Chika Sagawa
Poemas Escolma e traduciรณn de Alba Doval
Limiar
A autora Chika Sagawa (1911-1936) nace na pequena vila de Yoichi en Hokkaido, Xapón, baixo o nome de Aiko Kawasaki. Á idade de 17 anos, en contra dos desexos paternos e despois de comezar os estudos necesarios para converterse en profesora de inglés, múdase a Toquio co seu irmán Noboru, que xa frecuentaba círculos literarios. Alí, somérxese no mundo cultural da época, onde coñece autores tan influentes como Katue Kitasono, que rapidamente recoñece o seu potencial como poeta e a axuda a explotalo. A primeira metade do século xx na que se inscribe a vida de Sagawa, coincidente coa transición dos períodos Meiji (1868-1912) a Taisho (1912-1926) e posteriormente a Showa (1926-1989), supón un cambio radical na cultura xaponesa. Eses anos vense marcados por un imparable desenvolvemento industrial e pola ansia de absorción dos valores caracterizadores da cultura occidental. Inicialmente, co cambio de século o sentimento nacionalista e todas as formas de arte estaban orientadas cara ao tradicional. Con todo, Xapón comeza a aceptar a globalización e as influencias internacionais, abríndose así a movementos artísticos procedentes de todo o mundo, mais conservando as súas raíces tradicionais. Destacaban as tendencias avant-garde na poesía, a relación coas artes visuais e un interrogativo constante sobre o significado que se pode atopar dentro da 7
linguaxe. Isto viuse influenciado á vez polos grandes movementos da época, como o dadaísmo, o surrealismo, o simbolismo ou o futurismo, movementos occidentais que rompían totalmente coa sobriedade típica xaponesa. Na xuventude de Sagawa, en plena transición entre o período Taisho e o Showa, estes movementos literarios estaban a ser traducidos pola maioría de tradutores da capital, converténdoa así nun centro cosmopolita para escritores de moitas nacionalidades no que se estaba a crear unha nova cultura. Considérase que aí nace o modernismo xaponés. A partir de 1930 Sagawa comeza a publicar poesía na revista Shi to Shiron, na que previamente publicara algunhas traducións de Chamber Music de James Joyce xunto con outros poetas famosos cos que formaba parte do grupo L’Esprit Nouveau. Este grupo toma o seu nome da homónima revista francesa creada en 1920 por Le Corbusier, Amédée Ozenfant e Paul Dermée, impulsora do movemento purista. En xaneiro de 1936, á idade de 24 anos, Chika Sagawa falece por mor dun cancro de estómago. Nese momento os seus poemas comezaron a ser compilados e editados por Ito Sei, e publicados por Shourinsha co nome de Sagawa Chika Shishuu (“Colección de poemas de Chika Sagawa”). Posteriormente, en 1983, Shinkaisha publica unha edición máis completa, que inclúe unha parte de prosa e textos póstumos doutros autores. En 2010, a mesma editorial reimprime a súa Colección de poemas e publica ao ano seguinte un novo libro compilando, alén da propia obra da poeta, traducións que Sagawa fixera de poetas de fala inglesa, incluíndo a Charles Reznikoff, James Joyce e Mina Loy. En 2015 Sawako Nakayasu, poeta e tradutora, compila os poemas de Chika Sagawa e publícaos co título de The Collected Poems of Chika Sagawa, o que a leva a gañar 8
os Pen Literary Awards ao ano seguinte. Actualmente, o nome de Chika Sagawa está a piques de ser introducido no canon literario. Esta tradución O feito de introducir obra estranxeira no noso sistema literario e cultural non só é unha tarefa moi importante para afianzar as relacións con outros sistemas, tamén é terriblemente desafiante. Ponse en xogo a reafirmación, a perpetuación e o autoestudo das dúas realidades nas que existiu o texto. Esta tradución, desafiante en moitos sentidos, fíxose da man do meu Proxecto de final de grao, no que estudei un tipo de tradución diferente á que se coñece como tradución indirecta: a tradución remuda. Aínda que ambas as dúas son feitas a partir dunha tradución anterior (que serve coma ponte entre