Amor, amor, amor.
DEBUSSY: Claro de luna. Suite bergamasque PROFESOR/A 1 : A poesía é a forma máis máxica que o ser humano posúe para exteriorizar os seus sentimentos, as súas frustracións, os seus proxectos... aquilo que, ao fin e ao cabo, o diferencia do animal, a expresión máis sublime e máis nobre da que somos capaces mediante palabra. A poesía é quizais a arte máis próxima, máis comprensíbel, aquela que nos reafirma nos nosos propios medos e fracasos, nin tan distantes nin tan dispares a outros semellantes. Cada palabra nosa é susceptíbel de ser convertida en poesía. Cada mirada rompida, cada bágoa esvarada, cada amor esquecido, cada ledicia trasnoitada... é a nosa poesía. Ás veces, tamén, a vida é poesía; conseguimos esquecer o seu lado máis escuro e afrontámola con ledicia inusitada, afrontámola con versos que falan de amor, mesmo de esperanza; outras moitas, as máis, a negrume apodérase de nós, a tristura desprega o seu manto ilexítimo e as faces recollen versos de desesperanza.
PROFESOR/A 2: Hoxe o motivo, ou máis ben a escusa, para falar de Amor con Poesía é que é 14 de febreiro. Amor e Poesía van da man. Ambos forman parte das nosas vidas. Porque o Amor é sentimento, e os humanos somos iso: un cúmulo de sentimentos. Pero nós non sempre atopamos as palabras axeitadas, aquelas que adoitan ser cruciais para a maioría de nós en determinados momentos. Por sorte, están os POETAS. Que extraordinario e que difícil é atrapar as emocións con palabras! E para falar de amor, para falar de poesía, imos procurar un pouco de historia:
MONTEVERDI: Orfeo. Coro de ninfas ALUMNO/A 1: Na antigüidade, os mitos ofrecían un tipo de resposta similar á que hoxe en día nos proporcionan as teorías científicas.Existen numerosos mitos sobre o amor, pero os máis coñecidos son os de Orfeo e Eurídice , e Cupido e Psique, procedentes da mitoloxía clásica, que é a máis próxima a nós. Neles podemos ver reflectidos moitos aspectos do amor. O mito de Orfeo é un dos máis escuros e máis cargados de simbolismo de cantos rexistra a mitoloxía helénica. A historia máis coñecida sobre Orfeo é a que se refire á súa esposa Eurídice. Cupido era o deus e o arqueiro do amor. Un deus novo e malicioso que propagaba a vida e a ledicia pola Terra. Exercía o seu encanta e o seu dominio sobre o corazón dos mortais e os deuses. Grazas a el, os seres humanos coñecían a ledicia da amizade e da tenrura do amor, pero tamén a dor que estes causan. Lanzaba frechas con puntas de ouro para prender os corazóns, ou de chumbo para apagar o lume do amor. Divertíase
1