1.2. Estratexias de comprensión lectora Isabel Solé (1992) establece unha clarificación entre os termos procedemento e estratexia. Así cita a Coll, 1987; p. 89 que define procedemento como un conxunto de accións ordenadas e finalizadas para conseguir unha meta. Ao procedemento tamén se lle chama técnica, método , destreza ou habilidade. Por outra parte, a estratexia permítenos conseguir unha meta dunha forma regulada, seleccionando as actividades más axeitadas para resolver o que pretendemos. Unha estratexia permítenos modificar as accións cando sexa necesario, en función de obter os resultados do xeito máis adecuado. Segundo isto, convén que ensinemos estratexias de lectura, que facilitemos ao alumnado a comprensión dos textos. As estratexias ensínanse e apréndense, non son simples receitas. Unha estratexia adquirida permite ser transferida a distintos ámbitos. Segundo Palincsar e Brown (1984), a comprensión do que lemos é resultado de tres condicións: 1.
Claridade e coherencia do contido dos textos.
2.
Dos coñecementos previos do lector.
3.
Das estratexias que o lector utilice para a comprensión e o recordo do que le.
Se queremos que o alumnado sexa autónomo na lectura e que se poida enfrontar a textos diversos, convén traballar con eles estratexias diversas de comprensión lectora. Os lectores autónomos son capaces de aprender a partir dos textos, de establecer relacións entre o que len e o que xa saben, de realizar xeralizacións transferindo o aprendido a outros contextos. Ao ensinar estratexias de comprensión lectora estamos contribuíndo ao desenvolvemento da competencia de aprender a aprender.
Como se poden ensinar estratexias? O importante é que o alumnado saiba utilizar as estratexias adecuadas na comprensión de todo tipo de textos. Seguindo aos autores Palincsar e Brown (1984) as actividades cognitivas que deben ser fomentadas mediante as estratexias son as que seguen: 1. Entender o propósito da lectura. Que teño que ler? Para que teño que lelo? 2. Activar os coñecementos previos en relación coa lectura. Qué sei eu en relación co contido do
texto? Que sei que me pode axudar? 3. Centrarse no fundamental, no relevante, obviando o que ten menos interese en función do
obxectivo que se persegue.