DINÁMICA DE PAISAXES EN ESPAÑA A partir de documentos e textos extractados da publicación: “Imagen y Paisaje”, editada polo Ministerio de Fomento, IGN e CNIG en 2002
1. TRANSFORMACIÓNS NAS PAISAXES AGRARIAS A tendencia recente nas paisaxes agrarias é a que leva á especialización en monocultivos e cultivos de maior valor de mercado, aplicando técnicas que van desde o incremento do regadío, os cultivos baixo plástico e a busca dunha produtividade maior na gandería estabulada, incrementándose a superficie media das explotacións e descendendo proporcionalmente os aproveitamentos extensivos do territorio. Un exemplo é a presenza de novos regadíos en Gallur, localidade zaragozana na que se aprecia a presenza do Canal Imperial de Aragón. En 1986 obsérvanse con claridade os novos regadíos, de formas circulares e radios diferenciados -tentando aumentar a superficie de regadío-, á beira de novas infraestruturas de transporte como a autoestrada A-68. O menor número de parcelas existentes na fotografía de 1986, en relación coas de 1978, delata o proceso de concentración das explotacións agrarias.
A tendencia ao incremento do regadío percíbese en áreas tradicionais de secaño como Castela-A Mancha, onde a expansión dos regadíos -mediante a extracción de augas soterráneas- se producíu na segunda metade do século XX. Deste xeito, a paisaxe de planicie interior modifícase mediante a sustitución da antiga cuadrícula rectangular do secaño por grandes parcelas de lindes circulares nas que o millo e as plantas forraxeiras veñen sustituir ás antigas superficies cerealísticas sen rego.
O Campo de Dalías -en Almería-, dunhas 33.000 ha, sobre materiais pliocenos, é unha rasa árida (260 mm de precipitación ao O, e 180 ao E) de augas salgadas. A súa localidade principal, El Ejido, contaba en 1950 con 1.164 habitantes, a meirande parte pescadores e agricultores. A localización de acuíferos polo INI nos anos 1940 extendeu unha rede de regadío por todo o Campo e, a partires de 1953, comezáronse a fundar pobos de colonización no centro do mesmo, que utilizaron a partir de 1959 o sistema de enareados que xa se extendía polo E, en Roquetas. O incremento de investimentos facilitou a adopción dos cultivos baixo plástico que incorporaron progresivamente o rego por goteo sobre cada pranta, e isto contribuíu a un incremento paulatino do rendemento por ha (que supera os 30.000 euros). El Ejido pasou a máis de 83.000 habitantes en 2012, Roquetas a máis de 90.000; a nova localidade de La Mojonera acada máis de 8.000 habitantes. O resultado é unha das máis grandes transformacións agrarias da Península Ibérica.
En áreas de desembocadura fluvial como o delta do Ebro, grande parte da superficie foi transformada en terra de cultivo, en arrozais e campos de hortalizas. Só deixan de ter uso agrícola os areais (praias, dunas), as zonas de marisma e as áreas edificadas. A mecanización permitíu unha máxima ocupación para o cultivo, coa aplicación de sistemas tecnificados de rego e drenaxe, a fin de optimizar os recursos hídricos e evitar a salinización dos solos.
A paisaxe rural galega tamén se ten visto enormemente transformada no último medio século. A antiga agricultura de autosubsistencia, caracterizada pola intensa parcelación, a importante presenza do monte, o policultivo con baixos rendementos e unha gandería de dedicación mixta (carne e leite) aproveitando prados naturais foi progresivamente abandoada a causa do éxodo rural, o despoboamento e a perda de man de obra; as políticas de repoboación forestal incrementaron a superficie madeirable do monte; a necesidade de surtir de produtos lácteos ao mercado nacional primou as pradeiras cultivadas e xerou unha agricultura supeditada á explotación láctea; ademáis, a concentración parcelaria transformou o parcelario e a rede de camiños rurais. Na Terra Cha lucense aprécianse ben estes cambios, cun incremento da pradería artificial no monte, a eliminación das sebes entre parcelas e a creación de pistas rurais que intercomunican os distintos núcleos espallados de poboación.
