RUTA LITERARIA POLA CORUÑA

Page 1

Roteiro LITERARIO Pola

CORUÑA

Xosé Anxo Seoane Cao

Sada, curso 2014/2015


Iniciamos o noso percorrido nun sitio bastante inadvertido e descoñecido, na praza de Madrid, xusto na entrada da cidade, enfronte da estación de autobuses e moi preto dos novos xulgados da cidade. No pequeno espazo verde que hai xusto a carón da avenida de Alfonso Molina, podemos observar unha escultura dedicada a unha das protagonistas máis senlleiras das nosas letras, Rosalía de Castro.

O seu autor é o escultor coruñés Manuel Ferreiro Badía, autor tamén da estatua dedicada á autora en Ferrol. Foi inaugurada no ano 1989. Aproveitaremos esta primeira parada para falar dun dos fillos de Rosalía de Castro e de Manuel Murguía, Ovidio, nado en Lestrobe (Dodro) o 2 de xuño de 1871, e finado na Coruña o 1 de xaneiro de 1900, cando aínda non chegara a cumprir os vinte e nove anos. A súa saúde foi sempre moi delicada e viuse obrigado a volver ao domicilio familiar coruñés no verán do 1897, onde permanecerá ata o día da súa morte. Está enterrado no cemiterio de San Amaro xunto co seu pai Manuel Murguía e as súas irmás Alexandra, Aura, Gala e Amara.


A obra pictórica de Ovidio Murguía Castro atopámola fundamentalmente no Museo Provincial de Pontevedra e no Museo de Belas Artes da Coruña. Velaquí tedes algunhas mostras:

Rosalía xacente, 1885 A nosa segunda parada prodúcese na praza da Mina e na rúa Juana de Vega. Lembrámonos do Xeneral Espoz y Mina, da súa dona, Juana de Vega, dos primeiros xogos florais da Coruña no 1861, do Álbum de la caridad en 1862 e de Eduardo Pondal Abente, o bardo bergantiñán. Os antecedentes galegos dos Xogos Florais témolos en 1697, ano no que a Universidade de Santiago edita unha colección poemática trilingüe


(latín, castelán e galego) baixo o título de Festas Minervais que pretende honrar a memoria de D. Alonso de Fonseca. Nesa publicación aparecen 9 romances de 80 versos cada un escritos en lingua galega e que constitúen unha das mostras cultas no tempo dos Séculos Escuros. Os primeiros Xogos Florais que se celebraron na Galicia contemporánea datan do 2 de xullo de 1861. Foi na cidade da Coruña. O seu promotor foi Antonio de La Iglesia e participaron na súa organización Juana de Vega (condesa de Espoz e Mina) e Benito Vicetto (historiador ferrolán).

Antonio de La Iglesia

Juana de Vega

Benito Vicetto

Pascual López Cortón

O ano seguinte editouse, baixo o mecenado de Pascual López Cortón (avó de Xoán Vicente Viqueira Cortón) o Álbum de la caridad, primeira antoloxía da poesía galega, que debe o seu nome ao feito de que todos os beneficios económicos da publicación serían para o Padroado da Caridade. A compilación das obras fíxoa o propio Antonio de la Iglesia. Este Álbum marcará un fito esencial na historia da literatura galega por ser considerado a primeira antoloxía poética do Rexurdimento das nosas letras. A obra recolle toda a información relativa ao desenvolvemento dos Xogos Florais, os traballos premiados no certame, a antoloxía poética denominada Mosaico poético de nuestros vates gallegos contemporáneos, na que están representados, entre outros, insignes poetas como Aurelio Aguirre, Concepción Arenal, Rosalía de Castro, Manuel Murguía, Nicomedes Pastor Díaz, Xoán Manuel Pintos e Eduardo Pondal. Por último, no apartado titulado Mención de otros autores, recóllense os nomes doutros moitos escritores da época sen representación no Álbum. Eduardo Pondal publicaba o seu primeiro poema en galego, A campana de Anllóns, e Rosalía de Castro asinaba o poema titulado Adios que eu voume, poema que incluía unha estrofa que foi suprimida logo na edición do libro Cantares Gallegos en 1863. A dita estrofa era a seguinte:


Por xiadas, por calores , desde qu´amañece ó día , dou á terra os meus sudores mais canto a terra cría todo… todo é dos señores.

Francisco Añón Paz (A Serra de Outes, 1812 - Madrid, 1878), é o autor do poema A Galicia, o único premiado escrito en galego. No seu momento este poema foi candidato a se converter en letra do himno galego. Ai, esperta, adorada Galicia, dese sono en que estás debruzada, do teu rico porvir a alborada polo Ceo enxergándose vai. Xa cantando os teus fillos te chaman, e cos brazos en cruz se espreguizan... ¡Malpocados! O que eles cobizan é un bico dos labios da Nai.

Eu soñei ver na cume do Pindo, adornados de mirto e loureiros, escritores poetas guerreiros, que sorrindo se daban a man. Eran eses os fillos mais caros, que da Patria aumentaron a gloria: os seus nomes nos fastos da historia con diamante grabados serán.

Dese chan venturoso arrincado pola man do meu negro destino, hastra mesmo soñando maxino eses campos risonos cruzar. E correr polas hortas e prados, onde leda pasou miña infancia, respirando a süave fragancia de xazmín, caravel, azahar.

E dimpois unha endrómena rara vin moverse con ágoa fervente, e silvando como unha serpente, como un lóstrogo os campos cruzou. Era aquel o porvir que xa soa e das probes aldeas fai vilas... ¡Adiós cantos e Musas tranquilas! O imperio da industria empezou.

Coido ver esas rías serenas, escumando con barcos veleiros, e cantares oír feiticeiros, que en ningures tan doces oín. Inda creo sentir as labercas, que pineiran nos aires cantando, cando o sol vai as nubes pintando de amarelo, de lume e carmín.

