COMUNICADO SOBRE A SENTENZA A FAVOR DAS TÉCNICAS DO CIM DE PONTE CALDELAS •
As técnicas do CIM de Ponte Caldelas presentaron en xaneiro unha demanda no Xulgado do Social.
•
A sentenza declara nulo o seu despido ó quedar probada a relación laboral co Concello
•
A actuación da corporación municipal de Ponte Caldelas tivo como resultado un gravame para as arcas públicas A ESTRADA, XX de maio, 2017
A asociación de profesionais dos CIM (ASOCIM) respalda a sentenza que obriga ó Concello de Ponte Caldelas a readmitir ás dúas técnicas do Centro de Información da Muller (CIM) e a indemnizalas por despido improcedente. O xulgado do Social número 3 de Pontevedra considera probado que tanto a avogada como a psicóloga mantiñan unha relación laboral co Concello e declara nulo o despido das dúas traballadoras por vulnerar o seu dereito á tutela xudicial efectiva. A sentenza sinala que ámbalas dúas traballaron no centro desde xullo de 2006 ata o seu peche, o 31 de decembro do 2016; e esixe a readmisión das técnicas nas mesmas condicións que tiñan antes de producirse o despido, co abono dos salarios non percibidos. ASOCIM considera que esta sentenza representa un caso paradigmático da situación na que se atopa o persoal que traballa nos CIM, sentando un precedente moi relevante na consecución dalgúns dos obxectivos primordiais desta asociación: a promoción do recoñecemento social das/os profesionais dos CIM e a consolidación dos postos de traballo dentro da administración local; polo que estima oportuno darlle a máxima difusión posible. Por outro lado, ASOCIM quere deixar constancia do efecto negativo que esta situación tan irregular pode ter sobre as persoas usuarias, presentes e futuras, do CIM. A alternativa ó inestimable e dedicado traballo das profesionais foi suplido polo consistorio coa contratación dunha avogada que non atendía o mesmo número de horas e que non podía, debido a súa formación, facerse cargo do traballo da psicóloga. Unha eiva significativa que obrigaba ás usuarias a desprazarse a outros concellos para recibir orientación e asesoramento nese eido. Tras varios meses sen o servizo de atención próxima, especializada e integral que prestaban as técnicas do CIM, causouse un prexuízo imposible de avaliar con ramificacións e consecuencias que probablemente manifestaranse nos vindeiros meses. A asociación que agrupa ós técnicos e técnicas dos CIM considera responsable da actual situación do CIM de Ponte Caldelas á corporación municipal Se, tal e como indica, os contratos eran o resultado dunha “cadea de irresponsabilidades do anterior alcalde e do anterior equipo de goberno do PP”, tivo ocasión de regularizar ás traballadoras e articular un servizo mellor, non só para as usuarias senón tamén para as
técnicas. Non obstante, optou pola peor das opcións posibles, unha elección que o seu partido non desautorizou e que tivo como resultado a perda dun servizo fundamental para a cidadanía e un gravame para as arcas publicas. ASOCIM, que durante todo o proceso apoiou e solidarizouse coas compañeiras do CIM de Ponte Caldelas, entende que o servizo debe restablecerse coa maior celeridade posible para que profesionais con experiencia máis que demostrada, retomen a tarefa de información, atención e asesoramento orientada ás mulleres que sofren violencia e que se atopan nunha situación de vulnerabilidade.
PARA MÁIS INFORMACIÓN: DEPARTAMENTO DE COMUNICACIÓN DE ASOCIM GALICIA Tlfno: 636 792 073 Correo electrónico: prensaasocim@gmailcom