
21 minute read
SAT Prados Hondos. Villanueva de Duero (Valladolid
SAT PRADOS HONDOS. VILLANUEVA DE DUERO (VALLADOLID)
En Vaca.tv
Advertisement
Ángel Fernando San Juan, xerente da SAT Prados Hondos Boas producións con base na alimentación e no benestar dos traballadores
Traballar sen presións, coidar a alimentación e manter un manexo correcto dos animais son os eixes nos que se asenta esta explotación valisoletana dirixida por Ángel Fernando San Juan. Ademais, apostou pola robotización do muxido e está en pleno crecemento, pois este ano chegará aos oito robots.
Localización: Villanueva de Duero (Valladolid) Propietarios: Ángel Fernando San Juan Velasco, Severino San Juan Fadrique e Maite Rojo Martínez Empregados: 4 N.° total de animais: 720 Vacas en produción: 340 Media de produción: 41 litros/vaca/día Porcentaxe de graxa: 3,84 % Porcentaxe de proteína: 3,38 % RCS: <200.000 cél./ml IPP: 417 IA/preñez vacas: 2,78 IA/preñez xovencas: 1,94 N.° medio de partos: 2,29 Superficie agrícola: 200 ha Venda do leite: Entrepinares Prezo do leite: 0,35 €/litro (con calidades e sen IVE) A SAT Prados Hondos conta cuns 720 animais na actualidade e cunhas 320 cabezas en produción. Ángel Fernando San Juan, xunto a súa muller, Maite Rojo, e o seu pai, Severino San Juan, é propietario desta explotación de Villanueva de Duero, que está en crecemento constante. En xullo está previsto que instalen o sétimo robot e a finais de ano o oitavo.
Desa evolución continua, Ángel recoñece que ten gran parte da responsabilidade, pois está sempre pensando en como mellorar e obter maior rendibilidade. “Ao final métome en moitos charcos, se fose só polas vacas viviría ben”, apunta ao recoñecer que el mesmo se encarga das obras, dos cultivos, das regas... e que lle gustaría contar coa súa propia planta para facer iogures. “Eu non dou valor ao diñeiro, unha vez que coñecemos os números, vou para adiante e o meu pai enfádase comigo”, di entre risas.
CATRO XERACIÓNS CON VACAS
A historia desta explotación remóntase ao bisavó de Ángel, quen sempre tivo algunha vaca e terras. Continuou o seu avó ata chegar ás mans do seu pai e o seu tío. “Empezaron con moitas dificultades, ademais o meu avó morreu pronto”, explica Ángel.
No ano 1989 decidiron empezar o proxecto na localización que se atopa agora. “Crearon a zona que é de formigón na actualidade. Tiña un patio de exercicios con uralitas e sala de muxido, iniciáronse cunha de seis puntos e pronto ampliaron a unha de dez”, rememora.
Logo, chegou a quenda de Ángel, quen comprou a parte correspondente do seu tío para instalarse na explotación. “Eu de pequeno xa axudaba aquí, á vez que estudaba. Cando empecei, quixen montar todo isto novo e xa con robots, e así fomos aumentando ata o punto no que estamos agora”. Engade que desde sempre tivo fixación pola instalación de robots: “Estiven traballando aquí desde que era neno e sei o que é o muxido. É unha cousa que a min nunca me gustou. Por unha banda, como non me gusta, non llo podo inculcar aos traballadores. Por outra, antes estaban o meu pai e o meu tío, pero íame a quedar eu só. Ou puña robots ou non me metía nesta lea”.
A maiores, teñen catro traballadores e persoal externo especializado en temas de reprodución, clínica ou nutrición, entre outros.