Acordei... O meu soño dourado, como fume pasou de repente, e magoado o meu peito se sente de soidades e amor palpitar. Marmurei: —¡Adorada Galicia! ... (E dos ollos chovíanme as bágoas). ¡Quen pudera beber túas ágoas, e teus aires feliz respirar!

Ao través de aguzados penedos penso ver empinados petoutos, viñas, hortas, devesas e soutos, que apouvigan os ventos do Sul. E saltando regueiros e valos, cata xa outros bos horizontes, outras veigas, mariñas e montes, que se perden na brétema azul.

De ti lonxe, querido corruncho, eu mirrándome estou de amargura, como a froita que vai xa madura, e entre silvas o vento guindou. ¡Teño envidia da libre andoriña, que ahí chega por todos os maios! ¡Teño envidia das nubes e raios, que o Sudeste a esas terras levou!

Soño ahí que entre verdes pereiras fouliadas alegres escoito, cando o Ceo se reviste de loito nas poéticas noites do bran. E que en medio de nenas garridas canta un mozo con voz pracenteira, para o lado tumbada a monteira, unha orella tapando coa man.

A ti voa entre ardentes suspiros, sobre as trémulas alas do vento, a soidade do meu pensamento, que decote cravado está en ti. Por diversos países que eu vaia, ti serás miña doce memoria... ¡Mesmo entrar non quixera na gloria sin primeiro pasar por ahí!


Xoán Manuel Pintos Villar (Pontevedra, 1811 Vigo, 1876) está considerado un dos Precursores do Rexurdimento literario. A Gaita Gallega (1853), foi a única obra súa publicada en vida. O soneto acróstico que reproducimos a seguir (QUE VIVA GALICIA), presente en A Gaita Gallega, tamén apareceu no Álbum de la caridad.

Estes xogos florais da Coruña abriron o camiño para outros que se desenvolveron en diversas localidades de Galicia: Pontevedra (agosto dese mesmo ano de 1861, posteriormente en 1880, 1882, 1884 e 1886), Santiago de Compostela en 1875, Ourense en 1876, Vigo en 1883 e Tui en 1891. Debemos salientar estes últimos xogos florais citados, os organizados no Teatro Principal de Tui o 24 de xuño de 1891, xa que constituíron o primeiro acto público desenvolvido integramente en galego. Pretendíase prestixiar a lingua e cultura galega mediante un concurso literario no que os autores deberían presentar traballos

6


inéditos escritos en galego en calquera das súas formas dialectais, incluíndo o galego berciano e o da comarca do Eo-Navia. O xornal El Eco de Galicia, editado na Habana, daba cumprida información no seu número 472 do día 11 de xullo de 1891 de como o día 18 dese mesmo mes se reuniría “O Consistorio dos Xogos Florais”, composto por Manuel Murguía, Salvador Cabeza de León, Alfredo Brañas e outras personalidades para xulgar as máis de cincuenta composicións presentadas. Pasaremos a seguir polo número 21 da rúa Juana de Vega, onde estaba o hotel “La Luguesa” onde Pondal pasou os seus últimos anos. Alí finou o 8 de marzo de 1917. Hoxe unha placa recórdanos esta circunstancia.

A continuación iniciaremos un paseo polos Xardíns de Méndez Núñez, chamados tamén Paseo do Recheo ou Xardín do Ensanche. Estes xardíns foron proxectados por Narciso García de la Torre en 1868. Foi no ano 1871 cando recibiron o nome de xardíns de Méndez Núñez como homenaxe ao mariño galego nado en Vigo. Acollen numerosas esculturas e un orixinal palco da música. Destacan as distintas especies arbóreas e os nobres edificios que franquean o paseo propiamente dito do Recheo, con 59 palmeiras. O primeiro lugar no que nos deteremos será diante da escultura erixida en honra de Eduardo Pondal, obra do escultor Fernando Cortés Bugía. Como ben sabemos Eduardo Pondal Abente, un dos grandes poetas do Rexurdimento galego do XIX, autor do poema Os pinos, letra do Himno de Galicia, morreu na cidade en 1917 e está enterrado no cemiterio de San Amaro.

7


Como curiosidade, podemos comentar que nun dos actos conmemorativos do 96.º aniversario do pasamento do vate bergantiñán, organizados pola Fundación Eduardo Pondal en colaboración co Concello da Coruña foi plantado un piñeiro xusto detrás do monumento. O día 14 de febreiro do ano seguinte dábase a noticia de que o vento tombaba a dita árbore. Sabemos que Pondal sempre quixo ser enterrado ao xeito celta, a carón dos piñeiros ou nunha gándara da súa terra natal. Na súa derradeira vontade manifesta o seu desexo de ser amortallado co hábito franciscano e, de non ser na Ponteceso, que o enterren na Coruña. É este un bo momento para recitarmos eses versos.

A DERRADEIRA VOLUNTÁ Cando eu pasar desta vida, levádeme á Ponte-Ceso, non vestido este meu corpo de profano vestimento, mas do saial de Francisco, cinxido, humilde, sinxelo, -que, anque humilde non nacín, humilde repousar quero-, e xa alí me sepultade no monumento paterno... Cando eu pasar desta vida, levádeme á Ponte-Ceso. Se non for na Ponte-Ceso, sepultádeme na Cruña, nesta garrida ciudade que mil bellezas aduna, a cabo do insigne Curros, xa que a del i a miña musa a fala de Breogán fixeron nobre e robusta: eu quero xacer de par de tan nobre sepultura... Se non for na Ponte-Ceso, sepultádeme na Cruña.

