Roteiros “Farangullas do saber�
2
Roteiro polo patio do C.E.I.P. O Ramo “O parque das bolboretas” O NOSO CONTORNO: COÑECER, GOZAR, RESPECTAR Neste 2011, 20 aniversario do noso club ecolóxico e ano internacional dos bosques, queremos dar un novo pulo á nosa actividade presentando un conxunto de percorridos “roteiros”, completando a arelada rotulación das especies do recinto escolar “Parque das bolboretas” e facendo accesibles as nosas iniciativas desde os formatos impreso e dixital. Agardamos que o maltratado medio natural continúe sendo fonte de recursos para unha educación de calidade, respectuosa e sensible co contorno ao tempo que a súa integración contribúa a potenciar os máis prezados valores culturais e lingüísticos.
3
Roteiro polo patio do Ramo “O parque das bolboretas”
Como nos dixo Castelao: “A árbore é o símbolo do señorío espiritual de Galicia. A árbore é un engado dos ollos, pola súa fermosura, é unha delicia dos oídos, porque nela cantan os paxaros; é un arrolado do espírito porque na súas pólas conta contos o vento. A árbore pídelle auga ó ceo para que a terra teña sangue, vida e bonitura”.
Isolino: Canto gozaba Castelao da súa Terra! Imos ver se axudamos aos nenos e nenas do Ramo a descubir o que os arrodea. Non che parece, Bolboreta?
Bolboreta: Pois comezo eu! Coñecedes un libro que se titula “O bosque animado”? Seguro que vos gusta. Aquí tamén temos un bosque marabilloso: O parque das bolboretas. Se falades coas árbores daranvos pistas para coñecelas mellor e sérdelos seus amigos. Se vos colocades a carón da árbore axeitada, poida que escoitedes estes ditos. Sabedes onde tedes que ir? 4
1
Roteiro polo patio do Ramo “O parque das bolboretas”
No alto estou, No alto me vexo, Por unha risada, Perdín o que teño. Tamaño ouriciño, Tamaño nobeliño.
1
Gaspariño: A min tamén me contaron unha de cousas… Descubride quen me dixo isto: Cando me xunte coas miñas compañeiras da zona 4 faremos un nogueirido. Sabes quen son e onde estou?
Gaspariño: Pois a min outra fíxome un encargo, quen sería Cando pases polo abeledo. Dilles ás miñas irmás en que zona estou e como me chamo.
Isolino: Cando estaba descansando á sombra, escoitei esta conversa que non para de darme voltas nos miolos: - Nalgún tempo eramos abondosos en Galicia. Agora só queda un fermoso bosque en Casaio. Os seis do Ramo vivimos felices, rexos e vizosos. Grazas a nós os paxaros aliméntanse no outono. - E ti que miras? Como vives ao meu carón, chámame polo nome. Os do Ramo ben cho saben! - Pois eu estou só pero fago de despensa para as aves no inverno. Iso si, se me pican, pico! - Ti ben me coñeces. E os nenos do colexio saberán como me chamo?
5
Roteiro polo patio do Ramo “O parque das bolboretas”
Bolboreta: Voando, voando… sorpresas vou atopando! O carballo do Colexio ten a folla revirada, Que lla revirou o vento unha noite de xeada. Será verdade? A ver sodes quen de comprobalo!
Isolino: Eu escoitei esta cantiga onte ao serán. Sabedes onde me atopaba? Aparta loureiro verde, deixa clarear a lúa. Estou soíña no monte, non vexo cousa ningunha.
Gaspariño: A verdade é que as árbores non paran de falar. E din cada cousa… -A nosa fermosura oriental xa hai moitos anos que encheu de ledicia os pazos e os xardíns de Galicia. Viñemos para quedarnos con vós! Aquí estamos en tres recunchos do Ramo. Decúbrenos! 6
1
Roteiro polo patio do Ramo “O parque das bolboretas”
1
Isolino: Aquí arrecende! Será certo que Rosalía lles escribiu esta poesía? Nasín cando as prantas nasen, no mes das froles nasín, nunha alborada mainiña, nunha alborada de abril. Por eso me chaman Rosa, mais a do triste sorrir, con espiñas para todos, sin ningunha para ti.
Bolboreta: Sabedes onde me pouso para cantar deste xeito? Á oliveira da serra o vento lévalle a lor; só a min ninguén me leva da beira do meu amor.
Gaspariño: E se vos digo esta, de que árbore vos falo? Ao pasar pola botica tiráronme cun limón, a casca doume nos ollos, o zume no corazón.
7
Roteiro polo patio do Ramo “O parque das bolboretas”
Gaspariño: Aquí estou moi tranquilo, aínda que semella que esas árbores altas, lanzais, me están a fitar. Esas coníferas… Vós tamén preguntaredes como Eduardo Pondal “Que din os rumorosos…?” Entre as piñas dun piñeiro vin un niño estoutro día. Quen me dera ver se dentro xa paxariños había! Se soubestes contestar, tamén saberedes onde está agora Gaspariño a descansar.
8
1
Roteiro literario “O Segrel do Penedo”
O obxectivo desta xeira é coñecer a figura de Xosemaría Pérez Parallé e a súa obra a través dos lugares máis significativos de Barallobre para este poeta.
9
Roteiro literario “O Segrel do Penedo”
A ribeira de Barallobre Bolboreta: Meus viaxeiros! Comezamos este roteiro na ribeira de Barallobre, ao pé da nosa ría de Ferrol. Noutro tempo os veciños desta parroquia tiñan unha vinculación moito maior co mar e traballaban en moitas actividades nas que este era o protagonista: a pesca, o marisqueo, o transporte de mercadorías en barcos…
Antano, na praia de Barallobre tamén era común ver fondeados os trincados. Que vos conte Gaspariño o que eran!
10
1
Roteiro literario “O Segrel do Penedo”
1
Gaspariño: Pois os trincados eran un tipo de embarcación
de vela que ían duns 16 a 30 metros de eslora, cunha manga de 4 a 6 metros e que desprazaban entre 30 e 60 toneladas. Tiñan unha orixe moi antiga, pero cando o ferrocarril chegou por estas terras foi substituíndo aos trincados na súa labor de desprazamento de mercadorías, polo que os fixo desaparecer. Novos tempos e novas cousas.
