Meigh@llo.com

Page 1

Meigh@llo.com Revista do IES Ramón Otero Pedrayo. A Coruña. Xuño de 2010. Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística.

1

Uxío Novoneyra: Letras Galegas 2010. Rafael Ramos entrevista ao abade do mosteiro de Oseira. Historias de San Amaro. Os vermes de seda causaron sensación en Santa Margarida. Vivir nun cadro, última produción de A Lagarada. Brais e Sergio, gañadores de Coca-coleando.


Día das Letras Galegas: 48 anos de historia. Segundo consta na Real Academia Galega (RAG), a historia do Día das Letras Galegas comeza formalmente en marzo de 1963, cando tres membros numerarios da Real Academia Galega, Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo, achegan unha carta ao presidente da institución, Sebastián Martínez Risco, coa proposta de declarar Día das Letras Galegas, o 17 de maio de cada ano, a partir do presente (1963), ano no que se conmemoraba o centenario da publicación do libro Cantares gallegos de Rosalía de Castro, a primeira obra mestra con que contou a Literatura Galega Contemporánea. A súa aparición veu a lle dar prestixio universal á nosa fala como instrumento de creación literaria. Representa, pois, un fito decisivo na historia da renacencia cultural de Galicia. Contaríase así, para o porvir, cunha xornada oficialmente dedicada a honrar os nosos libros. O día 17 de maio é o que figura na dedicatoria que Rosalía de Castro fai a Fernán Caballero na obra citada.

Francisco Fernández del Riego, membro numerario da RAG dende o 3/11/1960. Presidente da RAG dende o 29/11/1997 ata o 29/11/2001.

Pouco tempo despois, o 28 de abril dese mesmo ano, ten lugar unha Xunta ordinaria da Institución nos salóns municipais, sede da RAG ata o seu traslado á rúa Tabernas, na que se presenta a proposta anterior e se acorda declarar como Día das Letras Galegas o 17 de maio de cada ano.

Aquel primeiro ano de 1963 honrouse a figura de Rosalía con numerosos actos promovidos pola institución académica. Desde esta data e sen interrupción veuse dedicando anualmente o Día das Letras Galegas a unha figura senlleira da nosa cultura, elixida en Xunta ordinaria pola RAG tendo en conta o establecido nos seus estatutos: (Capítulo 1, Artigo 2): Son finalidades da Real Academia Galega Decidir a personalidade literaria á que cada ano se lle dedica o Día das letras Galegas. (Capítulo 2, Artigo 7) Na primeira reunión despois do Día das Letras Galegas, o Plenario da RAG escollerá o persoeiro a quen se lle dedicará esa conmemoración no ano vindeiro. A figura elixida deberá ser autora dunha obra relevante en galego e persoa de calidade cultural e humana que mereza propoñerse como exemplo á sociedade galega de hoxe. En calquera caso deben pasar dez anos entre a súa morte e a designación para ese día. As propostas, razoadas e asinadas por un mínimo de tres académicos, deberán incluírse na convocatoria do Plenario correspondente.

2


UXÍO NOVONEYRA EN TRECE FOTOGRAFÍAS Uxío Novoneyra nace en Parada de Moreda, no corazón da Serra do Courel, o 19 de xaneiro de 1930. En 1945 transládase a Lugo para estudar o bacharelato onde coñece ao seu compañeiro de xeración Manuel María. En 1947 a autora noiesa María Mariño marcha a vivir ao Courel, con quen Uxío establecerá unha gran amizade que deixará unha profunda pegada na obra de ambos os dous. De 1949 a 1951 está en Madrid. Acode como ouvinte ás clases de Filosofía e Letras e comeza a escribir en castelán. Inicia tamén a súa actividade de “decidor” de poesía. No ano 1952 regresa a Galicia e fai o servizo militar en Santiago de Compostela. Coincide de novo co seu amigo Manuel María e entra en contacto con figuras como o ensaísta e ideólogo Ramón Piñeiro, o pintor Carlos Maside e o patriarca don Ramón Otero Pedrayo. Todos eles terán gran influencia na futura obra de Uxío Novoneyra. De 1953 a 1962 permanece no Courel debendo gardar repouso debido a unha pleuresía. Este tempo de soidade, reflexión e profunda relación coa terra marcará xa para sempre o seu carácter. Escribe o libro Os eidos (Galaxia, Vigo, 1955). A obra, escrita entre 1952 e 1954, está dedicada a Carlos Maside e Ramón Piñeiro. Este último é o autor do prólogo. Volve a Madrid no ano 1962 onde permanecerá ata 1966. Traballa na radio e na televisión, asiste ás tertulias do café Gijón e relaciónase cos membros do grupo Brais Pinto: Reimundo Patiño, Ramón Lourenzo, Xosé Fernández Ferreiro e Xosé Luís Méndez Ferrín. Escribe Elegías de Madrid, que xunto con Primera verdad y tiempo con nombres e Elegías del Caurel conforman o libro editado en Madrid en versión bilingüe Elegías del Caurel y otros poemas en 1966. En 1966 retorna ao Courel. Morre o seu pai e logo a súa nai. En 1973 casa con Elba Rei con quen terá tres fillos. Cos poemas do ciclo courelao posteriores á publicación do primeiro libro, escritos entre 1954 e 1957, xunto con outros máis recentes e de marcado signo político, publica Os eidos 2 (Galaxia, Vigo, 1974), ilustrado con debuxos de Laxeiro e dedicado á memoria dos seus pais e de María Mariño.

Os eidos 2 leva o suxestivo subtítulo Libro de olladas. Está organizado en seis partes, catro relativas ao ciclo de os eidos: Serra aberta, Follas de cantigas, Diario de enfermo e Don do silencio, e dúas de nome cívico: Letanía de Galicia e outros poemas e O Laxeiro pintor dunha Galicia. En 1979 publica Poemas caligráficos. Na obra aparecen conxugadas as dimensións política e gráfico-visual. O limiar Signos no vento, signos no tempo é de Reimundo Patiño. Contén citas de Luís Seoane e un debuxo de Patiño. Tamén un álbum fotográfico de Novoneyra no Courel e con Elba. O libro divídese en dúas partes: Vietnam canto e Poemas caligráficos.

3


No ano 1985, Edicións Xerais publica unha recompilación ampliada de Os eidos. Libro do Courel que inclúe unha escolma de comentarios críticos, un glosario, un poema caligráfico, tres retratos seus, ilustracións diversas e ata unha partitura musical. Afincado definitivamente en Santiago de Compostela, exerce a presidencia da Asociación de Escritores en Lingua Galega dende 1982 ata a súa morte en 1999. Na segunda metade da década dos oitenta comeza unha reagrupación temática da súa obra: Muller pra lonxe (1986) recolle os seus poemas eróticos e amorosos. Do Courel a Compostela (1988) recolle as composicións de temática política, acompañadas dunha escolma de textos críticos de varios autores, fotografías, etc. Tamén unha versión bilingüe galego-éuscaro da serie courelá, Bazterrak/Os eidos I e II. Nos anos noventa dá a coñecer dúas publicacións de literatura infantil, O cubil do xabarín e Gorgorín e Cabezón, dous contos de aventuras protagonizados por rapaces e rapazas e ambientada no Courel. En 1994 publícase a súa última entrega poética individual, Poemas da doada certeza i este brillo premido entre as pálpebras. En 1995 publícase o poemario de temática compostelá e autoría colectiva Camelio xaponés, que reúne en edición bilingüe galego-nipona versos de Ayako Sugitani e de Novoneyra. En 1997 publica unha nova entrega de literatura infantil, Ilda, o lobo, o corzo e o xabarín. No 1997, dúas entregas poéticas, Betanzos: Poema dos Caneiros e Estampas, e Onde só queda alguén pra aguantar dos nomes. En 1998, o libro de conversas con Emilio Araúxo Dos soños teimosos. En 1999, ano do seu falecemento, o libro póstumo Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas que recolle diversas mostras poéticas.