8


Detémonos agora diante do busto de Manuel Murguía, da autoría do escultor Fernando Cortés Bugía. Manuel Antonio Martínez Murguía, historiador e primeiro presidente da Real Academia Galega, naceu en Oseiro, Arteixo, o 17 de maio de 1833 e finou na Coruña o 1 de febreiro de 1923. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas no ano 2000. Na placa do monólito observamos a cumprida homenaxe que os galegos da emigración lle dedicaron ao esposo de Rosalía de Castro. “Queren que empecemos polo estudo do idioma que falamos hai máis de dez séculos. Fan ben: pobo que esquece a súa lingua é un pobo morto”, pronunciou o 30 de setembro de 1906 o gran concienciador da historia nacional de Galicia, Manuel Murguía. Moi preto atopámonos coa escultura dedicada a Afonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao. Nado en Rianxo en 1886, Castelao é o grande persoeiro de Galicia no século XX. Membro fundador do Partido Galeguista en 1931 e autor de Sempre en Galiza. Autor polifacético. Morreu no exilio bonaerense en 1950. O monumento, obra de Manuel Ferreiro Badía, foi inaugurado en 1986. Na parte posterior ten tallados un hórreo e un cruceiro. Malia que non nos deteremos especialmente nos dous próximos monumentos, cómpre sinalar que a carón do estanque dos peixes se atopa o monumento dedicado a Concepción Arenal, de Rafael González del Vilar. Esta ferrolá de berce foi a primeira muller en acudir á universidade. A aguia representa a intelixencia, e vence á serpe que simboliza a incultura e o atraso. O monumento ergueuse en 1916 baixo a iniciativa do Círculo de Artesáns que recoñece o labor desta muller que en 1863 foi nomeada visitadora de prisións de mulleres. Un pouquiño máis adiante vemos a réplica do monumento orixinal a Emilia Pardo Bazán, de L. Coullaut – Valera. A Condesa de Pardo 9


Bazán foi unha das primeiras españolas en amosar interese no eido dos dereitos das mulleres. Cultivou a novela e o ensaio e de sempre estivo vinculada á súa cidade natal. A obra foi realizada en arenisca. Inaugurouse o monumento sendo alcalde D. Manuel Casás, o coñecido “alcalde xardineiro”. Naceu na Coruña en 1852; faleceu en Madrid en 1921. A cidade conta coa súa casa museo, sede tamén da Real Academia Galega. Pasamos para o paseo das 59 palmeiras e detémonos no monumento a Wenceslao Fernández Flórez, da autoría de José Castiñeiras Iglesias. Trátase dun monólito granítico traballado sen pulir cunha inscrición na súa parte superior que nos lembra a figura deste xornalista e escritor no centenario do seu nacemento (1.885-1.985). Como membro da Real Academia Española conseguiu que finalmente o dicionario da institución mudase a acepción da palabra galego, que pasou a recibir a consideración de lingua en vez de dialecto. Ademais, tamén conseguirá eliminar do dicionario varias acepcións pexorativas do termo galego. Na revista Lar publicou dúas novelas curtas na nosa lingua: A miña muller e O ilustre Cardona. Moi preto deste monólito podemos observar o busto de Alfredo Suárez Ferrín, de Ramón Conde. Alfredo Suárez Ferrín, último alcalde republicano da cidade, foi fusilado o 31 de agosto de 1936. Tomou posesión por primeira vez no ano 1934. Ten dedicada unha rúa no barrio dos Rosais. Nos xardíns podemos observar edificios singulares, como por exemplo A Terraza. Construción ecléctica e modernista erguida en 1922, obra do arquitecto Antonio de Mesa. Substituíu outra máis antiga de madeira que se trasladou ao concello veciño de Sada. Acolle as instalacións de Radio Nacional de España. Na parte superior das fachadas pódense observar bustos de persoeiros 10


coruñeses e galegos como Murguía, Emilia Pardo Bazán, Wenceslao Fernández Flórez e outros. O Quiosco Alfonso é obra do arquitecto coruñés Rafael González Villar para substituír os antigos locais de refrescos. Proxectado en 1912 e inaugurado en 1913. Robusta edificación en cemento armado e cristal. Presenta unha orixinal ornamentación en ferro fundido da casa Wonemburger. En 1985 foi reformada para acoller a Sala Municipal de Exposicións. O Palco da música, o orixinal foi construído por José Sellier (que introduciu o cine na cidade en 1897) en 1884 e proxectado por Juan de Ciórraga. O actual é de 1985.

Pero o que máis poderosamente chama a nosa atención é o monumento a Manuel Curros Enríquez, de Francisco Asorey, un dos monumentos máis importantes da cidade, o cal demostra a admiración que o poeta espertou na cidade máis liberal e progresista de Galicia. Curros, erguido, mira triunfante. Ten unha lira, símbolo do poeta que ten a misión de abrirlle os ollos ao pobo. Tras del está a imaxe núa de Galicia, e a cada lado, o pobo, as mulleres e os nenos nunha banda, e os homes coas ferramentas na outra. Tras deles, a Galicia megalítica. Na parte posterior, un altar para as ofrendas e as homenaxes. Curros 11


mantivo un vínculo moi significativo coa nosa cidade. É un bo momento para recitar un dos seus poemas máis coñecidos: Aí vén o maio de frores cuberto... Puxéronse á porta cantándome os nenos; i os puchos furados pra min extendendo, pedíronme crocas dos meus castiñeiros.

Cando eu me atopare de donos liberto i o pan non mo quiten trabucos e prestemos, e como os do abade frorezan meus eidos, chegado haberá entón o maio que eu quero.

Pasai, rapaciños, calados e credos; que o que é polo de hoxe que darvos non teño. Eu sonvos o probe do povo galego: pra min non hai maio, ¡pra min sempre é inverno!...

¿Queredes castañas dos meus castiñeiros?... Cantádeme un maio sen bruxas nin demos; un maio sen segas, usuras nen preitos, sen quintas, nin portas, nin foros, nin cregos.

