Cos peitos desenchufados (mostra)

Page 1

ElĂ­as Portela

Cos peitos desenchufados Tango de Lonh

BARBANTESA



Altas undas que venez sur la mar Que faye le vent çay e lay demenar De mun amic sabez novas comtar Qui lay passet no lo vei retornar RAIMBAUT DE VAQUEIRAS

Sur la marée haute Je suis montée La tête est pleine Mais le cœur n’a pas assez LHASA DE SELA



PRÓLOGO: TANGO DE LONH Despois de case dous anos de diálogo poético co Sr. Portela, non resulta sinxelo resumi-las alegorías sobre as que construímo-lo noso éxodo poético. A historia deste poemario comezou asemellándose ó romance de Perceval. A poesía deixara de ser memoria e fixérase unha busca, mais en vez de perseguir unha copa que está no Cebreiro, o protagonista da alegoría seguía a súa musa, reencarnada nun oso branco. O poeta era entón cazador, mais a imaxe que atopou foi tan prodixiosa que se deixou devorar, no canto de matala ou capturala. Se cadra foi por amor, ou se cadra pra non privar a natureza daquela xoia. O que é seguro é non foi por medo. O ego volvía sacrificarse conscientemente. Pouco despois, na beiramar de Reykjavík, o eu poético espertaba con voz de pescador, ou barqueiro da fin do mundo. As razóns foron simplemente non querer ser confinado coma unha monxa de convento, colgada do teito e ardendo, igual ca unha lámpada señorial. Espertaba coa determinación de espirse e lanza-la roupa a través do horizonte. Navegaba con azos de converte-la anterior singradura entre ruínas poéticas nun ritual de pesca, e escribía con azos de confundir culturas e mestura-la escuma do mar coas linguas prostibularias de cada porto estranxeiro. Namentres, tragaba o mar, filtraba o lixo das augas e recollía os restos do mundo que varaban nos areeiros. Volvérase un trovador de poemas, no sentido máis etimolóxico da palabra.

7


Mais o tango entre os dous poetas converteuse nunha historia de afastamento e cada poema remataba soando igual ca unha balada de emigrado enviada alén do horizonte. Nunca houbo resposta, e as musas morrían desconectadas en ultramar. Houbo que botar man da cirurxía caseira e cortar e cose-las linguas con extensións e transplantes cotiáns. Darlle vida ós obxectos trovados aínda que os órganos de expresión houbesen de esmorecer. Darlle usos novos á poesía que podería desaparecer. O resultado final do poemario, obviamente, non ten moito que ver con estas alegorías. Mais así e todo, os poemas gardan certas correspondencias teóricas coa viaxe imaxinaria, e a evolución do eu non fixo máis ca reforza-la nosa teoría poética. En favor da poesía, pensamos que os poemas non deben comezar e acabar nun mesmo. O autor é un mediador, expón unha mostra da arte lingüística, e debe relegarse a unha posición de editor, sexa como tradutor ou como intérprete do poema. Debe ser humilde e permeable, deixar que o maremagnum das posibilidades creativas o sobrepase, de modo que poida atopar sempre algo novo co que enriquece-las capacidades de expresión da súa linguaxe. Igualmente, debe cede-lo lugar de poeta ás voces do seu contorno, a polifonía é necesaria á hora de dinamiza-la creatividade. A inspiración debe ter unha orixe externa na medida do posible. Non fai falla ser lingüista ou filósofo pra decatarse de que a lingua é unha ilusión colectiva. Sexa islandés, lwyma, euskara ou calquera outro idioma, tanto as palabras como a súa estética estarán sempre baseadas en nocións aleatorias que foron aceptadas en consenso polos seus falantes. Consideramos que este factor ilusorio e intelectual da lingua é a característica que

8


fundamenta a beleza da poesía e a fai infinitamente rica. Mais ó mesmo tempo, esta natureza da linguaxe é o que a fai tan fráxil: calquera problema nas capacidades lingüísticas dunha sociedade implica tamén problemas na súa lingua. E obviamente a lingua non vai sobrevivir sen nós. Mais do mesmo xeito, o uso e a creación nunha lingua reforzan o seu sistema igual ca unha nova conexión entre neuronas reforza o cerebro, polo que a creación literaria pode ser entendida tamén coma unha responsabilidade de cada falante. O poeta debe descubri-la poesía, debe rescatala da insignificancia e outorgarlle un contexto no que se marque a función poética da linguaxe e a mensaxe poida realizarse como arte. Esteticamente preferimos basea-la creación na imaxe poética e a súa forza, coa fin de inducir a unha lectura intuitiva do texto. Isto resulta especialmente desexable nos poemas que sexan conceptualmente máis complexos. Por último entendemos a poesía como unha reelaboración da lingua, polo que partimos sempre da reciclaxe e aspiramos á logotecnia. Igual ca sempre, a falta de cartos puxo fin ós días de poesía. Mais afortunadamente demos compilado un bo anaco, tanto na Galiza como en Islandia. Agora un dos dous debería marchar e reunirse con aquelas musas que prometeron un baile, musas que xa non van ser esquecidas de novo porque se agochan baixo unha lápida anónima. E. Knörr Reykholt, 28. apríl 2010

9



Cosendo Marexadas (varia)



O aforcado verde aínda funciona coma unha ameaza cadente aínda funciona coma un celeiro esmeralda velando dende as nubes gardando o licor da sega verde entre as costelas É un reloxo a piques de caer Unha campá madurando coa morte

13


Xa case é deserto na alborada e nos rañaceos Cunha chaqueta emplumada refréscome ó bordo da varanda Detrás da mañá agarda un forno de area baixo súa capa de urbanidade Tamén se achega o aniversario do horizonte co seu funambulismo quente O verán sobrevoa os cantís vestido de festa coma un voitre humano

14


A última vez que estiven cosendo marexadas lembreime do buraco que deixara o naufraxio A escuma do champaña escondera unha agresión deliciosa unha percusión rosada ronselada saloucando entre virxindade e anémonas Embriagados desfixémo-las redes cunha marea de dentes

15


A colleita morrera co século XX Así que baixou ó zoolóxico pra refresca-la humanidade Alí cambiou a estación seca por unha choiva de uniformes e engaiolouno a riada Rematou peiteándose cun caimán segando os cabelos coa raiba

16


Saín do forno co meu cabelo asfixiado mais traguei invernos pra saír do forno Agora o aire bátese co meu peito E se tivese uns brazos cos que pescar atraparía os anxos E se tivese unha boca coa que avelenar mordería os seus pecados Mais agora o aire bátese contra o sepulcro celeste Entro na xeadería e aquí tódolos embrións me obedecen porque traguei invernos pra entrar nesta xeadería

17


Nas follas da alborada Competían as deusas con tauromaquias vaporosas Ensanguentaban sen palabras o que devoran os latexos o que enferma nos silencios o que poetizan os eunucos‌

18


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.