Gaël Faye
Pequeno país
Para Jacqueline
Prólogo
A verdade é que non sei como comezou esta historia. No entanto, papá explicáranos todo un día na camioneta. –Mirade, en Burundi é coma en Ruanda. Hai tres grupos diferentes, chámanse etnias. Os hutus son os máis numerosos, son baixos co nariz ancho. –Como Donatien? –preguntara eu. –Non, el é zairense, non é o mesmo. Como Prothé, por exemplo, o noso cociñeiro. Tamén están os twa, os pigmeos. Pero eses deixémolos estar, que son poucos, digamos que non contan. E despois están os tutsis, como a vosa nai. Son moito menos numerosos que os hutus, son altos e delgados, co nariz fino, e nunca se sabe o que lles pasa pola cabeza. Ti, Gabriel –dixo, sinalándome co dedo–, es un auténtico tutsi, porque nunca se sabe o que pensas. Naquel momento tampouco eu sabía o que pensaba. No fin de contas, que se podía pensar de todo aquilo? Entón preguntei: –A guerra entre os tutsis e os hutus é porque non teñen o mesmo territorio? –Non, non é iso, viven no mesmo país. –Entón… non teñen a mesma lingua? –Si, si que falan a mesma lingua. –Entón, non teñen o mesmo deus? –Si, si que teñen o mesmo deus. –Entón… por que están en guerra? 9
–Porque non teñen o mesmo nariz. A conversa acabara aí. Era un asunto ben estraño. Creo que papá tampouco o entendía moi ben. A partir dese día comecei a fixarme no nariz e na estatura da xente pola rúa. Cando iamos de compras polo centro da cidade, coa miña irmá pequena, Ana, intentabamos adiviñar discretamente quen era hutu e quen tutsi. Murmurabamos: –Ese do pantalón branco é hutu, porque é baixo e ten o nariz ancho. –Si, e aquel de alí, co chapeu, é altísimo, moi delgado e co nariz moi fino, así que é tutsi. –E aquel de alí, coa camisa a raias, é un hutu. –Non tal, fíxate, é alto e delgado. –Si, pero ten o nariz ancho! Aí foi cando empezamos a dubidar daquela historia das etnias. E ademais papá non quería que falásemos diso. Para el, os nenos non debían meterse en política. Pero non o podiamos evitar. Aquela estraña atmosfera medraba día tras día. Mesmo na escola os compañeiros colleron o costume de pelexar chamándose hutus ou tutsis. Durante a proxección de Cyrano de Bergerac, incluso se lle oíu a un alumno dicir: “Mirade: ten que ser un tutsi, con ese nariz”. A sensación que se notaba no aire cambiara. Notábao calquera, tivese o nariz que tivese.
10
Este regreso obsesióname. Non hai un día en que non me lembre do país. Un ruído furtivo, un cheiro difuso, unha luz á tarde, un xesto, ás veces un silencio, abondan para espertar o recordo da infancia. “Alí non vas atopar nada, á parte de pantasmas e unha morea de ruínas”, non deixa de repetirme Ana, que non quere volver oír falar nunca dese “maldito país”. Escóitoa. Créoa. Sempre foi máis lúcida ca min. Entón desboto esta idea. Decido dunha vez por todas que non regresarei nunca. A miña vida está aquí. En Francia. Xa non habito en ningures. Habitar significa fundirse carnalmente na topografía dun lugar, nas anfractuosidades da contorna. Aquí, nada de todo iso. Só estou de paso. Alugo. Estou. Ocupo. A miña é unha cidade dormitorio funcional. O meu piso cheira a pintura fresca e a linóleo novo. Os meus veciños son uns completos descoñecidos, que evito cordialmente na escaleira. Vivo e traballo na rexión parisiense. En Saint-Quentin-en-Yvelines. Liña C do tren de proximidade. Unha cidade nova, coma unha vida sen pasado. Fixéronme falta anos para integrarme, como se adoita dicir. Para ter un emprego estable, un piso, afeccións, amizades. Gústame coñecer xente por Internet. Historias dunha noite ou dunhas semanas. As rapazas que saen comigo son todas diferentes, unhas máis guapas ca outras. Embriágame oí11
