1
Comentario básico para 4º de ESO; curso 2012/2013
A orella dereita de Antón de Leivas Os outros feirantes, Álvaro Cunqueiro, 1979.
Este “conto”, que pertence ao libro de Álvaro Cunqueiro Os outros feirantes, publicado en 1979, reproduce o perfil dun mozo galego utilizando as características da narrativa de transmisión oral e dándolle visos de realidade a unha historia que perfectamente se pode inserir nun mundo de fantasía. Álvaro Cunqueiro Mora (Mondoñedo, 1911 – Vigo, 1981), fillo de boticario, axiña entrou en contacto coa natureza, cos tipos populares do país e coa rica tradición oral da nosa literatura que logo recreará na súa obra. Estuda bacharelato en Lugo e posteriormente Filosofía e Letras en Santiago de Compostela (estudos que nunca concluíu) onde entra en contacto cos movementos artísticos do momento. No período anterior á guerra, Cunqueiro é esencialmente poeta. Durante a República participa no movemento galeguista, afastándose deste a partir da constitución da Fronte Popular. Na guerra civil colabora en xornais e comprométese co bando vencedor, do que logo se afastará. A partir do ano 47 retírase a Mondoñedo e dedícase case exclusivamente a escribir, como xornalista e como autor de narrativa de ficción, tanto en galego como en castelán. En 1961 ingresa na Real Academia Galega. A partir de 1965 dirixe El Faro de Vigo ata 1970. Gaña o premio Nadal en 1969 e é recoñecido como un prestixioso literato en todo o estado. Dez anos despois do seu pasamento dedicáronselle as Letras Galegas. Quixo que a súa lápida dixese: “Aquí xace alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis”. Os anos que seguen á sublevación militar supuxeron un baleiro na produción literaria en lingua galega. Na década dos 50, coa fundación da editorial Galaxia, tivo lugar unha progresiva e fecunda recuperación da nosa cultura. Na narrativa de posguerra, amais dalgúns escritores que trataron unha temática de circunstancias, iniciaron a súa andaina figuras fundamentais como Blanco Amor, Áxel Fole, Cunqueiro e Neira Vilas. Os outros feirantes, publicado en 1979 (derradeira obra de Cunqueiro en formato libro), forma parte dun conxunto máis amplo no que hai que
2
Comentario básico para 4º de ESO; curso 2012/2013
situar Escola de menciñeiros (1960) e Xente de aquí e de acolá (1971). O autor fai explícito o carácter unitario que confire a estas obras ao afirmar que cando escribía ambos os tres libros estaba realmente a escribir un único libro no que perfilaba a semblanza da xente galega que el coñecera: galegos credores, máxicos, con vivacidade… Certamente, os tres libros teñen unha estrutura formal e temática unitaria: o narrador, o espazo, a confluencia entre o real e o fantástico e as interferencias entre o popular e o literario. Ofrécenos unha chea de tipos humanos que no seu conxunto conforman unha personaxe colectiva que retrata claramente a idiosincrasia do pobo galego. Na obra de referencia, hai un primeiro aspecto no que debemos reparar e non é outro que o propio título: “Os outros feirantes”. Por unha banda, as persoas que podemos atopar nas feiras, un lugar público, social, de encontros e conversas; por outra, os outros, que fai referencia non aos feirantes comúns, senón a aqueles que teñen un trazo, unha peculiaridade da que falar. Antón de Leivas é un deles. A súa orella dereita, a dicir dos seus veciños máis grande cá esquerda, é a súa peculiaridade. Estamos polo tanto ante un personaxe que sofre unha eiva ou malformación estraña e que curiosamente esa eiva, a deformación da súa orella é a que o fai singular, único, incluso para casar e sacarlle proveito. Trátase dunha eiva á que os seus veciños axiña lle confiren poderes extraordinarios e curativos. A partir do comentario dun amigo de Antón: “tés a orella dereita máis medrada que a esquerda”, entramos nun caso de suxestión colectiva, xa que ninguén di o contrario (a non ser posteriormente o cuñado, elemento alleo), sobre todo despois da consulta dun menciñeiro de sona que incluso lles adianta os diagnósticos complexos aos médicos. Tamén aparece a referencia ao servizo militar, como claro elemento de contacto da realidade galega cos mundos de fóra: “cando Antón fixo o servizo militar non lle dixeron nada da orella”. O feito de que unha viúva coruñesa manifeste que na orella de Antón se escoita o mar, como nunha caracola mariña, acrecenta o feito marabilloso. Agora todos queren escoitar na orella dereita de Antón o mar. O fenómeno vai aumentando e tamén as nais levan os seus fillos para que medren, como a orella. O narrador que nos conta esta historia é moi sutil á hora de nos introducir os elementos marabillosos. Cóntanos a historia como algo vivido de preto, con toda unha chea de detalles que lle confiren credibilidade ao conxunto. A localización xeográfica e as referencias toponímicas son empregadas non soamente para localizar a historia senón que tamén para darlle credibilidade, do mesmo xeito que describe a Antón
