O xardín dos deuses (mostra)

Page 1

Gerald Durrell

O xardín dos deuses

Este Li onllo a ☐ regalár no ☐ gañou uno o c ☐ mer no o p ☐ ato u

bro



Este libro é para Ann Peters, noutrora a miña secretaria e sempre a miña amiga, porque ama Corfú e probablemente o coñece mellor ca min.



Unha pequena advertencia Este é o terceiro libro que escribo sobre unha estancia de toda a miña familia na illa de Corfú, antes da última guerra mundial. A algúns estrañaralles que aínda atope material para escribir sobre esa época da miña vida. Permítaseme sinalar que naqueles tempos eramos relativamente podentes, ricos sen ningunha dúbida para o nivel de Grecia; ningún de nós traballaba no sentido habitual da palabra, e polo tanto dedicabamos a maior parte do tempo a pasalo ben. En cinco anos de semellante réxime, calquera pode acumular moitas experiencias. Un problema que suscita escribir unha serie de libros cos mesmos personaxes, ou basicamente os mesmos, é o de non aburrir o lector dos libros anteriores con descricións interminables deses personaxes. Pero tampouco se pode dar por sentado que todo o mundo leu aqueles libros anteriores, polo que ata certo punto hai que supoñer que o lector se achega á nosa obra por primeira vez. É difícil manter un rumbo equidistante entre irritar o lector antigo e sobrecargar o novo. Espero que o conseguise. No primeiro libro desta triloxía, A miña familia e outros animais, considerei oportuno dicir sobre el isto que agora repito aquí, porque non me sinto capaz de melloralo: Nas seguintes páxinas, intentei compoñer un retrato da miña familia preciso e axustado á realidade; aparecen tal como eu os vía. Porén, para explicar algúns dos seus trazos máis curiosos, considero indispensable aclarar que, durante o tempo que estivemos en Corfú, todos eramos bastante novos: Larry, o maior, tiña vinte e tres anos; Leslie, dezanove; Margo, dezaoito, e eu

9


era o pequeno, e encontrábame na tenra e impresionable idade dos dez anos. En canto á miña nai, nunca estivemos moi seguros da súa idade, pola simple razón de que non é quen de lembrar a súa data de nacemento; todo o que podo dicir é que era maior dabondo para ter catro fillos. Miña nai tamén insiste en que especifique que é viúva, pois, segundo a súa sagaz observación, nunca se sabe o que pode pensar a xente. Para lograr condensar cinco anos de incidentes, observacións e vivencias pracenteiras en algo un pouco menos extenso cá Enciclopedia Británica, vinme obrigado a comprimir, podar e enxertar, de xeito que apenas se conserva algo da continuidade orixinal dos feitos.

Dicía tamén que deixara fóra moitos sucesos e personaxes que me tería gustado presentar, e neste libro intentei reparar esa omisión. Espero que lles agrade tanto a aqueles que o lean como seica agradaron os seus precursores, A miña familia e outros animais e Bechos e demais parentes. Para min retrata unha parte moi importante da miña vida e iso que por desgraza parece negárselles hoxe a moitos nenos: unha infancia verdadeiramente feliz e luminosa.

10


1 Cans, leiróns e caos O incualificable turco debe ser de inmediato eliminado do debate. Carlyle

Aquel verán foi particularmente vizoso. Parecía que o sol lle fixera sacar á illa toda a súa xenerosidade, pois nunca tiveramos tal abundancia de froitos e flores, nunca estivera o mar tan quente e tan cheo de peixes, nunca tantos paxaros criaran, nin tantas bolboretas e outros insectos saíran das súas crisálidas para encher de animación o campo. As sandías, coa súa carne renxente e fresca coma neve rosada, eran formidables balas de canón botánicas, cada unha grande e pesada dabondo para varrer do mapa unha cidade; os melocotóns, tan alaranxados ou rosados coma a lúa de setembro, medraban enormes nas árbores, os seus grosos pelellos aveludados cheos de doce zume; os figos e as béveras rebentaban coa presión do seu interior, e nas súas fendas rosadas pousábanse as cetonias verdidouradas, cegadas por aquela espléndida e inesgotable abundancia. As árbores xemeran baixo o peso das cereixas, de xeito que as hortas aparecían coma se nelas se lle dese morte a algún gran dragón e as follas quedasen salpicadas de pingas de sangue escarlata e vermello viño. As mazarocas de millo eran tan longas coma un brazo, e ó morder aquel mosaico de grans de cor amarela canario saltábache á boca o zume branco e leitoso; e nas árbores, que se enchían e engordaban para o outono, víanse as améndoas e as noces verde xade, e as olivas, tersas, brunidas e brillantes coma ovos de paxaro colgados entre as follas.

