Mª do Carme Kruckenberg
O enigma do segredo 2007 | 2009
BARBANTESA
Dende hoxe sentímonos perdidos como a néboa na cova da gaivota, eu teño Fisterras máis doadas ao pé dos ollos doces desta ría. Estou xulgada xa hai moito tempo como se eu non fose deste mundo antigo, pobreza interna dos desmemoriados que non permiten ser a luz no vento. Eu son desta paisaxe e desta orela que me viu nacer un día á vida, e teño por dereito no meu peito a grandeza do amor que me alumea. Eu son desta Galiza, sangue e pedra desta Galiza sempre illada e soa. Pero esta Galiza é a miña terra.
5
Aquela estrada, aquel camiño, os sendeiros no ceo, os ronseis do mar, o coche, a moto, o avión, todo te leva a fuxir, a escapar, a desaparecer da memoria da historia, a esquecer a lama onde afogas. O descontento da chuvia, o voar perdido, sen rumbo, a estrutura dos sentimentos, a perda do amor que a pesar dos pesares nunca foi. A inmensidade, e o denso fume onde choran os ollos, a terra, a auga e novamente pola autoestrada que leva ao infinito. A treboada, as nubes, a brétema que desfigura a presenza de ninguén. A xustificación da pistola. A saída. A desculpa de non ter entendido o desterro.
7
Non teĂąo por que calar. Eu digo o que digo, e trato de asasinar a sen razĂłn dos covardes. Fan o mesmo cos desfavorecidos de aventura.
9
Entre un sen fin de cousas que fican sen facer lamento ter deixado o amor pendurado dos pensamentos, e sinto que non aproveitei a vida ata os límites posíbeis do corazón. É o choro, o laio e o lamento.
11