3
Comentario básico para 4º de ESO; curso 2012/2013
con detalles precisos, con relacións de parentesco, fisicamente... Tamén utiliza para lle dar veracidade ao relato a presenza de determinados personaxes como o menciñeiro Secundino, autoridade na materia, que incluso mide a orella (non sabemos o resultado, por certo). O personaxe principal é Antón de Leivas. Aparece definido polo seu nome e a referencia da súa familia (Os Leivas), pola súa descrición física, na que sobresae o seu trazo diferenciador, a orella dereita, as súas relación de parentesco e mesmamente a súa personalidade, que intuímos no transcorrer da historia. O resto de personaxes aparecen con menos detalles, simplemente salientando aqueles elementos que nos interesan dado o seu papel no relato. Destacan as dúas mulleres, contrapostas: a viúva, aínda de bo ver, e María de Don, a futura esposa. Por outra banda, un personaxe colectivo, o pobo no seu conxunto, credor, fantasioso, ignorante, temeroso, paxolo, que se deixa levar. En contraposición, o cuñado de Antón, o elemento alleo. Alleo no vestir, na procedencia e na fala (fala castelán) xa que se trata dun emigrante en Venezuela. É distinto en todo e non goza das características dos demais. Non se deixa levar polo que todos cren e mantén unha postura de racionalidade e obxectividade. É quen nos alerta do caso de suxestión colectiva. Como contrapunto da autoridade dos médicos e do menciñeiro Secundino, das crenzas da aldea, aparece a “cultura” da gran cidade, de Caracas, representada polo irmán de María de Don. Os espazos nos que se desenvolve esta historia podémolos considerar en dous ámbitos: Por unha banda, o mundo galego, a realidade xeográfica da aldea, Vilarelle, en Lugo e de todas as referencias toponímicas. Por outra, o mundo de fóra, a cidade, Caracas, que aparece vinculada a través do cuñado de Antón, emigrante en Venezuela. Tamén a referencia do servizo militar, fóra de Galicia. A organización temporal está en función da posición do narrador. Este cóntanos unha historia acontecida anos atrás situándose no presente e omitindo a localización temporal exacta dos feitos. Sabemos dende o principio que hai un distanciamento temporal dos feitos con respecto ao presente, pero non hai unha data concreta. Esta dualidade entre o presente da narración e o pasado obsérvase moi ben se nos fixamos nos verbos empregados. Con isto vai permitir o xogo realidade-fantasía, situándose nun tempo pasado no que todo parece posible. En canto á estrutura do relato vemos unha vez máis o entronque cos modelos da literatura oral. Deste xeito, o relato comeza coa presentación directa do personaxe a través da súa descrición física e outras circunstancias. Logo, o desenvolvemento liñal da acción. Por último, un final anticlimático, cun toque de ironía, humor e certa complicidade: “un
4
Comentario básico para 4º de ESO; curso 2012/2013
célebre caso de sugestión colectiva”. Semella que soamente no país somos quen de observar a diferenza de tamaño das orellas; os de fóra non teñen a capacidade de percibir o meirande tamaño dunha delas. A preocupación de Cunqueiro pola súa linguaxe, o respecto que lle inspiraba a palabra, levouno a autodefinirse como un xardineiro da linguaxe. A súa escrita é extremadamente coidada e rica. Utiliza as palabras con precisión, palabras cheas de viveza, con todo luxo de matices que expresan eficazmente a maneira de ser dos seus personaxes e polo tanto do ser colectivo galego. Por veces atopamos trazos dialectais pertencentes á área mindoniense e tamén algunhas fórmulas case desaparecidas da fala que hoxe soamente lle escoitamos á xente vella. Por outra banda, predominan as solucións ortográficas normativas do momento, nun claro intento de fixar con rigor un galego estándar. En definitiva, como ben podemos observar neste relato, Cunqueiro realiza un magnífico traballo de literaturización da materia de tradición oral, cunha clara finalidade non exclusivamente lúdica, senón pretendendo indagar na alma do ser galego para, en conxunto, determinar o “paisano galego”. A imaxinación é utilizada como o único instrumento válido para nos achegar á complexidade do real: a imaxinación para producir visións non convencionais do noso mundo e da esencia do noso ser. Este talante credor e imaxinativo do noso pobo maniféstase claramente neste relato xa que, como posteriormente se nos explica, a anomalía (orella dereita) non será senón produto dunha visión enganosa que xera un proceso de suxestión colectiva.