las falar de si mesmas, sentir o perfume dos seus cabelos, antes de abandonarme totalmente á suavidade dos seus brazos, das súas pernas, dos seus corpos. Ningunha delas esquece facerme a mesma pregunta lacerante, sempre na primeira cita, por outra banda: “De que país es?”. Pregunta banal. Convencional. Paso case obrigada para ir máis lonxe na relación. A miña pel de cor caramelo vese obrigada a miúdo a identificarse recitando o seu pedigree. “Son un ser humano.” A miña resposta incomódaas. Porén, non o fago para provocalas. Nin tampouco para parecer pedante ou un filósofo. Cando apenas era tan alto coma tres mangas decidín que nunca máis me ía definir. A velada continúa. A miña técnica está ben engraxada. Elas falan. Gústalles que as escoite. Empápome. Inúndome. Mergúllome nunha bebida forte e libérome da miña sinceridade. Convértome nun cazador temible. Fágoas rir. Sedúzoas. Para divertirme volvo á cuestión das orixes. Manteño deliberadamente o misterio. Xogo ao gato e ao rato. Respondo cun frío cinismo que a miña identidade mide o seu peso en cadáveres. Elas non contestan. Queren frivolidade. Míranme con ollos lánguidos. Deséxoas. Ás veces entréganse a min. Tómanme por alguén orixinal. Só as divirto durante un tempo. Obsesióname este retorno, adíoo, indefinidamente, mándoo cada vez máis lonxe. Medo a atopar verdades enterradas, pesadelos deixados no limiar do meu país natal. Hai vinte anos que regreso; de noite en soños, de día co pensamento; ao meu barrio, a aquel tempo suspendido no que vivía feliz coa miña familia e cos meus amigos. A infancia deixoume marcas coas que non sei que facer. Os días bos dígome que aí é onde encontro a miña forza e a miña sensibilidade. Cando me atopo no fondo da botella baleira, vexo aí a causa da miña inadaptación ao mundo. A miña vida semella unha longa divagación. Todo me interesa. Nada me apaixona. Fáltame o sal das obsesións. Son 12
da raza dos indolentes, da media preguiceira. Ás veces belíscome. Obsérvome en sociedade, no traballo, cos meus compañeiros da oficina. Ese tipo do espello do ascensor son eu? Ese rapaz que está xunto á máquina de café e que se obriga a rir? Non me recoñezo. Veño de tan lonxe que aínda me abraio de estar aquí. Os meus colegas falan do tempo ou dun programa da tele. Xa non os escoito. Cústame respirar. Levanto o colo da camisa. Sinto unha opresión no corpo. Observo os meus zapatos lustrados, brillan, devólvenme un reflexo enganoso. En que se converteron os meus pés? Ocúltanse. Non volvín velos pasear ao aire libre. Achégome á fiestra. O ceo está cuberto. Cae unha poalla gris e pegañenta, no pequeno parque encaixonado entre o centro comercial e as vías do tren non hai ningunha árbore que dea mangas. Esta tarde, ao saír do traballo, corro a refuxiarme no primeiro bar, fronte á estación. Sento diante do futbolín e pido un whisky para celebrar os meus trinta e tres anos. Chamo a Ana ao móbil, pero non colle. Porfío. Marco o seu número varias veces. Ao final lembro que está de viaxe de negocios en Londres. Quero falar con ela, contarlle o da chamada desta mañá. Ten que ser un sinal do destino. Debo regresar. Aínda que só sexa para aclarar as cousas. Saldar dunha vez por todas esta historia que me persegue. Pechar a porta tras de min, para sempre. Pido outro whisky. O ruído da televisión que está sobre a barra cobre durante un intre o fluxo dos meus pensamentos. Unha canle de noticias difunde imaxes de seres humanos que foxen da guerra. Observo as súas embarcacións improvisadas chegando a chan europeo. Os nenos que baixan delas están aterecidos de frío, esfameados, deshidratados. Arriscan a vida no terreo da loucura do mundo. Eu míroos, comodamente instalado alí, na tribuna presidencial, cun whisky na man. A opinión pública pensará que fuxiron do 13
