Historias (Libros I e II) (Mostra)

Page 1

Heródoto

Historias Libro I (Clío) Libro II (Euterpe) Tradución do grego antigo, introdución e notas de Raúl Gómez Pato



Libro I ClĂ­o



Velaquí a exposición das investigacións de Heródoto de Halicarnaso6, para que nin os feitos humanos cheguen a quedar esquecidos co tempo, nin que as grandes e admirábeis xestas realizadas por gregos e bárbaros cheguen a quedar sen fama, e moi especialmente o motivo polo que loitaron entre eles. 1. De entre os persas, as persoas máis versadas afirman que os fenicios foron os causantes do conflito: pois cando chegaron do mar que hoxe é chamado Eritreo7 a este noso mar8, establecéronse nesa rexión que aínda agora habitan, e axiña emprenderon longas navegacións. Dedicándose ao transporte de mercadorías exipcias e asirias, alcanzaron tamén, entre outras terras, a de Argos –Argos naquel entón avantaxaba en todo ás demais rexións do que hoxe en día se chama Grecia–. Os fenicios ao chegaren a Argos puxeron á venda o seu cargamento. E ao cuarto ou quinto día desde a súa chegada, unha vez que venderon case todo, achegáronse ao mar moitas mulleres e tamén entre elas unha filla do rei: o seu nome era, segundo o que tamén os gregos afirman, Ío, filla de Ínaco. Estas mulleres, aconchegadas ao longo da popa do barco, compraban as mercadorías que máis lles agradaban, e os fenicios afoutáronse uns a outros e botáronse sobre elas. A maioría das mulleres escapulíronse, mais Ío foi raptada xunto con outras. Tras embarcalas na nave, partiron navegando cara a Exipto. 2. Desta maneira explican os persas, non como os gregos, que Ío chegou a Exipto9, e engaden que esta foi a primeira das ofensas. 6  Sobre cuestión da patria orixinaria de Heródoto, ás veces discutida, cf. F. Jacoby, “Herodotos”, Real-Encyclopadie der klassischen Altertumswissenschajt, Suppi. II, Stuttgart, 1913, cols. 205-213. 7  O mar Eritreo (literalmente ‘vermello’) era para Heródoto o océano Índico, o golfo Pérsico e o mar Vermello propiamente dito. 8  O mar Mediterráneo, particularmente o mar que baña a Grecia asiática e as súas illas. 9  Segundo o mito, Ío chegara a Exipto metamorfoseada nun pucho fuxindo dun moscardo. 31


Historias

Afirman que despois disto algúns gregos (non poden precisar os seus nomes con seguridade), unha vez que atacaron Tiro de Fenicia, raptaron a Europa, filla do rei, e que eses gregos poderían ser cretenses. Así a situación entre ambos quedaba igualada; tras isto os gregos resultaron ser os culpábeis da segunda inxustiza, pois despois de ter navegado nunha nave de combate a Ea, na Cólquida, e ata o río Fasis, unha vez que cumpriron o obxectivo da súa viaxe, raptaron de alí a filla do rei, Medea. Entón o rei dos colcos enviou un heraldo para exixir satisfaccións polo rapto e reclamar a súa filla. Pero os gregos alegaron que tampouco eles lle deran satisfaccións polo rapto da arxiva Ío, e que en consecuencia tampouco ían darllas. 3. Din que unha xeración despois disto10, Alexandre, fillo de Príamo, que oíra falar destes sucesos, quixo facer súa unha muller procedente de Grecia mediante o rapto, estando convencido de que el non se vería obrigado a sufrir castigo, pois tampouco os outros o sufriran antes. Desta maneira, despois de que el raptase a Helena, aos gregos pareceulles o mellor enviar heraldos para reclamala e pedir satisfaccións polo rapto. Os troianos, despois de alegaren os gregos estas cousas, botáronlles en cara o rapto de Medea, pois despois de non daren eles satisfaccións nin devolveren o que se lles reclamaba, pretendían que outros llelas ofrecesen. 4. Ata entón só houbo raptos entre ambas as partes, pero a partir dese momento os gregos acabaron sendo maiormente os culpábeis: foron os primeiros en levar a guerra a Asia antes de que os outros a levasen a Europa. Os persas consideran, en efecto, que raptar mulleres é un feito propio de homes inxustos, aínda que afanarse en vingalas, despois de que foron raptadas, é propio de insensatos, e que é propio de persoas asisadas non concederlles importancia; pois é evidente que se elas non quixesen non serían raptadas. Manifestan os persas que eles, os de Asia, unha vez que os outros raptaran as súas mulleres, non dixeron nin palabra.

10  Heródoto computa o tempo por xeracións humanas, considerando que tres xeracións constitúen un século. Cf. II 142, 2. 32


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.