a lingua orixinal e a lingua meta, normalmente moi afastadas entre si), a tradución remuda ten unha característica que a diferencia: un público. Na tradución indirecta o texto intermedio non ten ningún tipo de público, xa que a súa función é meramente instrumental, para facilitar a transición dunha lingua a outra. Mais na tradución remuda existe unha audiencia propia nesa lingua porque o texto está publicado. Atopámonos neste caso ante unha situación de asimilación cultural por parte da devandita cultura ponte. Atopámonos ante o infinito debate sobre a perda de información e significado que arrastra a tradución desde hai décadas. Para tentar suplir as carencias que por suposto ían agromar durante o proceso, contei coa colaboración da tradutora Sawako Nakayasu para resolver dúbidas e axudar a que a tradución fose o máis exacta posible. A premisa do meu Proxecto era poder 9
realizar unha tradución óptima incluso non dispoñendo do texto orixinal en xaponés (ou do pertinente coñecemento desa lingua). Coñecer o momento histórico, o fondo cultural, a situación persoal e o movemento no que se inscribe a autora foron os puntos máis relevantes para comezar a abarcar unha tarefa deste tipo e que finalmente rematou cun resultado satisfactorio. A temática dos poemas de Chika Sagawa sempre distou moito da das súas contemporáneas xaponesas, carente das connotacións femininas que as caracterizaban. A súa obra posúe unha grande influencia da pintura e das artes visuais, así como das formas do verso libre que rompía coas estruturas típicas da tradición xaponesa. Elementos recorrentes nos seus poemas (considerados xa marca de identidade) son as imaxes de animais, elementos da natureza, as partes do día e o paso do tempo, a vida urbana da cultura occidental e, por suposto, a presenza da morte. O seu incesante uso da personificación e animalización serve para crear unha situación de igualdade (ou quizais estabilidade) entre a vida animal e a humana; sempre usando as convencións modernistas que tratan de romper co preestablecido, coa idea de que a linguaxe debe ser un cristal claro e transparente. Sawako Nakayasu observa que un dos aspectos máis interesantes da obra de Sagawa é a forma na que opón elementos contrarios, como son, entre outros, Oriente e Occidente, a natureza e o urbano ou o léxico poético arcaico fronte ao innovador. Deste xeito pódense chegar a experimentar outras formas de percibir a realidade, unha realidade que neste caso é ben semellante á nosa. A cultura xaponesa de principios do século xx (e aínda hoxe en moitas rexións) era maiormente rural e agraria. Prima o trato coa terra e a veneración á natureza, algo que a nós desde logo non nos é alleo. 10
Esta é a razón de que a selección dos poemas que compoñen esta escolma se fixera seguindo o criterio persoal da tradutora; criterio guiado neste caso polo sentimento de identificación que sentiu ao lelos e que agarda sexa xeral. Alba Doval Santiago de Compostela, agosto de 2020.
11
Poemas
Insectos Os insectos multiplicáronse coa velocidade dunha corrente eléctrica. Devoraron os líquidos ferventes da codia terrestre. A noite urbana durmiu como unha muller, virando o seu exquisito traxe. Agora poño a miña cuncha a secar. A miña pel escamada está fría coma o metal. Ninguén coñece este segredo que cobre a metade da miña cara. A noite fai á muller magoada, que cambia libremente a súa expresión roubada, eufórica.
15
Pan matinal Pola mañá vexo a moitos dos meus amigos escapar desde [a ventá. A tentación do insecto verde. Na horta asasinan a unha [muller sen medias. A mañá, lucindo un sombreiro de copa, acompaña [desde detrás da horta. Leva consigo un papel coas letras en cor verde. Eu tamén debo baixar esa lomba. As cafetarías da cidade son preciosas esferas de vidro. Un [grupo de homes inúndase nun líquido da cor do trigo. A súa roupa expande ese líquido. A muller do monóculo arrinca o último anaco de pan e [arrebólallo.
16