Isolino: Os primeiros trens funcionaban
con vapor. Era impresionante ver como ían botando fume e correndo sobre os raíles! Pero para que se aplicase o vapor para mover algo antes inventárase a máquina de vapor. Lembrades o nome do xenial inventor da máquina de vapor? Namentres o pensades podedes ler esta cantiga que Parallé lle dedica á ribeira.
11
Roteiro literario “O Segrel do Penedo”
1
Zaloma Quedouse na ribeira i-entre-as ponlas d-os piñeiros, as derradeiras faragullas do vento. Acougadas n-as ondas, están dormiñentas, as barcas pescadoras. Centos de escamas cintilan n-as traíñas penduradas. N-os fíos dourados do sol, enguedellouse unha cantarexa mariñeira, e trocouse en surriseira escuma. Nace alborada xa ven o día i-a cotovía canta no sol; o mar esperta n-a praya albeira, toda a ribeira trocouse en frol. N-a miña barca pro mar de fora, c-a lus d-aurora marcho a pescar; levo o sorriso d-os teus olliños i-os aloumiños do teu cantar.
12
Roteiro literario “O Segrel do Penedo”
1
Xurde n-a praya brétema en frores, i-os meus amores n-a beiramar, i-unha rayola do sol feitizo bica o meiguizo d-un namorar. * ** ¡Ahí, velohí vai! o pescador, sobor d-as ondas mainas e dondas n-o amanecer. ¡Ahí, velohí ven! o meu amor, i-a barca enfía cruzado a ría n-o atardecer.
13
Roteiro literario “O Segrel do Penedo”
2
Monumento ao camiñante Bolboreta: Agora atopámonos no Monumento ao
Camiñante Descoñecido. Un cronista do xornal El Pueblo Gallego chamado Alfonso Piñón reparou no carácter de cruce de camiños da parroquia de Barallobre, con paso de peregrinos e viaxeiros. Por iso pensou que aquí podía crear algo moi interesante no que estivese isto moi presente. Ocorréuselle a idea de erguer un monumento ao Camiñante descoñecido… Como pensaba Piñón “o camiñante descoñecido é o traballador que
pasa, é a muller que traballa a terra buscando o benestar da súa familia; é o ledo excursionista; é a muller que pasa aloumiñando a lonxanía, agardando a volta do home emigrado; é o neno que vai todos os días á escola, é a parella namorada que pasea a súa felicidade polo mundo. O camiñante descoñecido é o home que viaxa na procura de aventuras, é o vagabundo que non busca nada, porque xa encontrou todo; é o pobre que vai de porta en porta; é o difunto que pasa a carón noso facendo a súa última viaxe; e é o río que camiña eternamente ata o mar”. No conxunto onde se atopa o Monumento ao Camiñante hai unha pequena biblioteca ao aire libre, cunha porta que simula unha fiestra, para que quen pase por alí poida ler os libros que nela se atopan.
14
Roteiro literario “O Segrel do Penedo”
2
Isolino: Sabiades que a escritora Rosalía de Castro, quen ten un banco no Monumento ao Camiñante Descoñecido, tiña como nome completo María Rosalía Rita e que as súas obras son de tal importancia que se traduciron a idiomas como o francés, o xaponés ou o ruso?
Gaspariño: Canto sabe este Isolino…!
e ademais el si que é un auténtico paseante… Seguro que aprende tanto de fixarse moito nas cousas que ve! E vós fostes algunha vez ao Monumento ao Camiñante Descoñecido? Tedes que ir! Poderiadesme dicir o nome de todas e todos os escritores e persoeiros que hai homenaxeados nos bancos da praza onde se atopa o Monumento ao Camiñante Descoñecido? Se alí recitades este poema de Parallé, seguro que vos resulta máis fermoso!
15
Roteiro literario “O Segrel do Penedo”
¡Irmán Camiñante! Camiñante, Camiñante, sen nome, descoñecido, o teu corpo fadigante, arrepousa Camiñante, niste recanto belido. Camiñante, apousamento fai no teu longo camiño, carón diste Moumento; Camiñante, apousamento, pra acadares aloumiño. Camiñante que camiñas nas noites nas madrugadas de estreleiras camariñas; Camiñante que camiñas por corredoiras i estradas. Camiñante de hourizontes, de lestes e nordesíos, de valgadas e de montes; Camiñante de hourizontes, de relanzos e ventíos. Camiñante das ribeiras, das chairas das beiramares e das petadas romeiras; Camiñante das ribeiras, dos muíñeiros cantares. 16
2
Roteiro literario “O Segrel do Penedo”
2
Camiñante pelegriño, do caxado e da fardela, có remate do camiño, camiñante pelegriño, buscas a cuncha i-a estrela. Camiñante ilumiñado de amaneceres e solpores e do sorriso orvallado; Camiñante ilumiñado, de recendíos coores. Camiñante, en Barallobre, pobo rexo, agarimento, Pescador, labrego e nobre, Camiñante, Barallobre, ergueu, pra ti, un Moumento ................................................ ..................................................... ................................................... ........................................................ Camiñante, Camiñante, meu Irmán descoñecido, a miña man arelante, Camiñante, Camiñante, Vai niste verso sentido. 20 de maio de 1.984 O Penedo-Barallobre
17
Roteiro literario “O Segrel do Penedo”
3
O casal de Sandulfe Bolboreta: Perez Parellé, aínda que, ferrolán de nacemento pasou
a maior parte da súa vida en Fene, no lugar do Penedo. Por iso se facía chamar o “Segrel do Penedo”. A casa que habitou coñécese como Casal de Sandulfe. Unha fermosa casa do século XVIII, moi ao estilo tradicional do rural galego.
Aquí viviu coa súa dona Xoana Porto Ramil á que lle dedicaría moitos versos, e entre eles este poema que leva o seu nome: Xoana Porto Ramil. O noso segrel naceu no ferrolán barrio de Canido o 4 de agosto de 1909. De mozo estudou Maxisterio, Filosofía e Letras e Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. Nesta cidade comeza a colaborar en xornais e en revistas literarias. Foi cofundador da revista “Abrente”. Comezou a escribir poesía dende moi novo e en galego. Galicia está moi presente na súa obra. Foi un grande animador cultural, conferenciante e letrista. 18
Roteiro literario “O Segrel do Penedo”
3
Gaspariño: O Casal de Sandulfe ten moita historia!
