O mono do asasino (mostra)

Page 1



CAPÍTULO 1

O Xefe, eu e o Hudson Queen Para os que non me coñecedes, debo contarvos antes de nada que non son un ser humano. Son un simio antropoide. Oínlles ós científicos que pertenzo á especie Gorilla gorilla graueri. Case todos os meus conxéneres viven en África, no corazón da xungla, ó longo do río Congo. Probablemente sexa de alí de onde procedo eu tamén. 37


Como vin parar entre os humanos, non o sei. E seguramente nunca o saberei. Debeu de suceder cando eu era moi pequena. Quizais foron cazadores ou indíxenas os que me atraparon e me venderon logo a outros. O meu primeiro recordo é estar sentada nun frío chan de pedra cunha cadea ó redor do pescozo. Quizais fose na cidade de Istambul, pero non estou segura. Dende entón vivo no mundo dos humanos. Aprendín como pensan e entendo o que din. Aprendín a ler e a escribir. Aprendín a roubar e a enganar. Aprendín o que é a cobiza. E o que é a crueldade. Tiven moitos donos, e a maioría prefiro esquecelos. Non sei cal deles me puxo o meu nome, nin por que. En todo caso, chámome Sally Jones.

Moitos cren que o Xefe é agora o meu dono. Pero o Xefe non é deses que queren posuír a outros. El e eu somos compañeiros. Amigos. O verdadeiro nome do Xefe é Henry Koskela. Atopámonos por primeira vez hai moitos anos, cando eu ía de polisona nun vapor de carga que se chamaba Otago. A tripulación descubriume e o capitán ordenou que me lanza-

38


sen ó mar. Entón o xefe de máquinas intercedeu e salvoume a vida. Era “o Xefe”. Un par de anos máis tarde coincidimos outra vez por casualidade, esta vez nos barrios portuarios de Singapur. Daquela eu estaba gravemente enferma, atada a un poste que había ante un bar ruinoso. O Xefe recoñeceume e comproume ó propietario. Logo levoume ó barco en que traballaba e deume comida e medicinas. Era a segunda vez que me salvaba a vida. Cando me fun recuperando, tiven que empezar a axudar ó Xefe en distintos labores da sala de máquinas. Gustábame o traballo, e grazas ó Xefe tamén adquirín habilidade. Todo o que sei de mariñeiría e motores de barco aprendino del. Dende entón estamos xuntos, o Xefe e eu. Navegamos dende o Sueste asiático ata chegar, finalmente, a América. En Nova York compramos un cargueiro, o Hudson Queen, e con el transportamos distintos cargamentos ó longo das costas de América, África e Europa. Arranxabámonos sós e gañabamos o suficiente para manter a embarcación en bo estado. Era unha boa vida. Non imaxino outra mellor. Espero que volva ser así novamente.

39


Pero todo cambiou hai uns catro anos. Foi entón cando comezaron as desgrazas do Xefe e as miñas. Durante todo ese verán navegaramos por augas británicas. Ó chegar o outono decidimos ir en busca de latitudes máis cálidas para evitar as tormentas invernais do mar do Norte. En Londres recibimos un cargamento de conservas que debiamos transportar ós Azores, un grupo de illas no medio do Atlántico. Ó principio a viaxe ía ben. Tiñamos bo tempo, con ventos suaves. Pero unha mañá acabouse a nosa sorte. Chocamos cunha balea. A balea saíu ilesa, pero o Hudson Queen recibiu un golpe tan forte que o temón se torceu. Mentres intentabamos reparar os danos, o tempo cambiou e levantouse un forte vendaval. O Hudson Queen foi á deriva. De non ser pola áncora flotante estariamos perdidos. Só cando o vento amainou puidemos montar un temón de urxencia. Puxemos rumbo a terras portuguesas e buscamos un porto de refuxio en Lisboa. Unha vez que descargamos, puxemos o Hudson Queen en dique seco para poder reparar o temón. A reparación levou dúas semanas e consumiu todos os nosos aforros. O Xefe percorreu as oficinas das compañías transportistas para intentar conseguir un novo cargamento para o Hudson Queen, pero sen resultado. Nos peiraos xa había moitos outros bu-

40


ques de carga coas bodegas baleiras que esperaban mellores tempos. Pasaron varias semanas. Permanecer en terra nunca é divertido. Con todo, un pode quedar estancado en peores portos có de Lisboa. Os sábados adoitabamos viaxar en tranvía pola cidade. Uns tranvías tan bonitos coma os de Lisboa non se atopan en ningún outro lugar. Nin sequera en San Francisco! O noso amarradoiro no porto quedaba debaixo do barrio da Alfama. A Alfama é unha zona pobre da cidade, durmida de día e chea de perigos pola noite. Alí vive xente de toda clase. Ninguén se sorprende ó ver os xemelgos siameses que venden amallós na rúa de São Pedro. Nin tampouco os Bailaríns do Diaño da Costa da Pementa que se reúnen nas escuras calellas cando a lúa está en cuarto minguante. Na Alfama non se asombran nin de ver un gorila vestido con roupa de traballo. E iso é bo. Polas noites adoitabamos ir ó bar O Pelicano. Moitos mariñeiros frecuéntano cando están en Lisboa. Este garito queda na Rua do Salvador, unha rúa estreita e lúgubre onde rara vez entran os raios do sol. O propietario chámase senhor Baptista. Foi cociñeiro nos barcos da navieira Transbrasil, e sempre invita a xente de mar a un vaso de augardente antes da co-

41


mida. A augardente ĂŠ unha bebida destilada, asĂ­ que a min adoitaban darme un vaso de leite. Gardo moi bos recordos das nosas noites no Pelicano. Pero tamĂŠn un malo. Foi no Pelicano onde nos topamos con Afonso Morro por primeira vez.