As camas de produción son de area e límpanse cunha máquina articulada deseñada por Ángel
INSTALACIÓNS E DISTRIBUCIÓN DO GANDO

As vacas de produción atópanse distribuídas entre dúas das naves que conforman a explotación. Unha das estruturas está dividida en catro lotes: xovencas recentemente paridas, primíparas máis avanzadas en días de lactación, vacas ben adaptadas e vacas con algún problema, aquelas que teñen algunha patoloxía, necesitan algún tratamento ou lles custa máis ir ao robot. As xovencas recentemente paridas están nun espazo interior de area e sen cubículos durante uns días tras o parto. “Están nunha zona pegada ao corredor para poder controlalas mellor e detectar calquera incidente”, apunta o gandeiro. O resto das produtoras descansan en cubículos de cama de area, que arranxan a diario.
Noutro módulo, atópase un lote de multíparas recentemente paridas, que son ao redor dunhas 120 para dous robots. A outra parte da nave é a que se atopa en construción, onde porán 120 cubículos máis, cos que chegarán aos 500, e os outros dous robots que incorporarán proximamente. Ademais, hai outras dúas zonas de cama quente de palla para multíparas preparto e posparto, que limpan cada 20 días.
Dispoñen dunha sala, á que chaman “maternidade”, onde están os xatos en cama quente de palla ata os 15 días. A partir deste momento pasan á amamantadora, situada noutra zona, na que permanecen ata a desteta e, logo, instalan os animais nunha nave de formigón, agrupados por idades.

DISTRIBUIDORES PARA ESPAÑA Y PORTUGAL
Alta Calidad Alemana Asegurada!


NOVEDAD
CAZO DISTRIBUIDOR FORRAJE NOVEDADCAZO UNIFEED


Tel. (+34) 985 634 238 Comercial: info@fondrigomaquinaria.com Recambios-Asistencia: servicio@fondrigomaquinaria.com www.fondrigomaquinaria.com
EN XULLO COMEZARÁN A MUXIR CO SÉTIMO ROBOT E A FINAIS DE ANO CHEGARÁ O OITAVO
Un dos seis robots de muxido cos que están traballando actualmente