Nela houbo unha fábrica de curtidos a finais do XVIII. Tamén viviu nela o que se coñeceu como o coronel manco, Don Ángel Buceta que foi gobernador do castelo de San Martiño, na ría de Ferrol. Participou activamente na batalla de Brión, na que militares e outros veciños de Ferrol derrotaron ás tropas inglesas. E é que a ría de Ferrol tamén está chea de historia!
Isolino: Eu ben sei que en Galicia era, e segue sendo, moi habitual facer galerías nas casas, para que co sol que entraba polos cristais dese calor á vivenda. Pero sabedes que cidade galega é coñecida como a “Cidade de cristal” pola abundancia das galería que ocupaban completamente as fachadas de moitos edificios? E como Parallé compartiu a súa vida con Xoana, dedicoulle tamén algúns dos seus versos
19
Roteiro literario “O Segrel do Penedo”
Xoana Porto Ramil Miña Dona garimosa e tenra. Pra tí, que fuches unha Lus no camiño. Pra tí, vieiro frolido no meu pelegrinaxe pola Vida. Pra tí, iste meu poema de segrel namorado, que beixa túas mans de Noiva, Dona e Mai.
Tamén escribiu un poema a modo de microbiografía:
Microbiografía Prôs meus benqueridos Amigos e compañeiros Iste que ollades na fotografía, da boina i-o lazo negro pendurado, é Pérez Parallé, Xosemaría, o fillo de Camilo e de María e de Canido, no Ferrol, onde foi nado. 20
3
Roteiro literario “O Segrel do Penedo”
3
É poeta-segrel que canta a Terra a ista santa GALICIA asoballada; por éla sofre, loita e berra, denda veira da mar a ergueita serra; no rueiro, na vila; no pobo, n-alborada. Un poeta-segrel de lúas e de estrelas; enchido o peito de quenes irmandades; un tolo, toleirán de ventoselas; irmán dos albres, dos ríos, das fontenlas; dos paxaros irmán nas longas soedades. Iste que ollades na fotografía, fixo na súa mocedade un arrenego ao pé dun cruceiro certo día: que s e ñ o r i t o endexamais sería, pois tería de ser: SEMPRE GALEGO. 1975
21
Roteiro literario “O Segrel do Penedo”
4
A igrexa e o Cruceiro de Barallobre Bolboreta: Situados nun alto atopamos a Igrexa
e o Cruceiro de Barallobre. Están no lugar da Pomba. O Cruceiro recíbenos antes da Igrexa, co seu Cristo e a súa Virxe. A Igrexa xa non se parece tanto á orixinal, pois foise remodelando co paso do tempo, e agora só se conserva a fachada e algo do altar. Está dedicada ao Apóstolo Santiago, que o podemos ver na súa fachada nunha esculturiña de pedra.
Gaspariño: Castelao, o
noso gran galego, fixouse moito nos cruceiros. Por iso inicia unha viaxe de estudos para ir á Bretaña a estudar as súas cruces de pedra e comparalos cos cruceiros galegos. Preto das igrexas, nos cruces de camiños, en lugares elevados… os cruceiros enchen a xeografía galega! 22
Isolino: Conta a lenda que o caudillo
andalusí Almanzor cando invadiu Santiago quedou prendado de algo que levou consigo deixando á cidade sen elas… Investigade sobre esta lenda e descubride do que vos falo! Mentres o pensades ou investigades sobre esta lenda lede este poema do noso Segrel ao “Campo d-Arca” no que fala do cruceiro:
Roteiro literario “O Segrel do Penedo”
4
A verdade Campo d-Arca, Camposanto, nas terras da xentilía; no silencio dun recanto, Campo d-Arca, camposanto, ancestro da paganía. Cruceiro, coial Cruceiro, en pedra celta labrado, ergueito coma un chanteiro, que sinala o derradeiro camiño do chan sagrado. Campo d-Arca, Cimeterio, nunha terra verdegada onde atopas-ô misterio, Campo d-Arca, Cimiterio dunha raza asulagada. Cruceiro: oración pedreira; prego, ultreia, laio, canto; manacial, ronsel, lumeira. Cruceiro: Oración Pereira Campo d-Arca, Camposanto. Barallobre 1983
23
Roteiro literario “O Segrel do Penedo”
A Liga de Amigos
Bolboreta: En Barallobre funcionou moi
ben o asociacionismo. No ano 1954 un grupo de veciños constitúe a Liga de Amigos de Barallobre, na que o noso Segrel participa como secretario.
Organizaron moitas actividades culturais e de festa, incluíndo folletos nos que daban a coñecer a historia de Barallobre, charlas e conferencias. Sen dúbida Parallé foi un gran dinamizador da Liga de Amigos. 24
5
Roteiro literario “O Segrel do Penedo”
5
Gaspariño: Hai moitas asociacións que por Galicia
adiante fan miles de cousas: dan a coñecer a nosa cultura, a nosa natureza… Sen elas este patrimonio sería máis difícil de estudar e de valorar. E Parallé foi unha persoa moi comprometida cos seus veciños e coa súa Terra.
Isolino: En Fene existen asociacións que, como o fixo a Liga de Amigos no seu momento, seguen a promover actividades
do eido cultural, deportivo ou mesmo mercantil. Dicídeme polo menos o nome de dúas asociacións do noso municipio.
Na seguinte cantiga, que interpretaba o grupo Os Segreles, Parallé relata moi ben o ambiente de festa, como as que se organizaban e se artellan na Liga de Amigos. No ano 2009, centenario do nacemento de Parallé, esta sociedade organizou diversos actos na honra do Segrel do Penedo (Congreso, exposicións...) e solicitou que se lle dedique o Día das Letras galegas.
25
Roteiro literario “O Segrel do Penedo”
O sol gaiteiro Por Sillobre e Magalofes o Sol anda d-alborada, gaiteiro de romeirías ca súa gaita dourada: ¡ai, lalala, miña nena!, tés de ser enamorada. Velohí ven o lourido gaiteiro, rebrincando na frol da mañán; velohí ven bailarín no punteiro, remendando folías no chan. Velohí vai o gaiteiro lourido, fachendoso antr-ô verde pinar; velohí vai feito un moço garrido, algueiroso nas ondas do mar. Toca o Sol, gaiteiro gailo, toca no val de Perlío, i un bando de pombas brancas pousa en Fene, namorío: ¡ai, lalala, miña nena!, prendéume teu amavío. Velohí ven o lourido gaiteiro, rebrincando na frol da mañán; velohí ven bailarín 26
5
Roteiro literario “O Segrel do Penedo”
5
no punteiro, remendando folías no chan. Velohí vai o gaiteiro lourido, fachendoso antr-ô verde pinar; velohí vai feito un moço garrido, algueiroso nas ondas do mar. Antre Limodre e Maniños o Sol toca muiñeira, e froulea, en Barallobre, de cunchas toda a ribeira: ¡ai, lalala, Miña nena!, eres como a mar, mareira. Velohí ven o lourido gaiteiro, rebrincando na frol da mañán; velohí ven bailarín no punteiro, remendando folías no chan. Velohí vai o gaiteiro lourido, fachendoso antr-ô verde pinar; velohí vai feito un moço garrido, algueiroso nas ondas do mar.
