Ti e mais eu (mostra)

Page 1

Niccolò Ammaniti

Ti e mais eu



E este é para a miña nai e o meu pai



Na noite escura da alma sempre son as tres da mañá. Francis Scott Fitzgerald, Contos da era do jazz But can you save me? Come on and save me If you could save me From the ranks of the freaks Who suspect they could never love anyone. Aimee Mann, Save Me



O mimetismo batesiano prodúcese cando unha especie animal inofensiva aproveita a súa semellanza cunha especie tóxica ou velenosa que vive no mesmo territorio, e chega a imitar a súa coloración e o seu comportamento. Deste xeito, na mente do predador a especie imitadora asóciase á especie perigosa, o que aumenta as súas posibilidades de supervivencia.



Cividale del Friuli 12 de xaneiro de 2010



–Café? Unha camareira escrútame por riba da montura das lentes. Ten na man un termo prateado. Téndolle a cunca. –Grazas. Énchema ata o bordo. –Veu pola feira? Nego coa cabeza. –Que feira? –A feira dos cabalos. Mírame. Espera que lle diga a razón pola que estou en Cividale del Friuli. Ao final saca un caderno de notas. –Cal é o seu cuarto? Ensínolle a chave. –Cento dezanove. –Apunta o número–. Se quere máis café, pode servirse vostede mesmo no bufete. –Grazas. –De nada. En canto se afasta saco da carteira un papel dobrado en catro. Desprégoo sobre a mesa. Escribiuno a miña irmá Olivia hai dez anos, o 24 de febreiro de 2000. Eu tiña catorce anos e ela, vinte e tres.

15



Roma Dez anos antes



1

A noite do 18 de febreiro de 2000 deiteime cedo e adormecín enseguida, pero durante a noite espertei e xa non conseguín prender no sono. Ás seis e dez, co edredón ata o queixo, respiraba coa boca aberta. A casa estaba en silencio. Os únicos ruídos que se oían eran a choiva batendo contra a fiestra, a miña nai no piso de arriba indo do dormitorio ao cuarto de baño, e o aire que entraba e saía pola miña traquea. Pronto viría espertarme para levarme á cita cos outros. Acendín a lámpada con forma de grilo que tiña na mesa de noite. A luz verde tinxiu un recuncho do cuarto no que estaban apoiados a mochila chea de roupa, o chaquetón e o bolso coas botas e os esquís. Entre os trece e os catorce anos dera un estirón, coma se me botasen fertilizante, e fixérame máis alto ca os da miña idade. A miña nai dicía que me estiraran dous cabalos de tiro. Pasaba unha chea de tempo diante do espello, observándome a pel branca chea de pencas, os pelos das pernas. Na cabeza medrábame unha mata de pelo castaño da que asomaban as orellas. A puberdade remodelara as miñas faccións, e un nariz enorme separábame os ollos verdes. Levanteime e metín a man no peto da mochila, apoiada xunto á porta. –A navalla está. A lanterna tamén. Está todo –dixen en voz baixa. 19


Os pasos da miña nai polo corredor. Debía de levar os zapatos azuis de tacón alto. Lanceime á cama, apaguei a luz e fixen coma quen que durmía. –Lorenzo, esperta, que é tarde. Levantei a cabeza da almofada e freguei os ollos. A miña nai subiu a persiana. –Que noxo de día… Esperemos que en Cortina vaia mellor tempo. A luz tétrica do abrente debuxaba a súa silueta delgada. Puxera a saia e a chaqueta gris que vestía nas ocasións importantes. O xersei de colo redondo. As perlas. E os zapatos azuis de tacón alto. –Bos días –dixen bocexando, coma se acabase de espertar. Sentou no bordo da cama. –Durmiches ben, meu rei? –Si. –Vouche preparar o almorzo… Ti namentres lava a cara. –E Nihal? Peiteoume o pelo cos dedos. –Aínda está a durmir. Deuche as camisetas repasadas? Dixen que si coa cabeza. –Levántate, veña. Quería facelo, pero sentía un peso no peito. –Que pasa? Collinlle a man. –Quéresme? Ela sorriu. –Claro que te quero. –Púxose en pé, mirouse no espello que había a carón da porta e alisou a saia–. Levántate, veña. Tamén hoxe te fas de rogar para saíres da cama? 20


–Un bico. Inclinouse sobre min. –Que non te vas ao servizo militar, que vas de semana branca. Abraceina, afundín a cara no cabelo louro que lle caía pola cara e peguei o nariz ao seu pescozo. Tiña un olor agradable. Facíame pensar en Marrocos. En certas canellas moi estreitas, cheas de postos con pos de cores. Aínda que eu nunca estivera en Marrocos. –Que recendo é este? –O xabón de sándalo. O que uso sempre. –Pódesmo prestar? Levantou unha cella. –Para que? –Así lávome con el e lévote comigo. Retiroume as mantas. –Que te vas lavar? Vaia novidade! Veña, non fagas o parvo, que non vas ter tempo nin de lembrarte de min. Pola ventá do BMW observaba o muro do zoo, cuberto de carteis electorais mollados. Máis arriba, na gaiola das rapaces, víase un voitre pousado nunha rama seca. Parecía unha vella de loito a durmir baixo a choiva. A calefacción do coche facía que me faltase o aire, e as galletas atoáranseme no fondo da gorxa. Estaba parando de chover. Unha parella, el gordo e ela delgada, facía exercicio nas escaleiras cubertas de follas empapadas do museo de arte moderna. Mirei á miña nai. –Que pasa? –dixo, sen apartar os ollos da estrada. Inflei o tórax tratando de imitar a voz grave do meu pai. 21


–Arianna, a ver se lavas o coche, que parece un cortello con rodas. Non riu. –Despedícheste de teu pai? –Si. –Que che dixo? –Que non faga estupideces e que non esquíe coma un tolo. –Fixen unha pausa–. E que non te chame cada cinco minutos. –Dixo iso? –Si. Cambiou de marcha e xirou na Via Flaminia. A cidade comezaba a encherse de coches. –Chámame cando queiras. Colliches todo? A música? O móbil? –Si. O ceo gris gravitaba sobre os tellados e entre as antenas. –A bolsa das medicinas collíchela? Metiches o termómetro? –Si. Un rapaz nunha Vespa ría co móbil metido por debaixo do casco. –Os cartos? –Si. Cruzamos a ponte sobre o Tíber. –O resto creo que o revisamos xuntos onte á noite. Levas todo. –Si, levo todo. Estabamos parados nun semáforo. Unha muller nun Cinquecento miraba á fronte. Na beirarrúa, un vello tiraba de dous labradores. Unha gaivota estaba pousada no esqueleto dunha árbore cuberto de bolsas de plástico que sobresaía da auga da cor da lama. 22


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.