PODCASTING: UNHA AXUDA PEDAGÓGICA NO EEES Carlos Riádigos Mosquera Universidade de A Coruña – Galiza - España carlos.riadigos.mosquera@udc.es
Resumo: O podcasting é un fenómeno que nace da Web 2.0 consistente na creación e distribución de arquivos de son e vídeo a través de internet. Podemos beneficiarnos desta ferramenta a nivel educativo, e máis en concreto no actual marco do EEES, no que a autonomía do alumnado xoga un papel protagonista. Podemos aproveitar estas aplicacións da tecnoloxía para mellorar as experiencias de ensino-aprendizaxe, tanto do alumnado como do profesorado. Con esta comunicación pretendo ofrecer varias vías de unión entre as posibilidades tecnolóxicas que nos ofrece a Web 2.0 a través do podcasting e a súa utilización educativa nun marco concreto como é o EEES.
O podcasting como produto da Web 2.0 O proceso de transformación sufrido por internet a comezos do século XXI está a ser explotado en progresión exponencial ano a ano. Preto de entrar nunha nova era (a da Web 3.0 ou “semántica”) que será unha nova forma de entender internet, as comunicacións e a información, o momento que vive a nosa actual Web 2.0 é o dun despregamento importante das súas potencialidades. Neste contexto, podemos sinalar algunhas delas con respecto á súa predecesora, a Web 1.0: •
A navegación realízase agora en páxinas de formato heteroxéneo, dinámico e de contidos abertos, fronte á navegación homoxénea, pechada e estática da 1.0.
•
A publicación de contidos, e en especial de son, vídeo e fotografía é agora interactiva e baseada fundamentalmente nas achegas das persoas usuarias, e non dependen, como o facía antes, da publicación por parte de administradoras/es da páxina.
•
Igualmente, as descargas de contidos están baseadas na colaboración entre pares, de “igual a igual” ou “peer to peer” (P2P), e non depende só de servidores que as proporcionen.
•
A organización das páxinas está baseada agora na “etiquetaxe” ou gustos das persoas usuarias, mentres que na Web 1.0 dependía dos directorios creados pola persoa administradora.