27
28
Roteiro arquitectónico “Construíndo con arte” O obxectivo deste roteiro é descubrir e coñecer algúns dos edificios e mostras arquitectónicas máis importantes e singulares que se atopan no noso municipio ao tempo que espertar o interese polo coñecemento e preservación do noso patrimonio arquitectónico.
29
Roteiro arquitectónico “Construíndo con arte”
1
A casa da Maleta Bolboreta: Ola, amigos e amigas! Hoxe comezamos este novo roteiro arquitectónico nunha casa que vos chamará moito a atención. Coñécese como a Casa da maleta! E descubriredes o por que... Está en Barallobre, no camiño da Brea. Promoveuna un home chamado D. Antonio Fernández Fernández, que foi coñecido como “O Adriano”. Foi un emigrante en Cuba que forxou unha boa fortuna no sector da construción. Na súa volta puxo en marcha diversos negocios, entre eles un estaleiro na ribeira de Barallobre.
Esta casa comeza a contruíla no 1921, inspirado na arquitectura cubana, pero con elementos neoclásicos, o que fai dela unha construción ecléctica e moi singular, diferente doutras construcións indianas. A súa planta é poligonal, de feitura irregular e con oito lados. Pola parte posterior hai dous miradoiros suxeitos por unha columna con forma de palma e que ten a inscrición “Perla del Sur”, en referencia a Cuba. A un destes miradoiros accédese dende a primeira planta e ao outro dende a azotea. A cuberta é totalmente plana con forma de gran terraza. Sobre ela érguese o elemento máis importante e característico da casa: unha cúpula sobre a que se colocou a escultura do “Home da maleta”, e que representa ao mesmo Adriano emigrado coa súa maleta na man. 30
Roteiro arquitectónico “Construíndo con arte”
1
Gaspariño: Que bonitas son as casas indianas! A maior parte dos emigrantes da comarca de Ferrolterra de finais do XIX e comezos do século XX marcharon para Cuba. Ao volveren de novo, ou mentres viñan pasar tempadas na súa terra natal, moitos deles construíron casas e outros edificios seguindo os modelos dos países nos que estiveran emigrados. A este tipo de arquitectura coñéceselle como indiana. En Fene temos a sorte de contar cun abondoso número de edificios indianos.
Isolino: A casa da maleta ten elementos neoclásicos, é dicir, semellantes aos utilizados na arquitectura clásica da antiga Grecia e Roma. Vós, que sodes uns bos estudantes, saberiades dicirme cales son as tres principais ordes da arquitectura clásica?
31
Roteiro arquitectónico “Construíndo con arte”
2
As escolas indianas: a escola Curros Enríquez e a Concepción Arenal Bolboreta: Cantos de vós soñastes algunha
vez en poder estudar nunha escola pequena e de bonita feitura? Coma esas que se ven nos libros e na tele… E cantos de vós puidestes facelo? Pois estas dúas escolas que visitamos agora son así! A escola Curros Enríquez e a Concepción Arenal son dúas escolas xemelgas que se atopan a poucos quilómetros unha da outra. A primeira atópase na Avenida Porta do Sol, e a segunda nas Gorgas, en Maniños. Ao igual que a Casa da Maleta, son de arquitectura indiana. Creounas a Sociedade Naturales de Fene en 1916. Teñen unha planta con forma de T, onde sobresae a fachada principal, na que se atopa a entrada. Esta leva a un pequeno recibidor dende o que se accede ás dúas aulas nas que se divide o resto da escola. Pola parte de atrás as dúas teñen un pequeno soportal cos baños en cada cabeceira. Fóra contan con cadanseu xardín. Ademáis na Concepción Arenal hai un pozo! Como me gusta a min nas tardes de primavera virme pousar nas flores dos xardíns destas dúas escolas!
32
Roteiro arquitectónico “Construíndo con arte”
2
Gaspariño: Xa descubrín o que pasou! Os nosos emigrantes estaban moi preocupados polas elevadas
taxas de analfabetismo que había aquí naquela época. Por iso, no Novo Continente comezan a fundar Sociedades de Instrución que se caracterizaban polo seu carácter filantrópico e progresista. E foron estas sociedades as encargadas de poñer en marcha aquí, no berce dos emigrantes, escolas como a Curros Enríquez financiadas co diñeiro deses emigrantes. Ademais coidaban que a construción fose de boa calidade.
Isolino: Xa que estamos a falar de arquitectura, o románico é un tipo de arquitectura moi abondosa en Galicia. É un estilo medieval que está presente en moitas igrexas, e na propia catedral de Santiago de Compostela. Por certo, como saberás, dentro desta hai un famoso pórtico que nun comezo era a entrada directa á Catedral dende a Praza do Obradoiro: O pórtico da Gloria. Saberiádesme dicir que famoso mestrecanteiro é o autor del?
33
Roteiro arquitectónico “Construíndo con arte”
O cine Adriano Bolboreta: Seguro que indo pola
estrada da Palma vos tedes fixado moitas veces ao pasar nun edificio que chama moito a atención: o Cine Adriano.
Ten unha planta que semella un T, cun saínte para a parte de atrás. Foi construído no 1947, na parroquia de Barallobre. Como está situado nun solar con moita pendente, dende a estrada só vemos dúas plantas, pero ten máis por debaixo do nivel desta. As dúas plantas que sobresaen estaban dedicadas á proxección de películas. Por debaixo están as que se dedicaban a pistas de baile. Cando estaba activo xuntábase aquí moita xente para pasalo ben! Cantas parellas se namorarían no Cine Adriano vendo unha película ou botando uns bailes…
34
3
Roteiro arquitectónico “Construíndo con arte”
3
Gaspariño: Sabiades que as consideradas como
as primeiras películas de cinema son do ano 1895? Isto foi un 28 de decembro. Os irmáns Lumière proxectaron a saída dos traballadores dunha fábrica, un tren que se aproximaba e o derrube dun muro. Eran unhas gravacións moi curtiñas e, por suposto, aínda en branco e negro. Aquí comeza a andaina do que se chama o sétimo arte.