O monumento foi inaugurado no ano 1934. Na fotografía pódese ollar a presenza, de esquerda a dereita, de José Estadella y Arnó (ministro español de Sanidade, Traballo e Previsión), Manuel Lugrís Freire (presidente da Real Academia Galega), Niceto Alcalá Zamora (presidente da II República Española) e Alfredo Suárez Ferrín (alcalde da Coruña). Os restos mortais de Curros, morto na Habana o 7 de marzo de 1908, foron trasladados á Coruña onde recibiron sepultura nun acto multitudinario, como ben podemos apreciar nas fotografías. 12


Podemos recordar tamén os versos de Curros dedicados á cidade: ¡Ouh!, meiga cibdá da Cruña, cibdá da torre herculina, de xeneracións recordo máis fortes que as de hoxe en día; Cibdá que por sobre os mares ergues a cabeza altiva,

cal onte nas túas murallas, o brazo de María Pita: ¿Que tes nese teu recinto, que tes prós que te visitan, que coñecerte non poden sen que deixarte non sintan?

Pasamos por diante do Obelisco, a zona 0 da Coruña, e adentrármonos pola rúa Real, historicamente o camiño real de acceso á cidade vella. Ten esa denominación por ser rúa principal. Hoxe é rúa peonil e centro dunha das principais áreas comerciais da cidade: Área Obelisco. Pasaremos polo actual Café Vechio, lugar onde podemos observar un magnífico mural do pintor surrealista coruñés Urbano Lugrís, fillo de Manuel Lugrís Freire, un dos fundadores da Real Academia Galega. Urbano Lugrís tamén estivo vinculado ás misións pedagóxicas, ás que chegou da man de Rafael Dieste.

Nesta rúa estaba situada a imprenta de Ánxel Casal Gosenxe, betanceiro do 1895. Editor de libros galegos e da revista Nós; fundador tamén da primeira escola en galego para nenos pobres. Del dixo Castelao: “Ánxel Casal fixo por Galicia máis ca todos nós xuntos”. 13


Ánxel Casal está presente na novela de Manuel Rivas O lapis do carpinteiro como personaxe secundario, sendo un máis dos prisioneiros do cárcere compostelán. Foi “paseado” o 19 de agosto de 1936. Neste retrato a lapis da autoría de Camilo Díaz Baliño, pai de Isaac Díaz Pardo, podémolo observar na época na que era alcalde de Santiago de Compostela.

Tamén na rúa Real está a casa na que o mozo Picasso presentou a súa primeira exposición en 1895. Na rúa Rego de Auga está hoxe en día o Teatro Rosalía de Castro. Ocupa o lugar deixado polo Teatro Novo ou Principal do 1838, que ardera en 1867. Anteriormente ao teatro, neste solar estaba situada a igrexa de San Xurxo. O Teatro Rosalía de Castro foi edificado en 1868 cos cartos da póliza de seguros e unha subscrición popular. Foi adaptado para proxeccións cinematográficas en 1905. Hai uns anos que foi novamente reformado e restaurado. A denominación primitiva desta rúa foi a de Rego d’Augoa. Este nome obedeceu a que nun tempo esta rúa recollía todas as vertentes de todas as demais rúas por medio dun rego. Nunha das vellas casas xa derrubadas naceu dona Emilia Pardo Bazán. A Cova Céltica é o nome que recibía o faladoiro que mantiñan desde 1893 un grupo de intelectuais galegos de ideoloxía rexionalista, 14


que se reunían na librería “La Regional” de Uxío Carré Aldao. Algúns dos integrantes da Cova Céltica foron: Uxío Carré Aldao, Manuel Murguía, Andrés Martínez Salazar, José Pérez Ballesteros, Evaristo Martelo Paumán, Francisco Tettamancy, Salvador Golpe Varela, Florencio Vaamonde Lores, Eladio Rodríguez González, Manuel Lugrís Freire, Eduardo Pondal... A Cova Céltica estivo intimamente vencellada á constitución da Academia Galega (1906), tanto é así que todos os seus integrantes serían nomeados académicos. Tamén promoveu a creación da Liga Gallega (1897), a Escola Rexional de Declamación (1903) e a primeira época da revista A Nosa Terra.

O 18 de maio de 1916, Antón Vilar Ponte convocou unha xuntanza nos locais da Real Academia Galega na Coruña, no número 38-1º da rúa Rego de Auga, á que asistiron arredor de 20 persoas, entre as que se encontraban Manuel Lugrís Freire, Florencio Vaamonde Lores,Uxío Carré Aldao, Luís Porteiro Garea, Francisco Tettamancy e Ramón Vilar Ponte, entre outros. Nesta xuntanza acordouse a creación dunha Irmandade dos Amigos da Fala que tería como obxectivo a defensa, exaltación e fomento da lingua de Galicia, e nomeouse a Antón Vilar Ponte como Primeiro Conselleiro. Coa fundación das Irmandades da Fala en 1916, as dúas entidades compartiron sede. 15


Antes de nos dirixirmos á praza de María Pita podemos visitar a praza do Humor, a antiga praza dos Ovos, situada a carón da igrexa de San Xurxo.