2. TRANSFORMACIÓNS NAS PAISAXES URBANAS En xeral, o último século ten sido un tempo de grande transformación dos espazos urbanos españois, cun incremento continuo da poboación -por mor do masivo éxodo rural- e do espazo urbanizado. Un exemplo deste intenso crecemento constitúeo Valencia, que pasou de apenas 30.000 vivendas en 1950 a máis de 200.000 en 1970. O crecemento urbano producíuse a costa da horta. Ademáis, o Plan Xeral de 1966, poñendo en práctica o proxecto de desviar o cauce do Túria ao S, por un novo cauce -a causa da riada catastrófica de 1957-, ampliou o crecemento da cidade cara ao SO. Dos anos 1980 son a conversión do vello cauce do Túria en xardín, o paseo marítimo, a rede de metro e tranvía, o enterramento das vías de RENFE ao seu paso polo casco urbano, e obras emblemáticas como o Palau da Música, o IVAM,... Ademáis, o porto de Valencia ampliou enormemente as súas infraestruturas.
Fragmento do MTN50 de Valencia, Ano 1944
Ao longo do século XX, o solo urbanizado de Sevilla pasou de ter menos de 300 a máis de 7.000 ha, as construcións invadiron os solos de cultivo aledañas á cidade e alteraron trazos naturais básicos, como o curso do río e a topografía dos outeiros próximos. O curso do río Guadalquivir víuse profundamente alterado, abrindo paso a un crecemento urbano ben ordeado cara ao sur, mentres ao E e ao N do antigo intramuros apareceu unha desigual morfoloxía urbana relacionada co continuo incremento demográfico, impulsado por unha persistente crise rural.
As transformacións nas paisaxes urbanas inclúen tamén os entornos metropolitanos, áreas que medran extraordinariamente por mor dos prezos do solo máis reducidos que neles se atopan. De aí que, por exemplo, no entorno da capital de Galicia, Santiago de Compostela, a transformación sexa ben palpable. Nos anos 1950, o enclave de Bertamiráns non é en absoluto un núcleo compacto, senón un conxunto de lugares relativamente próximos, en torno ao cruce de estradas e no fondo do val da Maía, por onde discorren o Sar e os seus afluíntes. A finais do século XX é perceptible a modificación da paisaxe, cun crecemento que ten como eixo de expansión as vías de comunicación -vías urbanas- e cunha morfoloxía variada de edificacións: en altura, vivendas adosadas, vivendas exentas,... Ademáis, as antigas parcelas -hoxe en boa medida convertidas en solares urbanos- están mellor conectadas por unha rede de pistas que alterou a antiga imaxe predominantemente agrario deste espazo. O Milladoiro e Bertamiráns, no concello de Ames, son exemplos da difusión residencial na contorna de Santiago de Compostela, en direción aos núcleos de Pontevedra e Noia, os enclaves medios máis próximos á capital de Galicia. O municipio central ten perdido poboación a partir da década de 1990, mentres o concello de Ames incrementa o seu crecemento demográfico en cifras superiores ao 30%. Aínda que o núcleo de Milladoiro, en torno á N-550, medrou antes no tempo e acada en 2012 case os 12.000 habitantes, Bertamiráns -o outro grande núcleo urbano do concello de Ames- é de desenvolvemento máis recente, acadando case os 8.000 habitantes en 2012.
3. TRANSFORMACIÓNS NAS PAISAXES TURÍSTICAS Aínda que as paisaxes interiores -especificamente as de montaña como o Val de Arán, onde se teñen instalado infraestruturas de aproveitamento turístico para a posta en valor dos deportes de inverno e novas estratexias como o turismo verde e de aventura- teñen sufrido transformacións puntuais e significativas, é o litoral peninsular e insular o que ten acadado unha máis significativa alteración da súa paisaxe tradicional, mercede á conversión destes espazos en destino típico dun turismo de sol e praia que caracterizou no mercado exterior a España. A máis notable transformación tense producido no litoral mediterráneo. Alí, en áreas como a alacantina de Orihuela, os antigos barrancos e ramblas que desembocan en pequenas calas e praias abrigadas foron o motor dunha revalorización litoral que conlevou a construción de asentamentos turístico-residenciais. O éxodo da poboación rural motivado polo declive dos sistemas agrícolas de explotación do secaño combínase coa irrupción do turismo para crear novas urbanizacións que mutaron enormemente a paisaxe, na que á explotación dos privilexios ambientais se engaden novos equipamentos turísticos (campos de golf, portos deportivos,...). A urbanización supón a contracción do espazo agrícola e a redución do espazo forestal, chegando a ocupar as novas edificacións lugares inaxeitados como os antigos cauces de ramblas e barrancos. A cidade de Benidorm, en Alacante, é o exemplo paradigmático de construción dunha cidade para o turismo organizado, en España e no Mediterráneo. A finais dos anos 1950 prodúcese o despegue do turismo en Benidorm, cun plano xeral de ordeación urbana que data de 1956 e contribúe a deseñar o actual modelo de cidade de ocio. O cabreiro en primeirísimo plano da fotografía de 1956 é a testemuña dunha sociedade tradicional que entraba nunha dinámica de incesante mutación. A imaxe correspondente a 2002 evidencia a consolidación dunha cidade en altura, cunha verticalidade de edificación que concentra máis de 10 millóns de pernoctacións hoteleiras ao ano, e que ten como referente esencial a praia, en torno á que se concentra o hábitat. En Benidorm prodúcese unha concentración espacial da edificación que se opón a outros modelos de dispersión -tamén presentes na costa levantina- nos que o trazo dominante é a presenza de urbanizacións de chalets unifamiliares, pareados ou adosados, fortes consumidores de espazo a costa da retracción continua da liña de aproveitamente agrario cara ás montañas litorais máis próximas.