As naves dos animais están deseñadas para ter unha boa ventilación. “Na última melloramos a pendente para dar máis velocidade ao aire e crear máis movemento”, comenta Ángel. Ao longo deste ano realizarán algunhas melloras coa implementación de novos sistemas de climatización. Así mesmo, os animais teñen cepillos rascadores e os traballadores coidan a limpeza das instalacións, que fan dúas veces á semana, ademais de acondicionar as camas de xovencas cada catro meses.
Para o xurro teñen unha fosa principal de 4.000 m3 para as vacas en produción, outras máis pequenas para os grupos de xovencas e secas e, á parte, outra para augas residuais. A fracción de líquidos retírana dúas veces ao ano, en función do que demanden os cultivos, mentres que a de sólidos unha vez ao ano.
CHEGAR AOS OITO ROBOTS
Cando Ángel se incorporou á gandería tiña claro que, se seguía, sería con robots. “Ao empezar a traballar na granxa, puxemos os primeiros, compramos sobre unhas corenta vacas para aumentar máis o gando e compaxinabamos os robots coa sala de muxido. Despois duns tres anos, incorporamos outras dúas máquinas e, aínda que tardamos un pouco máis en comezar a traballar co cuarto, nese momento xa vendemos a sala”, aclara.
Tras un tempo traballando cos catro robots, valorou, xunto cos traballadores, crecer aínda máis, para chegar así ao nivel de traballo da actualidade: 340 vacas en muxido e seis robots. En xullo terán xa o sétimo e para finais de ano chegarán ao oitavo.
O obxectivo desta granxa é traballar folgadamente. Para iso, coa incorporación dos próximos equipos robotizados, ampliarán o persoal. “O nivel de gando, de partos e demais crecerá, polo que será necesario ter unha persoa máis, para facer mellor as tarefas e evitar estar saturados”, explica Ángel.
Ao ter o sistema robotizado dividido por lotes, os labores de control do muxido céntranse, sobre todo, no robot denominado “problemas”. Un traballador encárgase de introducir as vacas con atraso, que sempre son as mesmas, sobre unha ducia. O acceso á sala de espera está regulado con portas automáticas, polo que as encerran aquí ata que entra a última ao robot e, seguidamente, xa se abren para dar acceso libre ás demais.
MAIOR LIBERDADE LABORAL
A instalación dos robots supuxo diversos beneficios na SAT Prados Hondos. “Moitas veces a xente compara a sala de muxido co robot, pero creo que non se deben facer comparacións”, apunta. Considera que o robot é un sistema de manexo totalmente completo, xa que, se unha vaca necesita máis muxidos, como no caso das recentemente paridas, pode chegar ata os cinco muxidos, “algo que nunha sala sería impensable”.
Á par deste beneficio destaca que os animais non están sometidos a presións, posto que entran cando queren a muxirse. “O muxido que se fai é bo, ofrece penso en función da táboa de produción de cada animal e, ademais, dános máis liberdade horaria, porque non temos que estar a unha hora concreta na explotación”, comenta o gandeiro.
200 HECTÁREAS CON COLLEITAS
A SAT Prados Hondos ten unhas 200 hectáreas de terreo nas que sementan diferentes forraxes. Con centeo traballan desde hai varios anos, “demos o primeiro corte e o segundo, xa de gran. Nas producións de centeo estamos ao redor dos 26.000 kg/ha de media”, comenta. Este ano cultivaron 140 hectáreas de centeo e na metade delas xa sementaron millo.
Nas colleitas de millo bateron a súa marca ao chegar aos 90.000 quilos por hectárea, aínda que na última recollida quedáronse nuns 70.000. Ademais, preparan sete hectáreas de alfalfa, unhas 18 de viñedos e o resto son barbeitos. O gandeiro explica que a calidade das terras non é excelente, pero con boas fertilizacións conseguen chegar a ter bos rendementos.
LUIS MIGUEL JIMÉNEZ
Veterinario especializado en calidade de leite en Servet Talavera e asesor na SAT Prados Hondos
En que aspectos asesoras a esta granxa? Á parte de todo o relacionado coa certificación de explotacións, tanto en benestar animal como no cumprimento da guía de boas prácticas, que foi un pouco a orixe de empezar nesta granxa, tamén asesoramos na implantación de programas de calidade de leite e control de mastite, incluído o secado selectivo.
A que retos se enfronta unha granxa desta magnitude en canto a calidade de leite? Nunha granxa destas dimensións, coa particularidade de que ten robots, debemos contar con moi boas ferramentas para determinar como é a saúde do ubre en todo momento. Nós, por exemplo, nesta explotación baseámonos nunha ferramenta fundamental que é a microbioloxía, é dicir, os cultivos microbiolóxicos das vacas que tiveron mastites clínicas ou das que se sospeita que poidan ter unha infección subclínica.
Que parámetros son clave para o seu control? O primeiro parámetro para controlar é o reconto de células somáticas do leite de tanque. Aquí, diariamente, o máis importante é examinar o informe que nos proporciona o robot en canto a condutividade do leite ou reconto de células somáticas e así poder valorar que infeccións hai. Se infeccións hai: clínicas, subclínicas... e iso poderanos proporcionar logo a que tipo de vacas lles imos coller unha mostra para microbioloxía, etc. Doutra banda, todo o que é o manexo da granxa en canto a instalacións, hixiene...
Están a buscar algunha mellora? É unha granxa na que van dobrar o número de cabezas e van tentar pór máis robots. Por iso traballamos nesa liña, para ter todo perfectamente cuberto mediante o manexo e que todo vaia correctamente para poder aumentar o número de cabezas.

Cobren as trincheiras con plásticos nos laterais e con dobre capa e pesos por arriba

O carro colle as forraxes nesta nave con compartimentos para preparar a ración

Elaboran os ensilados das súas producións en varias trincheiras cunha capacidade para nove millóns de quilos, almacenan o resto das forraxes nunha nave e para o traballo diario dispoñen doutra instalación con compartimentos na que “se distribúen os diferentes compoñentes como algodón, soia, millo moído ou alfalfa. O carro autopropulsado vai
Sempre lle deron importancia á ventilación e farán máis melloras na climatización das naves
collendo de aquí os diferentes produtos para a elaboración das racións”, detalla. Á parte teñen unha nave específica para a maquinaria.
O PIAR ESTÁ NA ALIMENTACIÓN
Nesta explotación valisoletana a alimentación é fundamental. Por iso, céntranse en facer boas ensilaxes, para conseguir boas racións para os animais: “Moitas veces baseámonos na xenética, pero non. Ten unha boa alimentación, crea un bo alicerce −subliña− e xa continúa co demais. O manexo dos silos pode ser unha fonte de riqueza ou de desgraza para unha granxa, por iso é tan importante”. Tanto é así que pon plástico nas paredes das trincheiras e na parte de arriba, unha capa dobre que cobren con peso. Realizan un fresado a diario e cada tres días observan se hai danos. As zonas exteriores destínanas para as xovencas, “xa que o produto −di− puido ter fermentacións diferentes e non é óptimo”, mentres que para as vacas en produción dan os corazóns dos silos, “así asegurámonos de que non teñen ningún problema”.
A ración das vacas de lactación está composta de silo de millo, 17 kg por vaca; polpa prensada, 10 kg; silo de alfalfa, 8 kg; alfalfa en rama, 3 kg; fariña de millo, 4,5 kg; soia, 2 kg; algodón semente, 1,4 kg, e palla, 0,2 kg, ademais do complemento de penso en robot, que dan sobre un 5 kg de media.
Os becerros están na sala “maternidade” 15 días antes de pasar a amamantadora