11


Naturalmente, coa illa convertida naquel estoupido de vida, as miñas actividades de recolección redobráronse. Ademais da habitual tarde con Theodore de cada semana, agora emprendía expedicións moito máis ousadas e ambiciosas ca antes, pois posuía unha burra. Este animal, de nome Sally, fora un agasallo de aniversario, e como medio para percorrer grandes distancias e transportar abundante equipo resultou ser unha compañía valiosísima, malia que teimuda. Para compensar a súa teimosía posuía unha gran virtude: tiña, como todos os burros, unha paciencia infinita. Quedaba feliz, coa mirada perdida no baleiro, mentres eu contemplaba este ou aquel animal, ou simplemente se sumía nun sopor de burro, ese ditoso estado semellante a un transo no que caen os burros cando, cos ollos entornados, parecen estar soñando con algún nirvana e se mostran insensibles ós berros, ás ameazas e mesmo ós paus. Os cans, tras un breve intre de paciencia, empezaban a bocexar, a suspirar, a rañarse e a manifestar por numerosos indicios que xa lle dedicaramos tempo dabondo a unha araña ou o que fose, e continuaban. Pero Sally, unha vez sumida no seu sopor, daba a impresión de que quedaría alí, contenta, durante varios días se fose preciso. Certo día un labrego amigo meu, que me conseguira moitos exemplares e que era un observador atento, informoume de que nun val pedregoso, a uns oito quilómetros ó norte da vila, había dúas aves enormes. A el parecíalle que debían de estar aniñando por alí. Pola súa descrición só podían ser aguias ou voitres, e eu devecía por conseguir crías dalgunha destas aves. A miña colección de aves de presa compoñíase entón de tres especies de bufo, un gabián, un falcón paxareiro e un lagarteiro, e pareceume que engadir unha aguia ou un voitre a redondearía. Non fai falta dicir que non compartín a miña ambición coa familia, pois a conta de carnicería para os meus animais xa era astronómica. Ademais, podía imaxinar a reacción de Larry ante a suxestión de introducir un voitre na casa. Cando se trataba de adquirir novas mascotas

12


sempre resultaba máis prudente presentar os feitos consumados, pois unha vez introducido o animal na vila polo xeral podía contar co apoio de mamá e de Margo. Preparei a expedición con gran coidado, engadindo unha boa provisión de comida para min e para os cans, e unha xenerosa reserva de gasosa ó habitual conxunto de latas e caixas de recolección, o cazabolboretas e un saco para meter a aguia ou voitre. Tamén collín os prismáticos de Leslie, que eran de maior aumento cós meus. Por fortuna el non se atopaba por alí para pedirlle permiso, pero eu estaba seguro de que se estivese mos prestaría de moi bo grado. Despois de revisar o meu equipo por última vez, para asegurarme de que non faltaba nada, procedín a festonear a Sally cos diferentes avíos. Atopeina especialmente taciturna e recalcitrante, incluso para o que é habitual nun burro, e por amolarme pisoume á mantenta e logo mordeume no cu cando me agachei a recoller o cazabolboretas, que me caera. Quedou moi ofendida pola labazada que lle dei pola súa mala conduta, así que cando emprendemos a expedición non nos falabamos. Axusteille con frialdade o sombreiro de palla sobre as orellas peludas en forma de lirio, asubieilles ós cans e partimos. Malia ser cedo, o sol quentaba e o ceo mostraba un azul claro e ardente, como o azul que se produce cando se lle bota sal ó lume, esfumado nos bordos pola bruma da calor. Ó principio avanzamos pola estrada, cuberta dunha grosa capa de po branco, que se adhería coma o pole, e adiantamos a moitos dos meus amigos labregos, que se dirixían nos seus burros ó mercado ou a traballar nos seus campos. Isto empecía inevitablemente o avance da expedición, pois as boas maneiras esixían que lle dedicase certo tempo a cada un. En Corfú un está obrigado a rexoubar durante o tempo requirido, e quizais aceptar unha codia de pan, unhas pebidas secas de sandía ou un acio de uvas como mostra de estima e afecto. Así que cando chegou o momento de deixar a calorosa e poeirenta estrada para emprender o ascenso polos frescos oliveirais

13


ía cargado cunha ampla variedade de comestibles, o maior dos cales era unha sandía que xenerosamente me obsequiara Mama Agathi, unha amiga á que non vía dende había unha semana e que supuxera que durante este tempo desmesuradamente longo non tivera nada que comer. Despois da cegadora luz da estrada os oliveirais ofrecían unha sombra mesta e o frescor dun pozo. Os cans ían diante, coma sempre, osmando nos grosos troncos furados das oliveiras, e de cando en vez, enlouquecidos pola audacia das andoriñas que pasaban rozándoos, lanzábanse na súa persecución ladrando ferozmente. Ó seren incapaces de atrapalas, coma sempre, intentaban descargar a súa xenreira nalgunha ovella inocente ou nalgún polo de aspecto apalermado, e había que rifarlles con severidade. Sally, esquecido xa o seu enfado, camiñaba a bo paso, cunha orella dobrada cara adiante e a outra cara atrás, para escoitar as miñas cantigas e os meus comentarios sobre a paisaxe. Pronto deixamos a sombra das oliveiras e ascendemos polos outeiros que tintinaban coa calor, abríndonos paso entre matas de mirtos, pequenos arboredos de aciñeiras e grandes xesteiras. Aquí os cascos de Sally esmagaban a herba e o aire cálido recendía a salvia e a tomiño. Ó mediodía, os cans alasando e Sally e eu suando profusamente, atopámonos no alto, entre os penedos da cor do ouro e do óxido da cordilleira central, mentres moi por debaixo de nós xacía o mar, azul coma a flor do liño. Ás dúas e media, cando paramos a descansar á sombra dun macizo saliente de pedra, sentíame enormemente frustrado. Seguiramos as instrucións do meu amigo e, en efecto, atoparamos un niño, que para a miña emoción resultou ser de voitre, e que ademais, pousado nunha cornixa da rocha, contiña dous mocetes gordos e case con toda a pluma, coa idade xusta para seren adoptados. A mágoa era que non podía alcanzar o niño, nin dende arriba nin dende abaixo. Tras unha infrutuosa hora intentando secuestrar as crías vinme obrigado, aínda que de mala gana, a abandonar a idea de engadir