Letanía de Galicia GALICIA digo eu / un di GALICIA decimos todos hastra os que calan din e saben

GALICIA GALICIA GALICIA sabemos

GALICIA da door chora GALICIA da tristura triste GALICIA do silencio calada GALICIA da fame emigrante GALICIA vendada cega GALICIA tapeada xorda GALICIA atrelada queda libre pra servir libre pra non ser libre pra morrer libre pra fuxir

á forza á forza á forza á forza á forza á forza á forza

libre pra servir libre pra non ser libre pra morrer libre pra fuxir

GALICIA labrega GALICIA nosa GALICIA mariñeira GALICIA nosa GALICIA obreira GALICIA nosa

GALICIA irmandiña GALICIA viva inda recóllote da TERRA estás mui fonda recóllote do PUEBLO estás n’il toda recóllote da HISTORIA estás borosa recóllote i érgote no verbo enteiro no verbo verdadeiro que fala o pueblo recóllote pros novos que vein con forza pros que inda non marcou a malla d’argola pros que saben que ti podes ser outra cousa pros que saben que o home pode ser outra cousa sabemos que ti podes ser outra cousa sabemos que o home pode ser outra cousa

4


Rafael Ramos, de 4ºA, entrevista ao abade do mosteiro de Oseira O martes 27 de abril, alumnos e alumnas de 4º da ESO do noso instituto Otero Pedrayo participamos no roteiro oteriano. Ademais do pazo de Trasalba, lugar onde Otero Pedrayo desenvolveu parte da súa vida, percorremos os lugares máis significativos da cidade das Burgas, a vella Auria recreada literariamente por Blanco Amor, e tamén visitamos o mosteiro de Oseira. O mosteiro de Oseira está situado na parroquia de Cea, a 27 km de Ourense, nun lugar abrupto e orixinariamente illado e de difícil acceso, de aí o seu nome. A súa actividade monástica iníciase no ano 1137 e no 1141 intégrase na orde do Císter. O mosteiro é unha pura mestura de estilos arquitectónicos: hai trazos do románico, elementos do gótico, figuras do barroco… Pasou por moitas etapas e, logo de moitos anos de abandono, iniciouse en 1966 un proceso de restauración modélico que nos leva a afirmar que estamos ante unha das xoias arquitectónicas máis importantes de toda a Península. O abade do mosteiro, o “Padre” Juan Javier Martín, concedeunos amablemente unha entrevista. O primeiro que me sorprendeu foi a súa idade e o seu aspecto xovial, próximo, amigable... Esperaba un abade de máis idade, distinto. O seu hábito trapense e quizais o seu peiteado, indefinido por ter o pelo moi curto, eran os únicos elementos que o diferenciaban de calquera outro visitante. El mesmo comentou que quizais eu agardaba un abade vello, de barba branca, enxoito, curtido polas engurras do tempo... Pasamos a unha sala ampla, ben decorada aínda que con austeridade. Unha grande mesa preside o espazo no que hai libros antigos, grosos, encadernados á vella usanza. Axiña comezamos xa que había moi pouco tempo: ¿Cando decidiu facerse monxe? Eu, en realidade, nunca pensei que sería monxe. Estudei no colexio dos maristas en Toledo, logo do bacharelato estudei empresariais tamén en Toledo. Cando estaba rematando sentín a chamada de Deus para continuar a miña vida desta maneira. Foi algo moi fermoso, marabilloso e tamén inesperado o que me aconteceu. Resulta moi difícil de explicar. De súpeto todo cobrou sentido para min. Non tiven ningunha dúbida ao respecto. ¿Non hai unha motivación de fuxida, de refuxio na vida monástica? En absoluto. Eu era un mozo normal, como tantos outros. Estaba dedicado aos meus estudos e recibín unha chamada interior que me conduciu á necesidade de

5


transcender da vida cotiá a través da espiritualidade, da oración e do exemplo da vida de Cristo para así lograr a unión co Deus creador. ¿ Canto tempo leva vivindo neste mosteiro? Levo aquí, no mosteiro de Oseira, dende o ano 2007, uns tres anos e medio, pero se te refires a canto tempo levo dedicado á miña vida como monxe, pois dende o ano 1993, dezasete anos. ¿Cantos anos ten, logo? Teño 41 anos. (A verdade é que non os aparenta) Vostede é o abade do mosteiro, ¿que tivo que facer para ser abade? Para subir postos na escala eclesiástica o que hai que facer é estudar, así estudando e estudando progrésase e ascéndese. Non obstante, para ser abade hai que ser elixido polos monxes. Fun elixido polos meus “irmáns” e aquí estou. ¿Que significa ser abade? Significa ser o pai, o responsable do mosteiro, o guía da congregación. É especialmente significativo para min xa que non son o abade de máis idade e es considerado o “padre” por elección dos teus irmáns. ¿Cantos monxes hai en Oseira? Actualmente somos trece. Somos de varios lugares de España; eu, por exemplo, son de Toledo, hai un de Rianxo, outro de Almería, de Astorga… Tamén hai un monxe portugués. ¿Cal é o lugar deste mosteiro que máis lle gusta ou no que pasa máis tempo? Se che digo a verdade, dentro do mosteiro non teño ningún lugar favorito ou preferido. Estea onde estea síntome cómodo e agradable, pois todo isto é para min como unha gran casa e nunha casa en todos os recunchos onde te atopes vaste sentir descansado, cómodo e tranquilo. Pero no exterior si que teño un lugar predilecto no que me gusta estar. É un outeiro que está polos arredores deste mosteiro. Chámase O Penedo; dende alí vese todo o mosteiro. É unha fermosura de lugar e sempre que podo vou alí, porque é un lugar tranquilo e solitario no que me encanta pasar o tempo.

6


¿Sabe quen fundou o mosteiro? Comezou a súa andaina histórica no ano 1137, cando un pequeno núcleo de monxes (o Pai Roberto, o Pai Alberico e o Pai Esteban) se retiraron á soidade para vivir a experiencia de Deus. Estes frades rexéronse pola Regra de San Bieito: os monxes volvían ás súas fontes, a traballar a terra, a regala, a cultivala… Volveron a uns ideais antigos de pobreza e oración. Nun principio estes tres monxes comezaron con edificios moi modestos. Logo foron ampliándose grazas ás doazóns que se fixeron e ao labor dos propios monxes. O templo monástico, construírono nas últimas décadas do s.XII e nas primeiras do XIII. Despois do Escorial é o de maiores proporcións de España. ¿Por que decidiu vir para este mosteiro concretamente? En realidade non vin establecerme aquí por decisión propia. Foi o meu “titor” quen me fixo a proposta. A pesar de que temos a norma de estabilidade, cando falta xente nun mosteiro mándase xente para alí, como foi no meu caso. ¿Vostede, ademais de monxe, é crego? Efectivamente, fun ordenado sacerdote; por esa razón son “padre”. No mosteiro, dos trece monxes, sete somos ademais sacerdotes. Os monxes que non están ordenados tratámolos como “irmáns”. ¿Como é aquí a xornada dun monxe un día cotiá? Erguémonos ás 4:15 da madrugada; soa a campá do mosteiro a esa hora. Ás 4:30 temos as vixilias, que son oracións nocturnas nas que collemos a biblia e lemos repousadamente e con calma. Ás 7:00 temos a hora das Laudes, un momento de gozo festivo que precede á celebración da eucaristía. Almorzamos sobre as nove da mañá, xantamos ás dúas e ceamos ás oito. Durante o día temos varias misas que as chamamos polas horas que recibía antigamente cada momento do día: o oficio de Tercia, o oficio de Sexta… e dedicámonos ás nosas tarefas específicas. Cada monxe ten o seu cometido. A nosa vida cotiá resúmese en tres palabras: oración, traballo e lectura. Sen tempo para máis preguntas, despedímonos do abade e incorporámonos á visita guiada do mosteiro. Por certo, o abade que exerceu de guía demostrou a súa calidade humana e tivo, do mesmo xeito que o abade, un trato exquisito con todos nós. Incluso, ao finalizarmos a visita, agasallounos cunha pequena pintura a cada un de nós. Era o irmán Luis, que ademais de monxe é pintor. Rafael Ramos.