A das secas leva 7,5 kg de palla de cebada, 2,3 kg fariña de millo, 1,7 kg de soia, complementos e correctores. Por último, a das xovencas componse de silo de alfalfa, 9 kg; silo de millo, 5 kg; palla de cebada, 2,6 kg; soia, 0,5 kg, e un corrector vitamínico.
Os xatos empezan na sala de maternidade con biberóns de leite en po, alto en graxa e proteína, e penso durante os seus primeiros 15 días de vida. Desde que superan esta primeira quincena, pasan á amamantadora e teñen palla e penso en gránulo lacteado ata os 65 días. A partir de aquí empézanse a destetar, toman penso sen leite e distribúense en grupos de 10 animais ata os catro ou cinco meses. Desde os cinco aos nove toman a ración das vacas en lactación.
Finalmente, comezan a tomar a ración de xovencas ata o mes anterior ao parto, que é cando empezan coa de secas. Ademais, 20 días antes de parir poden acceder a unha estación de alimentación para comer un quilo de penso ao día e, 15 días antes, poden tomar ata 3 kg. “Isto faise para que se afagan a ir á cabina e despois non teñan problemas para a entrada no robot”, detalla Ángel.

MAQUINARIA PROPIA E RÁPIDA
Dispoñen de cinco tractores, “dous que son de bastantes cabalos, porque para facer moitos labores en pouco tempo necesitas maquinaria grande, para preparar o terreo para millo ou para centeo”, resalta.
Ademais, teñen bañeiras grandes, camión agrícola para diferentes transportes, cisterna de xurro propia, un manipulador telescópico e unha máquina pequena articulada para facer cubículos a diario, creada polo propio Ángel. O obxectivo era reducir o tempo que dedicaban a acondicionalos, polo que, tras anos pensando, decidiu comprar unha máquina articulada. “Deseñei un implemento para facer as camas. A verdade é que quedan estupendas e nunha hora fanse todos os cubículos de forma automatizada”, relata.
Tamén posúen unha máquina de gran tonelaxe para baleirar a fosa de xurro, esparexedor de xurro, un carro autopropulsado e un carro arrastrado, ademais de diferentes apeiros agrícolas. O gandeiro puntualiza que “todo é propio, menos a picadora. Subcontratamos este traballo e a sementeira de millo, o demais facémolo nós”.
As secas (esquerda) e as xovencas próximas ao parto (dereita) comen a mesma ración
A recría destétase aos 65 días e distribúese en grupos ata os catro ou cinco meses
Severino e Ángel, dúas xeracións da familia vinculadas á granxa

