NOTA DE PRENSA OS CENTROS DE INFORMACIÓN Á MULLER DE GALICIA RECLAMAN MÁIS RECURSOS E LIÑAS DE AXUDA PARA MULLERES DE COLECTIVOS ESPECIALMENTE VULNERABLES • O persoal trasladou as súas necesidades e inquedanzas á Secretaría Xeral de Igualdade nas reunións mantidas durante o confinamento A ESTRADA, 17 de xuño, 2020 – Entre o 19 e o 29 de maio as técnicas responsables dos Centros de Información
á Muller de Galicia mantiveron unha serie de videoconferencias de carácter provincial coa a Secretaría Xeral de Igualdade e diversos representantes territoriais para coñecer as medidas adoptadas por mor da Covid19 e para trasladar as súas reivindicacións e inquedanzas á administración autonómica con competencias en materia de igualdade. A necesidade imperiosa de reforzar os CIM con máis persoal foi a principal reclamación das técnicas durante estas xuntanzas virtuais. Os Centros de Información á Muller, servizo declarado esencial polo goberno, prestan atención a un número cada vez maior de usuarias e fan fronte a problemáticas cada vez máis complexas. Polo que as figuras mínimas que establece o decreto de 2004 que os regula e que se manteñen no decreto de 2016, unha avogada e unha psicóloga, resultan claramente insuficientes á hora de prestar un servizo digno e de calidade. O traballo das directoras que abrangue tarefas de solicitude, xustificación e tramitación de todo tipo de axudas; realización de programacións e actividades, realización de informes e memorias; ademais das funcións de asistencia xurídica ou psicolóxica, é inasumible. Por todo isto, solicitan persoal cualificado para a realización das tarefas administrativas, unha alternativa que o actual decreto contempla como opcional pero que resulta imprescindible para o correcto funcionamento dos CIM. Esta situación, que provoca desgaste físico e psicoloxico con cadros de estrés, ansiedade e síndrome do Burnout en moitas das profesionais dos centros; podería paliarse cun cambio de criterio no reparto dos Fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero que permitise dedicar os recursos ao reforzo do persoal dos CIM. Na mesma liña, as técnicas dos Centros de Información á Muller consideran necesario organizar cursos de autoaxuda para dar solución á saturación física e emocional do cadro de persoal. O persoal técnico tamén trasladou á SXI a necesidade de obter formación de calidade para poder ofrecer a mellor atención ás mulleres que visitan o servizo. Así mesmo, estiman fundamental que os operadores e axentes que traballan coas vítimas, especialmente os do ámbito xurídico, reciban formación específica e urxente en perspectiva de xénero.