7


Vivir nun cadro, última produción do grupo de teatro A lagarada

8

Sempre admiramos a ARTE. Pero ¿Que hai detrás dunha obra de arte? ¿Cal é a historia de cada unha desas obras de arte que colgan das paredes dos nosos museos? As Meninas é un deses cadros que non nos deixan indiferentes: os seus personaxes e as relacións que se establecen entre eles, o mundo que representan, a súa luz e a súa sombra, o seu sentido…, sempre foron un misterio para nós. A pesar do paso do tempo, o cadro conserva ese atractivo que fai que non deixemos de ollar para el tentando explicarnos o que quixo facer realmente o seu autor. Propoñemos unha viaxe no tempo, ata o reinado de Filipe IV, o penúltimo dos reis da monarquía dos Austrias, época de luces e sombras. Estamos no ano 1656 e Velázquez, pintor de cámara do rei, recibe o encargo de facer unha pintura sobre a familia real, unha familia real un tanto peculiar, xa que nela aparecen a infanta Margarida, filla pequena do rei, as súas meninas, o seu paxe, a súa bufona e o can, vixiados de cerca pola camareira e o gardadamas da infanta, e polo propio pintor. Todos eles semellan estar tranquilos e felices por ser contemplados por milleiros de visitantes ao museo…., mais de súpeto comezan a falar, comezan a moverse, cobran vida e queren saír do cadro. Asistimos á súa rebelión, escoitemos atentamente o que nos din…


O día 8 de marzo conmemorouse o Día Internacional da Muller. As alumnas e os alumnos de 3ºD fixemos varios carteis co lema: Educar en igualdade. Velaquí tedes unha mostra.

As mulleres como obxecto sexual dos homes: ¿Cres que o aspecto físico é o máis importante?

AMOSA A TÚA FORZA: Os dereitos humanos da muller son parte inalienable, integrante e indivisible dos dereitos humanos universais.

O machismo mata: As mulleres son inferiores e deben obedecer aos homes. As tarefas domésticas e os fillos "son cousas de mulleres". A muller debe seguir o marido, aínda que teña que renunciar aos seus proxectos. O máis importante na vida dunha muller é casar.

A situación das mulleres ten avanzado moi significativamente dende que se fixo visible, non entanto aínda hai moito que facer para que a igualdade entre homes e mulleres sexa real.

En todo o mundo as educadoras son maioría. Pero iso non evita que a ensinanza teña un carácter sexista, pro masculino e discriminador difícil de corrixir. O machismo sobresae nos libros didácticos, onde personaxes femininas aparecen máis no ámbito familiar, en traballos domésticos, como seres pasivos e servís.

A mellor conmemoración é a nosa actitude.

Corresponsabilízate

9


CORRELINGUA 2010

A forza do noso amor

10

CORRELINGUA é a denominación que a partir de 2001 adoptaron as diversas carreiras a prol do galego. Trátase dunha proposta lúdica, educativa e reivindicativa que convida especialmente á mocidade a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego. A única forma de garantir o seu futuro é a través do seu uso. Como sempre, dende a primeira convocatoria, o noso centro participou na carreira pola lingua e fixo seu o manifesto elaborado polo IES Porta da Auga, de Ribadeo: Somos un grande equipo, o Equipo do Correlingua. Os que desde A Coruña, Baixo Miño, Ferrol, Vigo, A Mariña, Pontevedra, Lugo, O Salnés, Ourense e Santiago xuntamos as nosas voces para berrar alto e forte:

Galiza,

a forza do noso amor non pode ser inútil.

A nosa proposta é clara, díxonola Manuel Antonio: “A nosa fala é nosa, pospola a calquera outra é unha forma de suicidio” Libraremos a batalla se libres quixermos ser facéndolle honor ao seu lema, evitando o xenocidio.

Feixoo co seu “Decretazo” pretende facernos memos vendéndonos trilingüismo

para evitar o galego

O xogo non será fácil, os adversarios son traidores, pero temos xuventude, somos moitos, somos fortes; xogamos no noso campo e temos por adestradores a Pondal, a Rosalía, a Daniel e Airas Nunes. Rompamos as barreiras, xa estamos fartos:

Falar queremos galego como os nosos antepasados

Zoa no ar un tempo de represión. Mais Galiza, non teñas medo, que te imos defender “Nunca máis” permitiremos que eses verdugos crueis amordacen a túa lingua, nos repriman por ser fieis. Formamos un bo equipo disposto a te protexer.


A vitoria está cantada, o xogo témolo nós. Xa toca a “Alba de Gloria” do noso querido Daniel oxalá que co seu “Ollo de vidro” el nos estea a ver e poidamos redimilo do seu destino tan cruel.

Dabondo nos maltrataron nos anos da Ditadura á que pretenden regresarnos vendéndonos inter-cultura. O

inglés, ninguén dubida, lingua moi útil é, que sen minguar a nosa propia, ninguén rexeita aprender.

Nunca aprenderás a hablar”. “Hable bien, sea patriota” “Eso no es un can, que es un perro, la laverca es una alondra”. Con esas armas proclamaron a vitoria. Minguando a nosa estima,

ensumindo a nosa gloria.

O nó que sen atar nos una é o nó que nós queremos, o que nos trouxo hoxe aquí: A defensa do galego Somos unha xeración de galegos preparados, a gramática coñecemos, da nosa historia sabemos. Por usar a nosa lingua quen se atreve a insultarnos? Se nos deixamos gañar, non seríamos desleixados?.

O correlingua camiña contigo, Uxío, do Courel a Compostela polas terras liberadas, esas que vós liberastes coa arma das vosas palabras.

A nosa gran Rosalía xogou no Olimpo moi soa e por iso foi alcumada como “a pobriña da tola”. Semente foi dunha estirpe de poetas emprendedoras

que coa súa lingua tecen a arma máis poderosa.

Mal de linguas din algúns, os que non queren entender que a multitude de linguas é en si un grande ben do que goza a humanidade para chegar a comprender a complexidade do mundo no que lle tocou nacer.