Isolino: A min gústame moitísimo o cinema galego! De feito, a chamada industria do cinema en Galicia é das máis importantes do Estado, e conta con actrices e actores que logo tamén triunfan fóra da nosa Terra. Poderiades dicirme polo menos o nome dunha actriz e dun actor galegos que triunfen fóra de Galicia? Seguro que se vos ocorren uns cantos.
35
Roteiro arquitectónico “Construíndo con arte”
4
A casa do Concello
Bolboreta: Amigos! Vouvos levar agora a un edificio que é moi importante en Fene, sobre todo para os que vivimos aquí: a actual Casa do Concello. Está na vila de Fene. O seu autor é Alberto Campo Baeza, e concibiuna nun estilo chamado racionalista. É un edificio de 1980.
Destaca pola sinxeleza das súas liñas, como se estivera formado por tres grandes caixas, e por ser completamente diferente doutras casas consistoriais que estamos acostumados a ver, de arquitectura máis tradicional. Chama tamén a atención a súa cor branca que lle dá personalidade e axuda a manter a sinxeleza das súas liñas rectas. 36
Roteiro arquitectónico “Construíndo con arte”
4
Gaspariño: Cada municipio ten a súa Casa do Concello ou casa consistorial. Esta é a sé do goberno e da administración do municipio, que é o que se coñece como Concello. Nela as concelleiras e concelleiros, coa alcaldesa ou alcalde á cabeza toman as decisións que nos afectan como veciñas e veciños de Fene.
Isolino: Podes dicir tamén que o número de concelleiros que hai en cada concello varía en función da poboación do mesmo. Sabedes cantos concelleiros ten o Concello de Fene?
37
Roteiro arquitectónico “Construíndo con arte”
Museo do humor Bolboreta: Agora chegamos a un lugar moi coñecido de Fene,
e sobre todo, dos que hai que visitar: O Museo do Humor!
Está localizado na Casa da Cultura, que tamén é un edificio obra de Alberto Campo Baeza. Tanto pola súa temática, como polos fondos dos que dispón fan deste un museo único no Estado español. Os seus debuxos e obxectos son doazóns de moitos autores ao longo do mundo que explican con humor as sociedades do século XX e do actual. 38
5
Roteiro arquitectónico “Construíndo con arte”
5
Gaspariño: A verdade é que tomando a vida con humor
todo vai moito mellor e un é capaz de enfrontarse ao que sexa; e cando algo se di con graza á xente chégalle mellor. É como a min máis me gusta expresarme, con humor e retranca galega! Sabiades que hai estudos científicos que demostran que os seres humanos comezamos a rir xa dentro do útero materno?
Isolino: Canto gosto do humor de Castelao! Ademais de ser un apaixoado defensor de Galicia, foi un grande artista. Utilizaba os seus
debuxos cheos de humor e a súa arte para amosar situacións de inxustiza, nas que os nenos foron uns dos grandes protagonistas. Saberiades dicirme en que pobo mariñeiro naceu este galego universal?
39
Roteiro arquitectónico “Construíndo con arte”
6
Igrexa de Santa Mariña de Sillobre Bolboreta: Vouvos levar agora a unha bonita igrexa barroca: a de Santa Mariña de Sillobre. Foi construída na primeira metade do século XVII. A súa planta ten forma de cruz, aínda que co tempo se lle engadiron máis estancias. Dentro dela destaca o seu bonito retablo que, segundo din os entendidos, ten estrutura neoclásica e ornamentación barroca; toda unha obra de arte!
Por fóra, no lado dereito da fachada, érguese o seu campanario, de planta cadrada e rematado por unha cúpula que resgarda as campás. É unha igrexa das máis antigas, grandes e mellor conservadas do municipio de Fene; sen dúbida unha xoia artística.
40
Roteiro arquitectónico “Construíndo con arte”
6
Gaspariño: Galicia está chea de igrexas que son auténticas xoias e obras de arte! Pero mantelas conservadas custa moitos cartos e hai algunhas que se deterioraron moito co paso dos anos. Sobre todo predominan as de estilo románico e as de estilo barroco. Sabiades que a catedral de Santiago de Compostela é orixinalmente de estilo románico pero que foi sufrindo reformas e remodelacións con engadidos ao longo dos séculos. Se a visitas de vagar atoparás nela unha mostra de moitos dos estilos do milenio pasado: románico, gótico, renacentista, neoclásico, barroco…?
Isolino: Visita interesante! Eu tamén acostumo a facer longas camiñatas pola redonda. Vouvos contar unha historia: Na veciña cidade de Ferrol comeza un camiño que leva por terra os peregrinos cara Compostela. Noutrora chegaban por mar aos portos da ría para continuaren a súa andaina cruzando o noso concello na súa peregrinaxe. Sabedes como se lle coñece a este camiño?
41
Roteiro arquitectónico “Construíndo con arte”
O Pazo de Barallobre Bolboreta: Meus viaxeiros! Achegámonos agora a coñecer o lugar no que noutrora estivo o Pazo de Barallobre. Segundo contan os historiadores foi construído no século XVI, en 1591, por Fernando de Lago e Obaña.
Ao longo da historia deste pazo a súa distinguida familia contaba mesmo con asentos reservados na igrexa parroquial. A súa horta chamaba a atención pola variedade das súas árbores, chegadas dende lugares diversos do mundo. Contan algúns veciños que nos últimos anos que o Pazo estivo en pé as nenas e nenos ían ao seu xardín a xogar; e os namorados ían alí a mocear… 42
7
Roteiro arquitectónico “Construíndo con arte”
7
Gaspariño: O Pazo foi derrubado no século XX, a finais da década dos 70, case 400 anos despois do seu nacemento. A isto só sobreviviu unha árbore centenaria e o escudo en pedra da familia do pazo. Fene non é só un municipio rico en casas indianas, senón que varios pazos coma este constatan que aquí tamén houbo familias fidalgas, que eran as súas propietarias.
