Hierocles e Philagrios
Philogelos
ou O amante da risa Traduciรณn do grego clรกsico de Margarita Seara Pazo e ร scar Soto Fernรกndez
Paspáns4 1. Un paspán encargoulle a un prateiro facer una lámpada. Preguntoulle el de que tamaño a quería e o paspán respondeulle: “Como para oito persoas”.
2. Un paspán estaba nadando e pouco lle faltou para afogar. Xurou entón que non se metería na auga, a menos que aprendese primeiro a nadar ben.
3. Foi un onda un médico paspán e díxolle: “Doutor, cando me ergo da cama síntome mareado media hora e, despois, sen máis, pásame”, ao que o médico retrucou: “Érguete media hora máis tarde”.
4. Estaba un paspán a vender un cabalo e un preguntoulle se xa botara os dentes. Díxolle aquel que xa os botara dúas veces. “Como?”, dixo. E o paspán respondeulle: “Una vez botoumos a min e outra a meu pai.”
5. Topou un cun paspán e díxolle: “Don Desocupancio5, soñei que chamaba por vostede na rúa”. E el desculpouse: “Polos deuses! Ando sempre tan ocupado que non me decatei”. 4 En grego scholastikós, palabra que combina os significados de ‘estudado’ e ‘ocioso’, ‘despistado’, ‘atolondrado’, ‘paspán’, ‘cachazudo’, etc. 5 En grego kýrie scholastiké. 17
Paspáns
6. Un paspán viu que se achegaba o seu médico de cabeceira e escondeuse para que non o vise. Un compañeiro seu preguntoulle por que o facía, e el respondeulle: “Hai moito tempo que non me poño malo e dáme vergoña que me vexa”.
7. O médico operoulle a campaíña a un paspán e prescribiulle non falar. Entón o paspán mandoulle ao seu escravo contestar por el cando o saudasen. Despois, porén, dicíalle a cada un que lle falaba: “Non penses que é por soberbia polo que te saúda o meu escravo en troques de min, é que o médico me mandou que non falase”.
8. Un paspán quería apañar un rato que lle rillaba seguido nos libros. Picou un anaco de carne e sentou a esperar ás escuras.6
9. Un paspán que quería aprender ao seu burro a non comer, comezou a non lle dar mantenza e, cando o burro morreu de fame, dixo: “Que gran perda: cando xa aprendera a non comer, entón vai e morre!”
10. Un paspán andaba a vender un cabalo e preguntáronlle se non era asustadizo. E el dixo: “Nin chisco, xúrocho pola salvación de meu pai7! Na corte está el só”.
11. Un paspán quería ver que aspecto tiña cando durmía. Cerrou os ollos e púxose diante do espello. 6 Intentar pillar un rato ás escuras demostra a súa estupidez. 7 Fórmula cristiá de xuramento. Cf. 47 e 157. 18
Philogelos
12. A un paspán que marchaba de viaxe díxolle un amigo seu: “Se fas o favor, cómprame dous escravos de quince anos cada un”. El díxolle: “Se non os atopo así, heiche comprar un de trinta”.
13. Dous paspáns laiábanse entre eles porque os seus pais aínda estaban vivos. Dixo un: “E logo que che parece se cada un mata o seu?” “Iso non ten xeito”, dixo o outro, “acusaríannos de parricidas. Ora ben, se queres, ti matas o meu e eu o teu”.
14. Un paspán comprou unha casa e despois asomábase pola xanela preguntando aos que por alí pasaban se a casa lle acaía ben.
15. Un paspán figurouse en soños que pisara un cravo e vendou o pé. Un compañeiro seu preguntoulle que lle pasara e, ao sabelo, díxolle: “Hai que ser parvo! Por que dormes descalzo?”
16. Un paspán xa había días que andaba a buscar un libro seu e non o atopaba. Un día, por casualidade, estaba a comer leitugas, virouse cara a un recuncho e viu alí o libro tirado. De alí a pouco topou cun amigo que se laiaba porque perdera un fato de mantos e díxolle: “Acouga; ti compras leitugas, poste a comelas, víraste cara ao recuncho, miras e xa verás como dás con eles”.
17. Un compañeiro que estaba de viaxe escribiulle a un paspán para que lle comprase uns libros. Mais o paspán esqueceuse e, cando á volta o topou, díxolle: “A carta esa que me mandaches co dos libros, non a recibín”. 19
Paspáns
18. Topou un cun paspán e díxolle: “O escravo que me vendiches morreu”. E el retrucou: “Polos deuses, na miña casa nunca tal fixera!”
19. Un paspán viu unha chea de pardais pousados nunha árbore. Estarricou a aba da túnica e abalou a árbore para que lle caesen dentro.
20. Dous paspáns, despois dunha cea, querían acompañarse por educación un ao outro á casa: acabaron por non se deitar.
21. Un paspán quería durmir e, como non tiña almofada, mandou ao seu escravo que lle puxese debaixo un cacharro de barro. E, cando este lle dixo que era duro, mandouno encher de plumas.
22. Un paspán topou cun amigo seu e díxolle: “Oín que morreras”. E el respondeulle: “Pois xa ves que estou vivo”. E o paspán retrucou: “Con todo, fíome máis de quen mo dixo que de ti”.
23. Un paspán entrou nunhas termas nada máis abrir e, como non encontrou ninguén dentro, díxolle ao seu escravo: “Polo que vexo, parece que está pechado”.
24. Un paspán está a rifar co seu pai e di: “Mala besta, non ves canto me prexudicaches? De non teres ti nacido, sería eu o herdeiro do meu avó”. 20