O dito ben dito queda. Xa é a hora da despedida. Agardamos terche aclarado algunha das túas dúbidas para que a partir de hoxe na casa, cos amigos e amigas fales galego por sempre, que o galego tamén liga

Rematamos esta historia Berrando ben alto e forte Para que todos nos oian: “Galiza, a forza do noso amor non pode ser inútil”

11


Por Cintia García -Había unha vez… Non, non, non me convence… - Hai moito tempo… Tampouco, é unha cousa actual… ¡Ummm! Non sei como empezar… ¿Que tal un “ola mozos e mozas”?... ¡Perfecto! ¡Ola, mozos e mozas! Son o galego e vouvos contar a miña historia; ¡espero que vos guste! Son unha lingua que descende do latín, orixinaria de Galicia. Sempre fun moi querido polas familias galegas, pero houbo unha época denominada “Os séculos escuros” na que estaba prohibido usarme. Nesa época, de non ser porque algunhas persoas me falaban en segredo (por certo, ¡grazas!) tería desaparecido. Actualmente hai moitos debates sobre min. Uns pensan que se me utiliza moito, que se debería utilizar máis o meu amigo o castelán, e outros, que aparezo o necesario. Eu estou feito un lío, xa non sei que facer. Penso que aínda que se fale o castelán non vos debedes esquecer de min; porque eu son unha parte de vós. E ti, ¿que opinas?

A maldición do Orzán Dous heroes populares Lara Pérez Tomé

A xornada transcorría con total normalidade para Francisco Alcaraz Fernández, un albanel que estaba traballando nas obras de construción das escolas da Garda, o mércores 25 de agosto de 1897, ata que escoitou os berros e a desesperación da xente que se arremuiñaba na praia do Orzán pola desaparición de tres mulleres que se estaban a bañar nas augas escuras e salubres do mar. Sen pensalo dúas veces descolgouse por unha das ventás do edificio e espíndose a toda présa meteuse intrepidamente no mar nadando con forza cara ao lugar no que se somerxía unha das mulleres desaparecidas. A pesar do seu intento, non puido rescatar a muller e ambos morreron afogados. Os periódicos da época deron cumprida información da traxedia. La Voz de Galicia, no seu número do 26 de agosto de 1897, daba conta do suceso con estas palabras: "Un lamentable suceso, de funestos precedentes de aquel lugar, ocorreu na mañá de onte na praia do Orzán".

A información detalla que o suceso aconteceu ás sete e media da tarde nunha zona da praia na que existen unhas rochas e os restos dun peirao, preto do instituto da Garda. Tres mulleres foron a tomar os baños nese lugar no que as ondas batían bravamente. Outros obreiros con cordas foron quen de rescataren con vida a dúas das mulleres. A pesar dos intentos, non se puideron rescatar os cadáveres dos afogados, aínda que si as súas vestimentas. O día 26 de agosto dese mesmo ano, o concello da Coruña acordou prohibir os baños no lugar onde sucedeu a desgraza e tamén colocar na zona cordas e salvavidas e ata unha choupana na que se puidesen cambiar de roupa gratuitamente os bañistas das praias do Orzán e San Roque. Tamén se decidiu ampliar e reforzar o rompeondas. Un ano antes, o neno Juan Darriba Fernández, de once anos, morrera afogado do mesmo xeito no intento de salvar a unha muller que estaba tomando os baños na mesma zona. Sendas placas colocadas polo concello da Coruña nas tumbas de San Amaro nas que repousan os restos de ambos heroes populares, o neno Juan Darriba Fernández e o señor Francisco Alcaraz Fernández, nos recordan estes feitos.

12


Cheira que fede na Ría do Burgo

Por Ariadna Carreras Someso

A Ría do Burgo atópase dende hai anos nun lamentábel estado de contaminación. Os continuos verquidos de augas residuais procedentes dos diversos concellos da comarca da Coruña son os principais responsábeis. Ademais do tremendo impacto ambiental que isto implica, debemos considerar tamén as repercusións negativas que teñen sobre a actividade pesqueira, xa que se trata dunha zona tradicional de marisqueo, actividade da que subsisten moitas familias na bisbarra. Son máis de 400.000 habitantes da área coruñesa os que verquen directamente ao mar as augas residuais. Esta acción está provocando graves consecuencias ambientais e económicas sobre a pesca, o marisqueo e o turismo en toda a zona. A estas alturas xa debería estar funcionando a nova estación depuradora de Bens e arranxado o emisario submariño. Pero a realidade estanos a demostrar a cotío que o problema, lonxe de se solucionar, cada vez se complica máis. Basta con dar un paseo pola ría para comprobarmos que existen emisarios de augas residuais que corren a “caño libre” e así “cheira que fede”. Por mor da constante e crecente preocupación social deste grave deterioro da Ría, constituíuse unha plataforma na que se integran numerosos colectivos, para a súa defensa. O fin non é outro que demandar a firme actuación na aplicación da lei para os causantes directos e indirectos de verquidos á Ría, a finalización do proxecto integral de saneamento e a posta en marcha dun plan de rexeneración medioambiental e de limpeza integral da Ría do Burgo para o goce e lecer da cidadanía e a recuperación dos bancos de marisqueo.

¿ Cambio climático? O cambio climático é a maior ameaza medioambiental á que se enfronta a humanidade. Cando falamos do cambio climático podemos referirnos a moitas cousas diferentes, aínda que relacionadas, por iso é moi importante precisar o que se entende por esta denominación xenérica. Acudindo á definición internacionalmente aceptada, diremos que nos referimos ao cambio climático cando este é atribuído directa ou indirectamente á actividade humana que altera a composición da atmosfera mundial e que se suma á variabilidade natural do clima observada durante períodos comparables. Feita esta aclaración, concluímos que na actualidade existe un forte consenso científico en canto a que o clima global do planeta verase alterado significativamente no transcorrer do século XXI como resultado do aumento de concentracións de gases invernadoiro que se espera que farán aumentar a temperatura planetaria entre 1,5 e 4,5 ºC. Como resposta a isto, estímase que os patróns de precipitación global tamén se alteren. Aínda que existe un acordo xeral sobre estas conclusións, hai unha gran incerteza con respecto ás magnitudes e as taxas destes cambios.

Por Lara Cea García

O grao de optimismo varía dependendo dos intereses que se defenden, ( ecoloxía e medio ambiente, ou económicos). A incerteza seguirá durante anos con respecto ás implicacións que este cambio climático traerá a longo prazo e os desequilibrios económicos que provocará nos países que dependan fortemente dos recursos naturais. Outras consecuencias máis directas sobre a humanidade poden ser a expansión da área de enfermidades infecciosas tropicais, inundacións de terreos costeiros e cidades, tormentas máis intensas, a extinción de incontables especies de plantas e animais, fracasos de cultivos en áreas vulnerables, aumento de secas, etc. Do que podemos estar seguros é da globalización dos problemas ambientais, xa que é imposible e inútil resolver estes problemas ambientais se non é unha empresa que involucre a todas as nacións. ¿Estamos a tempo de buscar solucións aos problemas de adelgazamento da capa de ozono, ao quecemento global, ás alteracións climáticas devastadoras...?

Esperemos que sexa así, non é demasiado tarde aínda.