Isolino: Pa zo s , Pa zo s … l e m b r a n z a s doutro tempo! Tedes oído falar dunha famosa escritora galega nacida na Coruña chamada Emilia Pardo Bazán? Hai moitas rúas nas nosas cidades que levan o seu nome… Pois esta escritora escribiu un libro que fala de pazos e da decadencia da fidalguía rural galega. Cal é o título deste coñecido libro?
43
44
Roteiro da natureza “Os nosos ríos e o noso mar”
O obxectivo deste percorrido é descubrir e coñecer a natureza que enche o no noso municipio, tanto na terra firme como as súas ribeiras ao tempo que espertar o interese polo coñecemento e preservación do noso patrimonio natural.
45
Roteiro natureza “Os nosos ríos e o noso mar”
1
A fervenza do río Belelle Bolboreta: Meus viaxeiros!
Estou moi leda de comezar esta camiñada que tanto me gusta nun sitio moi fermoso e espectacular: na fervenza do río Belelle, o cal nace no veciño municipio da Capela. A fermosura natural que podemos apreciar nos bosques das súas ribeiras é incríble: castiñeiros, carballos, bidueiros, salgueiros, amieiros... E, se imos con coidado, ata podemos ver algunha troita saltar nas súas augas ou algún outro animal que se achege a beber.
A fervenza do Belelle é un salto de auga de 45 metros, dos máis altos de Galicia, moi visitado por camiñantes e sendeiristas que se achegan a observalo e fotografalo. Pero esta paisaxe é delicada e temos que ter moito tino de non estragar ningunha planta nin molestar ningún animal.
46
Roteiro natureza “Os nosos ríos e o noso mar”
1
Gaspariño: Que sorte temos en Galicia cos abondosos
ríos que a percorren! Sabiades que en Galicia se atopa o único río de Europa que desemboca directamente no mar mediante unha fervenza? Trátase do río Xallas, que desemboca no mar, na fervenza do Ézaro.
Isolino: Todos os ríos son diferentes!
Cada un nace nun sistio diferente, percorre paisaxes diferentes, remata en mares ou oceános diferentes... Hainos que levan moi pouquiña auga e nos que ata poden navegar grandes barcos. A maioría son de auga doce, pero tamén os hai de auga salgada. Pero, poderíadesme dicir o nome do río máis longo e máis caudaloso de Galicia?
47
Roteiro natureza “Os nosos ríos e o noso mar”
O río Baa e a ribeira de Maniños Bolboreta: Agora tócanos dar un paseo
polo río Baa e a Ribeira de Maniños. Nace en Laraxe, no veciño municipio de Cabanas, na fonte dos Carneiros.
No seu percorrido foi moi aproveitado polos veciños construíndo lavadoiros, nos que lavar a roupa e muíños, nos que moer o gran das colleitas para facer o pan. Tiña fama de ser un río moi troiteiro. Polo noso municipio este río vai baixando cara a O Seixo, ata desembocar en Beiramar, na ría de Ferrol.
48
2
Roteiro natureza “Os nosos ríos e o noso mar”
2
Gaspariño: Nos ríos galegos ademais das troitas tamén
están presentes os salmóns. No pasado abondaban máis ca no presente, pois os encoros, a contaminación e o empeoramento das condicións ecolóxicas nos nosos ríos mermaron considerablemente a súa poboación. Un río moi coñecido polos seus salmóns é o Ulla. Sabías que o salmón nace nos ríos e pasa a súa xuventude no mar ata que madura, para volver ao río no que naceu, remontar corrente arriba e procrear alí xusto antes de morrer?
Isolino: Os ríos de Galicia non só son ricos en peixes.
A súa corrente tamén arrastra minerais moi valiosos, entre eles o ouro. Poderíades dicirme que cidade galega, pola que pasa un importante río debe o seu nome á presenza do ouro no leito deste río? Esta cidade tamén é coñecida por unha fonte que abrolla da terra con auga quente.
49
Roteiro natureza “Os nosos ríos e o noso mar”
3
A costa de Limodre e a ría de Ares Bolboreta: No
noso
municipio
temos a sorte de gozar de dúas rías diferentes. Polo Norte, a ría de Ferrol, formada polo río Xubia, o Belelle, o Cádavo e o Baa.
Polo Sur, a ría de Ares, onde desenboca o río Eume. A ría de Ares xunto coa de Betanzos están formadas por unha entrada de mar. En Limodre poderaste bañar nas praias de río Sandeo, Coído, Almieiras e río Castro. Ao pé delas dan sombra eucaliptos, castiñeiros e carballos.
50
Roteiro natureza “Os nosos ríos e o noso mar”
3
Gaspariño: Pois si que merece a pena visitar estas praias, amigo! O mar, as ondas, os barcos fondeados
na entrada das rías... Sabiades que no ano 1992 un petroleiro chamado Aegean Sea (Mar Exeo), que encallou na Coruña, diante da torre de Hércules, verteu moito cru no mar contaminando gravemente as rías de Ares e Betanzos?
Isolino: Pois a verdade é que na recente historia de Galicia aínda tivemos uns cantos desastres provocados por barcos que verteron sustancias contaminantes nas nosas augas. Investigade un pouco e dicídeme alomenos o nome de dous barcos que, como o Aegean Sea, derramaran sustancias contaminantes diante das costas galegas.
51
Roteiro natureza “Os nosos ríos e o noso mar”
A ría de Ferrol
Bolboreta: Que curiosa é a ría de Ferrol
que baña polo norte o Concello de Fene, verdade amigos? Case parece un gran lago de auga salgada! É que ten un boca estreita e uns montes a ambos lados da mesma que a fan moi resgardada.
Por iso en Fene temos unhas temperaturas suaves todo o ano. Ademais de formar areais e ser boa para o marisco destaca pola súa actividade naval, a dos asteleiros. Pero como todos os espazos naturais é importante que preservemos a súa biodiversidade, para non convertela nunhas augas mortas e sucias...
52
4
Roteiro natureza “Os nosos ríos e o noso mar”
4
Gaspariño: Pois si amigos, aquí en Fene
temos uns asteleiros da empresa pública NAVANTIA que chegaron a dar emprego a varios miles de persoas. Comezaron contruíndo pequenos barcos de madeira. En 1944 pasaron a chamarse ASTANO S.A., e a construír buques de maiores proporcións. Nos anos 60, con moito máis persoal, comezaron a contruír grandes cargueiros e petroleiros de ata 300.000 toneladas! Chegou a ser un referente mundial na construción deste tipo de barcos.