XENÉTICA CENTRADA NA PRODUCIÓN

No aspecto da reprodución dos animais traballan con xenética francesa e americana. Para a selección dos touros, Ángel dá moita importancia á produción, aos sólidos e aos caracteres funcionais, ademais de buscar bos ubres e correcta colocación de tetos. Fíxase tamén en touros A2A2, xa que “a maioría das vacas son A2A2, pero se nun futuro dou o salto a facer leite deste tipo, quero telas xa todas”, aclara. Adoitan utilizar uns oito sementais por campaña.
O gandeiro destaca que a recría é propia: “O crecemento que estamos a facer ten como base a nosa granxa, todo noso, sen comprar nada, aínda que estamos valorando adquirir algunhas xovencas para ir un pouco máis rápido”.
A media do número de partos aproxímase aos 2,3. O intervalo entre partos é de 417 días e a idade media da primeira inseminación é aos 13 meses. A media de inseminacións por preñez está en 2,78 para as vacas e en 1,94 para as xovencas.
MELLORAS NOS PREZOS PARA MANTER O SECTOR
Ángel ve futuro á súa granxa en todos os niveis: “Temos boas producións, boa sanidade, os traballadores a gusto; eu creo que estamos ben”. El quere continuar neste proxecto e gustaríalle que algún dos seus dous fillos, que agora teñen tres e seis anos, algún día seguise á fronte desta explotación.
En canto ao futuro do sector, considera que ten que haber unha reconversión. “Creo que os prezos do leite teñen que subir de maneira obrigada, porque ao final hai un beneficio moi grande que se está quedando unha pequena parte da cadea: a distribución e a industria”, advirte. Engade que os prezos que se pagan pola manteiga ou o leite en po non se corresponden co que gaña o gandeiro. “Cando a xente de a pé vexa o prezo ao que está a comprar o leite e se decate de como llo pagan ao gandeiro, dirá que se están facendo as cousas moi mal”, puntualiza. Por último, acepta a subida nos custos de alimentación e materias primas, “xa que o agricultor ten dereito a especular de cando en vez e a ter unhas marxes mellores”, pero o que non considera xusto é “conxelarlle os prezos ao gandeiro, ao final acaban co sector”.

De camiño cara a un segundo robot
“Onde hai un soño, hai un camiño”. Con esta frase reciben os visitantes en Ganadería Bedollo, en Santayana de Soba (Cantabria), e precisamente están en pleno traxecto cara ao seu obxectivo: lograr muxir todo o seu rabaño en dous robots de muxido GEA DairyRobot R9500.
Os irmáns Emilio, Rosa e María Fuente Ezquerra son os propietarios desta granxa familiar, que iniciaron os seus avós e continuaron os seus pais, na que moxen un total de 82 vacas.
Instalaron o primeiro dos robots hai dous anos, porque viron que as vacas necesitaban un terceiro muxido e non era fácil encontrar man de obra cualificada. Actualmente están incrementando o seu rabaño e moxen os animais cos dous sistemas: robot e sala.
Grazas á robotización, chegaron aos tres muxidos de media, conseguiron un incremento na produción e notaron moita mellor calidade de vida para os animais. Tamén teñen colares CowScout, arrimador de comida FRone, tanque TCool de 6.000 litros e un separador de xurro, recentemente estreado.
Contan os días para recibir a segunda máquina robotizada e esquecerse da sala de muxido.

Nome da explotación: Ganadería Bedollo Localización: Santayana (Soba, Cantabria) Número total de animais: 170 Vacas en produción: 82, 52 en robot e 30 en sala Media de produción en robot: 39 litros/vaca/día Media de produción en sala: 35 litros/vaca/día Media de número de muxidos en robot: 3,2 Número de muxidos en sala: 2 Porcentaxe de graxa: 3,88 % Porcentaxe de proteína: 3,40 % RCS: 76.000 cél./ml

Emilio, María e Rosa, xunto a Esteban Abascal, de Agrocantabria (segundo pola esquerda), e Juan Carlos González, delegado de GEA na zona (dereita)

Que sistema de muxido tiñan antes de instalar o robot?
Antes traballabamos só coa sala de muxido 6x2 de GEA, a que seguimos mantendo aínda.
Por que decidiron robotizar o muxido?
Porque empezamos a ter vacas que necesitaban facer tres muxidos e facía falta máis man de obra. Eramos moi remisos a pór o robot de muxido, pero ao final non nos quedou máis remedio. Agora estamos moi contentos e as vacas, máis.
Por que elixiron GEA?
GEA pareceunos, desde o primeiro momento, interesante polo tema do foso, que é moi cómodo para os tratamentos, a separación por cuartos, a colocación manual e o servizo técnico.
Cando o instalaron?
O día 21 de agosto fará dous anos que empezamos a muxir con el.
Como planificaron o proceso de instalación do robot?
A verdade é que foi bastante complicado, porque puxemos a granxa patas arriba. Tivemos que pasar as vacas secas para outra nave, cambiar as xatas totalmente de sitio e agrandar o establo das xovencas. Foi un cambio bastante grande.
Como lembran o proceso de cambio?
Foi duro, pero máis duro para nós que para as vacas. A nós custounos afacernos a levar sempre un móbil encima ou a vivir pegados a un ordenador. Con todo, as vacas están moi ben desde o primeiro momento.
María Fuente
“Esta gandería pasou de xeración en xeración. Empezaron os meus avós, coas súas oito vacas. Despois, cando a miña avoa quedou viúva, incorporáronse á explotación os meus pais e foron crecendo aos poucos ata a unión do meu irmán Emilio. Logo, pasados uns anos, comezamos tamén a traballar na granxa a miña irmá Rosa e eu. Ter a gandería aquí, no val de Soba, implica uns custos de produción moi elevados, só hai que ver como é o terreo.