13


Famosos de 1/2 pelo Son coñecidos, aínda que en moitos casos, se o pensamos detidamente, non entendemos moi ben por qué. En España, máis que en calquera outro país, o negocio do famoseo lanzou ao estrelato aos personaxes máis anódinos e variopintos que nos poidamos imaxinar. Por un tempo, convértense en auténticas estrelas mediáticas, con hordas de seguidores, inimigos, simpatizantes, detractores... En todos os casos non resultan indiferentes e acompañan as sobremesas de demasiados fogares. Que hai xente capaz de chegar ás maiores baixezas para ser famosos e saír na televisión é algo que a sociedade está a asumir con certa naturalidade. A maldade e o descaro son o patrón dos programas que copan as bandas horarias da tarde aos que todos teñen acceso. Se queres unirte a esta tropa segue estes consellos: Bota moza, ou mozo. Engánao con outro/a. Cóntallo a todo o mundo con todo luxo de detalles. Por suposto, insulta e utiliza unha linguaxe moi… expresiva. Logo, diante de todos, entre bágoas, di que estás arrepentido/a. Fala todo o mal que poidas dos demais. En realidade ti es a vítima e como tes moita personalidade non fas máis que defendéreste dos ataques dos envexosos. Cos cartos que saques dos primeiros programas, pasa polo quirófano. Cambia de peitado a miúdo. Usa roupa suxerinte e nunca repitas modelo. Atrévete a cantar e bailar, aínda que o fagas ben. Se queres chegar ao máis alto, báixate os pantalóns, ou o que leves. Ensina as túas… vergoñas. Xa sabes, móstrate como unha persoa groseira e sen a máis mínima educación e respecto cara aos demais. Causarás sensación e todos os acomplexados sentiranse consolados ao te veren na televisión facendo o ridículo. Dese modo todos felices e contentos. Mañá será outro día... ¡Vaia tropa! Mellor será que estudemos. Adriana Torres Gómez

Ed. Lüttrinhausen Kapitän das “Belgrano” Alemaña, 1869 – A Coruña, 1918 Mayrenny Costa Silva O día 27 de febreiro de 1918 faleceu na Coruña o señor Eduard Lüttrihausen, capitán do vapor alemán “Belgrano”, quen desde o 2 de agosto de 1914 residía na cidade, xa que debido á II Guerra Mundial o cargueiro que capitaneaba quedou retido no porto coruñés durante todo o tempo que durou a contenda. Segundo os xornais da época, era un home franco, expansivo e xovial que alternaba con cantas persoas coñecía. Estaba considerado un veciño máis da Coruña. A súa morte causou fondo pesar e o seu pasamento foi seguido por numerosos cidadáns, xa que gozaba de moitas amizades.

Foron publicadas varias esquelas mortuorias no xornal La Voz de Galicia do día 28, unha da compañía Hamburguesa Sud Americand e outra do cónsul do imperio Alemán. A estadía do “Belgrano” na nosa cidade constituíu todo un acontecemento ao longo dos anos que estivo atracado forzosamente no porto coruñés, incluso como cúmulo de desgrazas xa que na madrugada do 29 de novembro de 1915 apareceron afogados 13 mariñeiros do dito vapor alemán. A traxedia aconteceu cando embarcaron en Santa Cruz de Mera nunha embarcación auxiliar para regresar a porto, despois de teren gozado dunha xornada de festa na veciña localidade. Foron enterrados o día 30 de novembro no cemiterio civil. Especialmente sentida foi a morte do terceiro oficial do “Belgrano”, Herman Wiegel, quen proximamente casaría cunha moza de Santa Cruz. Soamente faltaban uns documentos que xa saíran de Alemaña. Os actos fúnebres, seguidos por centos de coruñeses, foron presididos polo cónsul de Alemaña na Coruña, don Felipe Rodríguez e o capitán do “Belgrano”, o citado Herr Lüttringhausen.

14


Excursión ao Pico Sacro

por Santiago Alonso

O día 11 de maio de 2010, algúns dos meus compañeiros e compañeiras de 2ºC e doutros cursos fomos ver o Pico Sacro, o Centro Equino de Razas Galegas, o Centro de Interpretación do Pico Sacro e o Museo de Ciencias na facultade de Química da USC en Santiago de Compostela. Primeiro fomos ao Centro Equino de Razas Galegas. Alí puxéronnos un vídeo da “rapa das bestas” e do “curro”. Tamén vimos como facían exercicio os cabalos. Ademais vimos un pequeno museo que tiña o fermoso carro de cabalos onde don Ramón Otero Pedrayo se transladaba. Para nós isto foi moi importante, xa que don Ramón dálle nome ao noso instituto. Pero a mellor parte foi cando nos fixeron unha demostración soamente para nós, con dous cabalos moi fermosos: como é un adestramento, o paso español, ir cara diante, cara atrás, de medio lado e mesmo que o cabalo faga o morto. ¿Sabiades que o burro é máis listo có cabalo? ¿E que os cabalos de pura raza galega son ou marróns, ou negros? De alí fomos ao Centro de Interpretación do Pico Sacro, onde nos explicaron moitas cousas sobre este mítico lugar, ao abeiro do cal existen moitas lendas. Acto seguido subimos ao alto do pico e alí tomamos a comida: ¡Que fame tiñamos! Despois de xantar subimos ata o cume; ten unhas vistas maravillosas. Dende alí puidemos facer unhas fotos panorámicas de primeira. Iso si, ¡esta subida non é apta para persoas con dores nas pernas! Para finalizarmos a excursión, visitamos a exposición que se atopa no Museo de Ciencias Químicas que está en Santiago e é de balde. Está aberto soamente pola semana. Alí, Martín, un mozo moi simpático, explicounos cada unha das salas: A primeira contiña especies de animais e cunchas de todo o mundo. A segunda, as especies de Galicia, ademais dalgúns insectos de Galicia e do mundo. Na última sala estaban os minerais e os vexetais. Cando rematamos, saímos fóra e Martín ensinounos algunhas árbores do xardín de enfronte da facultade. Finalmente voltamos para A Coruña, cansos e contentos. ¡Un día completo!

15


Concurso Coca-Coleando 2010 Co gallo do desenvolvemento da XV edición do Día da Ciencia na Rúa levouse a cabo na Coruña, un ano máis, o concurso Coca-Coleando. Este concurso, no que participan equipos de secundaria e bacharelato de toda a cidade, consiste na elaboración dunha reportaxe xornalística baseándose nas respostas e solucións dadas a unha serie de cuestións formuladas polos distintos museos científicos da cidade. Os equipos dispoñen dun tempo máximo de seis horas para percorrer a cidade, resolver as distintas cuestións e documentar o seu posterior informe de 20 folios, para a elaboración do cal dispoñen de dúas horas adicionais. As cuestións formuladas nesta ocasión polos responsables da Domus, da Casa dos Peixes e da Casa das Ciencias conducían aos participantes (equipos de 2 membros) a teren que demostrar que a nosa cidade é un ecosistema. Para iso había que demostrar: A.- Parte biótica: Diferentes reinos de seres vivos que se atopan na nosa cidade.

B.- Parte abiótica: Rochas predominantes.

C.- A cidade ecolóxica.

D.- Formas xeométricas.

*Para documentar o noso traballo tomamos un total de 25 fotografías, das cales empregamos 16.