14


voitres á miña colección de aves de presa. Baixamos pola ladeira e detivémonos para descansar e xantar á sombra. Mentres comía os meus bocadillos e os meus ovos duros, Sally tomou un xantar lixeiro de mazarocas de millo secas e sandía, e os cans calmaron a súa sede cunha mestura de sandía e uvas, engulindo avidamente a zumarenta froita e de cando en vez atragoando e tusindo por algunha semente de sandía que lles quedaba atascada. Debido á súa voracidade e total falta de maneiras na mesa, remataron o seu xantar moito antes ca Sally e ca min, e tras chegar remisamente á conclusión de que eu non pensaba darlles nada máis, abandonáronnos e liscaron pola ladeira abaixo para regalarse cunha pequena cacería privada. Eu estaba debruzado comendo a fresca e crocante sandía, rosada coma o coral, e examinei a ladeira. Uns quince metros por debaixo de onde eu estaba xacían as ruínas dunha casiña labrega. Aquí e alá distinguíanse apenas na ladeira as zonas chás en forma de media lúa que noutrora foran as minúsculas terras de cultivo. Debeu de chegar un momento en que resultou obvio que o chan empobrecido non podía seguir dando millo nin hortalizas naquelas leiras do tamaño dun pano da man, de xeito que o dono tivo que marchar. A casa esboroárase e as leiras acabaron invadidas de herbas bravas e mirtos. Eu fitaba os restos da casopa, preguntándome quen viviría alí, cando vin que entre o tomiño que medraba ó pé dunha das paredes se movía unha cousa avermellada. Lentamente collín os prismáticos e leveinos ós ollos. A masa de pedras caídas ó pé da parede fíxoseme visible con claridade, pero durante un momento non vin que fora o que me chamara a atención. Entón, para o meu abraio, de detrás dunha mata de tomiño saíu un esvelto e minúsculo animal, vermello coma unha folla no outono. Era unha donicela, e, a xulgar polo seu comportamento, un exemplar novo e bastante inocente. Tratábase da primeira donicela que vía en Corfú, e encantoume. Espreitou os arredores cun aire lixeiramente perplexo e entón ergueuse sobre as patas traseiras

15


e olfacteou o aire vigorosamente. Como seica non cheirou nada comestible, sentou e púxose a rascarse de forma intensiva e polo visto moi satisfactoria. Logo interrompeu de súpeto o seu aseo e con moito coidado asexou e intentou capturar unha bolboreta Gonepteryx de intensa cor amarela canario. Porén, o insecto escorréuselle de entre as fauces e escapou voando, deixando a donicela lanzando mordedelas ó aire con aspecto un tanto parvo. Sentou nas patas traseiras unha vez máis, para ver onde fora a súa presa, e, perdendo o equilibrio, houbo de caer da pedra en que sentaba. Eu contemplábaa, fascinado polo seu diminuto tamaño, o seu rico colorido e o seu aire inocente. Quería capturala como fose e levala á casa para incorporala á miña colección, pero sabía que ía ser difícil. Mentres meditaba sobre o mellor método para conseguir este resultado, tivo lugar un drama entre as ruínas da casopa. Vin unha sombra con forma de cruz de Malta planar sobre a matogueira baixa, e apareceu un gabián en voo rasante e rápido cara á donicela, que sentaba na súa pedra uliscando o aire, aparentemente allea ó perigo que corría. Eu dubidaba se berrar ou dar unha palmada para alertala, cando ela viu o gabián. Cunha rapidez incrible deu media volta, saltou airosamente á parede en ruínas e desapareceu nunha fenda entre dúas pedras que a min me parecía incapaz de deixar pasar un liscanzo, non digamos xa un mamífero do tamaño da donicela. Foi como un truco de prestidixitación: nun momento estaba sentada na súa pedra e no seguinte esvaecérase na parede coma unha pinga de chuvia. O gabián freou abrindo a cola e quedou suspendido durante un intre, obviamente coa esperanza de ver reaparecer a donicela. Pero axiña se aburriu e baixou pola ladeira na procura dunha presa menos receosa. Ó cabo dun anaco a donicela asomou a súa cariña pola fenda. Vendo a costa despexada, emerxeu con cautela. Logo púxose a andar polo muro, e, coma se a súa recente escapatoria pola fenda lle dese esa idea, procedeu a investigar e a meterse por todos os recunchos e rañuras que había entre as pedras. Mentres a observaba pregun-

16


tábame como baixar para botarlle a miña camisa por riba antes de que advertise a miña presenza. Á vista do seu hábil truco de desaparición ante o gabián, resultaba obvio que non ía ser doado. Nese momento, sinuosa coma unha serpe, meteuse nun buraco da base da parede. Doutro buraco un pouco máis arriba emerxeu un segundo animal en estado de grande axitación, que correu polo alto da parede e desapareceu nunha fenda. Sentinme moi emocionado, porque a breve visión que tivera del permitírame recoñecelo como un animal que levaba varios meses intentando localizar e capturar: un leirón careto, probablemente un dos roedores máis fascinantes de Europa. Medía máis ou menos a metade que unha rata adulta, cun pelame de cor canela, o ventre dun branco brillante, cola longa e peluda acabada nunha brocha de pelos brancos e negros e unha máscara negra por baixo das orellas que lle rodeaba os ollos e lle daba o ridículo aspecto de levar un deses antefaces pasados de moda que supostamente usaban os ladróns de antes. Atopábame ante un dilema, pois alí abaixo había dous animais que devecía por posuír, un perseguindo ferozmente o outro, e ambos os dous extraordinariamente receosos. Se o meu ataque non estaba ben calculado, o máis probable sería que perdese os dous. Decidín ocuparme primeiro da donicela, por ser a máis móbil, e porque pensei que o leirón non se movería do seu novo buraco se ninguén o molestaba. Tras meditalo, cheguei á conclusión de que o meu cazabolboretas sería un instrumento máis adecuado cá camisa, así que, armado con el, baixei pola ladeira coa maior precaución, e quedaba cravado cada vez que a donicela se asomaba polo buraco e miraba ó seu redor. Finalmente cheguei a uns poucos palmos da parede sen ser detectado. Agarrei con máis forza o longo mango do cazabolboretas e agardei a que a donicela saíse das profundidades do buraco que estaba investigando naquel momento. Cando emerxeu fíxoo con tal rapidez que me colleu desprevido. Sentou nas patas traseiras e observoume con interese