Aquí aparece Castelao sentado nun banco de granito convidándonos a un tempo de descanso en animada conversa. Xa que 16


estamos aquí podemos compartir o seu fino humor crítico, non soamente a través dos seus debuxos, cadros, estampas, viñetas..., se non tamén a través dos seus textos, como por exemplo o seguinte: Se eu fose autor escribiría unha peza en dous lances. A obriña duraría dez minutos nada máis. LANCE PRIMEIRO Érguese o pano e aparece unha corte aldeá. Enriba do estrume hai unha vaca morta. Ao redor da vaca hai unha vella velliña, unha muller avellentada, unha moza garrida, dúas rapaciñas bonitas, un vello petrucio e tres nenos loiros. Todos choran a fío e enxoitan os ollos coas mans. Todos fan o pranto e din cousas tristes que fan rir, ditos paifocos de xentes labregas, angurentas e cobizosas, que pensan que a morte dunha vaca é unha gran desgraza. O pranto debe ter unha graza choqueira, para que estoupen de risa os do patio de butacas. E cando se farten de rir os señoritos baixará o pano. LANCE SEGUNDO Érguese o pano e aparece un estrado elegante, adobiado con moito señorío. Enriba dunha mesa de pés ferrados de bronce, hai unha bandexa de prata, enriba da bandexa hai unha almofada de damasco, enriba da almofada hai unha cadeliña morta. A cadela morta semellará unha folerpa de neve. Ao seu redor chora unha fidalgona e dúas fidalguiñas novas. Todas elas fan o pranto e enxoitan as bágoas con paniños de encaixe. Todas van dicindo, unha a unha, as mesmas parvadas que dixeron os labregos diante da vaca morta, ditos tristes que fan rir, porque a morte dunha cadela non é para tanto. E cando a xente do galiñeiro se farte de rir a cachón, baixará o pano moi a modiño.

O debuxante Álvaro Cebreiro (A Coruña, 1903-1956) publicou xunto con Manoel Antonio o manifesto vangardista ¡Máis Alá! en 1922. Cebreiro será director artístico da revista Ronsel e colaborador habitual doutras publicacións como Alfar.

Álvaro Cunqueiro Mora, o grande fabulador, poeta, autor dramático..., tamén está sentado noutro banco xusto enfronte de 17


Castelao. Tamén hai unha fonte coroada polo “Gatipedro”, unha das figuras mitolóxicas galegas que o mindoniense inclúe en “Escola de menciñeiros”. Velaí vai a súa descrición: O gatipedro é un gato branco que ten na cachola un corno mouro; o gatipedro vén polas noites ás casa, e párase nas habitacións nas que hai nenos durmindo. Entón o gatipedro ponse a verter auga polo seu corniño, e o neno, en soños, escoitando o pingar da fontiña aquela, soña que mexa, e de verdade mexa na cama. Para espantar o gatipedro abonda con botar unhas areas de sal á porta do cuarto e ó pé da fiestra. O gatipedro anda apoiándose, ademais de nas catro patas, na lingua, e probando con esta o sabor do sal, o gatipedro dá a volta e prosegue a súa nocturna viaxe, deixando os nenos da casa en paz.

Vicente Martínez Risco e Agüero (Ourense, 1884-1963), membro da xeración Nós e considerado un dos teóricos do nacionalismo galego. A súa produción narrativa ten un carácter intelectual que se vencella coa súa obra ensaística e vén ser unha continuación do seu pensamento filosófico: esoterismo, atlantismo, visión cíclica da historia…, todo articulado como materia prima dos relatos, que supoñen unha ruptura coa narración galega de tipo folclórico ou costumista. Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros (1919) foi a súa primeira novela, unha narración humorística con notas críticas referidas ás materias ocultistas tratadas no texto. O porco de pé (1928) é unha novela longa que supón o cume narrativo de Risco. Don Celidonio, comerciante de orixe castelá que chega a ser alcalde dunha cidade galega, configura a vulgaridade e o materialismo dunha familia da nova burguesía. A el contraponse o intelectual e espiritualista Doutor Alveiros. Atopamos tamén nesta praza un busto de Wenceslao Fernández Flórez, autor posuidor dun fino humor irónico e retranqueiro. Iremos agora camiñando cara á praza de María Pita. O edificio máis singular é sen dúbida o Pazo de María Pita, construción de estilo modernista que acolle as dependencias municipais. Recibe o seu nome de María Fernández de la Cámara y Pita, heroína coruñesa que defendeu a cidade do ataque de Drake no 1589. A estatua central representa este feito histórico. A partir dos deseños de decembro de 1901 do arquitecto municipal Pedro Mariño comezaron as obras do actual concello en 1904 e duraron ata 1918, ano no que se trasladaron as oficinas procedentes do vello convento de San Agustín. Era alcalde da cidade Gerardo Abad Conde. O edificio municipal ten un claro carácter de pazo, a pesar de ser unha obra administrativa e burocrática, adaptando eclecticamente o estilo clásico do renacemento. 18


A súa profusa decoración pretendía dar cumprida resposta ao cosmopolitismo que buscaba a municipalidade.

Dende María Pita vemos a igrexa de San Xurxo. Foi a antiga igrexa dos xesuítas, que tiñan o seu colexio nas dependencias anexas. O templo actual comezou a construírse en 1734. A fachada iniciouse cara ao 1750, obra do arquitecto compostelán Clemente Sarela. En 1836 o antigo convento dos xesuítas acolleu as casas consistoriais e, dous anos máis tarde, a súa igrexa converteuse en parroquia xa que a de San Xurxo demoleuse para construír o actual Teatro Rosalía. No noso camiño á rúa Tabernas, onde se atopa a sede da Real Academia Galega, podemos facer referencia ás galerías, á primeira fábrica de vidro plano e, polo tanto, á cidade de cristal. Unha das notas que mellor definen a cidade é precisamente a orixinal e sorprendente solución arquitectónica para protexer do vento as solainas e balcóns característicos da arquitectura popular galega. A primeira fábrica de vidro plano de Galicia fundouse na cidade en 1804. Este feito influíu sen dúbida no espallamento das galerías e na denominación de cidade de cristal. Deixamos xa o antigo Barrio da Pescadería, o lugar de residencia dos mariñeiros, comerciantes, soldados e empregados. Este barrio que a partir do século XVIII creceu considerablemente. Estaba delimitado pola cidade vella e unha muralla que ía dende o Orzán ata a baía, na que destacaban os baluartes defensivos do Caramanchón e o de Malvecín no 19