42


CAPÍTULO 2

Morro Esa noite o Xefe e eu traballaramos ata tarde na sala de máquinas do Hudson Queen. Lembro que chovía cando baixamos a terra para cear. A luz dos farois de gas do porto lampexaba no empedrado mollado do peirao. Nas calellas estreitas da Alfama a auga sucia gurgullaba nos sumidoiros e pozos de rexistro. 43


No Pelicano ía calor e había fume. Os clientes habituais apiñábanse ó redor das mesas redondas. Varios deles saudábannos ó Xefe e a min coa cabeza ou coa man. Eran mariñeiros e xornaleiros do porto, mozas da rúa de mirada oca e músicos trasnoitados. Unha muller repoluda vestida de negro, que se chamaba Rosa, cantaba un fado sobre amores non correspondidos. As cantantes de fado son típicas dos barrios baixos de Lisboa. Esa noite había un cliente ó que eu non vira antes. Estaba sentado, el só, á mesa máis próxima á porta, e levantou a cabeza cando entramos. Tiña un rostro enxoito e pálido, e os ollos brillábanlle lúgubres baixo a aba do sombreiro. Cando o senhor Baptista nos levaba a unha mesa libre ó fondo do local, puiden sentir que nos seguía a min e ó Xefe coa mirada. A muller do senhor Baptista, a senhora Maria, serviunos cadansúa cunca de sopa de tomate con pan. Xusto empezaramos a comer cando o solitario home se levantou e se achegou á nosa mesa. Pensei que debía de estar esperando por nós. –Chámome Morro –dixo en voz baixa–. Disque teñen vostedes un barco e que necesitan traballo. Primeiro o Xefe pareceu sorprenderse, e logo alegrouse. –Así é –dixo–. Sente! O home que se chamaba Morro lanzou unha mirada receosa ó seu redor e sentou. 44


–Trátase dunhas caixas –dixo, en voz tan baixa que o Xefe tivo que achegarse un pouco para poder oílo–. Deben recollelas en Agiere. É un pequeno porto no río Zézere… Teño un mapa… Morro sacou do seu peto interior un mapa e despregouno sobre a mesa. O Xefe examinou o mapa con atención. Eu sabía que o que lle interesaba era a profundidade do río. –Estas últimas semanas choveu moito –dixo Morro–. O nivel dos ríos é alto. Non deben ter medo de encallar. –Depende do cargados que vaiamos –dixo o Xefe–. De cantas caixas estamos a falar? E que conteñen? –Azulexos –dixo Morro–. É dicir, baldosas. Seis caixas, duns 300 quilos cada unha. O Xefe parecía asombrado. –Iso é todo? Por que non leva as caixas a Lisboa en carro? –Son baldosas moi caras e delicadas –respondeu Morro de inmediato, coma se estivese esperando esa pregunta–. Os camiños están en mal estado. Non quero que as baldosas rompan. Daquela, aceptan o traballo? –Depende de canto pague –dixo o Xefe sorrindo. Morro sacou un sobre e deullo ó Xefe. O Xefe abriuno e pasou o polgar polos billetes que había dentro. Eu notei na súa mirada que era máis diñeiro do que agardara. 45


–As caixas deben descargarse aquí, en Lisboa, xunto á estación do Cais do Sodré –dixo Morro–. Se o fan en catro días recibirán outra suma igual. O rostro do Xefe iluminouse. –De acordo, trato feito! –dixo, e tendeulle a man. Morro apertouna rápido e púxose de pé enseguida. Sen dicir nada máis, abriuse camiño entre as mesas e desapareceu pola porta perdéndose na escuridade da noite.

Un par de horas máis tarde, o Xefe e eu paseabamos en dirección ó porto, de volta ó Hudson Queen. Deixara de chover e unha lúa difusa aparecía entre os trazos de nubes que flotaban no ceo. O Xefe estaba dun humor magnífico. Invitara a unha rolda no Pelicano para celebrar que por fin tiñamos traballo. Un traballo ben remunerado, ademais. –A nosa sorte cambiou! –dixo cando chegamos ó porto–. Con este diñeiro podemos almacenar carbón dabondo para chegar ata o Mediterráneo. E alí sempre hai mercancías para un cargueiro coma o Hudson Queen. Eu tamén quería alegrarme, pero algo mo impedía. O home chamado Morro deixárame mal corpo. Quizais fose a súa mirada. Tiña un brillo estraño e febril. E polo seu cheiro sentín que tiña medo. 46


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.