17


carente de alarma. Xusto lle ía lanzar o cazabolboretas cando apareceron os tres cans atravesando estrepitosamente as matogueiras, coa lingua fóra e meneando o rabo, tan vociferantes de alegría ó verme coma se levásemos meses separados. A donicela desapareceu. Durante un segundo permaneceu alí sentada, petrificada de horror ante aquela avalancha de cans, e ó seguinte esvaecérase. Maldixen os cans con saña e desterreinos ós confíns máis altos do monte, e alí foron deitarse á sombra, doídos e desconcertados polo meu mal humor. Entón intentei capturar o leirón. Cos anos, o morteiro que unía as pedras fendérase e as fortes chuvias do inverno foran levándoo, de xeito que para todos os efectos o que quedaba da casa era unha serie de muros secos de cachotería. Este labirinto de túneles e covas intercomunicados constituía o agocho ideal para calquera animal pequeno. Só había unha forma de cazar un animal nesta clase de terreo, e era desfacer o muro, así que me apliquei a iso laboriosamente. Tras desmantelar unha boa sección del, o máis interesante que saíra á luz fora unha parella de escorpións indignados, unhas cantas cochinillas e un xove gecko que fuxiu deixando tras de si a cola ondulante. Ía calor, e aquel traballo dábame sede, de xeito que ó cabo dunha hora, máis ou menos, sentei a descansar á sombra do muro que aínda quedaba en pé. Estábame preguntando canto me levaría demoler o resto do muro cando o leirón apareceu por un buraco a un metro de min. Gabeou coma un montañeiro con exceso de peso e cando chegou ó cumio sentou no seu repoludo traseiro e púxose a lavar a cara con gran minuciosidade, ignorando por completo a miña presenza. Non podía crer a miña boa sorte. Amodiño e con gran coidado, manobrei o cazabolboretas cara a el, púxeno en posición e baixeino de vez. Isto funcionaría á perfección se a parte superior do muro fose plana, pero non o era. Non puiden baixar o bordo do cazabolboretas tanto como para que non quedase un oco. Con gran decepción vin como o leirón, recobrándose do seu momentáneo

18


pánico, se escorría por debaixo do cazabolboretas, galopaba polo muro e desaparecía noutra fenda. Porén, isto resultou ser a súa perdición, pois o sitio que escollera non tiña saída e antes de que se decatase do seu erro xa colocara o cazabolboretas sobre a entrada. O seguinte era sacalo e metelo no saco sen que me mordese. Non foi sinxelo, e antes de que rematase a operación chantoume os afiadísimos dentes na xema do dedo gordo, de xeito que o pano, o leirón e eu quedamos xenerosamente enzoufados de sangue. Pero ó final tíveno no saco. Feliz polo meu éxito, montei a Sally e volvín á casa triunfante coa miña nova adquisición. Cando chegamos á vila levei o leirón ó meu cuarto e aloxeino nunha gaiola que ata había pouco fora o fogar dunha cría de rata negra. Esta rata tivera un fin desgraciado entre as garras do meu moucho de orellas, Ulises, que era da opinión de que todos os roedores foran creados por unha benfeitora providencia para encherlle o estómago. Daquela, asegureime de que o meu precioso leirón non puidese escapar e atopar un destino similar. Unha vez na gaiola, puiden examinalo máis de cerca. Descubrín que era unha femia cun ventre sospeitosamente grande, o que me levou a pensar que podería estar preñada. Tras meditalo un pouco púxenlle de nome Esmeralda (acababa de ler O chepudo de Notre Dame, e namorárame tolamente da heroína), e proporcioneille unha caixa de cartón chea de borra de algodón e herba seca na que puidese acomodar a súa familia. Durante os primeiros días Esmeralda tirábaseme á man coma un bulldog cando lle ía limpar a gaiola ou poñer de comer, pero en menos dunha semana empezou a coller confianza e a tolerarme, aínda que seguía véndome con certa reserva. Todas as noites Ulises espertaba na súa percha especial de encima da fiestra e abríalle as contras para que puidese ir cazar polos oliveirais iluminados pola lúa; non regresaba en busca do seu prato de carne picada ata as dúas da mañá. Unha vez que el saía podía sacar a Esmeralda da súa gaiola para que fixese exercicio durante un par de horas. Demos-

