de glosas, traducións e paráfrases, os nosos poemas non teñen nada disto, agás os poemas que inclúen pneumas35, de modo que o seu uso escolar tivo que ser relativo. Os Carmina Cantabrigiensia son en toda a extensión do termo unha antoloxía, onde cada poema ten a súa propia historia. Imaxinamos movementos extraordinarios destes versos. Así, por exemplo, unha canción composta para un acontecemento cortesán puido viaxar no tempo e no espazo e servir para un acto relixioso nunha abadía afastada; ou reconverterse ata perder o texto e só conservar a música; ou ao revés, porque a certa comunidade monástica lle gustaba máis unha cousa ca a outra. As cancións latinas de alta calidade na música e tamén na letra atraeron audiencias moi diversas, incluso as que non tiveron escola en latín. Sen dúbida, nótanse na compilación os gustos literarios das cortes imperiais e episcopais de Colonia, Tréveris, Maguncia ou Espira, os ambientes laicos e tamén os eclesiásticos. Non sabemos quen foi o compilador do cancioneiro que funde as súas raíces en Alemaña, pero si podemos asegurar o que lle gustaba: as cancións seleccionadas oídas en cortes, mosteiros ou tabernas, ás que lle puxo letra, copiounas doutro ou transcribiunas, sempre coa axuda da súa memoria. Esta é unha das razóns fundamentais de que 35  Os pneumas son uns signos gráficos que se escribían por riba do texto latino e que guiaban o canto, sempre dun xeito relativo e aproximativo, porque indicaban só o número de sons e a relación entre eles, a secuencia melódica, aínda que non o ritmo. Sobre todo constituían unha imprescindíbel axuda de carácter mnemotécnico. A notación pneumática foi un dos primeiros intentos de notación musical, e usouse amplamente por toda Europa na Idade Media.

38


Cancioneiro de Cambridge

algunhas das pezas dos cancioneiros dos goliardos estean en máis dun códice e en máis dunha colección. Por iso o autor, copista ou compilador engadiu unha notación musical en pneumas moi sucinta e rudimentaria, para que os signos que puxo sobre o texto axudasen a quen o lía a recordar as melodías. Era tan importante a música, que incluíu no seu libro de cancións pezas con referencias históricas que probabelmente non lle dicían nada, con palabras en linguas que descoñecía (a dos poemas que chamamos “macarrónicos”), ou inclusive pouco adecuadas para un mosteiro, como os poemas eróticos. Se cadra por iso un feroz censor rascou catro destes seis poemas amorosos, porque ofendían a súa sensibilidade ou a súa moral. A variedade e a musicalidade son as características fundamentais deste cancioneiro, que contén poemas relixiosos, narrativos, políticos, amatorios, didascálico-musicais, conmemorativos, primaverais, morais, os chamados excerpta de Virxilio, Horacio e Estacio, e a selección de Boecio, todos eles fundamentais para entender a cultura alemá deste tempo. A edición utilizada para esta tradución é a de Jan M. Ziolkowski (1998) que contén 87 poemas con este criterio de numeración: 1, 1a, 2-14, 14a-30, 30a-83. Pola nosa parte incluímos un último poema que titulamos “A matanza das Amazonas”, que o editor achega nun apéndice final e que nós numeramos como o poema número 84. O seu completísimo estudo introdutorio serviu de guía e inspiración constante para este traballo. Os títulos dados aos poemas tentan amosar ao lector o contido aproximado de cada peza. Algúns deles son títulos orixinais, e neses casos indícase nas notas ao pé.

39



Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.