1 Viven nunha urbanización nas aforas de Worcester, entre as vías do tren e a estrada nacional. As rúas da urbanización teñen nomes de árbores, mais aínda non teñen árbores. O seu enderezo é Poplar Avenue, avenida dos álamos, n.º 12. Todas as casas da urbanización son novas e idénticas. Están dispostas en extensas parcelas de arxila avermellada, onde non crece nada, separadas por un aramado. Todos os xardíns traseiros teñen cadansúa construción pequena cun cuarto e un lavabo. Aínda que non teñen criados, chámanlles “o cuarto dos criados” e “o lavabo dos criados”. Utilizan o cuarto dos criados para almacenar cousas: xornais, botellas baleiras, unha cadeira rompida, unha esteira vella. Ao fondo do xardín montan un galiñeiro e instalan tres galiñas, coa intención de que os abastezan de ovos. Pero as galiñas non medran. A auga da chuvia, incapaz de filtrarse na arxila, encharca o xardín. O galiñeiro convértese nun bulleiro pestilente. Ás galiñas sáenlles vultos nas patas, como pel de elefante. Enfermizas e anoxadas, deixan de poñer. A súa nai consúltao coa irmá que vive en Stellenbosch; di que volverán poñer en canto lles extirpen os vultos córneos que teñen baixo a lingua. Daquela a súa nai colle as galiñas unha tras outra entre os xeonllos, apértalles o pescozo ata que abren o bico, e coa punta do coitelo failles un corte baixo a lingua. As galiñas berran e loitan, cos ollos desorbitados. El arreguízase e afástase. Imaxina a súa nai botando a carne para o estufado sobre o mesado e cortándoa en tacos; imaxina os seus dedos cheos de sangue. 7