19


trou ser un animal encantador, de moito garbo malia a súa redondez, e daba saltos prodixiosos e espectaculares do armario á cama (onde rebotaba coma nun trampolín) e desta ó andel dos libros ou á mesa, usando a longa cola acabada en penacho a modo de contrapeso. Era enormemente curiosa, e todas as noites sometía o cuarto e o seu contido a un minucioso escrutinio, cargando a cella a través da súa máscara negra e cos bigotes a tremerlle. Descubrín que sentía unha ardente paixón polos saltóns pardos e grandes, e a miúdo viña sentar no meu peito espido, cando eu estaba deitado na cama, para rillar ruidosamente estes manxares. Como resultado, a miña cama parecía conter sempre unha capa espiñenta de élitros, anacos de patas e fragmentos córneos de tórax, pois era unha comensal voraz que non se preocupaba demasiado polas boas maneiras. Entón chegou a emocionante noite en que, despois de que Ulises voase cara ó oliveiral coas súas silenciosas ás e empezase a cantar “toink, toink”, como é habitual na súa especie, abrín a porta da gaiola e comprobei que Esmeralda non quería saír, senón que estaba acazapada dentro da caixa de cartón e me dirixía uns chíos ameazadores. Cando intentei investigar no seu dormitorio agarróuseme ó índice coma unha tigresa, e custoume ferro e fariña que me soltase. Finalmente conseguín apartala, e suxeitándoa firmemente polo pelello do pescozo, rexistrei a caixa. Nela atopei, con infinita ledicia, oito crías, do tamaño de abelás e rosadas coma casulos de ciclame. Encantado polo feliz acontecemento, enchín a Esmeralda de saltóns, pebidas de melón, uvas e outras exquisiteces que sabía que lle gustaban especialmente, e seguín os progresos dos bebés con apaixonado interese. Ós poucos as crías fóronse desenvolvendo. Abríronselles os ollos e saíulles pelo. Non pasou moito tempo ata que os máis afoutos e aventureiros empezaron a gabear laboriosamente pola súa gardería de cartón para saír dela e pasearse cambaleantes polo chan da gaiola cando Esmeralda non estaba mirando. Ela alarmá-

20


base, e collendo o bebé errante na boca e proferindo rosmidiños de enfado devolvíao á seguridade do dormitorio. Con un ou con dous non había problema, pero en canto as oito crías chegaron á fase inquisitiva resultoulle imposible controlalos a todos e tivo que deixalos vagar á súa vontade. Empezaron a seguila cando saía da gaiola, e foi entón cando descubrín que os leiróns, igual cás musarañas, teñen o costume de ir en caravana. Isto significaba que Esmeralda ía a primeira, á súa cola suxeitábase a cría número un, á cola desta a cría número dous, á desta a número tres e así sucesivamente. Era un espectáculo máxico ver estas nove diminutas criaturas, cada unha co seu pequeno anteface negro, dando voltas polo cuarto coma unha peluda bufanda con vida propia, voando pola cama ou gabeando pola pata da mesa. Unha chuvia de saltóns sobre a cama ou o chan, e as crías, con chíos excitados, formaban unha roda para comer, ofrecendo o ridículo aspecto dunha convención de bandidos. Finalmente, cando as crías se converteron en adultos, tiven que levalos ó oliveiral e soltalos. A tarefa de prover de alimento suficiente a nove voraces leiróns requiría demasiado tempo. Solteinos onde empezaba o oliveiral, preto dun bosquete de aciñeiras, que colonizaron con éxito. Á tardiña, cando o sol se poñía e o ceo se mostraba tan verde coma unha folla, listado polas nubes do solpor, eu adoitaba baixar a ver os pequenos leiróns enmascarados brincar polas ramas coa graza dunha bailarina, lanzándose chíos e renxidos uns a outros mentres perseguían bolboretas nocturnas, lucecús ou outras exquisiteces entre as pólas sombrías. Como consecuencia dunha das miñas moitas incursións en burro vímonos invadidos por cans. Estiveramos no monte, onde eu tratara de atrapar un agama nos cegadores cantís de xeso. Regresamos á tardiña, cando as sombras xa se estendían por todas as partes, negras coma o carbón, e todo o bañaba a suave e oblicua luz dourada do sol poñente. Estabamos acalorados e cansos, famentos

21


e sedentos, porque xa había moito que comeramos e beberamos todo o que levaramos. A última viña pola que pasaramos só nos proporcionara uns acios de uvas moi negras cuxo sabor a vinagre fixera que os cans engurrasen os beizos e chiscasen os ollos, e a min deixárame máis famento e sedento ca antes. Decidín que como xefe da expedición me correspondía prover de víveres ó resto do grupo. Tirei das rendas para deter a Sally e púxenme a pensar no problema. Estabamos nun punto equidistante entre tres fontes de aprovisionamento. Estaba o vello Yani, o pastor, que sen dúbida nos daría queixo e pan, pero era probable que a súa muller estivese aínda no campo e o propio Yani quizais non volvese de alindar o seu rabaño de cabras. Estaba Agathi, que vivía soa nunha diminuta e escangallada casopa, pero era tan pobre que me sentía culpable aceptando nada dela, e de feito, sempre procuraba compartir a miña comida con ela cando andaba preto de alí. Por último estaba a doce e amable Mama Kondos, unha viúva duns oitenta veráns que vivía nunha granxa descoidada pero próspera dun val do sur coas súas tres fillas, as cales estaban –e, ó meu modo de ver, seguirían estando– solteiras. Tiñan unha posición bastante desafogada para o nivel dos labregos, pois á parte de dúas ou tres hectáreas de oliveiras e terras de cultivo, posuían dous burros, catro ovellas e unha vaca. Eran o que se podería chamar a burguesía labrega da zona, e por iso decidín que recaese nelas a honra de avituallar a miña expedición. As tres rapazas, desmesuradamente gordas, pouco agraciadas, pero de bo carácter, acababan de volver de traballar no campo e estaban reunidas ó redor do pequeno pozo, rechamantes e ruidosas coma papagaios, lavando as pernas gordas, morenas e peludas. Mama Kondos ía de acá para alá coma un diminuto moneco de corda, esparexendo millo para a súa cacarexante e espeluxada manda de polos. En Mama Kondos non había nada dereito: o seu minúsculo corpo estaba dobrado coma unha fouciña, tiña as pernas tortas tras anos de levar pesadas cargas na cabeza, os brazos e as

