A OBRA DRAMÁTICA O teatro presenta unhas características estruturais que esixen un método de interpretación diferente ao dos outros xéneros literarios xa que dentro da súa historia son escasas as obras escritas soamente para a lectura. As pezas dramáticas han de estudiarse como texto dramático e como texto teatral, pensado, este último, para a representación. O texto teatral en canto palabra escrita é esencialmente complementario doutro texto non textual: o espazo escénico. Por outra parte, o teatro é o xénero máis social de todos os literarios xa que polas súas orixes estivo vinculado a rituais gregos. O carácter social tamén está resaltado pola existencia dun público que se converte en elemento importante no momento da representación, suplindo coa imaxinación as limitacións da escenificación, asistindo ou rexeitando a presentación dun problema. A obra dramática pode adoptar tanto a forma de prosa coma a de verso. Ata principios do século XX a maior parte das obras de teatro en galego escribíanse en verso. Os principais elementos do texto dramático son as escenas e os actos. As entradas ou saídas dos personaxes son as que marcan o principio ou fin dunha escena. A escena é un medio de fragmentación, en cambio o acto ou xornada posúe máis importancia dentro da acción do drama. Os actos facilitan ademais os cambios de escenario, de tempo e de lugar. Xeralmente o número de actos oscila entre 3 e 5 e correspóndense coas unidades internas da acción dramática: presentación, conflicto, desenlace (nas de tres actos); presentación, intensificación, clímax, declinación e desenlace (nas de cinco actos). O final de cada acto sinálase coa caída do telón ou un cambio de luces. As partes en que se dividen os actos dalgunhas obras modernas denomíname cadros ou lances. Polo xeral cada cadro ou cada lance representa un cambio de lugar e, polo tanto, de decorado. Vexamos a estrutura de A noite vai como un río de Alvaro Cunqueiro (A) e Os vellos non deben de namorarse de Castelao (B) para exemplificar estes casos: A)
1. 2.
Prólogo Primeira xornada Cadro primeiro escenas I a VI Cadro segundo escenas I a VI 3.
Segunda xornada Cadro primeiro escenas I a III Cadro segundo Cadro terceiro escenas I a IV 4. Epílogo Cadro único escena única
B) 1. Prólogo 2. Lance primeiro escenas I a VII 3. Lance segundo escenas I a IV 4. Lance terceiro escena I a VI 5.
TEXTO Estrutura
Epílogo escena única Estrutura interna Os elementos determinantes da estrutura dramática aparecen agrupados en torno aos seguintes puntos: A acción dramática A acción dramática pode ser simple ou composta. A acción adoita ser unha (simple), adaptándose á preceptiva clásica da regra das tres unidades: de acción, de lugar e tempo (A fiestra valdeira, de Rafael Dieste). De calquera xeito a acción composta (como Os vellos non deben de namorarse de Castelao) pode posuír unidade cando as historias secundarias están ligadas á principal (por exemplo: O Mariscal, de R. Cabanillas). A acción dramática componse dos tres elementos comúns ao conto e á novela: exposición, nó e desenlace. —Exposición: presentación da acción e personaxes principais; información dos feitos anteriores ao inicio da historia que se necesitan para seguir o desenvolvemento delta. A acción debe interesar e manter a atención do espectador. Para conseguilo o autor introduce na acción un incidente ou conflito (palabras, accións ou malentendidos, como na peza O chufón de X. Rodríguez López, que basea a súa comicidade en trabucamentos e equívocos) que provoca no espectador un estado de excitación denominado tensión dramática. No drama todo está ordenado cara ao que vai suceder, polo tanto todo é tensión: tensión nos feitos, tensión no escenario, tensión nas actitudes dos personaxes. Os momentos de tensión combínanse con momentos de distensión (nos que a penas avanza a acción) de xeito que o xogo alternante provoca un ritmo ou tempo dramático. —Nó: o incidente ou conflicto produce unha tensión que vai aumentando ata chegar ao clímax ou momento de maior tensión dramática. —Desenlace: é a resolución do problema presentado e o descenso do clímax ata o final da obra. A obra tamén pode quedar aberta. A fiestra valdeira de Rafael Dieste podería servirnos para exemplificar estes conceptos. A peza móstranos a un indiano que, por debilidade ante a filla, consente en falsificar simbolicamente a súa personalidade ao non permitir que no seu retrato figure un fondo de barcas e redes na boca da fiestra, pois isto delataría as súas orixes humildes. As mulleres (nai e filla) arrepíntense e o home consegue recobrar, finalmente, a súa autenticidade. O primeiro lance contén a exposición ou presentación dos personaxes e a introdución do conflito. No segundo lance desenvólvese o conflito: o pintor apoiado polos mariñeiros oponse á modificación do retrato. O terceiro lance comprende o desenlace: tras o arrepentimento da filla hai un final de reconciliación.