Isolino: Seguro que teredes escoitado falar
dos grandes barcos que se teñen construído nos nosos asteleiros. Averiguade cal foi o máis grande todos os que se fixeron. Seguro que cando coñezades as súas medidas ides quedar impresionados.
53
54
Roteiro arqueolóxico “O mundo dos bardos” O obxectivo deste percorrido é descubrir e coñecer algúns dos restos arqueolóxicos máis importantes que se atopan no noso municipio ao tempo que espertar o interese polo coñecemento e preservación do noso patrimonio histórico.
55
Roteiro arqueolóxico “O mundo dos bardos”
1
As mámoas do Monte Marraxón Bolboreta: Amigos camiñantes! Esta ruta arqueolóxica comezámola no monte máis alto do municipio de Fene e de toda a Ría de Ferrol: o monte Marraxón. Aquí os poboadores prerromanos destas terras deixaron constancia da súa presenza cos enterramentos dos seus seres queridos no que se coñece como mámoas.
Estas mámoas son moi antigas, teñen máis de 5.500 anos. Están agrupadas en 2 conxuntos.Na actualidade consérvanse 19 túmulos de varias medidas, que van dos 3 aos 5 metros de diámetro. A máis grande é a que se atopa no cume máis alto, no Coto do Rei. 56
Roteiro arqueolóxico “O mundo dos bardos”
1
Gaspariño: Resultoume sempre ben curioso
como estes poboadores de hai tantos anos movían pedras tan grandes e as colocaban de xeito tan preciso sen a tecnoloxía que temos actualmente. Por certo, sabiades que son as pedras tan grandes que utilizaban estas culturas as que lle dan o nome de cultura megalítica, que quere dicir das grandes pedras?
Isolino: O da cultura megalítica éche ben curioso como di Gaspariño, tanto pola súa antigüidade como pola súa capacidade para mover as pedras. Agora sei que vós teredes habilidade para investigar onde se estableceu a primeira civilización da humanidade e descubrir o seu nome.
57
Roteiro arqueolóxico “O mundo dos bardos”
2
O petroglifo do Monte Marraxón Bolboreta: Seguimos aquí enriba, no monte Marraxón, gozando das
súas vistas sobre a amplitude da ría de Ferrol.
Pero agora imos reparar nuns debuxos feitos sobre as rochas: uns petroglifos. Están na Pena do Picoto sobre un conxunto de pedras graníticas.
58
Roteiro arqueolóxico “O mundo dos bardos”
2
Gaspariño: Na arte do debuxo e da pintura en Galicia
temos a moitos coñecidos pintores e debuxantes: Castelao, Laxeiro, Colmeiro, Sucasas… E aquí en Fene tamén temos un debuxante moi coñecido que se chama Xaquín Marín. Eu lévome dende sempre moi ben con el, e ata lle quero como se fose un pai para min!
Isolino: Vaites, vaites! Eu tamén pertenzo á súa familia. Os petroglifos e as pinturas rupestres
sempre me chamaron a atención tanto polas formas que teñen como por onde as facían… así en plena natureza…e chegan ata os nosos días. Seguro que hai un cadro moi famoso que lle chaman a Mona Lisa ou Gioconda que é coñecido polo seu sorriso e que vós tamén coñecedes. Poderiades dicirme o nome do seu pintor? É alguén moi coñecido na arte!
59
Roteiro arqueolóxico “O mundo dos bardos”
3
O castro de Perlío, O castro Cardoeiro Bolboreta: Amigos viaxeiros! Seguro que non vos podiades imaxinar que onde nos atopamos agora houbera un castro. Pois si! Aquí en Perlío tamén houbo un castro… mais cando se fixeron os desmontes dos terreos para construír os estaleiros, quedou moi estragado e na actualidade está xa totalmente desaparecido. De feito, case ningún resto se puido recuperar del.
Debeu ser un castro ben bonito no seu momento tan á beira do mar, divisando toda a ría de Ferrol, dende a súa boca ata a desembocadura do río Xubia.
60
Roteiro arqueolóxico “O mundo dos bardos”
3
Gaspariño: Sabiades que esta cultura, creada en torno aos castros, coñécese como cultura castrexa? Desenvolveuse nestas terras do noroeste da península Ibérica dende o século IX ou VIII A.C ata o século I D.C. en que vai desaparecendo co proceso de romanización.
Isolino: A cultura castrexa deixou en Galicia un rico legado
cultural que permaneceuentre nós, tanto nos restos arqueolóxicos e os propios castros ata no idioma con palabras como “lama”. Boa parte do interese en recuperar e coñecer máis desta cultura débese ao esforzo de moitos estudosos do século XIX que querían coñecer moito máis daquel pasado. Un deles foi o gran poeta de Ponteceso Eduardo Pondal, ao que lle gustaba moito relembrar mitos e lendas desta cultura que vencellaba estreitamente aos celtas. Incluso a el lle gustaba ser considerado o gran bardo galego. Saberiades explicarme moi resumidamente o que é un bardo?
61
Roteiro arqueolóxico “O mundo dos bardos”
4
O castro de Barallobre Bolboreta: Agora imos ata o Castro de Barallobre. Está preto do lugar da Loira e érguese nun outeiro a 115 metros sobre o mar o que fai del un moi bo lugar para contemplar a ría de Ferrol, o val de Perlio e o monte Marraxón e, antigamente, seguro que lles aportou unha situación estratéxica moi boa para controlar as zonas próximas por se alguén quería atacar aos seus habitantes.
Agora non queda case nada del, aínda que teñen aparecido algúns restos de cerámica. A pesares de perdermos ese patrimonio, merece a pena parar neste lugar, facerse a idea das vistas que tiveron os seus habitantes e gozar delas nós ao estar aquí. 62
Roteiro arqueolóxico “O mundo dos bardos”
4
Gaspariño: Galicia foi unha terra moi abondosa en Castros. En cada outeiro, en cada lomba raro é que non
haxa os restos dun castro. Isto queda patente na toponimia local. En moitos municipios hai topónimos coa palabra “castro” ou derivados dela. Sabiades que a terminación –obre de nomes de lugar como Barallobre, Limodre ou Sillobre procede do céltico bhrgh que quere dicir ‘altura fortificada como cidadela de refuxio’, ‘castro’?
