'Historia de dous amantes' (mostra)

Page 1

Historia de dous amantes

Dá aquí feliz comezo a Historia de dous amantes de Enea Silvio, laureado poeta de Siena e varón ilustrísimo, dedicada ao cabaleiro Kaspar Schlick, para a súa lectura.
33

Dedicatoria

Enea Silvio, poeta e secretario do Emperador, saúda moi cordialmente e encoméndase ao seu sobranceiro señor, o eminente e xeneroso cabaleiro Kaspar Schlick, señor de Wiener-Neustadt, Chanceler Imperial e Comandante das terras de Eger e Elnbogen13.

Mariano Sozzini14, de Siena, paisano meu, home de carácter amábel, mais tamén moi instruído –coido que xamais hei ver outro igual–, fíxome estes días o rogo de que lle contase unha historia sobre dous amantes; e díxo me que non lle importaba se era verídica ou inventada, ao xeito dos poetas. Sabes que clase de home é? Vaite sorprender a miña descrición. A natureza non lle escatimou nada, agás a beleza. É un home pequeneiro. Debeu nacer na miña familia, a Piccolomini, alcume de xente pequena15. É elocuente, versado nas leis divinas e humanas, coñecedor de toda clase de historias, e cultiva tamén a poesía. Compón cancións en latín e toscano16. Sabe tanto de filosofía coma Platón, é tan bo xeómetra coma

13 Wiener-Neustadt está hoxe no nordeste de Austria, a uns 45 km de Viena, mentres que Eger e Elnbogen caen actualmente no oeste da República Checa, cos nomes de Cheb e Loket, respectivamente.

14 Ver n. 1

15 O apelido Piccolomini é o resultado da fusión das palabras italianas piccolo e uomo, ‘pequeno home’.

16 Variedade de italorromance que se desenvolveu durante a Idade Media e que serviu de base para o idioma italiano actual.

35

Boecio17, e en aritmética é parello a Macrobio18; non hai instrumento musical que non poida tocar, sabe tanto de agricultura coma Virxilio19 e non hai cousa de política que ignore. Mentres no seu corpo moraba o vizo da mocidade, era outro Entelo, un mestre da loita20. Non había quen o vencese na carreira, no salto e no boxeo. Ás veces as cousas de mellor valor contéñense en recipientes pequenos, como testemuñan as alfaias e as pedras preciosas. Non estaría fóra de lugar dicir del o que escribe Estacio sobre Tideo: A meirande excelencia reinaba no seu exiguo corpo21 . Se os deuses lle concedesen a este home beleza e inmor talidade, el mesmo sería un deus. É certo que a ningún mortal lle tocaron en sorte todos os bens, mais non coñecín a ninguén a quen lle faltasen tan poucos. E por que? Porque estudou ata os temas máis insignificantes. Pinta como Apeles22, nada hai máis libre de erros nin máis claro ca os libros escritos pola súa man, esculpe como Praxíteles23

17 Anicio Manlio Torcuato Severino Boecio (c. 480-525), filósofo e político ro mano, cuxa obra máis importante é A consolación da filosofía, traducida ao galego por Helena de Carlos (Consolación da filosofía, Colección Clásicos en Galego, Ed. Galaxia, 2005).

18 Macrobio Ambrosio Teodosio (fl. c. 400), escritor e gramático romano, coñecido polas súas obras Commentarii in Somnium Scipionis (grazas á que coñecemos un frag mento do De republica de Cicerón) e Saturnalia (diálogo literario centrado nas obras de Virxilio).

19 Alusión ás Xeórxicas, poema didáctico centrado nos labores do campo, escrito por Publio Virxilio Marón (70-19 a.n.e.).

20 Entelo é un personaxe do libro V da Eneida de Virxilio. Neste poema épico aparece caracterizado como un vello boxeador que vence o mozo fachendoso Dares no decurso duns xogos deportivos celebrados en Sicilia con motivo do cabodano de Anquises, pai de Eneas, protagonista da obra.