22


mans permanentemente curvados de recoller cousas; ata os beizos os tiña voltos para dentro sobre as enxivas desdentadas, e as cellas, coma níveos dentes de león, curvábanselle sobre os ollos negros de bordo azulado, gardados á súa vez a cada lado por un cerco de engurras curvadas nunha pel tan delicada como a dun champiñón. As fillas, ó verme, soltaron agudos berros de ledicia e congregáronse ó meu redor coma amigables percheróns, apertándome contra os seus peitos mastodónticos e bicándome, exsudando agarimo, suor e cheiro a allo a partes iguais. Mama Kondos, un curvado David entre aqueles recendentes Goliats, apartounas cuns chíos penetrantes: –Dádemo a min, dádemo a min! Meu rei, meu corazón, meu amor! Dádemo a min! Abrazoume e cubriume a cara de lacerantes bicos, pois tiña as enxivas duras coma o bico dunha tartaruga. Por fin, tras ser concienciudamente bicado, apalpado e sobado por todas as partes para comprobar que era real, permitíuseme sentar e ofrecer algunha explicación de por que as abandonara durante tanto tempo. Acaso non me decataba de que pasara toda unha semana dende a última vez que as visitara? Como podía ser o meu amor tan cruel, tan indolente, tan efémero? En todo caso, xa que por fin estaba alí, quería comer algo? Dixen que si, de moi boa gana, e Sally tamén. Os cans, máis groseiros, xa se serviran eles mesmos: Vómito e Mexo arrincaran unhas uvas brancas e doces da cepa que percorría parte da casa e estaban a engulilas con avidez, mentres Roger, que parecía ter máis sede ca fame, fora onda as figueiras e as amendoeiras e destripara unha sandía. Estaba deitado co fociño metido no seu interior fresco e rosado, os ollos pechados en éxtase, sorbendo o zume doce e refrescante entre os dentes. De inmediato déronlle a Sally tres mazarocas de millo tenro para que mastigase e un caldeiro de auga para apagar a sede, mentres que a min me agasallaron cunha enorme pataca doce de pel negra e deliciosamente requeimada no lume e carne doce e ben zumarenta,

23


unha cunca de améndoas, uns figos, dous melocotóns descomunais, un anaco de pan amarelo, aceite de oliva e allo. Tras papar estas provisións e entreter deste xeito a fame, puiden concentrarme no intercambio de rexoubas. O parvo de Pepi caera dunha oliveira e rompera un brazo; Leonora ía ter outro neno para substituír o que lle morrera; Yani –non, non ese Yani; o Yani do outro lado do monte– discutira con Taki polo prezo dun burro, e Taki anoxárase tanto que disparara a escopeta xunto á casa de Yani, pero era unha noite moi escura, Taki estaba bébedo e resultou ser a casa de Spiro, así que agora non se falaban ningún dos tres. Durante un anaco estivemos discutindo as debilidades e analizando os caracteres dos nosos conxéneres con gran deleite, e entón decateime de que non vía por alí a Lulu. Lulu era a cadela de Mama Kondos, un animal fraco de patas longas, enormes ollos tristes e orellas caídas coma as dun spaniel. Coma todos os cans de campo era esmirrada e cotrosa, coas costelas marcadas coma as cordas dunha arpa, pero era adorable e eu tíñalle cariño. Normalmente era das primeiras en recibirme, pero nesta ocasión non a vía por ningures. Pasáralle algo?, preguntei. –Tivo cachorros! –dixo Mama Kondos–. Po po po po! Once! Pódelo crer? Cando o parto se fixo inminente ataran a Lulu a unha oliveira próxima á casa, e ela metérase no interior do tronco para ter as súas crías. Despois de saudarme con entusiasmo, observou interesada como eu me metía na oliveira agatuñando e sacaba os cachorros para velos. Coma sempre, abraioume que unhas nais tan escuálidas e mortas de fame puidesen dar a luz uns cachorros tan repoludos e robustos de cara achatada e belicosa e potente voz de gaivota. Como de costume, presentaban unha ampla variedade de cores: branco e negro, branco e marrón, prata e gris azulado, todo branco e todo negro. En Corfú, as camadas de cachorros ofrecen tal diversidade de esquemas cromáticos que establecer a cuestión da paternidade resulta practicamente imposible. Sentei con aquel

