Historia da dramática galega

Page 1

HISTORIA DA DRAMÁTICA GALEGA. TEMAS E AUTORES PRINCIPAIS

Idade Media

De que existise unha tradición teatral en Galicia durante a Idade Media non se conserva ningún resto documental, pero a fonda raizame de manifestacións teatrais nas festas cíclicas e outras manifestacións lúdicas de carácter popular, xunto coa pervivencia de dramas litúrxicos presentes hoxe na celebración de Semana Santa, ou a riqueza da lírica dialogada fannos pensar na existencia dunha literatura dramática nesta época (vid. M. F. Vieites, 1996). Séculos Escuros

Se obviamos os vilancicos, que naceron non só para seren cantados senón tamén recitados, a única mostra do teatro dos Séculos Escuros é a peza de 1671, o Entremés famoso sobre da pesca no río Miño, de Gabriel Feixoo de Araúxo. De novo é de supoñer que a creación dramática en galego perviviu na tradición dramatúrxica popular, con pezas circunstanciais baseadas na corrente entremesista (a esta tradición pertence o célebre Entremés de Bora) e nas diversas manifestacións de carácter ritual e festivo que atopamos ao longo do ciclo anual (Entroido, Maios, Nadal, Reis, etc). Idade Contemporánea

1. Primeira metade. Os precursores A forte censura para a expresión teatral que non fose en lingua castelá motiva a falta de textos. Con todo, conservamos o sainete en verso A casamenteira (1849), obra de Antonio Benito Fandiño; a peza trata o tópico dos casamentos amañados e inspírase na vida e fala populares. 2. A dramática rexionalista Se é co rexionalismo cando se produce a consolidación do galego como lingua literaria no eido da expresión poética, polas mesmas datas xorde o teatro galego contemporáneo. A primeira peza representada foi A fonte do xuramento (1882) de Francisco María de la Iglesia; obra costumista de intención moralizante, expoñente de moitas das obras escritas neste período: dramática en verso, profundamente ruralista, tópica e sentimental. Pero ata fins do século XIX imos asistindo a unha aproximación ao teatro histórico: A torre de Peito Burdelo de Galo Salinas, sobre o tema do tributo das cen doncelas; Pedro Madruga de Cuveiro Piñol, sobre a figura de Pedro Álvarez de Soutomaior e Unha Revolta popular de Emilio Álvarez Jiménez, en torno á lenda de Mari Castaña, figuran como instrumento de concienciación e diferenciación rexionalista. Desde princios do século XX xorden na Coruña grupos de teatro. Fúndase a Escola Rexional de Declamación que, en 1903 representa ¡Filla! de Galo Salinas. Supón un esforzo notable o teatro de Manuel Lugrís Freire, iniciador da creación dramática en prosa, quen repite ao longo da súa produción o esquema da muller perseguida por un sedutor e a morte deste a mans dela ou do seu honre. A ponte (1903) e Mareiras (1904) son as dúas obras máis destacadas que responden a este esquema e nelas o conflito adquire unha verdadeira dimensión social e ideolóxica. 3. A dramática nacionalista Durante o período que abrangue a estrea de A man da Santiña (1919) de R. Cabanillas ata 1936, asistimos a unha profunda transformación do teatro. A creación do Conservatorio Nazonal


de Arte Galega, dependente das Irmandades da Fala da Coruña, terá unha especial significación na progresiva experimentación de formas e no tratamento temático, así como na propaganda do ideario nacionalista. Introdúcense temas de carácter máis universal, ben que o interese fundamental gravite sobre esencias máis singulares de Galicia desde unha perspectiva histórica (como os mitos de Pardo de Cela ou Prisciliano: O Mariscal de Cabanillas; Hostia de Armando Cotarelo Valledor), social (Almas mortas de Antón Villar Ponte) ou cultural (recuperación da tradición). Coas achegas do Grupo Nós a creación dramática cobra un pulo de dimensión artística; de estética simbolista na obra de Vicente Risco O bufón Rei (1928) e expresionista, á vez que tradicional, no caso de Os vellos non deben de namorarse de Castelao. Máis experimental e novidoso, Otero Pedrayo mostrará a súa forma de facer teatro a partir dunha certa distorsión da realidade. A través da Galicia milenaria, que estivo presente noutras obras da época, Otero presentará ao lector unha Galicia tan sorprendente como universal a través de diferentes pezas, entre as que podemos mencionar A lagarada (1928) e o seu Teatro de máscaras (1974). Un representante da xeración do vintecinco como Rafael Dieste ha prestar a esta dramática de comezos do século XX a súa orixinalidade e anovación a través da obra A fiestra valdeira (1927).

4. Posguerra Tras a guerra civil, o compromiso no exilio coa escritura dramática vén da man de E. Blanco Amor, cunha primeira serie de Farsas para títeres (1973) e despois o Teatro para a xente. Mentres, en Galicia, un grupo de escritores asumen o difícil compromiso de escribir a súa obra en galego cun desexo de transcender a súa propia realidade física e social. Estes autores son os que van explorar os grandes interrogantes da existencia humana, facendo unha redefinición dos mitos e da concepción máxica do mundo (como Cunqueiro no O Incerto señor Don Hamlet, príncipe de Dinamarca), investigar formal e tematicamente os recursos do xénero dramático, harmonizando clasicismo e experimentalismo (Carballo Calero en O auto do prisioneiro) ou iniciar o teatro social (como Marinhas del Valle) que ha de ter en Daniel Cortezón, Bernardino Graña ou Xohana Torres unha importante continuidade. Arredor de 1965 nace o que M. F. Vietes (1996) denomina «novo teatro» e no que distingue varios grupos, todos eles animados por modernos principios estéticos (na súa montaxe e nas innovadoras formas de escritura), ideolóxicos (defensa da lingua e puntos de referencia á opresión política, lingüística e cultural que se padece) e profesionais (están vinculados directamente como autores, actores ou directores co proxecto teatral). Grupo de Ribadavia

Ten como punto de referencia a celebración da Mostra de Teatro de Ribadavia, iniciada en 1973. A ela están vinculados Manuel Lourenzo Pérez, autor de numerosas obras, moitas delas baseadas na forza poética da palabra, Euloxio Rodríguez Ruibal, autor destacable pola súa dimensión formal e Roberto Vidal Bolaño, fundador do Grupo Antroido e autor de diversas creacións onde se mesturan os elementos da dramaturxia popular e a nova complexidade formal e temática. Xeración dos oitenta

Estes autores nados arredor de 1950 adoptan diferentes posicionamentos, que non se viron na anterior xeración. Así, as acedas reflexións sobre as relacións humanas con X. Pisón Villapol, a recuperación da estética oteriana con Xoán Guisán Seijas ou a elaboración dramatúrxica do conflicto social con Camilo de Valdehorras. Coa Xeración dos oitenta ábrese unha nova etapa de normalización onde o texto dramático se ha de converter en producto literario para ser lido.


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.