COMUNICADO DE PRENSA ASOCIM PRONÚNCIASE SOBRE A VIOLENCIA VICARIA E A NECESIDADE DE QUE SE RECOÑEZA COMO PARTE DA VIOLENCIA DE XÉNERO
10 de maio, 2021
Desde ASOCIM (Asociación de profesionais dos CIM) temos que lamentar un novo caso de violencia vicaria no noso país: o secuestro e desaparición de dúas nenas de seis e un ano en Tenerife por parte do seu pai. Nos últimos anos asistimos a numerosos exemplos deste tipo de violencia na súa vertente máis extrema, o asasinato das crianzas. A violencia vicaria consiste en danar á nai a través das súas fillas e fillos, o maltratador persegue producir o maior sufrimento posible. O rango de condutas que engloba é amplo e vai desde manipular as súas fillas e fillos contra a nai incluíndo violencia económica, psicolóxica, de control ou física ata o máis cruento, o asasinato. É unha violencia moi habitual e que poucas veces se denuncia. Desde 2013, 38 menores foron asasinados polos seus pais ou as parellas ou exparellas das nais. En moitas ocasións estes crimes tiveron lugar mentres o menor estaba co seu pai durante o réxime de visitas. Segundo a macroenquisa sobre a violencia machista do Ministerio de Igualdade, un 89,6% das mulleres que sufriron violencia de xénero por parte da súa parella ten fillos. Polo que en España hai máis de 1,6 millóns de menores que viven en fogares nos que o pai exerce algún tipo de violencia. En contraposición, o Consejo General do Poder Judicial (CGPJ), informa de que só un 3% dos casos de violencia de xénero remata coa suspensión do réxime de visitas aos pais que exerceron o maltrato e que apenas nun 5,2% dos casos os xuíces ditan a retirada da garda e custodia aos agresores como medida cautelar de protección dos menores. O que nos deixa cun número de menores en situación de risco bastante elevado. Só hai dous anos que o Sistema Viogen, que utilizan os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado para a valoración e xestión do risco e permite clasificar e protexer ás vítimas de violencia de xénero en función do mesmo, inclúe preguntas específicas sobre o risco que corren os menores. E foi no ano pasado cando o Ministerio de Xustiza aceptou as recomendacións do Defensor do Pobo que introducirán modificacións do réxime de visitas e da garda e custodia dos menores para asegurar a súa revisión sempre que exista unha orde de protección en vigor respecto á nai dos menores afectados, e a suspensión en tódolos casos de condena por delitos de violencia de xénero. O proyecto de Ley de Protección Integral de la Infancia y Adolescencia introducirá modificacións do réxime de visitas e da garda e custodia dos menores no caso de condena do pai por violencia de xénero.