A Manga, que separa o Mar Menor do Mediterráneo, exténdese ao longo de 22 km de N a S. A meirande anchura acádaa nas salinas de Cotorillo, con 1.500 m, e a menor (100 m) en Matas Gordas. Trátase dunha restinga areosa que se construíu por impulso da ondaxe e os aportes das correntes. A costa é baixa e areosa, e A Manga ábrese ao mar mediante golas naturais ou artificiais, que permiten a evacuación das augas continentais aportadas esporadicamente polas ramblas ou caídas directamente sobre o Mar Menor. Unha sociedade particular, en 1963, acolléndose á Lei de Centros de Interese Turístico, decidíu por en explotación a Manga con vistas ao turismo internacional. Os planos de ordeación urbanaaprobados entre 1966 e 1968 permitiron a construción de hoteis e torres de apartamentos en varias urbanizacións. Hoxe en día, A Manga é unha cidade lineal de 15 km con capacidade para albergar en verán a máis de 100.000 persoas.
A transformación turística da paisaxe tamén ten acadado importantes manifestacións nos espazos insulares, do que é bo exemplo Maspalomas, no extremo meridional da illa de Gran Canaria. Maspalomas representa un ecosistema singular, onde a interacción de procesos litorais, eólicos e fluviais deu lugar a distintos ambientes: praias, campo de dunas, terrazas aluviais a distintas cotas e unha lagoa costeira cun palmeiral. A organización desta paisaxe, ata comezos da década de 1960, respostaba a claves eminentemente naturais, aínda que alteradas por algúns usos agrarios como o cultivo de tomates e o pastoreo extensivo. As vías de comunicación e o poboamento eran moi reducidos, mais a ocupación turística progresiva da zona a partires deses anos foi transformando a paisaxe. As primeiras edificacións instaláronse no sector da lagoa costeira e o palmeiral. Posteriormente, o cauce o barranco é canalizado na súa
desembocadura e vanse implantando infraestruturas, un campo de golf e novas urbanizacións, ata cercar por completo o ecositema inicial. Maspalomas é un exemplo de como se ten producido unha forte alteración do equilibrio sedimentario e ecolóxico a causa da construción de novas urbanizacións.
O modelo de crecemento turístico litoral do Mediterráneo e as illas ten lambido outros espazos de costa peninsular, alterando fortemente a paisaxe. Un exemplo nas costas galegas é o de Baiona, cun incremento das prazas hoteleiras, que practicamente se duplicaron na década de 1990, partindo das 19.000 iniciais. A promoción do turismo náutico reflíctese no acondicionamento do porto deportivo ao abeiro da península que pecha a ría de Baiona, á outra beira de praia América e a desembocadura do río Miñor. Na comparativa entre os fotogramas de 1956 e 1999 percíbese o crecemento urbano da vila de Baiona, tanto na fronte de costa como cara ao val interior, a construción dun paseo marítimo e o incremento de edificacións en praia América, ademáis da construción de vías de alta capacidade de tráfico para facilitar a chegada de turistas ata o litoral.
• Máis información en: - Atlas Nacional de España: http://www.ign.es/ane/ane1986-2008/ - “Transformacións territoriais recentes” (España a través de los mapas): http://www.ign.es/espmap/transformaciones_bach.htm - Paisaxe galega: http://www.catpaisatge.net/docs/EIIP_Cast2.pdf Atlas de los Paisajes de Castilla-La Mancha: http://www.castillalamancha.es/sites/default/files/documentos/20120511/atlas-clm.pdf
- Observatori del Paisatge: http://www.catpaisatge.net/esp/index.php - Nación Rotonda: http://www.nacionrotonda.com/