No traballo presentado valorábase a súa presentación, o contido fotográfico, a montaxe, a explicación gráfica, a certeza das respostas ás preguntas e a indagación realizada. Dos 18 equipos participantes, tres eran do noso instituto. Nós tivemos a sorte de sermos declarados primeiros e fomos agasallados con cadanseu “iPod nano”. Brais García Lamas e Sergio Hermida Tajes, 4ºB

CRISPÍN D’OLOT. Por Begoña Valdés. O 26 de marzo tivemos ocasión de facer unha marabillosa viaxe no tempo, a través da historia, da literatura da poesía e a memoria , da imaxinación e a ilusión creada polo trobador Crispín D’Olot. Ademais da súa capacidade para transmitirnos unha chea de sensacións diferentes coa súa palabra, Crispín nos fixo sentir, oír, ver, rir e sufrir cos pesares dos personaxes que interpretou durante a hora e media que durou o seu espectáculo. Lembramos a nosa historia coas aventuras feitas romance das Tres morillas de Xaén , e de Don Rodrigo Díaz de Vivar, que tamén nos lembrou Antonio Machado. Coñecemos de cerca a Gerineldo e ao Conde Olinos. Compartimos conversa co cego que nos presentou ao Marqués de Santillana por medio da súa vaquera de la Finojosa, e paseamos por Sotosalbos coa serrana máis fermosa e ousada da Idade Media da man do Arcipreste de Hita . Dialogamos con Trotaconventos, e choramos pola súa morte co Arcipreste de Hita e un século despois, xa convertida en Celestina deunos novas da sorte de Calixto e Melibea. Espertou a nosa alma durmida lembrándonos aos que nos deixaron, pero que

axiña volveremos ver da man das Coplas de Jorge Manrique…. …E aquí Crispín deunos un respiro para presentarnos a Dona Imprenta de Maguncia, que alá polo século XV veu darlle unha volta ás nosas letras. Recuperamos o alento de vida coas “Dulces prendas por mi mal halladas” de Garcilaso de la Vega. A picaresca do século XVI fíxose presente pola palabra na “Cantiga do estudante” coa compaña de dúas culleres de pau como único instrumento musical. Sentimos os efectos do amor de Lope de Vega por boca dun defuntiño con forma de esqueleto, rimos coas burlas máis amargas de Quevedo no “Epitafio na tumba dun pederasta” e coñecemos ao Góngora máis pícaro coas cantigas “Yo lo vendo por travieso…” e “Dígame dama fermosa que cosa es cosa”. Puidemos ver e oír a caixa, a guitarra, a zanfona, a cítara, o almirez, as culleres de pau, a frauta de tres buratos,… e por enriba de todo tivemos a sorte de ver como os textos máis relevantes da nosa literatura cobraban vida na voz dun trobador do século XXI. E por enriba de todo tivemos o privilexio de compartir unhas horas cun ser humano excepcional. Grazas Crispín.

16


O papel dos vermes de seda no Día da Ciencia na Rúa. Alberto Novoa Abelleira

O día oito de maio, o noso instituto participou no XV Día da Ciencia na Rúa. Participamos con numerosas actividades de diferentes departamentos, sendo, a teor do gran número de visitantes que tivemos e dos parabéns de todos, un dos postos máis destacados de todos os alí presentes. Entre os nosos proxectos estaban uns experimentos de reaccións químicas e físicas e de fabricación de xabón, por parte do departamento de Física e Química. Uns enxeñosos e entretidos xogos e desafíos matemáticos, por parte do departamento de Matemáticas. Impresionantes proxectos tecnolóxicos realizados nestes dous últimos anos, por parte do departamento de Tecnoloxía. E, os auténticos protagonistas do evento, uns comellóns vermes de seda que se dedicaron durante todo o día a comer e a atraer a atención da xente cara ao noso posto, por parte do departamento de Bioloxía e Xeoloxía. Estes vermes son, nin máis nin menos, os descendentes de dez exemplares que chegaron hai dous anos ao instituto e que ampliaron rapidamente o seu número, pese a que a maioría dos vermes nados no ano pasado foron tamén agasallados nesta mesma conmemoración científica. Durante boa parte do terceiro trimestre, os alumnos e alumnas que participamos nas actividades deste departamento, tivemos que sufrir o crecente padecemento de alimentar e coidar esta “adorable” praga, que reclamou o seu alimento (follas de moreira) tres veces diarias. As pólas inferiores da moreira do noso instituto quedaron literalmente “peladas”. Pero o esforzo mereceu a pena, xa que ademais de librármonos deles, logramos que moitos nenos e nenas (algúns non tan nenos) se interesaran por eles. Ao longo de todo o día oíronse instrucións dadas polos participantes para indicar principalmente onde se podería atopar a moreira para a alimentación dos vermes e os diferentes coidados que precisaban, que tamén estaban recollidos nunha folla informativa que entregabamos xunto cunha caixiña chea de vermes. Finalmente gardamos uns cantos nunha caixa, destinados a se reproduciren para os expoñer o ano que vén. Á parte do noso instituto tamén queremos destacar outros centros con interesantes estudos sobre a Bioloxía. O IES David Buján, de Cambre, que coa axuda dun microscopio mostrábannos o modo de vida das artemias ou monos de auga (unha especie de crustáceo), e o CEIP A Rabadeira, de Oleiros, que levou cágados nun acuario.

17


(Alumnos e alumnas de 3ºD)

O CAMIÑO DE SANTIAGO

O Camiño de Santiago é o percorrido que realizan os peregrinos dende todos os confíns de Europa para se dirixiren a Santiago de Compostela e visitaren a tumba do Apóstolo Santiago. A partir do século IX forxouse como unha das rutas de peregrinación máis importantes de Europa, converténdose na verdadeira espiña dorsal dos reinos da península Ibérica. Tras un longo período de ostracismo, o Camiño de Santiago volveu a rexurdir con forza nas últimas décadas do século XX grazas ao pulo de amantes do mundo xacobeo, de asociacións e confrarías xacobeas, de administracións públicas e da Igrexa. A descuberta do sepulcro do Apóstolo Santiago, fillo de Zebedeo e irmán de Xoán Evanxelista, transformou un humilde asentamento galaico de orixe romana nun lugar coñecido en toda Europa e que co paso dos séculos se converteu na actual Santiago de Compostela. No ano 813 despois de Cristo, o bispo de Iria Flavia, Teodomiro informou ao rei asturiano Afonso II O Casto da descuberta dunha tumba que contiña os restos mortais do apóstolo Santiago. O monarca fixo construír daquela unha pequena igrexa que deixou baixo a custodia de monxes beneditinos. Iniciouse entón a ruta compostelá, o chamado Camiño das estrelas. Antes de rematar o século IX, Afonso III O Grande encargaba a construción dunha basílica xa de tres naves. Xa no ano 1075, por iniciativa do bispo Diego Peláez, inícianse as obras da actual catedral románica para poder acoller a tantos peregrinos. Dende a descuberta da tumba do Apóstolo Santiago en Compostela, no século IX, o Camiño de Santiago converteuse na máis importante ruta de peregrinación da Europa medieval. O paso dos innumerables peregrinos que se dirixían a Compostela dende toda Europa, serviu como punto de partida dun gran desenvolvemento artístico, social e económico que deixou as súas pegadas ao longo de todo o seu percorrido. Dende que o rei Afonso II O Casto manda erixir unha sinxela igrexa en torno ao sartego de Santiago comezan a chegar a Compostela os primeiros peregrinos. No século X a peregrinación a Santiagoé xa un feito consolidado en toda a cristiandade. Desaparecido Almanzor, a partir do século XI é cando se populrizan as peregrinacións a Santiago, do mesmo xeito que antes ocorrera cos romeiros en Roma ou os palmeiros en Xerusalén. O rei navarro Sancho III O Maior e o castelán Afonso VI son dous dos monarcas que máis apoiaron o Camiño de Santiago xa que o consideran unha vía de vital importancia económica, comercial e militar para exercer o control do seu territorio. Coincide a maior auxe das peregrinacións co esplendor da arte románica nos séculos XI e XII. En 1122 o Papa Calixto II proclama Ano Santo Xacobeo aquel no que o 25 de xullo coincida en domingo. O Camiño Francés é o máis utilizado e por Roncesvalles constátanse miles e miles de peregrinos nestes anos, máis tarde coa conquista de Zaragoza habilitaríase o ramal de Somport a Ponte A Raíña. As antigas calzadas romanas de Burdeos a Astorga, pasando por Vitoria e Briviesca, e de Astorga a Iria Flavia serven de base para a ruta xacobea e xorden gran cantidade de burgos e cidades que acollen unha nova clase urbana de artesáns e comerciantes, a meirande parte francos. A partir do século XIV o Camiño entra en declive, a peste negra dezmou a poboación europea, a cristiandade comeza a se dividir (os protestantes consideraban as peregrinacións como actos populacheiros), o mundo ensánchase e os monarcas dedican os seus esforzos a conquistar novos mundos. No século XVI ocultáronse os restos do apóstolo para que non caesen en mans dos piratas ingleses que asolaban as costas galegas.