21 Verso 417 do libro I da Tebaida, de Publio Papinio Estacio (c. 45- 96). É un poe ma épico baseado no episodio mitolóxico da guerra dos Sete Contra Tebas, unha loita polo trono da cidade entre os irmáns Eteocles e Polinices, e na que o primeiro recibe a axuda dos heroes Tideo e Capaneo.

22 Apeles (352-308 a.n.e.), o máis famoso dos pintores gregos antigos.

23

Praxíteles (c. 400-c. 320 a.n.e.), o máis destacado escultor da Atenas clásica.

36 Enea

e non descoñece as artes da medicina. E a todo isto tes que engadir as virtudes morais, polas que o resto da xente se rexe e guía.

Nos meus tempos coñecín moitos que se dedicaron ao estudo da literatura e que eran moi eruditos, mais non posuían calidades cívicas: non sabían xestionar asuntos públicos nin privados. Velaí o pasmo de Pagliaresi24, quen acusou o seu mordomo de enganalo, porque unha porca lle parira once bácoros, mentres unha asna só tivera unha cría; e Gomizio25 de Milán pensou que estaba embarazado –e estivo moito tempo esperando dar a luz– porque a súa muller se lle puxera enriba. Malia todo, estes estaban considerados como unhas luminarias do dereito.

Noutras persoas poderás atopar soberbia e avaricia, pero Sozzini é moi xeneroso. A súa casa está sempre chea de hóspedes distinguidos. Non ten inimigos, protexe os orfos, consola os enfermos, axuda os pobres, acorre as viúvas e non hai necesitado a quen non auxilie. O seu rostro é coma o dun filósofo: sempre ten o mesmo aceno. Mantén un espírito firme nas adversidades, e non se envaidece cando a fortuna o acompaña. Coñece toda clase de falcatrúas, mais non para poñelas en práctica, senón para que non llas fagan. É apreciado polos seus compatriotas e amado polos estranxeiros, e a ninguén lle resulta odioso nin pesado.

Pero se é un home de tantas virtudes, por que me demanda algo tan frívolo? Non o sei. O que sei é que non lle podo negar nada. Mentres vivín en Siena, aprecieino máis ca a ninguén. E o meu amor non diminuíu por estarmos

24 Giovanni Pagliaresi, eminente xurista e profesor de Dereito en Siena, que viviu no século xiv

25 É este un nome que aparece con diferentes formas nas distintas edicións da obra (Bonitius, Bomicius, Beonitius ou Gamicus, por exemplo). Neste caso, seguimos o pare cer do tradutor Donato Pirovano, e pensamos que Piccolomini debeu escribir Gomi tius. Porén, non podemos achegar ningún dato sobre a identidade desta persoa.

37

lonxe un do outro. El, a quen a natureza dotara de moitas outras mercés, destacaba sobre todo por non deixar que quen o amase quedase sen ser correspondido. Xa que logo, coidei que non debía eu desatender os seus rogos, e escribín sobre as aventuras de dous amantes. E non inventei nada: a historia aconteceu en Siena, durante a temporada que o emperador Sexismundo26 pasou alí, onde ti tamén morabas e, se os meus oídos me din a verdade, te entregaches ao amor. Siena é a cidade de Venus, os que te coñecen contan o ardoroso que eras, e que ninguén era máis apaixonado ca ti. Pensan que ningunha xesta amatoria tiña lugar sen que ti andases polo medio.

Así, prégoche que leas esta historia e que mires se o que eu escribín é certo. Que non che dea vergoña lembrar se algo semellante che sucedeu algunha vez, pois tamén fuches un home. Quen xamais sentiu de verdade as chamas do amor, ou é unha rocha ou unha besta. Non é un segredo que mesmo no miolo dos ósos dos deuses arde o lume da paixón. Adeus!

38
26 Ver n. 3.

Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.