COMUNICADO DE PRENSA JUANA RIVAS, BASTA DE (IN)XUSTIZA PATRIARCAL
A ESTRADA, 28 de xullo, 2018
O xulgado do Penal 1 de Granada condenou a Juana Rivas a cinco anos de prisión, tamén a unha pena de seis anos de inhabilitación da patria potestade, polo cal non poderá ter a custodia dos fillos durante ese tempo. Ademais, o xuíz condena a Rivas a indemnizar á súa exparella, Francesco Arcuri, con trinta mil euros e ó pago das costas do xuízo. A asociación que agrupa ós técnicos e técnicas dos CIM de Galicia (ASOCIM) reitera o seu apoio a Juana Rivas ante unha sentenza que evidencia o arraigo no noso país da xustiza patriarcal e da violencia institucional contra as vítimas da violencia de xénero. Ademais, ASOCIM quere trasladar a súa indignación e perplexidade ante unha sentenza que recolle reflexións de carácter persoal, algunhas delas negativas e despectivas cara Rivas, e cun enorme sesgo de xénero á hora de xulgar o caso. Gran parte da sentenza céntrase en negar que Juana Rivas fose unha vítima da violencia de xénero para logo expoñer que a denuncia que presentou en 2016 contra a súa exparella non era máis que unha estratexia para facerse coa custodia dos menores. Lapidaria e moi preocupante resulta a súa consideración de que os feitos denunciados en 2016 son “inexistentes, porque non se probaron en ningún proceso” para continuar cun “a acusada non acreditou sufrir malos tratos entre 2009 e 2016, nin sequera os denunciou”. Estas frases demostran o total descoñecemento do maxistrado sobre a violencia de xénero e a delicada e complexa configuración das relacións entre vítimas e maltratadores. Igualmente preocupa, polo seu carácter persoal e a ausencia de base xurídica, a súa crenza de que Juana Rivas usou tanto ós medios de comunicación como ós organismos públicos para “orquestrar” unha campaña “coa mal calculada crenza de que así obtería vantaxes ó seu favor”. Esa idea de que Rivas utilizou os malos tratos como medio para obter vantaxes procesais, mantense ó largo de toda a sentenza, un texto cheo de prexuízos baseados nos estereotipos de xénero.