porto. Estirábase ao longo das dúas vías principais que a cruzaban, a estrada de Madrid e a Avenida de Fisterra. Dentro deste barrio as igrexas de San Nicolás e de San Xurxo constituíanse no verdadeiro centro. Entramos agora na antiga cidade da Coruña, a cidade vella. Coñecida polos romanos como Brigantium ou Brigancia, unha cidade cun porto que era o centro neurálxico do Portus Magnus Artabrorum. Estaba amurallada e tiña varias portas de acceso. Estaba defendida con varios torreóns, o máis importante era o situado no actual xardín de San Carlos. No seu interior atópanse os edificios máis antigos da cidade. Na actualidade un novo plan de urbanismo pretende lograr a súa axeitada rehabilitación. Á dereita deixamos a Casa de Emilia Pardo Bazán. É unha construción do século XVIII. Presenta unha sinxela fachada na que destaca un pequeno balcón de moito voo que é soportado por dúas potentes ménsulas e que marca a entrada ao edificio. A casa museo atópase no segundo andar.

Ao longo da súa historia, a Real Academia Galega foi ocupando diversas localizacións sempre dentro da cidade da Coruña. Podemos considerar a primeira delas o Salón de Actos da antiga Casa do Consulado, onde se celebrou a constitución da Academia o 4 de setembro de 1905, sendo elixidos Manuel Murguía, Presidente; Uxío 20


Carré Aldao, Secretario e Xosé Pérez Ballesteros, Tesoureiro. Desde entón e ata xuño de 1906, os académicos reuníanse na casa particular de Xosé Pérez Ballesteros e na Librería Regional, propiedade de Uxío Carré Aldao, nunha sorte de continuación daquel faladoiro coñecido como Cova Céltica que tivera lugar na mesma libraría. Para a inauguración da institución, o 30 de setembro de 1906, escolleuse o salón de festas da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos da Coruña e, a partir de entón, a Academia instalouse, entre mediados de 1906 e 1920, na que foi a súa primeira sede oficial, no número 38-1º da rúa Rego de Auga. Coa fundación das Irmandades da Fala en 1916, as dúas entidades compartiron sede. Por mor da súa crecente necesidade de espazo, a mediados de 1920 a Academia trasladouse ao edificio do Concello da Coruña, situado na Praza de María Pita. Este foi o seu domicilio máis duradeiro polo de agora, pois alí residiu durante 58 anos. No ano 1978, a Academia emprendeu a súa última mudanza ata o número 11 da rúa Tabernas, onde se encontraba a antiga casa de Dona Emilia Pardo Bazán. En virtude do convenio asinado en 1956 coa súa herdeira, o actual edificio da Academia acolle tamén nas súas instalacións a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, así como o importante legado arquivístico e bibliográfico da insigne autora coruñesa que se acordara nomear, "polos seus indiscutibles méritos", Presidenta Honoraria da nosa institución en 1905. Ademais do citado Museo, na actual sede encóntranse os fondos da Biblioteca, da Hemeroteca e do Arquivo, así como a Secretaría, a Sala de Consulta e o Salón de Actos da Academia Galega.

21


Antes de chegar á praza de Azcárraga, antigamente praza da Fariña, pasaremos pola Igrexa de Santiago, templo dunha soa nave (tres orixinariamente) e tres ábsidas. Ten planta rectangular e tres portadas: unha con arquivoltas semicirculares e tímpano esculpido co Agnus Dei; a principal é de arquivoltas apuntadas e tímpano coa figura do Apóstolo Santiago a cabalo. A referencia máis antiga que se conserva da súa construción é o 1217. En 1501 ardeu a súa teitume A praza do Xeneral Azárraga débelle o seu nome a este xeneral que sendo ministro da Guerra devolveulle en 1896 á Coruña a Capitanía Xeneral que se trasladara a León. A praza era coñecida como praza da Fariña. Antigamente a praza de Azcárraga comprendía todo o espazo entre Capitanía e a rúa Santiago. En 1936 fragmentouse en dúas: a de Azcárraga e a do xeneral Franco, hoxe da Constitución.Ten un fermoso xardín, con grandes árbores que enmarcan a fonte do Desexo. Na rúa que sae da praza da Constitución e que nos leva á igrexa de Santo Domingo atopamos dúas placas en senlleiras casas contiguas que nos lembran a estadía de Rosalía de Castro na cidade e a casa da autora Francisca Herrera Garrido, primeira muller académica da Real Academia Galega. En 1870 Manuel Murguía é nomeado xefe do Arquivo Xeral de Galicia na Coruña. Por esta circunstancia, o matrimonio MurguíaRosalía volven a Galicia. Rosalía xa non abandonará Galicia nunca máis e, antes de se instalar definitivamente na casa da Matanza, pasará tempadas na Coruña, Santiago e Lestrove. É, sen dúbida, este un bo momento para recordar algúns versos da cantora recollidos en Cantares Gallegos: Cantarte hei, Galicia, teus dulces cantares, que así mo pediron na beira do mare.

Cal ela ningunha tan dose que cante soidades amargas, sospiros amantes,

Cantarte hei, Galicia, na lengua gallega, consolo dos males, alivio das penas.

misterios da tarde, murmuxos da noite: cantarte hei, Galicia, na beira das fontes.

Mimosa, soave, sentida, queixosa, encanta si ríe, conmove si chora.