18


Nos séculos XVII e XVIII mellóranse as comunicacións e o Camiño recobra parte do prestixio e recibe peregrinos ilustres, sen embargo no XIX os librepensadores, os descubrimentos científicos, a revolución industrial e o desenvolvemento urbano non se levan ben coun xeito de vida con reminiscencias medievais. En 1884 o papa León XIII tivo que declarar verdadeiros os restos do Apóstolo reaparecidos nunhas excavacións (agacháranse no século XVI ante as ameazas das incursións inglesas comandadas polo pirata Francis Drake). En 1982 prodúcese a primera peregrinación dun Papa. Xoán Pablo II presidiu na catedral de Santiago de Compostela unha reunión do Consello de Europa. En 1986 a UNESCO declarou Santiago de Compostela Patrimonio Cultural da Humanidade. En 1987 o Consello de Europa declara o Camiño de Santiago Primeiro Itinerario Cultural Europeo. En 1989 o Papa Xoán Pablo II peregrina de novo a Santiago e celebra unha multitudinaria concentración de mozos de todo o mundo. Dende a institución do Ano Santo Compostelán en 1179, Santiago de Compostela converteuse no centro cultural e de peregrinación máis importante da cristiandade, a pesar de que o movemento de peregrinos chegou case a desaparecer durante o século XIX.

19

A Santiago chégase por moitos camiños. No século XII, a “Guía dos Peregrinos” do Liber Sancti Jacobi, sinalaba dúas rutas que se seguían dende os Pirineos. Na actualidade inclúense oito camiños da rede xacobea:O Primitivo, o Francés, o do Norte, o Inglés, o Portugués, a Vía da Prata, o de Fisterra-Muxía, a Rota Marítima de Arousa.

ASOCIACIÓN DE NAIS E PAIS DE ALUMNOS Os membros da xunta directiva da ANPA do IES Ramón Otero Pedrayo rematamos o noso cometido neste curso escolar 2009/2010 despois de catro anos, polo que damos paso aos pais e nais que queiran formar parte desta asociación para garantir o bo funcionamento das actividades do alumnado. Agradecémoslles aos membros da dirección do centro, ao profesorado e ao persoal non docente todo o apoio prestado neste tempo. A dirección da ANPA.


Sergio Varela Núñez

A cultura do botellón non é nova, a pesar da controversia que suscita nestes últimos tempos. A opinión pública e os políticos comezaron agora a se preocuparen deste fenómeno que ata agora pasou desapercibido, malia estar presente na sociedade dende hai moitos anos. ¿Que é exactamente o botellón? ¿Simplemente o gusto por beber alcohol nas rúas? ¿Ao falarmos do botellón, incluímos o feito de beber en terrazas ou durante determinados eventos ou festivais? Con este termo referímonos principalmente aos grupos de mozos que se reúnen nos parques ou rúas das cidades pola noite para beber e pasalo “ben” cos amigos. Gústanos o botellón precisamente por isto: porque o pasamos ben e non nos sae tan caro como nos lugares de ocio. Non nos gusta polos danos colaterais que conleva: ruído, lixo e un certo descontrol. Ás autoridades o que lles preocupa non é tanto o botellón como as protestas dos cidadáns. Realmente o que incomoda e o que se quere eliminar ¿é o consumo de alcohol entre os mozos e, máis especificamente, entre os menores? Ou simplemente ¿os berros que xeran centos de persoas durante a madrugada e o rastro de lixo que xeran? Como alternativas a este fenómeno propóñense solucións como deportes, lectura…, que poden ser actividades perfectas para unha tarde de xoves, pero que están totalmente fóra de lugar na noite dese mesmo xoves. Outras solucións sitúannos en bares e discotecas. Pero o feito de estar ao aire libre nunha praza unha agradable noite de primavera cos amigos e tomar unha bebida por menos dun euro é inestimable e seguramente máis saudable que facelo en calquera discoteca nocturna. Quizais se podemos resolver o problema do ruído e a suciedade, certamente a sociedade xa non se preocupará se bebemos demasiado e o pasamos ben, aínda que sexa de madrugada.

Feísmo Albertson Mercado

A denominación de feísmo utilízase para se referir á devastación estética que provoca a presenza de edificios e construcións na paisaxe rural e urbana que conleva un deterioro ambiental evidente. Galicia, en especial, está chea de edificios que literalmente humillan a paisaxe, asulagada de casas sen revestimento ou acabado; vivendas nas que podemos ver o bloque de formigón, ou chalés de montaña con adornos esaxerados ou de dubidoso gusto. O feísmo ampárase na mala planificación e na neglixente política ambiental nun período coñecido como o boom da construción, un tempo no que o ladrillo campou polos seus respectos. Primeiro

inundou a costa e a continuación as aldeas e vilas do interior. Basta camiñar polas aldeas galegas para ver como conviven casas de pedra tradicionais con edificios de varios pisos, de ladrillos espidos nos que se mesturan todo tipo de materiais. Moitas destas novas vivendas en áreas urbanas non manteñen a liña nin sequera na rúa, nin respecto da altura. Paseamos desolados polas vilas costeiras observando gran cantidade de casas que permanecen inacabadas. Moitas destas construídas cunha licenza para tenda, ou almacén…, e outras, simplemente, sen licenza. ¿Estaremos alguna vez ante a fin da especulación, a corrupción e o desastre urbanístico?

20


¡ A PAMPLONA IMOS IR! COPA COCACOLA 2010 CRÓNICA DUNHA XESTA DEPORTIVA Por Manolo Lama, máis coñecido como Peter.

