3 minute read
FORMACIÓN ANEMBE
Ao Excmo. Sr. Pedro Sánchez Castejón, presidente do Goberno de España
Anembe é a única e máis representativa asociación de veterinarios especialistas en vacún de España e, como tal, séntese na obrigan de facer pública e facerlle coñecer a nosa posición ante a cantidade de opinións que se están a lanzar estes días nos medios de comunicación sobre o noso sector e as súas producións.
Advertisement
Non nos cabe dúbida de que as empresas gandeiras que asesoramos constitúen verdadeiros estándares de calidade e tecnoloxía. O problema é que estas empresas non saben usar a comunicación para visualizarse, nin os seus gobernos se encargaron de facilitárllelo, ante unha sociedade cada vez máis distanciada e desinformada acerca do rural.
Con todo, as empresas gandeiras producen produtos saudables a prezos alcanzables para todas as economías grazas ao seu investimento continuo en tecnoloxía e á técnica veterinaria aplicada desde hai máis de cinco décadas en España.
Como principais interesados, gustaríanos facerlles notar que non se comunica desde os gobernos que os veterinarios somos garantes da calidade dos produtos co noso servizo e asesoramento, pero é que, ademais, traballamos para vostedes como funcionarios en matadoiros, áreas gandeiras, alfándegas, industrias e ministerios facendo cumprir as leis de seguridade alimentaria que vostedes aproban.
É importante ter en conta que a sociedade actual é moi vulnerable á influencia de macroempresas e macronegocios que nos ditan o que hai que vestir, ou neste caso comer, baseado no gran poder que lles dá o seu control da información e da comunicación.
Isto vai moi ligado ao feito de que as empresas promotoras da carne artificial son macroempresas, movidas por grandes fondos de investimento e grandes fortunas, que utilizan ben a comunicación e que promulgan a diminución a mínimos da gandería polo seu propio interese comercial e non polo ambiental.
Como sanitarios debemos alertar de que as consecuencias sanitarias, alérxicas ou de intolerancias alimentarias son e serán descoñecidas na carne artificial e un perigo de saúde pública. En contraposición, podemos afirmar que a proteína de orixe animal é unha garantía de consumo saudable, de vitaminas e aminoácidos esenciais e unha columna onde se constrúe o noso desenvolvemento antropolóxico.
Consideramos importante matizar que o termo ‘macrogranxa’ se asocia xeralmente a un gran número de animais, lobbies da carne e parece que grandes beneficios, cando agora mesmo o sector está a tentar visualizar que se traballa a perdas en granxas grandes ou explotacións familiares.
Por poñer un exemplo real: unha granxa de 500 vacas de leite, en teoría macrogranxa, necesita manter 1.000 animais vivos para darlles un soldo digno a unhas 10 persoas, o cal cremos que se parece máis ao concepto dunha peme que ao dunha macroempresa. Estas pemes gandeiras normalmente danlles traballo a familias de inmigrantes que acaban plenamente integradas no medio rural.
A calidade da carne de vacún non está ligada ao modelo de explotación. Depende de factores como raza, idade, alimentación, transporte, sacrificio, conservación, maduración e mesmo corte carniceiro, e todos estes factores inflúen tanto no intensivo coma no extensivo.
A FAO corrixiu en varias ocasións os seus cálculos de emisión de gases de efecto invernadoiro rebaixándoos. Desde moitos estamentos técnico-veterinarios a nivel mundial pídense novas revisións, pois segue a haber o erros de cálculo e un agravio comparativo ao comparar o metano, que é un gas degradable e reciclable, coa combustión de hidrocarburos fósiles que lanzan ao medio ambiente GEI que anteriormente non existían.
En todo caso, como non pode ser doutra maneira, poñémonos á súa disposición co maior espírito construtivo para axudar a salvar esta situación ou futuras, sen comprometer a produción gandeira nin os técnicos que estamos detrás dela. O reto pasa por unha comunicación eficiente e certeira do noso sector coa sociedade, para o que necesita do apoio inequívoco do Goberno.
Atentamente, Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina de España (Anembe)