inferno na procura de El Dorado. Parvadas! Nada neles nos fala do seu país. A poesía non é información. No entanto, é o único que un ser humano reterá do seu paso pola terra. Aparto a mirada desas imaxes, que contan a realidade, pero non a verdade. Quizais eses nenos a escriban, algún día. Síntome tan triste coma a área de descanso dunha autoestrada baleira no inverno. Sempre é o mesmo, o día do meu aniversario unha pesada melancolía abátese coma unha chuvia tropical sobre min cando volvo pensar en papá, en mamá, nos amigos, e naquela festa da eternidade arredor do crocodilo destripado ao fondo do xardín…
14
1
Nunca saberei as verdadeiras razóns da separación dos meus pais. Non obstante, debía de haber un profundo malentendido dende o principio. Un defecto de fabricación na súa unión, un asterisco que ninguén viu, ou quixo ver. Antes diso, os meus pais eran novos e guapos. Uns corazóns tan cheos de esperanza coma o sol das independencias. Había que velos! O día da súa voda, papá non cría que lle puxera o anel no dedo. Sen dúbida el tiña certo encanto, paternal, cos seus penetrantes ollos verdes, o pelo castaño claro con reflexos louros e a súa estatura de viquingo. Pero non lle chegaba a mamá nin aos tornecelos. E vaia tornecelos tiña mamá! Daban comezo a unhas pernas longas e delgadas que facían aparecer fusís na mirada das mulleres e persianas entreabertas na dos homes. Papá era un francesiño do Jura, chegado a África por casualidade para realizar o servizo civil. Procedía dunha aldeíña das montañas que se podería confundir coas paisaxes de Burundi, pero alí non había mulleres co porte de mamá, xuncos de auga doce de silueta torneada, belezas esveltas coma rañaceos, de pel negra coma o ébano e grandes ollos de vaca ankole. Había que oílos! O día da súa voda, unha rumba despreocupada escapaba das guitarras mal afinadas, e a felicidade asubiaba ritmos de chachachá baixo un ceo salpicado de estrelas. Estaba todo feito! Que máis había que facer? Amar. Vivir. Rir.
15
Existir. Sempre adiante, sen deterse, ata o final da pista e incluso un pouco máis alá. Só que os meus pais eran uns adolescentes perdidos aos que de súpeto se lles pide que se convertan en adultos responsables. Apenas estaban saíndo da puberdade, das hormonas, das noites en branco, e xa tiñan que librarse dos cadáveres de botellas rematadas, baleirar os cinceiros de cabichas de porros, gardar nas súas fundas os vinilos de rock psicodélico, dobrar os pantalóns de campá e as camisas indias. Soara o timbre. Os fillos, os impostos, as obrigas, os problemas chegaron, demasiado cedo, demasiado rapidamente, e con eles as dúbidas e os cortes de estrada, os ditadores e os golpes de Estado, os programas de axuste estrutural, a renuncia aos ideais, as mañás nas que custaba levantarse, o sol que avanzaba cada día un pouco máis sobre a súa cama. A realidade impúxose. Ruda. Feroz. A despreocupación do comezo mudou nunha cadencia tiránica, coma o implacable tictac dun péndulo. A orde lóxica chegou coma un búmerang e deulles en pleno rostro aos meus pais, que comprenderon que confundiran o desexo e o amor, e que cada un deles inventara as calidades do outro. Non compartiran os seus soños, senón simplemente as súas ilusións. Tiveran cadanseu soño, propio, egoísta, e non estaban dispostos a satisfacer as expectativas do outro. Pero o tempo anterior, anterior a todo iso, anterior ao que vou contar e a todo o demais, foi de felicidade, de vida sen explicacións. A existencia era tal como era, tal como sempre fora e como a min me gustaría que seguise sendo. Unha doce somnolencia, apracible, sen mosquitos que veñan revoar á orella, sen esa chuvia de preguntas que acabou repenicando na chapa da miña cabeza. Nese tempo feliz, se me preguntaban: “Que tal?”, eu sempre respondía: “Moi
16
ben!”. Sen pensalo. A felicidade impídeche reflexionar. Foi despois cando me puxen a considerar a cuestión. A sopesar os proles e os contras. A esquivar, a asentir vagamente coa cabeza. Por outra banda, todo o país facía o mesmo. A xente xa só respondía: “Imos indo”. Porque a vida xa non podía ir completamente ben despois de todo o que nos pasara.
17