24


patchwork de canciños choromicantes no colo e díxenlle a Lulu que era unha cadela moi lista. Ela meneou o rabo furiosamente. –Moi lista, eh? –dixo Mama Kondos con ton agre–. Ter once cachorros non é ser moi lista, é ser unha desvergonzada. Teremos que desfacernos de todos menos un. Eu era consciente de que de ningún xeito se lle permitiría a Lulu conservar toda a súa prole, e de feito tiña sorte de que lle deixasen un. Pareceume que quizais eu podía axudar, e dixen que estaba seguro de que a miña nai non só se mostraría encantada coa idea de ter un cachorro, senón que lle quedaría agradecidísima á familia Kondos e a Lulu se llo proporcionaban. Daquela, tras pensalo moito, escollín o que máis me gustou, un macho repoludo e berrón que era negro, branco e gris, coas cellas e as patas da cor brillante do trigo. Pedinlles que mo gardasen ata que medrase o suficiente para poder separalo de Lulu. Namentres eu comunicaríalle a mamá a emocionante noticia de que adquiriramos outro can máis, ata un total de cinco, cifra que me pareceu bonita e redonda. Con grande abraio comprobei que mamá non se mostrou compracida en absoluto coa suxestión de incrementar a nosa tribo canina. –Non, querido –dixo con firmeza–, non podemos ter outro can. Catro son dabondo. Xa así, cos teus bufos e todo o demais, gastamos unha fortuna en carne. Non, síntoo pero nin falar de traer un can máis. En van argumentei que matarían o cachorro se non interviñamos. Mamá mostrouse inflexible. Só se podía facer unha cousa. Eu comprobara noutras ocasións que mamá, ante unha pregunta hipotética como: “Gustaríache ter unha niñada de rabirrubios?”, respondía firme e automaticamente: “Non”. Porén, ante a niñada de poliños, inevitablemente abrandábase e dicía que si. Era evidente que só podía facer unha cousa: amosarlle o cachorro. Estaba convencido de que sería incapaz de resistirse ás súas cellas e calce-

25


tíns dourados. Mandeilles recado ás Kondos preguntando se me podían deixar o cachorro para mostrarllo a mamá, e ó día seguinte unha das gordas fillas subiuno, moi atenta. Pero cando abrín o pano en que o traía envolto descubrín con pesar que Mama Kondos mandara un cachorro equivocado. Expliqueillo á filla, e ela dixo que non podía facer nada porque ía de camiño á cidade. Sería mellor que fose eu onda a súa nai, e engadiu que me dese présa, pois Mama Kondos mencionara que pensaba matar os cachorros aquela mesma mañá. Apresureime a montar a Sally e galopei polos oliveirais. Cando cheguei á granxa atopei a Mama Kondos sentada ó sol trenzando cabezas de allo en restras brancas e nodosas, mentres ó seu redor as galiñas escarvaban e cacarexaban satisfeitas. Unha vez que me abrazou, me preguntou pola miña saúde e a da miña familia e me ofreceu un prato de figos, saquei o cachorro e expliquei o motivo da miña visita. –Non era este? –exclamou, contemplando o ouveante cachorro e fincándolle o índice–. Non era este? Que parva son! Po po po po. Estaba convencida de que o que querías era o das cellas brancas. Matara o resto dos cachorros?, preguntei ansioso. –Ah, si –dixo distraidamente, sen deixar de mirar o cachorro–. Si, esta mañá cedo. Daquela, dixen con resignación, xa que non podía ter o que escollera, quedaría co que salvara. –Non, creo que che podo dar o que queres –dixo ela, poñéndose en pé e collendo un sacho de folla ancha. Como me podía dar o meu cachorro se os matara? Acaso pensaba recuperar o cadáver para darmo? Era unha idea que non me tentaba. Estaba a piques de dicirllo cando Mama Kondos, rosmando para si, saíu trotando cara a unha leira próxima á casa, onde os talos da primeira colleita de millo se erguían amarelos e fráxiles sobre a terra quente e gretada polo sol. Unha vez alí bus-

26


cou un intre coa mirada e púxose a cavar. Coa segunda sachada desenterrou tres cachorros que ouveaban, axitando as patas freneticamente, coas orellas, os ollos e as bocas rosadas cheos de terra. Quedei paralizado de horror. Ela examinou os cachorros que desenterrara, viu que ningún era o que eu quería, tirounos a un lado e seguiu cavando. Só entón tomei plena conciencia do que fixera Mama Kondos. Sentín coma se me rebentase no peito unha gran burbulla vermella de odio, e polas fazulas corréronme bágoas de rabia. Do meu repertorio de insultos en grego, non exiguo, saquei os peores, e berrándollos a Mama Kondos aparteina de alí cun empurrón tan forte que caeu sentada, estupefacta, entre os talos do millo. Sen deixar de lanzar pecados a todos os santos e deidades que se me ocorreron, collín o sacho e rápido pero con coidado desenterrei os restantes cachorros medio asfixiados. Mama Kondos estaba tan abraiada ante o meu súbito cambio da calma á ira que non dicía nada, e permanecía alí sentada coa boca aberta. Metín sen miramentos os cachorros dentro da camisa, recollín a Lulu e o cachorro que lle quedara, e marchei montado en Sally, volvéndome para lanzarlle maldicións a Mama Kondos, que se puxera en pé e corría detrás de min, berrando: –Pero, meu rei, que pasou? Por que choras? Lévaos todos se os queres! Que pasou? Irrompín na casa acalorado, cuberto de bágoas, enzoufado de lama, coa camisa chea a rebentar de cachorros e Lulu trotando ós meus pés, encantada con esta súbita e imprevista saída para ela e a súa prole. mamá, como de costume, estaba enclaustrada na cociña preparando diversas exquisiteces para Margo, que estaba a piques de chegar da Grecia continental, onde estivera facendo turismo para sobrepoñerse do seu último desengano amoroso. Mamá escoitou o meu incoherente e indignado relato do prematuro enterro dos cachorros e reaccionou co espanto que cabía agardar. –Hai que ver! –exclamou con indignación–. Estes labregos! Non entendo como poden ser tan crueis! Enterralos vivos! Na

