O ritmo da prosa

Page 1

O RITMO DA PROSA Do mesmo xeito que na poesía o ritmo constitúe un principio creador da organización métrica, tonal e acentual do verso, na prosa descóbrese como un dos factores que posibilita unha especial estrutura discursiva. Atendendo a que os dous principais tipos de ritmo (Isabel Paraíso, 1976), o lingüístico e o ritmo de pensamento, se complementan na comunicación baixo fórmulas de repetición, sistematizaremos os diferentes compoñentes que se mostren como recorrentes ou repetitivos nos diversos niveis da linguaxe. Exemplificaremos sobre a prosa de Castelao (Rosales, 1997). Ritmo de timbre (aliteracións, similicadencias, etc.): Pouco a pouco, na quentura dos agarimos, o neno fíxose mozo. Un mozo cheo de bondade. Unha bondade chea de inocencia. O mozo entrou nunha Academia militar e a súa nai, choraba, choraba; máis no fondo do fondo da súa alma ela ben arelaba que o seu fillo fose distinto.

(Castelao, Cousas) Neste caso é a ordenación en forma de encadeamentos (tanto fónicos como morfosintácticos: xeminacións, gradatio, similicadencias, paralelismos) a que crea un discurso que se move a impulsos da emoción (pode verse o comentario desta “cousa” no apartado sobre Comentarios neste blog). Ritmo acentual e silábico (as frases poden estruturase en metros, con riqueza de xogos acentuais e cuantitativos). Os esquemas regularizados, cun axe de ruptura, axudado dun vaivén simétrico de pés rítmicos posibilita esta vibración na prosa: É o intre en que a terra (7) para se durmir (6) vaille virando as costas á luz (11) e o fume das tellas (7) mesto e leitoso (6) vaise esparexendo no fondo do val (12)

1-3-6

1-3-6-9 1-3-6-9

(Castelao, Cousas)

Ritmo morfosintáctico: poderá distinguirse a repetición de membros iguais (a mesma palabra ou conxunto de palabras) ou a repetición de pluralidades (repetición de funcións, con palabras distintas). No primeiro caso as figuras máis frecuentes foron sistematizadas neste mesmo capítulo (vid. supra): xeminatio, anadiplose, gradatio, anáfora, etc. Nexos de ordenación. Xeralmente hai dous procedementos básicos: un a base de sumar impresións, sen intercalar elementos de conexión. É o estilo «lírico» de Otero Pedrayo e que podemos atopar en escritores posteriores: Espertouno un badalar soliviantado de campás. Desde a igrexa de San Francisco tocaban a incendio. Incorporouse axiña e foi mirar pola fiestra. Non viu nada. Dirixiuse ao despacho.

(Carlos Casares, Ilustrísima)

A sinxeleza e o ritmo que vai provocando a parataxe narrativa, neste fragmento, crean un fondo lírico que só se romperá coa traxedia. A parataxe, polo contrario, en Castelao, sempre vai acompañada do uso da epanáfora, trazo cadencial que incide na tensión emotiva do relato. Vexamos o ritmo in crescendo da suma de impresións, neste fragmento, que remata, como é característico, co ritmo dactílico da gaita galega: O señor Antón vivía cando meu avó era mozo. O señor Antón foi un pintor de moita sona, e da súa artesanía quedaron probas a barullo. O señor Antón pintaba todo con lindas cores, tapando madeiras e pedras como se as vestise con traxe de festa.


(Castelao, Cousas) Dentro das pluralidades distinguiremos as agrupacións directas. Segundo o número que integren, as pluralidades serán clasificadas como bimembres, trimembres, cuadrimembres, etc. A bimembración xunto coa trimembración son as agrupacións rítmicas máis frecuentes. No seguinte exemplo a disposición dos elementos bimembres extrema a simetría e a calidade rítmica da narración: Era unha rapaza branca e bonita como unha filla de rei. Pola súa endebleza e o seu porte fidalgo fixérona costureira e tódolos anoiteceres pasaba pola ponte vella e cruzábase sempre co estudiante de crego. —Boas tardes, Rosa. —Boas tardes, Pedro Ela viña da costura; el tornaba do latín.

(Castelao, Cousas)

O ritmo ternario pode mesmo proxectarse sobre o ritmo de gaita galega: A risa facíalle goios de amor nas fazulas, poñíalle pintiñas de malicia nos ollos e brillo de nacra nos dentes.

(Castelao, Cousas) Con moita frecuencia Castelao aproveita as posibilidades distribucionais que ofrece a estrutura rítmico-morfosintáctica para crear un modelo de liña simple, pero que se estende ritmicamente en sucesivos despregues: Dous vellos que tamén tiveron mocidade, que se coñeceron nun baile, que ogo se casaron por amor e viviron amándose tolamente. Dous vellos, sempre xuntos e sempre calados, que viven escoitando o rechouchío dun xílgaro engaiolado. Sen filos e sen amistades. Soios.

(Castelao, Cousas)

Esta ruptura final está próxima á pauta predilecta de Castelao de pechar os relatos. Fronte á frase breve outra solución é a declaración amplificada, de distinta cadencia ao resto do relato: Dende entón a probe señora vive sempre lonxe do presente, asolagada en saudades, cunha doce tristura na sorrisa (11); nos ollos a inquedanza dos xordos (11) e nas mans señoriles a dúbida dos cegos.

(Castelao, Cousas)

A disposición quiasmática ten efectos expresivos ao producirse unha agradable harmonía rítmica e conceptual. A inversión resulta perfecta ao combinarse o paralelismo coa isometría nas dúas frases que inician o xiro. Deste xeito a progresión do ritmo binario non atopa oposición no ritmo ternario e a harmonía queda subliñada no que será nutro procedemento básico de estruturación rítmica: o paralelismo. Este procedemento, moi empregado por Castelao, vai aparecer en moitos relatos nos que o autor quere intensificar un contraste: (vid. o comentario de «Se eu fose autor», de Cousas, no apartado referido a Comentarios neste blog).


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.