A Copa CocaCola vense desenvolvendo todos os anos en toda España. Nela participan equipos de fútbol dos centros de ensino secundario (públicos, concertados e privados) dentro da categoría cadete (13 – 15 anos). O noso instituto xa participou noutras ocasións, pero con resultado desigual: nalgúns casos elimináronnos ás primeiras de cambio, pero noutro caso chegamos á fase final da fase Sedes, como aconteceu hai dous anos cando perdemos na final diante do colexio Santa María del Mar, que despois remataría campión nacional en Sevilla. Aquel subcampionato foi a nosa mellor clasificación... ata este ano. A competición desenvolveuse durante a fin de semana do 1 e o 2 de maio de 2010 nos campos de fútbol do Complexo Deportivo da Torre. Cómpre sinalar que todos os partidos disputados son eliminatorios e que no caso de chegar á final hai que xogar ¡5 partidos en dous días!, polo que a boa condición física é fundamental para aturar o ritmo de xogo. No noso caso concreto, este problema viuse acrecentado xa que durante toda a competición practicamente non dispuxemos de banquillo, e nalgúns casos xogamos cos 11 xogadores xustiños. O primeiro partido que tivemos que xogar foi contra o IES Eusebio da Guarda, de A Coruña. No primeiro tempo, as alternativas foron constantes en ambas porterías, pero xa na segunda parte impúxose a mellor condición física dos nosos xogadores, e tamén o mellor posicionamento no campo. O resultado final foi de 2 – 1 ao noso favor. O seguinte partido que tivemos que disputar nesa mesma xornada foi contra o IES Ramón Menéndez Pidal (Zalaeta), e aquí cómpre sinalar que este partido tiña para nós unha motivación especial por canto viñamos de sufrir unha auténtica “malleira” no Torneo Intercentros ante o equipo deste instituto. Hai que aclarar que neste último torneo o noso centro xoga con desvantaxe, pois ao non ter bacharelato, o límite de idade máximo dos nosos alumnos maiores anda entre os 16 e, excepcionalmente, os 17 anos, mentres que os centros onde se imparten bacharelatos e ciclos formativos teñen alumnos de 18, 19, 20 e ata 22 anos e, claro, nestas idades a maior corpulencia física imponse. De aí os resultados que recollemos este ano. É por iso que, como dixen, este partido tiña un certo aire de “revancha” pola afronta sufrida, e a boa fe que os nosos xogadores cumpriron con creces o seu compromiso. O resultado final foi un contundente 6 – 0 ao noso favor, que indica claramente a superioridade amosada durante o encontro. Xa pola tardiña, tivemos que xogar o terceiro partido contra o colexio Franciscanas. Hai que dicir que este foi o equipo máis difícil desta primeira fase clasificatoria. Os dous equipos dispuxeron de abondosas ocasións de gol ao longo do encontro, e o axustado resultado final reflicte a igualdade que houbo durante o partido. Os nosos xogadores tiveron un mérito engadido, por canto que ao non dispoñer practicamente de recambios no banquillo, tiveron que seguir

xogando os mesmos que xa disputaran os dous partidos previos. Algúns xogadores tiveron que ser atendidos ao longo do encontro por problemas musculares, fundamentalmente calambres. Pero, como dixen, a sorte e o bo xogo déronnos a vitoria final por 2 – 1 neste difícil encontro e, deste xeito, a clasificación para disputar a semifinal. O día seguinte, domingo, a semifinal tiñámola que xogar contra o equipo do IES Agra de Leborís, pero ao non comparecer o rival, quedou automaticamente eliminado e, segundo o regulamento do torneo, adxudicóuselle a vitoria ao noso equipo por 3-0. Este feito permitiunos descansar un pouco tras a esgotadora xornada anterior, pois ao non ter que disputar un partido, chegamos un pouco máis frescos á final. Por fin chegou o último partido, a final contra o IES Miraflores de Oleiros. Este encontro foi moi disputado, con alternativas nas dúas porterías, e aínda que os xogadores do IES Miraflores tiveron ocasións de gol, tamén os nosos dispuxeron de varias ocasións claras de marcar, pero a falta de acerto e a gran actuación dos porteiros fixo que se chegara ao final do encontro cun empate 0-0, o que amosa

21

claramente a igualdade amosada no campo. Deste xeito tívose que decidir o encontro coa fatídica tanda de penaltis polo procedemento da chamada “morte súbita”. Hai que sinalar aquí a valentía amosada polo noso capitán neste encontro, Juan Daniel Otero, “Juanda”, pois ofreceuse sen dúbidas para lanzar o primeiro penalti. E así foi. Chegou, viu e marcou. O penalti foi moi ben lanzado e o porteiro rival non tivo ningunha opción para deter o coiro. Chegoulle entón a quenda aos de Miraflores para lanzar o seu penalti, coa presión engadida de que tiñan que marcar si querían igualar o resultado, pero o xogador designado, fora polos nervios ou pola presión, fallou claramente o seu lanzamento e mandou o coiro ás nubes por riba de portería defendida por Anxo. E así acadamos o campionato desta fase Sedes da Copa CocaCola. Agora iremos a Pamplona a xogar a Fase Nacional. Alí medirémonos cos outros equipos campións nas súas respectivas sedes. ¡Bo xogo e sorte! Un de xaneiro, Dous de febreiro, Tres de marzo, Catro de abril, Cinco de maio, Seis de xuño,

Sete de xullo, San Fermín. ¡A Pamplona imos ir, Os do Otero, os do Otero! ¡A Pamplona imos ir, Os do Otero xa estamos alííí!


A MIÑA LECTURA FAVORITA É: O carteiro de Neruda

Iris Rúa Carrillo, 4ºC

É unha novela que conta a historia dunha pequena illa e as cousas cotiás que lle pasan a un raparigo moi curioso, despistado e alegre, de oficio carteiro, que soamente ten un cliente: o famoso escritor Pablo Neruda. Este humilde carteiro, chamado Mario Jiménez, fará todo o posible para que Pablo Neruda sexa o seu amigo... Gústame moito como escribe Antonio Skármeta, xa que o fai dunha forma moi sinxela, coas palabras xustas, exactas e cun punto de humor sempre irónico. Este libro é perfecto para a xente que queira gozar coas paisaxes costeiras de Illa Negra e coñecer os seus costumes, xeito de vida, gastronomía e sobre todo rir das loucuras que fai por amor ao protagonita, Mario Jiménez.

Antonio Skármeta Nace o 7 de novembro de 1940 en Antofagasta (Chile). Estuda primaria no Colexio San Luis e no Colexio Inglés de Santiago. En 1949 os pais emigran a Arxentina e vive tres anos en Bos Aires onde continúa a súa educación na Escola Pública Casto Munita de Belgrano. Estuda bachalerato en 1957 no Instituto Nacional. Neste colexio, estimulado por excelentes mestres, dedícase a actividades extracurriculares relacionadas coas artes. Coa Academia de Artes Dramáticas organiza un espectáculo en homenaxe a Chéjov, Cervantes e O’Neill. Le os seus primeiros contos na Academia de Letras e no seu último ano de secundaria é elixido presidente deste grupo literario. Participa co seu curso nunha viaxe de estudos que o leva a Perú, onde guiado polos seus mestres coñece o Macchu-Picchu, experiencia inaugural dunha América Latina profunda que logo o conducirá a ler a obra de Pablo Neruda. Tras render o seu bachalerato opta por estudar Filosofía na Universidade de Chile e completa as súas arelas expresivas asistindo regularmente ás clases da Escola Nocturna de Teatro da mesma universidade.

Gañadores do concurso “Namorando coa palabra”.

22


Álbum familiar

Grupo de teatro “A Lagarada”

1

O instituto é como unha gran familia; velaí algunhas fotografías.

Concurso de “Postais de Nadal”: Marta Rilo (gañadora), Eva Romero, Alba Piñeiro, Martina López (ENDL) e Samuel Pujades (gañador).

23

Alumnos de 1º e 2º na visita ao Pico Sacro.

Gañadores do concurso de “Marcapáxinas”: Santiago Alonso Pérez, Aitor González Vidal, Alexandra Parceiro Lence e Iris Rúa Carrillo.

Alumnos e profesores no Día da Ciencia na Rúa.


Álbum familiar

2

O instituto é como unha gran familia; velaí algunhas fotografías.

Equipo de fútbol do IES

Alumnos de terceiro no roteiro pondaliano.

24 Crispín D’Olot

Alumnos de cuarto no roteiro oteriano

Visita a Santiago de Compostela

Correlingua 2010

Alumnos de terceiro e cuarto diante do Museo Británico


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.