Isolino: Como sabedes, a desaparición da cultura castrexa chegou coa romanización, é dicir coa conquista destas terras por parte dos romanos e a adopción da súa cultura. A caída do Imperio Romano supoñería uns séculos máis tarde un dos momentos máis significativos da historia, que daría paso á coñecida como Idade Media. Saberiádesme dicir en que século se produce a caída do Imperio Romano?
63
Roteiro arqueolóxico “O mundo dos bardos”
5
O castro de Prismos
Bolboreta: Meus viaxeiros, sabiades que o Castro de Prismos é o único castro dos catalogados do Concello de Fene? Imos descubrilo agora…!
Atópase moi preto da estrada de Maniños a Limodre. Está situado no cume dun monte, preto do río Baa, de xeito que pola parte norte faise máis alto que pola parte sur. Ten unha altura duns 140 metros e os seus muros son bastante altos. Este castro ten moito valor pois é un dos máis completos do noso concello, xa que conserva bastante ben todos os seus elementos. 64
Roteiro arqueolóxico “O mundo dos bardos”
5
Gaspariño: Pois si, amigos viaxeiros, temos que estar moi contentos co castro de Prismos, e sobre todo conservalo moi ben! Por certo: sabiades que este é o único castro que Carré Aldao nomea no Tomo da Provincia da Coruña na “Geografía del Reino de Galicia”? O cal dá boa mostra da súa importancia.
Isolino: Seguro que Carré Aldao…así… non vos sona moito… Pero foi unha persoa moi vencellada á revitalización da cultura galega nese movemento que se chamou Rexurdimento. De feito, na súa tenda reuníanse nun faladoiro para conversar sobre a cultura e os problemas de Galicia persoas como Pondal. Averiguade o nome que recibía este faladoiro.
65
Roteiro arqueolóxico “O mundo dos bardos”
6
A mámoa do Campo da Arca
Bolboreta: Aterramos no Campo da Arca… Pois ben, aquí atópase a mámoa do Campo da Arca, no lugar que agora está o Cemiterio Municipal de Fene.
Non deixa de ser curioso que un lugar que hai moitos séculos foi un lugar de soterramento, como o eran todas as mámoas, volva a selo de novo! O emprazamento está nun alto, a 187 metros. Con todo, aquí é chan. 66
Roteiro arqueolóxico “O mundo dos bardos”
6
Gaspariño As diferentes civilizacións
que se deron ao longo da historia da humanidade tiveron en conta a morte. No antigo Exipto momificaban aos seus faraóns para que se conservase o seu corpo pensando na outra vida; na India, incinéranos e tiran as cinsas ao seu río sagrado, o Ganxes… o cal amosa que dende que ten uso de razón o ser humano lévase prantexado se nos ocorre algo máis aló da morte.
Isolino: Seguro que moitas veces tedes escoitado falar en contos ou na tele de vampiros, seres de lendas do centro e leste de Europa, que despois de enterrados non morren de todo e que para conservaren o seu corpo saen a chupar o sangue dos vivos, como o facía Drácula, o máis famoso dos vampiros. Averiguade como se chamaba o nome do autor do libro “Drácula”!
67
Roteiro arqueolóxico “O mundo dos bardos”
O marco de San Lourenzo Bolboreta: Imos agora a un punto especial pola súa localización e polos rituais que se fan nel: ao Marco de San Lourenzo. Atópase no límite das parroquias de Limodre e Maniños, de Fene; e Laraxe e San Martiño do Porto, do veciño municipio de Cabanas.
É unha pedra chantada no chan que sobresae uns 50 cm., no medio das ruínas no que noutro tempo foi a ermida de San Lourenzo. Ao redor dela a xente aínda fai algúns ritos buscando a cura de diferentes doenzas tanto para persoas como para animais. Isto suxírelle a algúns expertos que poida ser un lugar cristianizado pero no que xa antes se realizaban cultos pagáns. Se tedes curiosidade por coñecer este ritual polo miúdo, pódenvos informar os veciños da zona. Preguntade...preguntade...
68
7
Roteiro arqueolóxico “O mundo dos bardos”
7
Gaspariño Tamén hai quen suxire que se pode tratar
dun antigo menhir, xa que algúns veciños lle chaman o Menhir de San Lourenzo. Un menhir é un monumento megalítico que consiste nunha gran pedra chantada no chan. Tiñan un significado funerario xa que aos seus pés había tumbas; outros investigadores relaciónanos con delimitacións territoriais.
Isolino: Seguro que tedes lido algún cómic
de Asterix o galo, ou visto na tele algunha película sobre el. Asterix viviu na época dos romanos, despois da época dos construtores de menhires; aínda así, tiña un amigo que se dedicaba a construír e levar menhires ás súas costas. Lembrades como se chamaba este amigo de Asterix?
69
Agradecementos Este proxecto foi una arela do Club Ecolóxico Bolboreta e do Equipo de Normalización Lingüística do CEIP O RAMO ao longo de moitos anos. Diferente atrancos, especialmente económicos, impediron facelo realidade con anterioridade. Neste intre foi posible co esforzo do profesorado e as persoas que contribuíron coas súas achegas a proporcionar un novo recurso á comunidade educativa. Persoas colaboradoras: Mª Dolores Fernández González Xaquín Marín Formoso Antón Muñíz Tenreiro Carmen Romero Díaz Institucións: Concello de Fene
70
Bibliografía: Arias Rey, Mª Xesús e Sanfiz, Enrique: Maniños no pasado. Concello de Fene. 1995. Arias Rey, Mª Xesús e Sanfiz, Enrique: Barallobre no pasado. Couto García, Xiao e Martínez Yáñez, César: O río Baa, de cabo a rabo. Concello de Fene.2001. Flores do rueiro. Ed. Castromonte. 1993. Pérez Parallé, Xosé Mª: Dorna romeira. Círculo Mercantil e Industrial de Fene. 1985. Pérez Parallé, Xosé Mª : Cartafol da saudade. Concello de Fene. 1983. Pérez Parallé, Xosé Mª :Troulada do sol gaiteiro.Concello de Fene. 1973. Rivera Rodríguez, María: Sillobre vén de antigo. Concello de Fene. 2000. VV.AA.: O Camiñante. Servicio Normalización Lingüística. Concello de Fene. 1984. VV.AA.:Arqueoloxía prehistórica no Concello de Fene. Servicio Normalización Lingüística. Concello de Fene. 1985. Fotografía: César Martínez Yáñez Supervisión lingüística: César Martínez Yáñez 71