Os personaxes
Son os que realizan a acción dramática. Clasifícanse en principais e secundarios. O grupo de personaxes que aparecen en escena sen falar é a comparsa. Outro tipo de personaxe colectivo é o coro (conxunto de actores que recitaban comentarios sobre a acción na traxedia grega). Na obra de Castelao Os vellos non deben de namorarse, na escena segunda do segundo lance, aparecen dez mulleres sentadas nun arró escachando en gargalladas ante as ocorrencias da Porca e do Demo, pero sen intervir no diálogo. Nos outros dous lances as outras mulleres falan cos personaxes a modo de coro tráxico. Segundo o seu grao de autenticidade os personaxes poden dividirse en caracteres (individuais, como o Hamlet de Cunqueiro) e tipos (esquemáticos, como o vello na obra de
Castelao, ou o chufón na obra de Xesús Rodríguez López). Máis xerais que os tipos son os personaxes que representan de forma alegórica ideas ou conceptos («O trunfo da muiñeira» en Obras teatrales galegas de Avelino Rodríguez Elías). O tempo
Segundo Aristóteles a acción dramática debía abarcar un só día, pero a partir do século XVII prodúcese a ruptura do devandito precepto, aínda que posteriormente se recupere para darlle un maior realismo á acción ou se produzan obras que abarquen períodos moito máis longos. O lugar
O lugar onde se desenvolve a acción pode ser único ou múltiple, exterior ou interior. O lugar dramático está relacionado coa escenografía. Cantas máis limitacións ofreza esta, maior será o número de referencias espaciais por parte dos personaxes. A LINGUAXE DRAMÁTICA Como xa indicaramos, a obra de teatro non consiste só nun texto dramático, senón que é unha pluralidade de códigos necesarios para a súa representación. Por isto hai que distinguir entre a linguaxe verbal e a linguaxe paraverbal ou de espectáculo. A linguaxe verbal
Podemos distinguir dous planos textuais: o texto dramático fundamental da acción, suceptible de ser lido ou representado, e o texto dramático subsidiario que vén dado pola linguaxe das didascalias. a) A forma de expresión máis característica é o diálogo, e contribúe á caracterización dos personaxes. Hai: —Diálogos de situación, que traducen en palabras as accións e reaccións dos personaxes: Hamlet [...] Unha voz sobe ata o meu corazón, un mandado imprevisto, frío coma o xelo mesmo, e luminoso coma o sol.
Gerda ¿Cal, meu fillo?
(Hamlet chega coa man ó puñal, desenvaíña, e rápido clava no ventre que o levou) Hamlet ¡Este, señora miña! ¿Non mandache matar por ser fiel? Non me mandache matar por ser fiel? (Á. Cunqueiro, Don Hamlet)
—Diálogos que desenvolven un tema: Músico ¿Sodes a señora da torre?
Dona Inés ¿Podería selo outra? Eu son a casa, esta casa. Ás veces matino irme, abandonala na noite, fuxir sen despedirme, e entón comezo a sentir que a casa enteira renxe, e principian a estalar cangos e paredes, e parece que todo vaia a quebrar nun repente e caer no chan, a
torre esfarelada. Esta sinfonía, músico, depende de ti, desta frase que eu son, repetida monotonamente, agora adagio, despois allegro, algunha vez andante... (Á Cunqueiro, A noite vai coma un río)
—Diálogos narrativos que contan accións fóra de escena: Xocas Non se alporice, que xa son con vostede. Xiz oíu o que lle dicía a esta familia. Pasaba eu onte pola carballeira de Touzón e vinn a Santa Compaña. E no cabo da ringleira ía a alma de Edelmira de Comido. E parouse, e deixou de se alonxar, aos máis defuntiños, e díxome [...]. E no parou aquí o parrafeo, que estivemos falando da colleita do millo e doutros intereses da parroquia, e falando, falando, díxome que o testamento que vostede lle fixo é falso, e non o fixo ela, que a irmán do seu home envolveuse nun mantón facéndose a adoecida e parou por ela, e trouxo como testemuñas falsas ao Gaxeiro e ao Crebaxerros. E véñolle dicir, señor Notario, porque vexa se compre desfacer o mal feito. (R. Carballo Calero: A farsa das zocas)
—Diálogos áxiles de réplica e contrarréplicas: A nai: ¡Borracho! Don Ramón: (Sorprendido) ¿E? ¿Que? ¿Que filas ti, lorito real? A nai: ¡Perdulario! ¡Esponxa!
¡Burlarte de quen che deu o ser!
Don Ramón: ¿Deberche o ser? ¡Pois entón, déboche a sede que teño! A nai: ¡Respétame, descastado, que
son a túa nai!