Que así mo pediron, que así mo mandaron, que cante e que cante na lengua que eu falo. 22


Que asi mo mandaron, que así mo dixeron... Xa canto, meniñas. Coidá, que comenzo. Con dulce alegría, con brando compás, ó pe das ondiñas que veñen e van. Dios santo premita que aquestes cantares de alivio vos sirvan nos vosos pesares; de amabre consolo, de soave contento cal fartan de dichas compridos deseios. De noite, de día, na aurora, na sera, oirésme cantando por montes e veigas. Quen queira me chame, quen queira me obriga;

cantar, cantaréille de noite e de día. Por darlle contento, por darlle consolo, trocando en sonrisas queixiñas e choros. Buscáime, rapazas, velliñas, mociños. Buscáime antre os robres. Buscáime antre os millos, nas portas dos ricos, nas portas dos probes, que aquestes cantares a todos responden. A todos, que á Virxen axuda pedín, porque vos console no voso sufrir; nos vosos tormentos, nos vosos pesares. Coidá, que comenso... Meniñas, ¡Dios diante!

Alumna e amiga de Rosalía de Castro, Francisca Herrera Garrido (A Coruña, 1869-1950) foi unha escritora autodidacta, aínda que seguiu o estilo literario de Rosalía. Escribiu case toda a súa obra en galego, centrando a súa temática no ruralismo, a muller como nai, e a renuncia feminina. A súa obra amosa unha gran riqueza lingüística, cun galego rico e coidado. Foi a primeira muller en ser nomeada membro numerario da RAG, o 4 de marzo de 1945, aínda que non chegou a ler o seu discurso de ingreso, sobre Rosalía e os poetas da raza. Imos agora para o Xardín de San Carlos, lugar onde se atopa a tumba de Sir John Moore. A cidade vella formaba toda ela unha fortaleza, xa que estaba rodeada dunha muralla. A muralla integraba incluso o convento de San Francisco e outras construcións que foran derrubadas no asalto á cidade por parte das tropas inglesas ao mando de Drake en 1589 (defensa de María Pita da cidade). No lugar que hoxe 23


ocupa o xardín de San Carlos estaba situada a fortaleza da cidade propiamente dita. Estaba defendida por seis torres. O seu polvorín estoupou o 3 de abril de 1658, provocando máis de 200 mortos e moitos desperfectos nas casas e edificios veciños. No ano 1834, o gobernador da Coruña, don Francisco Mazarredo promoveu o actual xardín de San Carlos, que se converteu no primeiro xardín público moderno da cidade. O nome de xardín de San Carlos provén de don Carlos F. de Croix, marqués de Croix, virrei de México (1699-1786) e Capitán Xeneral de Galicia, xa que foi o primeiro que decidiu transformar a antiga Fortaleza Vella en xardín. As obras proxectadas polo arquitecto José María Noya foron executadas grazas á subscrición pública dalgúns veciños. Naceu coa idea de proporcionar un lugar de paseo para os coruñeses e tamén coa vocación de acoller a Sir John Moore, o xeneral británico de 47 anos que morreu na batalla de Elviña, ou da Coruña, o 16 de xaneiro de 1809. Ferido de morte en Elviña, foi trasladado á casa número 16 do Cantón Grande, a casa do comerciante Xenaro Fontela. Sobre as dez e media da noite morreu. Foi enterrado no baluarte de San Carlos. No ano 1830 instalouse a arca que contén os seus restos e en 1864 o enreixado que a protexe. O xardín está dividido en oito cuarteiróns ao redor da tumba do xeneral que se atopa na posición central. Estes cuarteiróns forman sete camiños aliñados con sebes de buxo. A tumba está encadrada por catro olmos, a árbore simbólica da revolución francesa. Tamén se atopan azaleas, camelias, roseiras e outros arbustos e flores. Nos seus inicios servía o lugar de xardín botánico. Na porta de entrada ao xardín atópase a representación das armas do marqués de Croix. Nada máis entrar, á esquerda, no muro, hai unha lápida que reproduce as palabras que Wellington lles dirixiu aos soldados galegos que aliados cos ingleses derrotaron aos exércitos napoleónicos en Arapiles e San Marcial o 31 de agosto de 1813:

Guerreros del mundo civilizado, aprended a serlo de los individuos del 4º ejército que tengo la dicha de mandar: cada soldado de él merece con más justo motivo que yo el bastón de mando que empuño. Todos somos testigos de un valor desconocido hasta ahora. Españoles: Dedicaos todos a imitar a los inimitables gallegos.

24


Ao seu carón hai outra lápida escrita en inglés que lembra o naufraxio do buque escola británico Serpent, preto da praia do Trece na Costa da Morte, o 10 de novembro de 1890 (nesa zona da Costa da Morte atópase o denominado cemiterio dos ingleses).

Xunto ao miradoiro do xardín, que nos ofrece unha vista panorámica sobre o porto e o castelo de San Antón, hai unha lápida na que se atopa reproducido un anaco do poema Na tomba do xeneral Sir John Moore de Rosalía de Castro. Tamén se reproducen fragmentos do poeta inglés Charles Wolfe. Entre ambas as dúas, outra que nos informa sobre a data de construción do miradoiro e das placas, feito acontecido en 1927, sendo alcalde da cidade Manuel Casás. En 1994 inaugurouse unha rúa en honra de Moore, O paseo do Xeneral Sir John Moore, que bordea as murallas do Xardín de San Carlos e o antigo Hospital Militar; é o camiño que as tropas inglesas seguiron para embarcar rumbo ao seu país, logo da Batalla de Elviña ou da Coruña. No ano 2000 plantouse un pequeno gallo dun carballo que Sir John Moore plantara na súa terra, antes de vir a España a loitar contra os franceses. O 16 de xaneiro de 2004 foi inaugurado no xardín de San Carlos un busto en bronce do xeneral, da autoría do escultor Fernando Groeiro. O xardín de San Carlos segue a ser para os coruñeses e coruñesas o contorno máis romántico da cidade. Ademais, aí tamén se atopa o Arquivo do Antigo Reino de Galicia. 25


Dende o Xardín podemos observar o edificio que acolle a Fundación Luís Seoane. Luís Seoane López naceu en 1910 en Bos Aires no seo dunha familia de emigrantes galegos. Como pintor expuxo con éxito internacional unha produción moi diversa: gravados, litografías, deseños, óleos, murais, cerámicas, etc. Tamén encontrou oco para o cultivo da literatura, que iniciou en 1952 coa publicación do poemario Fardel de eisilado. En 1979 o intelectual galego-arxentino, membro da Academia de Belas Artes arxentina, morreu na Coruña. Dedicáronselle as Letras Galegas do ano 1994.

