LINGUAS EN CONTACTO: CONCEPTOS BÁSICOS LINGUAS MAIORITARIAS / LINGUAS MINORITARIAS As linguas maioritarias son aquelas que son faladas por un número elevado de falantes. Este é un termo que se refire á demografía relativa dun idioma, por iso a dimensión dunha comunidade lingüística pode ser vista de diversos modos: os idiomas máis falados actualmente no mundo son o chinés mandarín, o inglés, o bengalí, o hindi, o español ou o portugués. No entanto, no conxunto da Unión Europea é o alemán. Agora ben, en territorios no que existen varios idiomas a lingua maioritaria será aquela que conte cun maior número de falantes, aínda que sexa relativo a nivel mundial. Por exemplo, o galego é aínda hoxe a lingua maioritaria en Galiza. É, pois, un asunto de perspectiva, tal e com o nos aclaran no Ben Falado: É o galego unha lingua minorizada? (emisión do 12/10/2010) e O galego no selecto clube do 5% (emisión do 22-07-2008, minuto 1'51). Linguas minoritarias serán, daquela, as que son empregadas por un número reducido de falantes, son as linguas dunhas comunidades lingüísticas pequenas en termos xerais ou dende unha perspectiva rexional. A casuística que se dá entre as linguas minoritarias é moi diversa: a. Linguas faladas nunha rexión ou estado ou en diversos estados: o galego, o galés, o catalán ou o friulano. Poden ser oficiais ou non. b. Linguas só minoritarias localmente, pero maioritarias noutro estado, como o alemán en Francia, o italiano en Suíza ou o sueco en Finlandia. Poden ser oficiais nun Estado pero non no outro, ou oficiais nos dous. c. Linguas non territoriais: son empregadas por comunidades de inmigrantes noutro país, como o curdo en Alemaña ou o punjabi en Inglaterra. Tamén poden ser nacionais dun país pero a súa lingua non se liga a unha área xeográfica particular, como o romaní (lingua dos xitanos) ou o ídiche/yídish (lingua dos xudeus). Todas estes idiomas soen ter en común que a comunidade humana que o fala é minoritaria en contraposición a outras que se falan en territorios veciños ou no mesmo territorio. A territorialidade e o factor político teñen que ser tidos en conta pois os grupos de falantes soen ser periféricos respecto dun poder central, o que implica un risco para a supervivencia destas linguas. LINGUAS DOMINANTES OU HEXEMÓNICAS / LINGUAS MINORIZADAS Por lingua minorizada entendemos calquera lingua que, sendo historicamente propia dun territorio, ten uns usos restrinxidos nese mesmo espazo xeográfico, que comparte con outra ou outras linguas historicamente alleas que posúen grande prestixio social. Esta competencia desigual é a que viven os falantes de idiomas como o galego, o quechua ou o bretón, e esta situación de minorización pode conducir a un proceso de substitución lingüística. Segundo o seu estatus podemos falar de: a. Linguas que non teñen ningún tipo de recoñecemento legal, como sucede co bretón, o catalán ou o euskara no estado francés.
Román Cerqueiro Landín (Dpto. de Lingua Galega-IES de Porto do Son) Curso 2010-2011. 4º da ESO