Don Ramón: Pois non o pareces, porque eu son máis vello ca ti. De modo que a calar ¿eh? ¡E moito coidadiño comigo! (Castelao: Os vellos non deben de namorarse)
—Diálogos densos compostos por intervencións longas, denominadas parlamentos: O oficial Permítame que coa autorización que me outorga o meu interese por vostede, interese de sobra xustificado, ao que vostede ten perfecto dereito pola alta calidade da súa condición, pois vostede non é un hóspede calquera, lonxe deso, vostede é o máis cualificado hóspede que para esta casa podería soñar, pois é vostede nada menos que o fillo do Director, o único filio do Director, o herdeiro do Director; permítame digo, que coa autorización que me outorga o meu interese por vostede, lle suplique que abandone unha preocupación que me parece dunha banda frívola, doutra banda, perigosa. Meu querido hóspede: o señor Director rexe coa súa prudencia o destino do seu filio [...].
(R. Carballo Calero, Auto do prisioneiro)
O valor estético do diálogo dramático será máis eficaz se está encadeado, é dicir, se a serie de réplicas están fortemente dependentes unhas doutras. Fronte ao diálogo ternos o monólogo (intervención en solitario dun personaxe) e o soliloquio (intervención verbal dun personaxe —en compañía— que rebasa os límites da réplica). Por medio deles o público ten acceso ao fluír do pensamento do personaxe e permítenos coñecer ao personaxe desde o interior. O monólogo dramático xeralmente aparece nos momentos críticos da obra, ben para marcar un momento especial da acción ou ben para atraer a atención sobre a gravidade que ameaza ao heroe. Existen 3 tipos no teatro antigo: —Lírico: reproduce sentimentos ou emocións. —Reflexivo: o personaxe enfrontado a unha situación reflexiona sobre a súa conduta. —Técnico ou épico: recupéranse acontecementos non sucedidos en escena.
No teatro moderno prefírese un monólogo motivado por situacións. O diálogo no que interveñen dous personaxes denomínase duólogo e no que interveñen máis de dous, polílogo. Outro elemento particular da linguaxe dramática, actualmente recurso rexeitado, é o aparte. Consiste no que di un personaxe para si ou para o público, en presenza doutro, pero supoñendo que non o oe. Ha de ser sutil de pensamento e escaso de palabras. Están escritos entre parénteses e traducen o pensamento do personaxe. b) As didascalias (anotacións) son segmentos extratextuais que indican os xestos ou movementos visibles. Serven para orientar aos directores técnicos da representación escénica. Adoitan aparecer entre parénteses e cun tipo de letras diferente ao do resto do texto (vid. exemplos). Como quedou dito, a obra de teatro nace para ser representada, polo tanto o específico da peza teatral está no espectáculo da representación.
A linguaxe paraverbal (o espectáculo) Esta linguaxe caracteríazase por dous signos: a) Os signos auditivos as
—A palabra e a entoación. O teatro contemporáneo caracterízase por desenvolver todas posibilidades expresivas, tanto no plano denotativo coma no connotativo.
—O son musical (música e ruídos)-. No teatro contemporáneo emprégase como signo paratextual con funcións sibólocas e variadas (completar a ambientación, subliñar o cómico ou patético dunha situación,anticipar momentos de tensión no drama, surtir efectos especiais, etc.).
b) Os signos visuais —Mímica. O actor non só se vale de palabras para se comunicar, senón tamén de xestos do rostro. Máscaras e maquillaxes forman parte da expresión do rostro, polo tanto da mímica. No teatro grego as máscaras expresaban diferentes sentimentos. Recibe o nome de pantomima a representación baseada unicamente na mímica. —Xestos e movementos son elementos esenciais da linguaxe dramática que completan a escenificación visual. —Os traxes son tamén signos paratextuais que completan o ambiente da época, ben para marcar diferencias sociais, profesionais, costumistas, etc. —Decorado. O século XX transformou o escenario tradicional. O teatro expresionista fixo grandes achegas no campo da escenificación e da utilización dos recursos escénicos. —A iluminación. Coa chegada da electricidade a iluminación adquiriu relevancia abrindo un abano de posibilidades: xogo de luces e sombras, diferentes intensidades, etc. Pertecen á iluminación os focos, luces situadas no proscenio, e as diablas, tiñas de luces colocadas na parte superior das luces dos bastidores. NOTAS
1. Os deseños de vestiario denomínanse figurinos. 2. Na posta en escena a obra é representada por uns actores nun escenario. O escenario é central cando os espectadores se sitúan arredor e á italiana cando estes se colocan en fronte. Este último é o escenario máis habitual desde o século XVIII. Divídese en tres partes: o espazo entre a primeira liña de público e os decorados (proscenio), o lugar que estes ocupan (bastidores) e a parte máis afastada do proscenio (foro). 3. Pertecen á escenografía: os bastidores (armazóns recubertos de papel ou lenzo pintado e poden ser practicables), telóns (lenzos grandes que poden baixar e subir; o telón de boca é o que está botado antes do comezo da función e nos entreactos, e o de foro é o que forma o fondo da decoración), as bambalinas (son as penas de coiro que colgan da parte superior do escenario). O conxunto de artiluxios mecánicos instalados no escenario constitúen a tremoia e o conxunto de obxectos que se empregan na representación constitúen a utilería.