A fundación foi creada en agosto de 1996 polo concello da Coruña e Maruxa Seoane, viúva do ilustre poeta e pintor. Conserva esta fundación o grande legado de Seoane: obra gráfica, libros e demais documentos. Nas súas salas tamén se amosan exposicións temporais. O moderno edificio está situado na antiga horta do convento de San Francisco, entre o antigo Hospital Militar e o Museo Militar, xusto a carón dos xardíns da Maestranza. Dende o miradoiro dos xardíns tamén podemos enxergar o castelo que alberga o Museo Arqueolóxico. Construíuse no ano 1528 no lazareto de San Antón. Xunto cos castelos de Santa Cruz e San Diego (hoxe desaparecido) formaba o triángulo defensivo da cidade. A casa do gobernador foi construída en 1776/77. Durante os séculos XVIII e XIX foi utilizado como presidio e en 1960 foi declarado sede do museo arqueolóxico. A casa do boteiro foi restaurada en 1994 e alberga a biblioteca e as salas de investigación do museo.

26


O Museo Militar Rexional atópase situado xusto enfronte do Xardín de San Carlos. Foi inaugurado o día 1 de decembro de 1986. É un dos poucos que hai en España e conserva armas, escudos, gravados, canóns e pezas de artillería. Ten algunhas pezas curiosas coma o mosquetón do guerrilleiro Foucellas. No camiño que nos leva á casa do ilustrado Xosé Coornide Saavedra, podemos ir á igrexa de Santo Domingo. Existiu extramuros da cidade unha igrexa de Santo Domingo de estilo románico que foi destruída no ataque de Drake á cidade en 1589. A actual iniciouse en 1762. Foi proxectada polo dominico Frei Manuel dos Mártires. É de estilo barroco e ten unha torre de aparencia un pouco rara xa que non está situada a pano coa fachada. No interior atopamos o retablo churrigueresco da capela da Virxe do Rosario, patroa da cidade. Na Praza de Santo Domingo, praciña de singular engado situada fronte á igrexa onde se venera a patroa da cidade, a Virxe do Rosario,o son que produce a súa fonte cantareira dálle un aire de paz e tranquilidade a este recuncho moi apreciado polos veciños. Camiñando un pouco máis, logo de pasar pola casa museo de María Pita, chegamos á igrexa de Santa María do Campo, templo de orixe románica que se construíu na segunda metade do século XII. Sufriu varias reformas ao longo dos séculos. A última no ano 1945. Orixinariamente era un templo dunha soa nave e ábsida semicircular. No ano 1302 iniciáronse as obras de ampliación 27


construíndose as tres naves actuais. Sobre o muro da fachada principal había dúas torres, a carraca (sen rematar) e a das campás. É coñecida popularmente co nome de “Colexiata”, por ser sede do máis alto cargo eclesiástico da cidade. Xusto enfronte da igrexa de Santa María está o Pazo de Xosé Cornide, este nobre caserón onde naceu en 1734 o xeógrafo e historiador José Cornide Saavedra. Neste edificio barroco de comezos do século XVIII destaca o brasón nobre da familia que sobresae do aleiro da fachada principal. Ao longo da súa vida realizou completos estudos sobre historia, xeografía e economía, fundamentalmente de Galicia.

O último lugar de visita deste pequeno roteiro literario pola cidade da Coruña é o monumento aos “Inmolados nestes campos frente ao mar tenebroso por amar causas xustas”, situado no chamado “Campo da Rata”, preto de Punta Herminia, camiño da Torre de Hércules. Hoxe, un monumento de Isaac Díaz Pardo, dedicado aos que alí foron inmolados por defender a II República tras os sucesos acontecidos a raíz da insurrección militar do 18 de xullo de 1936, permítenos recuperar a memoria colectiva. Ao seu carón está situado o cemiterio dos mouros, agora "Casa da Palabra", camposanto no que enterraban os marroquís musulmáns mortos durante a Guerra Civil. Constitúese o conxunto como un monumental paredón que nos lembra tamén a construción dos monumentos funerarios megalíticos, 28


ou como dixo o seu autor "será como un cromlech". Está realizado con 21 grandes bloques graníticos de distintos tamaños procedentes de Cambados, algúns deles con manchas vermellas, que simbolizan o sangue deitado polos fusilados na valente e digna defensa dos seus ideais de liberdade. Os linteis centrais teñen dúas inscricións que gravou o escultor Escudero: INMOLADOS DESTES CAMPOS FRONTE AO MAR TENEBROSO POR AMAR CAUSAS XUSTAS PRESENTES NA LEMBRANZA DO POVO E DO SEU CONCELLO DA CORUÑA Tamén figuran dous poemas, de Federico García Lorca e Uxío Carré Alvarellos. Foi inaugurado o 14 de abril de 2001, no setenta aniversario da proclamación da II República.

Para chegarmos a este lugar teremos que pasar polo cemiterio de San Amaro, inaugurado no ano 1812, que ao noso entender constitúese como o verdadeiro panteón de galegos ilustres, mais a súa visita merece dedicarlle unha xornada completa, xa que é por si mesmo un roteiro máis.

29


30


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.