'Verán' J.M. Coetzee (Rinoceronte Editora, 2013)

Page 1

Cadernos de notas 1972-1975



22 de agosto de 1972 No Sunday Times de onte, unha nova desde Francistown en Botswana. Algún día da semana pasada, en plena noite, un coche, un modelo americano de cor branca, dirixiuse a unha casa dunha zona residencial. Apeáronse uns homes con pasamontañas, derrubaron a porta principal a patadas e comezaron a disparar. Cando remataron de disparar, prendéronlle lume á casa e marcharon. De entre as brasas os veciños sacaron sete corpos calcinados: dous homes, tres mulleres, dous nenos. Os asasinos semellaban ser negros, pero un dos veciños oíunos falar entre eles en afrikaans e estaba convencido de que se trataba de brancos coa cara pintada de negro. Os mortos eran surafricanos, refuxiados que se mudaran á casa había apenas unhas semanas. Requirido para que comentase o suceso, o ministro surafricano de Asuntos Exteriores, a través dun voceiro, cualifica a nova como “non verificada”. Realizaranse investigacións, di, para determinar se os falecidos eran, efectivamente, cidadáns surafricanos. Polo que respecta ao exército, unha fonte non precisada nega que a Forza de Defensa de Suráfrica tivese algo que ver co asunto. Os asasinatos probablemente son unha cuestión interna do Congreso Nacional Africano, suxire, que reflicte “tensións en curso” entre faccións.

11


Así, emerxen, semana tras semana, estas historias das zonas fronteirizas, asasinatos seguidos de anódinos desmentidos. El le as novas e séntese sucio. Así que é a isto ao que volveu! Mais, en que lugar do mundo pode un agocharse onde non se sinta sucio? Sentiríase máis limpo nas neves de Suecia, lendo desde a distancia sobre a súa xente e as súas últimas trasnadas? Como fuxir da sucidade: non é unha pregunta nova. É unha vella preocupación que non te abandona, que deixa unha ferida noxenta, supurante. Remordemento de conciencia. –Vexo que a Forza de Defensa volve facer das súas –coméntalle ao seu pai–. Esta vez en Botswana. Pero o seu pai é precavido de máis para caer na trampa. Cando o seu pai colle o xornal, procura ir directamente ás páxinas de deportes, e pasar por alto a política; a política e mais os homicidios. O seu pai unicamente sente desprezo polo continente que se estende ao norte deles. “Bufóns” é o termo con que despacha os líderes dos estados africanos: tiranos mesquiños que apenas saben escribir o seu propio nome, que van de banquete en banquete nos seus Rolls Royce conducidos por choferes e que visten uniformes tipo Ruritania festonados de medallas que eles mesmos se concederon. África: un lugar onde masas de xente morren de fame tiranizadas por bufóns homicidas. –Asaltaron unha casa en Francistown e mataron a todos –continúa el, malia todo–. Executáronos. Incluso os nenos. Mira. Le a noticia. Vén na portada. O seu pai encolle os ombreiros. Non atopa palabras amplas dabondo para abarcar a repugnancia que lle causan, por unha banda, uns malfeitores que asasinan brutalmente mulleres e nenos indefensos e, pola outra, terro12


ristas que libran guerras desde refuxios situados ao outro lado da fronteira. Resolve o problema somerxéndose nos resultados do crícket. Como resposta a un dilema moral é feble; porén, é mellor a reacción del: arroutos de furia e desespero? Xacando adoitaba pensar que os homes que idearon a versión surafricana da orde pública, os que estableceron o vasto sistema de reservas de traballo, pasaportes internos e distritos satélite, basearan o seu enfoque nunha interpretación da historia traxicamente errónea. Interpretárana erroneamente porque, ao naceren en granxas ou en pequenas vilas de zonas rurais, e ao estaren illados no seo dunha lingua que non se falaba en ningunha outra parte do mundo, non eran conscientes da magnitude das forzas que, desde 1945, arramplaran co vello mundo colonial. Porén, dicir que interpretaran mal a historia era en si mesmo enganoso, pois non lían en absoluto textos de historia. Ao contrario, dábanlle as costas, rexeitábana por considerala un conxunto de difamacións recompiladas por estranxeiros que abafallaban os afrikáners, e que farían a vista gorda se os negros os asasinasen, ata a derradeira muller e o derradeiro neno. Illados e sen amigos no remoto extremo dun continente hostil, erixiron o seu Estado-fortaleza e refuxiáronse tras dos seus muros: alí manterían viva a chama da civilización cristiá occidental ata que finalmente o mundo entrase en razón. Ese era o xeito en que falaban, máis ou menos, os homes que dirixían o Partido Nacional e o estado en que a seguridade era o primordial, e durante moito tempo el pensou que falaban de corazón. Pero xa non. Agora tende a pensar que cando falaban de salvar a civilización, os seus discursos non eran máis ca embustes. Neste mesmo momento, detrás dunha cortina de fume de patriotismo 13


están sentados, calculando canto tempo poden manter o espectáculo en marcha (as minas, as fábricas) antes de que teñan que facer as maletas, esgazar calquera documento incriminatorio e voar a Zürich, a Mónaco ou a San Diego, onde, ao abeiro de compañías como Algro Trading ou Handfast Securities, hai anos adquiriran chalés e apartamentos como seguro para o día do xuízo final (dies irae, dies illa). Consonte a súa nova e revisada maneira de pensar, os homes que organizaron a brigada asasina en Francistown non teñen unha visión errada da historia, e moito menos tráxica. De feito, é moi probable que se rían ás furtadelas dunha xente tan estúpida como para ter visións de calquera tipo. No que se refire ao destino da civilización cristiá en África, nunca lles importou un pataco. E estes –xustamente estes!– son os homes baixo cuxo noxento dominio vive el! Para ampliar: a reacción do seu pai a eses tempos comparante á súa; as súas diferenzas, as súas (principais) semellanzas.

1 de setembro de 1972 A casa que comparte co seu pai data da década de 1920. As paredes, construídas en parte con ladrillos cocidos, mais principalmente de adobe, están hoxe en día tan corroídas pola humidade que abrolla desde a terra que comezaron a esboroarse. Illalas da humidade é tarefa imposible; o mellor que se pode facer é poñer un revestimento de formigón impermeable arredor da casa e confiar en que sequen pouco a pouco.

14


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.