27


vida oín tal barbaridade. Fixeches moi ben en salvalos, querido. Onde están? Abrín a camisa dun tirón, como quen fai o haraquiri, e unha fervenza de cachorros retorcéndose caeu na mesa da cociña, onde empezaron a explorar o terreo ás cegas e chiando. –Gerry, na mesa non, querido, que estou amasando! –dixo mamá–. Ai, que nenos! Si, de acordo, pero aínda que sexa lama limpa non a queremos nas empanadas. Vai buscar unha cesta. Fun buscar unha cesta e puxemos os cachorros nela. Mamá contemplounos. –Pobriños! –dixo–. Así parece que son moitísimos. Cantos? Once! Pois non sei que imos facer con eles. Non podemos engadir once cans ós que xa temos. Apresureime a dicir que xa o tiña todo previsto: en canto os cachorros fosen grandes dabondo buscariámoslles casa. Engadín que me podería axudar Margo, que xa estaría de volta para entón; así tería unha ocupación e deixaría de pensar no sexo. –Gerry! –dixo mamá escandalizada–. Non debes dicir iso, querido. Quen che dixo tal cousa? Expliquei que Larry dixera que Margo necesitaba deixar de pensar no sexo, e por iso a min se me ocorrera que a chegada dos cachorros contribuiría a este feliz resultado. –Pois non debes falar así –dixo mamá–. Larry non ten por que dicir cousas semellantes. O que lle pasa a Margo é que é un pouco… un pouco… emotiva, nada máis. Pero non ten nada que ver co sexo; é algo moi distinto. Que pensaría a xente se te oíse? Veña, vai poñer os cachorros onde estean seguros. Así que levei os cachorros a unha oliveira conveniente cerca do soportal, atei a Lulu a ela e laveinos cun pano húmido. Lulu, decidindo que unha cesta era un sitio moi afectado para criar uns cachorros, escavou de inmediato un tobo entre as amigables raíces da árbore e con coidado trasladou alí os seus cachorros un a un. Para desagrado dela, pasei máis tempo lavando o meu cachorro

28


especial que os outros, e púxenme a pensar nun nome para el. Ó final decidín chamalo Lazarus, Laz para abreviar. Instaleino coidadosamente cos seus irmáns e fun cambiar a camisa manchada de lama e mexo. Cheguei á mesa a tempo de oír como mamá lles contaba a Leslie e a Larry o dos cachorros. –É incrible –dixo Leslie–. Non creo que o fagan por crueldade, senón que simplemente non o pensan. Só hai que ver como amontoan os paxaros feridos no zurrón. E que pasou? Gerry afogou os cachorros? –Dende logo que non! –dixo mamá indignada–. Tróuxoos aquí. –Deus santo! –dixo Larry–. Máis cans non! Xa temos catro. –Só son uns cachorros –dixo mamá–, pobriños. –Cantos son? –preguntou Leslie. –Once –dixo mamá de mala gana. Larry pousou o coitelo e o garfo e mirouna en fite. –Once? –repetiu–. Once? Once cachorros! Ti estás tola. –Dígovos que só son uns cachorros, unhas criaturiñas pequenas –dixo mamá, colorada–. E Lulu ocúpase ben deles. –Quen diaño é Lulu? –preguntou Larry. –A súa nai… é unha cadela encantadora –dixo mamá. –O que fai un total de doce condenados cadelos. –Si, supoño que é así –dixo mamá–. A verdade é que non botara a conta. –Ese é o noso problema –espetou Larry–, que ninguén bota a conta! E antes de que un se decate está nadando en animais. É como a condenada creación por segunda vez, pero peor. Un moucho convértese nun batallón deles antes de que un se dea conta; hai pombas obsesas sexuais en todos os cuartos da casa; por todas as partes hai paxaros como para encher un maldito mercado de polos, por non falar de serpes, sapos e bichería suficientes para ter abastecidas as bruxas de Macbeth durante anos. E para poñer o

29


ramo, vas e traes doce cans máis. Isto é un exemplo perfecto da vea de loucura que afecta a esta familia. –Parvadas, Larry. Es un esaxerado –dixo mamá–. Non fai falta armar tanto rebumbio por uns poucos cachorros. –Para ti once cachorros son uns poucos? Isto vai parecer a sección grega da Exposición Canina Crufts, e o máis probable é que todas sexan cadelas e se poñan en celo á vez. A vida nesta casa dexenerará nunha continua orxía sexual canina. –Ah, por certo –dixo mamá, cambiando de tema–. Non vaias dicindo por aí que Margo é unha obsesa sexual. A ver que vai pensar a xente. –Pois é así –dixo Larry–. Non vexo razón para ocultar a verdade. –Sabes perfectamente a que me refiro –dixo mamá con firmeza–. Non vou permitir que digas cousas así. Margo é unha romántica, nada máis. Hai unha gran diferenza. –O único que digo –dixo Larry– é que cando todas esas cadelas que trouxestes á casa se poñan en celo á vez, Margo vai ter moita competencia. –Larry, xa abonda –dixo mamá–. Ademais, non creo que debamos discutir sobre sexo no xantar. Poucos días despois disto Margo regresou das súas viaxes, bronceada, en forma e co corazón aparentemente reposto. Non paraba de falar da súa viaxe e de darnos pequenas descricións moi gráficas da xente que coñecera, e que sempre acababan en: “Así que lles dixen que se pasaban por Corfú viñesen vernos”. –Espero que non invitases a todas as persoas cantas coñeciches, Margo –dixo mamá, lixeiramente alarmada. –Claro que non, mamá –dixo Margo con impaciencia, xusto despois de falarnos dun atractivo mariñeiro grego e os seus oito irmáns, a quen estendera a xenerosa invitación–. Só invitei xente interesante. Pensei que che gustaría ver xente interesante por aquí.

30


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.