Decidimos quedarnos en Soba porque para nós é calidade de vida; é máis, eu tiña claro que a miña vida ía ser na aldea e rodeada de vacas, que é o que me encanta.
A miña nai sempre vai ser o noso claro exemplo a seguir e tentamos levar ben o traballo, somos uns irmáns moi unidos e, grazas a iso e ao esforzo de toda a xente que traballa para a nosa gandería, Bedollo sae adiante”.
Como é a organización do traballo con robot e sala?
Ao principio custounos un pouco adaptarnos, porque non sabiamos como tiñamos que funcionar. A día de hoxe, tentamos pechar as lactacións no robot. Por unha banda, as vacas paren nun patio onde está a sala e, segundo van parindo, ímolas incorporando ao robot. Pola outra, as vacas do robot que están a piques de secar volven á sala.
Non nos gusta estar cambiando as vacas de patio e a elas non lles gusta nada volver á sala.
Entre nós, cada un ten o seu traballo dentro da granxa. Chegamos aquí e non hai que preguntar que temos que facer hoxe, todos sabemos onde ir desde o momento en que chegamos. Eu encárgome do muxido; o meu irmán Emilio, dos tratamentos, das inseminacións e dos labores de campo, e a miña irmá María, da recría, que leva moitísimo tempo. Logo, entre todos facemos a limpeza de camas e o resto dos traballos.
Que diferenzas notan dun sistema a outro?
No robot, o punteo do penso é algo fundamental. O que máis notamos é que as xovencas primíparas crecen, desenvólvense moito máis que estando na sala de muxido, e tamén a calidade do ubre.

Que beneficios achega a robotización?
Achéganos maior produción de leite e maior calidade de vida para os animais, ao ter o ubre máis san, estás a alongarlles a vida ás vacas.
Actualmente, as vacas teñen moita máis calidade de vida, mesmo máis cá nós, pois, ao continuar traballando con sala, seguimos amarrados aos horarios de traballo. Cando estea instalado o segundo robot, será totalmente distinto.
Ademais, proporciónanos moitos datos e en calquera parte que esteas ou a calquera hora do día, ves o que está a pasar no robot.
Cal é o plan de futuro?
O noso plan de futuro é crecer un pouco máis en número de animais para poñer outro robot. Agora mesmo fixemos un grande investimento co robot e o separador de xurros e temos que ir amodiño.
Para nós sería ideal poder instalar mañá o segundo robot, pero non vai poder ser así. Agora mesmo temos que esperar a que volvan abrir os plans de mellora e a ver se así podemos continuar.

ENTREVISTA En vídEo
Emilio Fuente
Teñen algún equipamento máis de GEA?
Ademais da sala de muxido, tamén temos de GEA o arrimador de comida FRone, os colares CowScout, un tanque TCool de 6.000 litros e un separador de xurros que acabamos de arrincar a semana pasada.
Como traballan co arrimador de comida FRone? Está programado para pasar unha vez cada tres horas. A vantaxe que vimos con el é que ás vacas non lles falta comida en ningún momento do día e están comendo constantemente. O que lles fai o arrimador é que, cando pasa, as incita a levantarse e veñen comer.
Con que obxectivo incorporaron á granxa o separador de xurros?
Co separador de xurros a experiencia é moi curta.
A intención que temos é tentar darlle solución ao excedente de xurro. Con este sistema queremos darlle saída á parte sólida, pois creo que así vai ser fácil de transportar, e aplicarlles o líquido aos nosos campos.
Arrimador FRone
